Publicado por: MontePituco | 06/10/2010

MINI-LECCIÓN DE HISTORIA CON BERNÁRDEZ VILLAR (actualizada)

Xoán Bernárdez Villar (Marín, 1936) foi un dos ponentes no Congreso sobre os 1600 Anos do Reino Suevo de Galicia que se celebra ata este venres en Pontevedra. Contábanos ao comezo do noso encontro que naceu fronte á Igrexa Vella e que boa parte da súa vida adicouna a traballar no ámbito cultural e, especificamente, histórico.

Todos os meus libros, que pasan de trinta, son de corte histórico. Doutoreime en Historia e todo o que fago ten algo que ver coa Historia. Mesmo as novelas son históricas.

…Velaí títulos como “¡Ouveade, naves de Tarsish!” (O Castro, 1983), “No ano do cometa” (Premio Xerais, 1986), “¡Xerusalén, Xerusalén!” (Edicións do Cumio, 1992) ou “A saga da illa sen noite”, (2001 Premio Concello de Vilalba), entre outros. Este mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo en 1995, e Académico Correspondente da Real Academia Galega dende 2003, vive dende hai anos en Vigo. Alí dirixiu varias publicacións culturais e programas divulgativos sobre Historia de Galicia. Como investigador publicou diversos traballos de investiación e tradución centrados no periodo suevo: “O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma” (2003), “Chronica Hermerici” (2004), e “Idacio Lémico: Chronica 379-469” (2004).

Ao seu carón, para presentar a súa conferencia sentouse outro marinense: Francisco José Padín, que é un dos organizadores deste Congreso sobre o Reino Suevo de Galicia. Xosé Bernárdez coincide con eles en que esta etapa foi “moi maltratada” dende o punto de vista da investigación histórica:

…Temos que abrila porque é importantísima. Cara á primavera do ano que vén cúmprense 1600 anos da creación do Reino de Galicia, que é o máis antigo de Europa. Paga a pena que se celebre dalgún xeito. Hai oito ou nove anos fixen unha compilación de todos os textos antigos que falaban de Hermerico. Pequenos textos e creei unha especie de “Chronica Hermirici”; traducina e levou o premio de tradución da Universidade de Vigo, do latín ao galego. Non é moi longa, non chega ás 30 páxinas, pero pagaba a pena que se publicara con imaxes e mapas que a ilustren.

Volcados como estamos no coñecemento e conservación do monte veciñal, intentamos afondar con Bernárdez Villar sobre a orixe xermánica desta propiedade comunal; unha figura moi específica tanto de Galicia como de Portugal, pois lembremos que a capital do Reino Suevo estivo en Braga, ao norte do país veciño.

…É posible. Non o teño moi estudado, pero é posible, porque os suevos aportaron moitísimas cousas que quedaron e seguen funcionando. Tamén temos moita investigación filolóxica: Galicia é o sitio da Península onde existen máis topónimos e antropónimos xermánicos, moito máis que no resto da Península xuntos. Incluso no século IX ou X hai un documento que ten 900 nomes xermánicos.

…As parroquias creáronas eles e despois pasaron aos visigodos. Foi un avance francamente grande. E outras moitas cousas. Cando chegaron eles aquí apareceron as tumbas en “estola” xusto na catedral de Santiago, catrocentos e pico anos antes de que se descubrira a tumba do Apóstol Santiago. As tumbas de estola están alí, non desapareceron. Tamén apareceu o Crismón de Quiroga. Debeu ser a principios do século V, case ao mesmo tempo de que chegaran os bárbaros. Non deben de ser deles. Serían de romanos que quedaban aínda por aquí.

…O que si se estudou hai tres ou catro anos é a aparición do famoso arado romano, do que se pode ver unha reproducción perfecta en Ribeira. Eso foi estudado por un portugués e un galego, que chegaron á conclusión de que é suevo. Porque existía en Xermania tamén naquela época…

Estamos entón ante un pobo pioneiro no concepto de globalización. Por algo “dende Escandinavia chegaron aquí!”, exclama Xoán Bernárdez facendo un alarde de bo humor. E con toda esta bagaxe de coñecemento recén adquirido, sumámonos á reivindicación do pasado suevo de Galicia, co aliciente de ter descuberto neste congreso a dous marinenses destacados: o sabio e veterano Bernárdez Villar, e Francisco José Padín, ao que podemos seguir en diante a través do seu blog Novas de Arqueoloxía: http://www.blogoteca.com/arqueoloxia/index.php

ACTUALIZAMOS ESTE ARTIGO CUNHA PÁXINA PUBLICADA NO SUPLEMENTO “O FARO DA CULTURA”:


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: