Publicado por: MontePituco | 26/01/2011

TERREMOTO NO PORNEDO?

A Asociación de Veciños de San Xulián e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) fan un chamamento urxente a todos os habitantes da zona, os visitantes ocasionais e usuarios en xeral do monte, pola situación de perigo real descuberta no acceso á mal chamada área recreativa do Pornedo. O sendeiro que, dende a pista principal se adentra no monte e conduce ata ese espazo, presenta unha fonda greta no terreo, imperceptible dende un vehículo, co conseguinte risco de emborcamento. Tamén é un problema preocupante de seguridade para as persoas que frecuentan o lugar, así como para o gando ceive ou doméstico que pasta no monte.

A profundidade da greta nalgúns puntos é superior a un metro. E a súa anchura tamén permite que unha persoa poida caer no interior da cavidade, podendo sufrir danos físicos considerables.

A orixe desta impactante fenda foron as chuvias dos días pasados, de cuxos danos en veigas e camiños, se informou neste mesmo blogue.

Ler o artigo “DAQUELAS POEIRAS, ESTAS LAMEIRAS“.

Nesta ocasión, a Asociación de Veciños de San Xulián e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) alertan da situación na que se atopa o monte mesmo: os regos que canalizan a auga ao pé da pista principal colapsaron pola acumulación de terra, broza e pedras. A falta de limpeza e a despreocupación por parte da Comunidade de Montes de San Xulián dunha banda, e dos técnicos de Montes da Xunta pola outra, que non apercibiron a directiva para que garantira o bo estado das canalizacións, motivaron este problema. En consecuencia, a auga rebordou os regos e circulou en torrente polo camiño, seguindo a pendente natural do terreo e facendo sucos que deixaron a superficie da pista con moitas irregularidades e moitas pedras soltas que dificultan o paso.

O risco máis evidente atópase no sendeiro de acceso a esa área recreativa destrozada polos actos vandálicos. Ao tratarse dun recheo mal consolidado, a auga filtrouse no subsolo e arrastrou o xabre, facendo que se abriran cavidades subterráneas que quedaron ao descuberto. O efecto visual é o dunha falla tectónica aberta no terreo, como se un terremoto sacudira con forza o Monte Pornedo e o chan abrira en canal. A forza da auga foi tal, que no fondo dun deses buratos pódense ver dúas rodas de vehículo que foron empurradas adentro pola mesma riada.

A Asociación de Veciños de San Xulián e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) diríxense á directiva da Comunidade de Montes de San Xulián para que tome nota da situación na que se atopa esta zona do monte comunal e tome as medidas oportunas para subsanar os desperfectos. Tamén se dirixe ás concellerías de Medio Ambiente e de Rural do Concello de Marín para que, igualmente, coñezan de primeira man o acontecido e insten ás persoas ou entidades pertinentes a reparar os danos e adoptar as accións que impidan que se volva repetir. Ademais, notifícalle á Xefatura da Policía Local de Marín o perigo que representan estas gretas para os condutores e peóns que transiten por alí, polo que insta a que se precinte o acceso á área recreativa mentres non se acometan as obras correctoras e o terreo volva quedar consolidado e seguro para os usuarios. Por último, trasládalle á Dirección Xeral de Montes a necesidade de velar con máis énfase pola boa conservación desta zona, dada a súa problemática, pola presenza de recheos, o desnivel inherente ao terreo e a falta de acondicionamento das pistas e das súas marxes.

E ante a evidencia e a contundencia das imaxes, a Asociación de Veciños de San Xulián e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) fan outro chamamento á responsabilidade das institucións públicas e das entidades sociais partidarias da instalación dun polígono industrial neste emprazamento, para que reflexionen e reconsideren o seu posicionamento erróneo. Abogamos por unha correcta xestión e conservación deste monte, asumindo as súas características xeotécnicas que fan inviable a súa urbanización masiva, á vista dos graves destrozos que provocarían os adversos meteorolóxicos sobre o terreo, pola súa inclinación e pola súa constitución xeolóxica.


Responses

  1. […] do mal estado de conservación no que estaban os regos. Pasou un coche e tivemos a oportunidade de fotografar as manobras que tivo que facer o condutor para esquivar as fochancas e evitar meter as rodas de […]

  2. […] producido importantes fendas e socavóns no terreo, como o que se comentou en xaneiro de 2011: TERREMOTO NO PORNEDO? A proliferación de verquidos converteuse nun fenómeno preocupante, pola reiteración de casos que […]

  3. […] producido importantes fendas e socavóns no terreo, como o que se comentou en xaneiro de 2011: TERREMOTO NO PORNEDO? A proliferación de verquidos converteuse nun fenómeno preocupante, pola reiteración de casos que […]

  4. […] o artigo “Terremoto no Pornedo?“, publicado o 26 de xaneiro de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: