Publicado por: MontePituco | 27/01/2011

PUNTUALIZANDO A PILAR BLANCO (actualizada)

Na mente dos veciños aínda flota a memoria daquel pleno de decembro de 2009 no que María Ramallo presentou unha moción para que o SEPES fixera o estudo dun polígono empresarial compartido con Moaña na Cruz da Maceira. Viña avalado polo mesmísimo Congreso dos Deputados en Madrid e traía o beneplácito do presidente Zapatero. Solo facía falta un requisito: que fora o alcalde quen o solicitara. Esta moción tivo os votos en contra do BNG e mais do PSOE. O noso alcalde non quixo saber nada e desperdiciou así unha oportunidade única para dotar a Marín dun polígono que, ese si, sería a solución para Marín e para o futuro dos nosos fillos.

O actual PXOM solo conta agora co polígono do Pituco: INSUFICIENTE, ANTI-ECONÓMICO e que incumpre todas as normativas ECOLÓXICAS. Algo INCOMPRENSIBLE para un concello con certificado EMAS.

A pasada fin de semana publicouse unha entrevista coa concelleira de Medio Ambiente e próxima cabeza de lista do BNG á alcaldía de Marín, Pilar Blanco. Os seus comentarios sobre a xestión urbanística que desenvolveu o grupo municipal nacionalista neste mandato, especialmente no que respecta ao chan industrial, motivaron que unha veciña da Brea replicara de xeito contundente e firme as palabras de Pilar Blanco:

“Demostramos un talante que a outros se lles supón retirando estes polígonos do planeamento, a pesares de que eran o noso proxecto de creación de emprego para Marín. Agora se está demostrando que foi o PP quen enganou aos veciños, xa que despois de dous anos na Xunta, non existe ningún proxecto para dotar Marín dun polígono empresarial”. (Pilar Blanco, BNG Marín).

Pouco máis hai que engadir ao exposto pola veciña da Brea, salvo agradecerlle o seu rexeitamento á elección -ou á volta, podiamos dicir- do Monte Pituco (Pornedo) como única posibilidade para o emprazamento do futuro polígono industrial de Marín. Razóns xeotécnicas, ambientais, patrimoniais e económicas que desaconsellan esa decisión hainas máis que abondo e están sendo amplamente expostas e reiteradas nesta páxina. Por iso nos parecen oportunas as palabras de Mª Carmen Santos cando critica a imposición de “proxectos que solo favorecen a catro políticos” -e non só políticos, engadimos nós- “que miran o lucro que poidan sacar”.

O BNG leva en campaña electoral subrepticia dende sempre, a conta dos seus propios socios de Goberno, e tamén a conta da oposición, principalmente o PP. O show máis recente vén a conta da Lei de Augas, que xa foi aprobada polo Parlamento. Polo tanto, as charlas que organiza nas parroquias son fachada de cartón pedra, papel mollado, ganas de envolver a veciñanza coa excusa de facerlle un favor que, en realidade, é unha perda inútil de tempo. Tócanos nesta ocasión aos habitantes da parroquia de San Xulián, que estamos convocados ás 8 da tarde de mañá venres para escoitar a saber que paranoias, explicadas de xeito requintado e grandilocuente, como lle corresponde ao BNG. E agardarán que lles deamos as grazas por abrirnos os ollos, por inundar de luz a nosa ignorancia, cando todo o mundo sabe que de “perdoavidas” o BNG non ten nada. Por iso, ollo-piollo, quen teña interese en asistir a esa xuntanza, porque o saber non ocupa lugar e porque toda información que se poida obter de primeira man é pouca, que vaia cos “deberes” feitos. Que non agarde ninguén a que o BNG llo conte á súa maneira, que acuda á fonte orixinal, que lea a Lei de Augas, que se pode descargar na seguinte ligazón, en formato PDF.

LEI DE AUGAS DE GALICIA / 2010


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: