Aínda temos recente a charla do xornalista e profesor Manuel Gago en Almuinha, ilustrándonos sobre capítulos moi interesantes e pouco coñecidos da nosa Historia, aló polo tempo das invasións viquingas. E que terán que ver os bárbaros co monte, cabe preguntarse? Ben, o propio Manuel Gago desvelará o misterio cando por fin complete as súas pescudas sobre a cidade dos Lordomani. Pero esa é fariña doutro costal…
…Un dos espazos polos que transcorre a seu traballo de investigación sobre as Repúblicas de Homes Libres levouno ata Palas de Rei, en pleno corazón de Galicia, na provincia de Lugo, lindando con Pontevedra e A Coruña. Soubemos así que na aldea de Merlán hai un importante xacemento de cuarzo de gran pureza que se atopa a ras da terra. E contábanos Manuel Gago que os veciños estaban librando unha dura batalla xudicial, que mesmo chegara ao Tribunal Supremo, para evitar que un empresario tan poderoso como Juan Miguel Villar Mir, ex-ministro do goberno de Arias Navarro en 1975/76, chegara a instalar unha mina para explotar este prezado mineral.
E xusto entón, casualmente, sae a sentenza de casación da sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo que lle dá a razón aos veciños e deixa a Villar Mir composto e sen mina. Tras 12 anos de loita, NORABOA á comunidade de montes de Merlán, porque liderou a oposición a este proxecto baseándose no valor do patrimonio histórico e cultural da zona, facendo que este factor prevalecera sobre a suposta utilidade pública da explotación mineira que pretendía Cuarzos Industriales, filial da non-tan-todopoderosa Ferroatlántica.
Unha sentenza considerada moderna, avanzada e proteccionista do territorio que, segundo colectivos ecoloxistas como Adega, pode estar sentando un precedente.
En DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) soñamos con algo así, salvando as distancias. Se os veciños de Placeres o conseguiron poñendo de manifesto a ilegalidade de boa parte dos recheos portuarios; se o conseguiron os de Merlán, por que non o iamos conseguir nós, chegado o caso. Vale, danse circunstancias distintas con respecto ao conflicto en Palas de Rei: en San Xulián a xunta rectora da Comunidade de Montes está a favor do polígono industrial por evidentísimos motivos económicos e desgrazadamente ten a capacidade “persuasiva” para levar os comuneiros ao seu rego.
…Mais contamos co apoio de colectivos sociais da vila e da bisbarra que entenden a instalación dun polígono neste monte coma unha aberración paisaxística e urbanística, e unha desfeita patrimonial irreversible. Se en Merlán primaron a existencia de xacementos arqueolóxicos e o paso do Camiño Primitivo, no Monte Pornedo tamén existen Bens de Interese Cultural catalogados, miradoiros naturais, acuíferos de uso colectivo e unha chea de intereses comunitarios aos que, por riba, se suman as dificultades técnicas do terreo para acoller unha infraestrutura dese calibre.
No caso de Merlán, a Consellería de Medio Ambiente xa denegara en 2004 o permiso para a explotación do monte: 31,5 hectáreas dunha superficie afectada de 200. E aínda que o actual Executivo autonómico contempla o Monte Pituco (Pornedo) no Plan de Solo Empresarial de Galicia, por indicación do propio Concello de Marín, ben é certo que a Consellería xa lle advertiu ao Goberno local que calquera construcción que o PXOM contemple neste contorno vai precisar dun estudo de avaliación ambiental específico para esta zona.
E que valoración fixo a clase política de Palas de Rei da sentenza do Supremo? O alcalde, o popular Fernando Pensado, amosou a súa satisfacción pola victoria veciñal. E saben que dixo ao respecto o voceiro municipal socialista na oposición, Horacio Rouco? Pois que tamén se felicitou porque no fallo xudicial triunfara a protección do patrimonio medioambiental, histórico e cultural do Concello sobre o suposto beneficio económico que puidera deparar a mina de Villar Mir.
…Que diferenza de actitude, aínda navegando Horacio Rouco e Francisco Veiga no mesmo barco do puño e da rosa! Onde en Palas de Rei un enxalza a natureza, a arte rupestre e a cultura histórica do monte comunal, o seu homólogo en Marín non quere saber nada nin da natureza, nin da arte rupestre nin da cultura histórica do monte comunal de San Xulián, e moito menos dos veciños críticos coa súa xestión en materia de chan industrial.
”O sentido común é o instinto da verdade”. (Max Jacobs).
Deixar unha resposta