Publicado por: MontePituco | 20/11/2010

FRASEOLOXÍA PLENARIA

Unha semana despois do Pleno da Corporación Municipal, xa tocaba facer balance daquela sesión co noso punto de vista de “andar pola casa”. E por máis que estivemos deixando repousar o testemuño directo desas dúas horas longas de “debate político”, a conclusión segue sendo decepcionante: o alcalde cultivou a súa propaganda, o BNG a penas gastou cuspe e a oposición volveuse anoxar por carecer coa antelación necesaria da información básica sobre as mocións presentadas pola parte gobernante.

Ata as eleccións municipais de maio quedan cinco ou seis plenos máis. A tensión entre os grupos suponse que irá en aumento, abundarán os discursos encendidos. E haberá promesas, moitas promesas. Pero non se enganen: o nivel seguirá sendo tan pobre como de costume, ciscarase demagoxia por un tubo e pola banda de Laíño intentarán a toda costa conservar os seus cómodos asentos, mentres pola banda de Lestrove íntentarán por todos os medios desbancalos. Deus nos colla confesados, así que… in nomine Pater, et blablabla.

Entre as páxinas locais dos xornais da fin de semana, a crónica no blog de BreaSeixo e os artigos no Foro Marinenses, calquera se pode facer unha idea de como transcorreron os acontecementos. Aínda que dicir “acontecementos” é xeneroso de máis, porque no sentido máis literal da palabra, no pleno non acontece nada. O único destacable é a verborrea máis ou menos fácil, máis ou menos sagaz, máis ou menos afiada, dos concelleiros e concelleiras. Podíase facer un libro de fraseoloxía plenaria. Pero virtual: as árbores non merecen semellante desprezo de celulosa e pasta de papel.

Entre os máis simpáticos e mordaces, os ediles de Mar-In. Tratando sobre o proxecto das obras de mellora do camiño de Troncoso, que xa saíra a colación no pleno anterior, e ante o escaqueo dos responsables municipais, Miguel Suárez Briones amosouse farto de escoitar sempre as mesmas excusas e non dubidou en sacarlle lustre a unha frase pintoresca de Groucho Marx:

– O Concello bótalle a culpa dos seus desatinos a funcionarios e partidos políticos, oculta a súa ineficacia botándolles as culpas a outros. A besta parda ó principio da lexislatura era Portela e a besta parda do final desta lexislatura é María Ramallo.

– Vamos de victoria en victoria hasta la derrota final.

– Vostedes teñen que petar na porta da Xunta para pedir fondos e xestionar, non a oposición.

Ante a contundencia destas palabras, dá auténtica mágoa escoitar seguidamente as réplicas febles de Pilar Blanco, que non lle chegan nin á sola do zapato.

– Remorderalle a conciencia se nomea a outros concelleiros.

– Para nada lle teño manía a outros temas doutros grupos; non preguntaron por este tema antes.

– O voto do PP non serve para nada, iniciativas cero, votos a favor si. Hai que ver os orzamentos da Xunta para ver que todo se queda nun si.

E atención. Redobre de tambores e clamor de trompetas. Que chega a intervención estelar do alcalde: o Plan Arela, a nena bonita da súa lexislatura. Unha nena algo raquítica, miña pobre, porque dende o seu nacemento en 2008, pouco ou nada medrou. Iso si, todo lle son piropos de papá Veiga, que está moi orgulloso dela, a pesar de que todas as velas postas pregando polo ansiado estirón da criatura, non deron moito resultado. A ver se cunhas vitaminas, Arela tira p’arriba:

– …Medidas cruciais… Conservación do patrimonio… Xestión de calidade… Racionalizar o tránsito rodado… Calidade de vida… Xerar emprego e riqueza…Presente prometedor… Expectativas sen precedentes…

Tanta gabanza non convence en absoluto a oposición. Entran en escena a popular María Ramallo e a independente Isabel Martínez Epifanio para criticar o discurso de Francisco Veiga.

– MR: La gestión del Plan Arela deja mucho que desear por sus retrasos permanentes… No encontramos los permisos de cesión, empiezan la casa por el tejado.

– IME: Alcalde, o seu discurso foi moi florido, pero a floritura non nos leva a ningún lado. É un proxecto faraónico e aí quedou. O camiño foi longo, ostras se o foi, é xa a cuarta vez que o traen a pleno, a lexislatura acaba, e presentárono en 2008.

– FV: É o proxecto de maior envergadura de toda a etapa democrática. Foi a prioridade. É algo que diferencia a Marín doutros concellos.

– IME: Se sendo o Arela unha prioridade, desto hai dous anos, estou morta eu antes de que teñan o proxecto Arela.

E nestas estaban, cando empezou a correr o aire. Non pensen mal. Simplemente foi un rifi-rafe verbal entre María Ramallo e o alcalde, que empezaron a abanicarse mutuamente movendo papeis no aire. A voceira popular cuestionou o procedemento seguido polo Goberno local na tramitación do proxecto, facendo unha sucesión cronolóxica das xestións, algo que incomodou o alcalde, que negou os datos. Para iso, a secretaria tivo que carrexar carpetas e carpetas de documentos que Veiga empezou a remexer como quen busca unha agulla nun palleiro.

– MR: Los papeliños son los papeliños. Ustedes trabajan muy mal y administrativamente, fatal.

– FV: Parécelle mal que se lle quiten as mentiras en público.

– MR: Non me insulte

…E veña os papeis a revoar. Total: grolo de auga do alcalde para mitigar o sofoco. Votación. Mans alzadas. Apróbase por unanimidade. A chorar a Cangas!

Seguinte “round”, marcado pola queixa do concelleiro popular Manuel Santos para “denunciar a situación lamentable” motivada polo Goberno municipal ao presentar seis mocións de urxencia fóra da orde do día, das cales dúas son de temática económica, sen achegarlle á oposición a documentación previa necesaria para analizaren o seu contido. Con razón, Isabel Martínez Epifanio reforza tamén esa queixa.

– Representamos o pobo de Marín tanto como vostedes.

Mar-In decidiu visibilizar o seu malestar abandoando a sala. E aínda que os do PP anunciaran que ían permanecer no Salón de Plenos sen facer ningunha intervención, como xesto de protesta, ao final tamén se acabaron erguendo e saindo fóra ou sentando nas cadeiras destinadas ao público. Na súa ausencia, o grupo de Goberno fixo da súa capa un saio e aprobou en solitario o que a cotío vén aprobando como lle peta e cando lle peta, que para eso ten a maioría. Entre as mocións aprobadas, unha dirixida á Xunta para esixir un maior investimento en Marín destinado ao soterramento da Avenida de Ourense, á construcción dun edificio multiusos, do centro de saúde, da dotación dun plan de seguridade viaria, dunha gardería infantil e de instalacións deportivas en Seixo, e un polígono empresarial.

…E erguemos as nosas modestas pancartas:

WE ♥ MONTE PITUCO … VEIGA ♥ MONTE CARRASCO.

Para que conste, unha vez máis, a soberanísima incongruencia e incompetencia do alcalde, máis preocupado porque o novo hospital de Pontevedra arruina moitas hectáreas do monte veciñal forestal do Concello veciño, mentres o monte veciñal de San Xulián pode perecer pola súa culpa baixo as excavadoras e o formigón que asolagará un terreo inmenso.

E presentouse o manifesto con motivo do Día Internacional contra a Violencia de xénero do vindeiro 25 de novembro. Chegado o capítulo de rogos e preguntas, Miguel Suárez Briones preguntou polo cachalote incorrupto da praia da Coviña, mentres Pilar Blanco poñía caras e se revolvía no sillón. Pero faltaba a puntilla do socialista Juan Muradas para que o pleno rematara “de mal rollo”. Xa cando Isabel Martínez lle botou unha pitada ao Goberno local pola ineficacia no caso dun expediente de infracción urbanística en Seixo, Muradas dixo polo baixiño que os da oposición estaban “un poco faltones”. E aínda tivo máis que dicir, cando a penas faltaban uns intres para levantar a sesión.

– Cuando la oposición presenta cuatro o cinco mociones de urgencia, tengan la educación democrática más básica, y por lo menos, escuchar.

…Ou algo así, porque debaixo dese bigote non se lle entende nada o que di. Palabras que motivaron que Isabel Martínez intentara replicar, cousa que non lle foi posible porque o alcalde dera por finalizado o pleno. E chitón, chim-pón.

Pero ningún destes exemplos de fraseoloxía plenaria é comparable ao colosal comentario dunha veciña que sentara entre o público. Pola metade de pleno, e vendo o panorama que se cernía, a boa muller, cunha mestura de mágoa e resignación, comentou inocentemente:

– Favoréceme máis andar, que esto… Pero eu ía andar, e como vin aberto…

So lle faltou engadir “se o sei, non veño”.

*MÁIS SOBRE O PLENO EN:

BreaSeixo: “Pleno de novembro 2010. Pufos e trolas

Rurales y urbanitas: “Caos institucional“.


Responses

  1. El tiempo pasa…
    Y el balance positivo pesará y pasará a la posteridad.
    Quedará en el recuerdo como tremendo desastre la gestión municipal.
    La etapa donde los circos han relegado a los plenos.
    Espectáculos que hemos “disfrutado” cómodamente desde las butacas de nuestros hogares, como no, gracias a las crónicas de intrépidas reporteras que nos han puesto a pie de calle las virtudes y miserias de quienes deben defender los intereses de nuestra hermosa villa.
    Se ha incrementado la participación y movilización ciudadana.
    Será la legislatura del triunfo del pueblo.
    Hemos reído, hemos llorado….y lo que nos depara pero estamos en el buen camino.
    Un

    para “fraseoloxia plenaria” Gracias.

    El tiempo pasa….

  2. Enhorabuena porla crónica. Es un placer leerte en gallego.

  3. Grazas, Erasmo, pola visita e polo comentario. Hai uns días facías unha observación sobre o uso do galego nos blogues que actualmente estamos analizando dalgún xeito o devir sociopolítico de Marín. É curioso: no caso de BreaSeixo aínda se pode apreciar o pouso da lingua oral, os seus artigos rezuman coloquialidade. Proba de que dende hai anos o galego se vén empregando cada vez menos é que, a diferencia de BreaSeixo, no blogue MontePituco empregamos un galego máis académico, que non foi “mamado” na rúa, senón inxectado nas aulas e reforzado con moitas lecturas. Un e outro están aí, pertencen a xeracións distintas, son rexistros compatibles que cómpre conservar. Animámoste a que subas, cada vez un pouquiño máis, ao carro dos galegofalantes. En calquera caso, grazas unha vez máis por estar entre os galegolectores.
    Aproveitamos a ocasión para agradecer tamén a intervención de LibreAlbedrío. Ao fío dun recente comentario seu noutro foro, dicirlle que detrás da pantalla e premendo o teclado do blogue do MontePituco non só hai unha persoa cunha identidade particular ou cun aspecto físico determinado, senón moitos veciños e veciñas representados que teñen a oportunidade de facerse ver e oir, cando doutro xeito non sería posible e o seu clamor sería invisible e inaudible.
    Un saúdo e ata cando queirades.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: