Publicado por: MontePituco | 29/10/2010

HOXE ESTREO (…O ROTEIRO TERÁ QUE AGARDAR)

Hoxe, VENRES 29 A PARTIR DAS 20:30 HORAS, o local da Asociación Cultural ALMUINHA, en Marín (rúa Ezequiel Massoni, 63), acolle a presentación do proxecto ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS, co preestreo dun DOCUMENTAL que recolle boa parte dos elementos da paisaxe e do patrimonio histórico e cultural que se atopan nesta zona, como argumentos para reivindicar a súa conservación e posta en valor.

Máis dunha vintena de colectivos, entre asociacións sociais e culturais como Almuinha, entidades ecoloxistas, as Comunidades de Montes Veciñais de Lourizán, Salcedo e Vilaboa, especialistas como os do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, e colectivos veciñais como DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), entre outros, apoian esta iniciativa que partiu do arqueólogo Lukas Santiago. 

Ademais do seu valor paisaxístico e natural, o espazo conta cun amplo repertorio de elementos arqueolóxicos: o complexo rupestre do Pornedo, o complexo rupestre do Piñeiral de Caeiro, os petroglifos dos Sete Camiños, o complexo rupestre do Regato dos Buratos/Outeiro da Mina, os petroglifos da Cachada do Vello, os petroglifos de Pumariño, o abrigo rochoso da Campá, as mámoas de Chan da Lagoa nº1 e nº2 e a mámoa de Catadoiro. 

Coa proxección en primicia de “SETE CAMIÑOS, ENCRUCILLADA DO TEMPO” remata o programa das Xornadas Audiovisuais sobre Patrimonio que, durante todo este mes de outobro, se viñeron celebrando no Centro Social Almuinha. A través de distintos documentais, o público puido coñecer a variedade e a importancia do noso patrimonio natural, arqueolóxico, etnográfico e inmaterial; tamén a imperiosa necesidade de protexelo para o goce das xeracións vindeiras, fronte ás agresións que sofre.

A desaparición dalgúns elementos do espazo e a perda irreversible doutros, os efectos negativos das infraestruturas e os proxectos de urbanización que ameazan con destruir de forma irreversible unha parte da zona, son algúns aspectos que abordarán os membros da Comisión Técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Na parte positiva, exporán os numerosos méritos que reúne o lugar para converterse nun punto de referencia para os siareiros da natureza, da arqueoloxía e da etnografía; en definitiva, para converterse nun polo de atracción e nun motor económico.

 É unha mágoa que vaiamos ter un fin de semana pasado por auga…

(Ligazón á PREVISIÓN DO TEMPO SEGUNDO METEOGALICIA)

…porque a intención de Almuinha era organizar este sábado pola mañá un roteiro arqueolóxico de 7 quilómetros polo Espazo Sete Camiños, para que a vivencia non quedara só nas imaxes do documental proxectado, senón que as persoas interesadas puideran coñecer de primeira man esas mostras do patrimonio rupestre e do contorno natural. A andaina ía rematar cunha churrascada na explanada do Pornedo, pero á vista do mal tempo que se agarda, haberá que pospoñer a celebración. 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: