Publicado por: MontePituco | 23/12/2010

ARTIGO NÚMERO 300

Un día botámonos a escribir. Os que nacemos, crecemos e morreremos ao carón deste monte queriamos contar como é: as cores cambiantes coas estacións, as formas escarpadas… Como soa: a auga que escorrega ceibe , a vento que zoa entre as pedras, a campaíñas de gando silvestre e rechouchíos de paxaro… Como sente e fai sentir a quen o percorre: o gozo dunha paisaxe impagable, a harmonía da natureza, o peso da historia e da cultura ante o futuro.

Un futuro incerto, ameazado por un proxecto político errado que pretende arrasar toda esta riqueza ambiental para convertela nunha chaira de formigón inerte e impactantes taludes ao longo de centos de hectáreas, a cambio de promesas demagóxicas e irreais.

Dende o día en que nos botamos a escribir neste modesto blogue, sumamos xa 300 artigos: 300 razóns para seguir escribindo outros 300 artigos máis. 300 puntos de encontro coa veciñanza para informar e para pedir solidariedade co Monte Pituco (Pornedo).

GRAZAS por ler, por participar, por seguir, por difundir.

BO NADAL. FELIZ 2011, ANO INTERNACIONAL DOS BOSQUES.


Respostas

  1. Avatar de librealbedrío

    Noraboa. Prosperidade e a por outros 300.
    Bo Nadal.

    • Avatar de MontePituco

      Moitas grazas pola visita e pola mensaxe.
      Igualmente, Bo Nadal.

  2. Avatar de Foro Social de Cangas

    Eles son poucos, co corazón apodrecido e débiles. Non sexamos nós os que nos atemoricemos polos seus disfraces de importancia e poder. Non son máis que ilusións. Adiante na loita.

    • Avatar de MontePituco

      Benvidos a este recuncho do monte. SUPER-AGRADECID@OS pola vosa mensaxe de alento. Unha aperta e que viva o Morrazo.

  3. Avatar de asombradebouzapanda

    Da gusto pertencer a confradía dos que saben escoitar a linguaxe das pedras e o latexar das árbores. Sempre haberá unha montaña á que subir e un monte polo que loitar. Bo Nadal a todos!!

    • Avatar de MontePituco

      Copio parte da mensaxe que un amigo dos montes nos enviou hoxe por correo electrónico:

      “…Para que nos enrede a frescura da vida, para manter o pensamento positivo, na loita contra a inxustiza, a irmandade no encontro e na distancia, cada vez somos máis necesarios. Saúde e Terra para todos e todas”.

      Estamos emocionados polas vosas mensaxes. Moitas grazas!

  4. Avatar de MontePituco

    E reproducimos tamén a mensaxe que AgroEco nos deixa en Facebook:

    “…Solidaridad y deseos de BuenaVentura para estos territorios cuya cultura y belleza son herencia valorable y digna de proteccion contra la ambicion y malos gobiernos. Apertas desde Chiapas, México”.

    Lembramos que AgroEco realizou estudos de Forestais no Centro de Investigación de Lourizán e que dende o primeiro momento que establecemon contacto, sempre nos brindou o seu agarimoso apoio, malia a distancia. Unha aperta transoceánica, AgroEco!


Deixar unha resposta

Categorías