Publicado por: MontePituco | 03/11/2010

A AA.VV. SAN XULIÁN, CO ALCALDE

 

“Pedimos que se replantexen con seriedade o problema do chan industrial, xa que O PORNEDO É UNHA ZONA INAPROPIADA e xa non recomendada polos estudos de viabilidade feitos pola Autoridade Portuaria e o Concello de Marín”.

…Velaquí un dos puntos da xuntanza que onte mantiveron directivos da Asociación de Veciños de San Xulián co alcalde de Marín, Francisco Veiga. Afortunados eles. Ou non, todo depende do caso que Francisco Veiga faga esta vez das demandas presentadas por enésima vez…

Vaia por diante o agradecemento de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) ao colectivo veciñal por interesarse por esta seria problemática de irresponsabilidade urbanística, ambiental e cultural do Goberno local ao pretender instalar un polígono industrial nesta zona tan sensible da vila. Agradecémoslle á Asociación de Veciños de San Xulián que se solidarice con DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) e lle plantexe directamente ao rexedor municipal as cuestións que nós non lle podemos expoñer ao Señor Veiga porque, simplemente, ignora as reiteradas peticións de entrevista que lle cursamos con todo o respecto que nos merece a súa figura institucional. Grazas á Asociación de Veciños de San Xulián por prestarnos a súa voz e por transmitirnos o resultado dese encontro.

Un encontro que a Asociación de Veciños de San Xulián lle solicitou ao alcalde para expoñerlle a súa “preocupación pola deixadez, retraso ou abandono do Goberno do Concello de Marín ante vellas e eternas demandas que ano tras ano vimos formulando, sen que ata o momento as abordaran con seriedade e vontade para podelas facer realidade”. Neste sentido, os directivos veciñais queixáronse porque son “nulas” as xestións do Concello ante a Xunta e maila Deputación para instalas a acometer reformas nos viais autonómicos e provinciais. Máis aínda, a Asociación de Veciños calificou de “disputas e pelexas propias de rapaces pequenos irresponsables” as diferenzas xurdidas coa Deputación no caso concreto do convenio para a dotación de beirarrúas na parroquia, que está paralizado.

A Asociación de Veciños de San Xulián tamén lle reprochou a Francisco Veiga que o Goberno local que dirixe “siga actuando sen criterio e dunha maneira chapuceira” nas actuacións que se levaron a cabo para a instalación de alumeado público e de saneamento no lugar da Grela. Porque “a pesar dos millóns de euros do Plan Zapatero” deixáronse “de lado” demandas de gran trascendencia para os marinenses.

A lista de peticións, reivindicacións e necesidades foi longa. E máis que sería, á vista da precariedade na que se atopan os servizos públicos na parroquia de San Xulián e a urxente mellora que precisan determinados espazos.

– Que se se retome o proxecto de beirarrúas na travesia da estrada Marin-Figueirido. O colectivo veciñal solicitoulle ao alcalde que as obras previstas se prolonguen ata o enlace coa circunvalación e que na execución destas infraestruturas se impliquen a Xunta, a Deputación e o Concello. “A estrada hai que adaptala á nova e futura realidade que provoca a non-rematada circunvalación feita pola Xunta”, urxen dende a Asociación.

– A remodelación dos lavadoiros e fontes da Rebalde, da Presa (Grela) e de Ensur. Para a Asociación é “incomprensible” que se eliminara o da Rebalde do Plan Proder, “desviando os cartos para outros non tan urxentes e prioritarios”.

– Unha actuación urxente no contorno do conxunto historico da Igrexa de San Xulián, instalando un tubo máis grande de augas pluviais na subida ao adro das festas, asfaltando e canalizando as augas da chuvia que afectan á zona do muro que construiu o Concello, e mellorando un pequeno tramo do vello camiño da parte de abaixo do cruceiro.

– Os camiños da Raña, o segundo tramo do Outeiro Viñas Blancas-Bravos e Presa están en situación de semi-abandono. Os veciños piden que se arranxe e se lle instalen canaletas de augas pluviais onde sexa necesario. Tamén demandan que procedan ao fresado dos camiños antes de proceder ao seu asfaltado: “Non se pode seguir botando capa sobre capa de asfalto ou formigón ao tun-tun, complicando e invalidando as saídas das casas, dos garaxes ou das veigas”. Ademais, a Asociación propón que se elabore unha ordenanza que regule a circulación viaria por estes camiños debido ás estreiteces que presentan, xa que o exceso de velocidade supón un perigo para os viandantes e os propios conductores en zonas como O Balado,Viñas Blancas ou A Grela.

– A dotación de alcantarillado na marxe dereita das casas da estrada que vai a Pardavila, dende Coirados ata Vista Alegre, o no tramo dende A Moreira ata a de Rosalia A Perica. Que se arranxen as deficiencias do alcantarillado na Ponte do Balado, que adecenten unha parte do camiño e lle instalen un punto de luz. E que procuren a dotación de suministro público de auga a vivendas do Carballal de Arriba, da Bouza e do Igrexario que aínda non dispoñen dese servizo.

– A mellora do alumeado público nos camiños de Venda, e nun tramo da zona de Viñas Blanca-Fonte do Outeiro e dotación dun novo punto de luz preto das casas que están a carón do colexio: “É incomprensible que despois do investimento feito na mellora do alumeado no Carballal e Viñas Blancas, deixaran algunhas zonas case a escuras. Esiximos explicacións e desculpas polas luces que faltan da obra do alumeado adxudicado, que recibiu unha subvención da Xunta de máis de 50.000 €. A Asociación de Veciños de San Xulián tamén pide que se produza un acordo plenario comprometéndose o Concello a retirar os postes e cables do alumeado público perxudiquen aos propietarios afectados pola súa ubicación; propietarios que “non percibirón nada a cambio da ocupación das súas propiedades, nin tan sequera pedíndolles permiso”. E considera o colectivo veciñal que non está de máis que se concrete algún convenio con Fenosa e Telefónica para reducir o número de postes e de cables que non fan máis que producir feísmo.

– Novos colectores de vidro e sustitución daqueles que estean rotos. A directiva advírtelle ao alcalde do deterioro do servizo de recollida de lixo e califica de “mera propaganda” o de recollida selectiva, argumentando que resulta en balde “o esforzo que fan algúns veciños en seleccionar o lixo que é mesturado co que non está seleccionado”.

– Outra demanda centrouse no desbroce e limpeza da zona baldía do muiño do Salgueiro, Pelagarto e dos camiños municipais. Tampouco esquece a Asociación que ainda quedan restos das obras da Grela nun espazo sen sanear. A directiva responsabiliza o Concello das “chapuzas” cometidas nas obras da Variante ao seu paso por Ardán e o Pituco. E urxe ao Goberno local a manter en bo estado os roteiros de sendeirismo (A Castiñeira) e os muiños (O Balado) restaurados con cartos públicos.

– Por último, aínda que non menos importante, a Asociación de Veciños de San Xulián pediu que o Concello se implique na procura dunha solución “xuridica e dialogada” á situación “irregular” da Casa de Cultura de San Xulián e do solar na que se atopa, “depurando as responsabilidades derivadas de tal irregularidade”. A directiva mantén dende hai tempo que a parcela pública de Ensur figura no inventario de Bens Municipais e que non está inscrita como monte clasificado a favor da Comunidade de Montes na Xunta. “A casa conta tamén cun informe desfavorable do Concello fechado o 03-02-99”, lembra o colectivo veciñal.

Debeu dar para moito a xuntanza, porque obter audiencia co señor alcalde é tarefa abondo complexa. Asi é que os temas vanse acumulando, acumulando, ata que a lista faise interminable. Se algunha vella demanda se fora arranxando polo camiño durante a espera, era cuestión de ir tachando débedas pendentes e felicitarse pola súa consecución. Mais, como “as cousas do Concelliño van paseñiño”, toca resignarse e seguir sumando críticas, queixas e necesidades cada vez máis perentorias.

… quousque tándem abutere, Catilina, patientia nostra?


Responses

  1. […] “A AA.VV. SAN XULIÁN, CO ALCALDE“ […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: