“O gran ditador” é unha obra mestra da Sétima Arte, unha obra escrita, dirixida e protagonizada polo mítico Charles Chaplin en 1950; unha parodia do fascismo, un berro contra o abuso de poder. A Francisco Veiga ese título venlle grande; na súa faceta como alcalde non pasa de “pequeno” ditador. Un ditador mediocre, pero ditador, a fin de contas. Lean e xulguen vostedes mesmos:
–Yo en este pleno puedo intervenir en el momento que quiera!
–Hay una diferencia importante entre quien está sentado aquí (en referencia ao sillón que ocupa el mesmo) y quien está sentado ahí (sinalando co dedo hacia os bancos onde sentan os concelleiros da oposición).
…Palabras de Francisco Veiga no pleno da Corporación Municipal deste mes de xaneiro, ante os atónitos veciños. Aos afectados polo proxecto de polígono no Monte Pituco xa non nos collían de sorpresa esas palabras saídas de ton por parte dun alcalde completamente impúdico que ten a desfachatez de darnos por despachados ao pé das escaleiras do Concello. BreaSeixo, que tamén está de volta de todo (léase a súa crónica do pleno nesta ligazón), exclamaba “quen manda manda!”. Só faltaban unhas vellas persignándose escandalizadas e unhas nais tapándolles as orellas aos seus inocentes meniños para non escoitaren as barbaridades do alcalde.
Así é amigos e veciños, propios e estranos. Francisco Veiga é un pequeno ditador que, aproveitando a superioridade do seu cargo, tápalle a boca á oposición cando está no uso da palabra. Desta volta, a voceira popular María Ramallo pagou as iras do alcalde cando estaba replicando unhas acusacións do voceiro socialista Juan Muradas. Ante as protestas dos concelleiros do PP e de Marinenses Independentes, Veiga xustificouse dicindo que non lle mandara parar de falar a María Ramallo. Pero como vai seguir falando se o alcalde lle levanta a voz e a interrompe de malas maneiras!
Pero é que ademais, Veiga volveuse un basto e un ordinario. Estáballe a oposición cantando as corenta (en bastos, tamén) pola súa inoperancia á hora de xerar investimentos, e o alcalde -pouco menos que colérico- saiu con que o Concello facía unha “modificación de crédito inmediata” e poñía os cartos. E pumba! Peta na mesa. Home, coa mesa da súa casa que faga o que lle pete, valla a redundancia. Pero co mobiliario de titularidade municipal que sexa máis respectuoso. E cos sufridos contribuintes, tamén, non só por tratar á baqueta a mesa que tanto se vanagloria en presidir, senón pola penosa imaxe institucional que dá con esa actitude.
Unha actitude gamberra que contrasta coa actitude victimista que adopta a renglón seguido. “Este goberno é serio”, di cun semblante santurrón mentres critica as “obras ilegais” de urbanización que se realizaron no concello lucense de Barreiros. “Teremos que facer o indio para que a Xunta invista aquí”, laméntase Francisco Veiga.
A súa cara de cínico, mentres escoitaba a María Ramallo e ao mesmo tempo peliscaba os pelos da barba, tampouco tiña desperdicio en contraposición coa súa cara de mágoa narrando “un dos días máis complicados e críticos” do seu grandioso mandato. Alá acudiu Francisco Veiga un aciago día do pasado mes de agosto para botar man de “leghóns, capachos e do que había” para tratar de apagar o incendio forestal que arrasou o Monte da Cova, en Loira. Que foi “un día moi duro e unha noite complicada” non fai falta que o diga el, como se tivera algunha experiencia en apagar máis “lumes” dos que lle xorden a cotío na alcaldía e no goberno municipal que comparte co BNG.
Nótase que lle doe moito e ben o acontecido en Loira. Pero esa máscara de sensibilidade ambiental pódea gardar para o Entroido mentres siga empeñado en chafar o Monte Pornedo, un espazo natural privilexiado en plena fachada da ría, cheo de arte rupestre, mananciais e recursos etnográficos, para instalar un polígono industrial ilegal, que contravén as recomendacións urbanísticas máis elementais. Que non finxa tanto lamento porque “nunha zona espléndida de Marín agora só se ve desolación”, en alusión á superficie afectada por aquel incendio, cando no Monte Pornedo pasará exactamente o mesmo -ou peor- se as máquinas chegan a cometer os descomunais desmontes e a desfeita na que vai converter a franxa litoral da vila.
O resto do Goberno local non merece ningunha mención en especial. Muradas, co seu característico ton ogruno, fixo por minimizar os “intentos da oposición de buscar fisuras no grupo de goberno”, argumentando que ese discurso “está gastado e aburre”. Como se non houbera argumentos abondo ao longo de toda a lexislatura, e os que estarán por vir nos catro meses que faltan ata as eleccións. Os seus comentarios despreciando os edís da oposición son dignos de colgar na vergoñenta galería da anti-política. Primeiro acusou o independente Miguel Suárez Briones de “soltar un panegírico de mucho cuidado” polo mero feito de criticarlle a “mecánica de traballo trapalleira” que practica o Concello. Muradas tamén se dirixiu nuns termos abraiantes á outra concelleira independente, Isabel Martínez Epifanio, espetándolle “me parece que le voy a tener que decir algo desagradable”. E para rematar, tamén a tomou contra María Ramallo e o PP a propósito das obras da variante, do convenio frustrado para o soterramento da Avenida de Ourense e non se sabe cantas cousas máis lle reprochou; se cadra tamén lle botou a culpa da morte de Manolete.
A María Ramallo haille que recoñecer que ten unhas costas ben anchas. Non só o alcalde lle tapona o uso da palabra, senón que Muradas lle busca as voltas e as contradicións dun xeito tan torpe que ata un neno de parvulario se decataría. “El objetivo es cazarme a mí, verdad?”, retruca a do PP, que sempre lle acaba restregando ao PSOE e ao BNG que “no tienen presupuesto desde 2008”.
Outro que tamén a trae frita é o nacionalista Xosé María Vilaboa que, sexa primavera, verán, outono ou inverno, como se non tivera máis traxes no armario -dito sexa metaforicamente, é dicir, como se non tivera máis recursos dialécticos-, sempre lle saca o traído-e-levado asunto da sentenza do Supremo que anulou o Plan Especial do Porto de 2005 e boa parte dos recheos sobre os que se asentan empresas cuxa situación urbanística queda comprometida. E Ramallo, erre que erre, reitera que Vilaboa “disfruta cuando le va mal al puerto, por meterse conmigo” e pídelle que “sea persona y que, por perjudicarme a mí, no destruya la única empresa que da empleo en Marín”.
Vilaboa, certamente, é un devoto practicante deso que en política se chama demagoxia: un rollo falso de escaparatismo verbal, fume de opio para dicirlle á xente o que a xente quere oir, discurso grandilocuente que debe ensaiar nos seus longos ratos libres ante o espello, impostando ese vozarrón seu. Se o alcalde adopta o rol victimista, Vilaboa fai de salvapatrias, poñendo o grito no ceo polo “novo atropelo do PP a Marín” ao chafarse a inxección de 8 millóns de euros que se ían investir no soterramento da Avenida de Ourense. 8 millóns que, segundo un informe da Xunta, se ían converter en 11, por algo a Xunta recuou. Un informe que, segundo o BNG, carece de datos que o avalen. E así nos pasa o tempo, neste partido interminable de ping-pong entre o Concello de Marín e a Administración autonómica. Un laiándose de que a outra lle pon a perna enriba, e a outra devolvéndolle sistematicamente un PXOM que o primeiro non atina a redactar en boas condicións. Que crus, Marilús!
E para rematar de alucinar, a renovada pose da candidata do BNG á alcaldía. Pilar Blanco non debe dar abasto practicando ioga e cantas técnicas de relaxación pilla por banda para ir con espírito zen aos plenos e disimular o hinchamento da súa vea occipital. “Imos volver ao fondo do asunto e deixar polémicas á parte”, contestoulle moi amable e suavemente a Suárez Briones tralas críticas deste ao xeito co que a Concellería de Medio Ambiente xestionou o convenio coa Consellería de Medio Rural para a restauración do Monte da Cova. “Se vostede non te tempo” (de coñecer o proxecto), díxolle cunha voceciña anxelical, “e en todo este tempo non fixo nin unha triste pregunta nin moción nin suxerencia, sexa coherente e apoie as iniciativas dos demais”.
…Jajajaja! Piriquísefueamadrí! “Os únicos veciños que non nos enteramos somos os membros da comisión de Medio Ambiente”, champoulle tan fresco Suárez Briones, nunha clara alusión á opacidade coa que se move o BNG na súa xestión, xa non só de cara aos seus socios de Goberno, senón tamén á oposición. Mais non sufras, azorado concelleiro, e aplica a letra -ou os versos, que son poesía en estado puro- da canción de Bob Dylan que ti mesmo citaches: “A resposta, amigo meu, está flotando no vento…”
Deixar unha resposta