Publicado por: MontePituco | 06/01/2011

…UN ‘NOVO’ COLECTIVO ¿?

…Seica hai un “novo” colectivo na parroquia. Xa que estamos no Día de Reis, parafraseando a D. Xoan Carlos, “nos llena de orgullo y satisfacción” dar noticias como esta: o dinamismo social é ben positivo para esta vila, anestesiada por momentos. Pero neste caso, non hai nada que celebrar, porque o colectivo en cuestión é un sucedáneo da Comunidade de Montes de San Xulián en versión pro-polígono. Coma as pantasmas, tardaron un ano en manifestarse, mentres que DEFENDE O MONTE PITUCO leva doce meses traballando arreo, sumando argumentos e apoios individuais e colectivos a prol da conservación deste espazo, relacionándose coas administracións públicas a nivel autonómico e provincial, e reuníndose con organizacións políticas e culturais de ámbito local para sensibilizar sobre a importancia ambiental, paisaxística e histórica desta zona, para concienciar sobre os impactos irreversibles que acarrearía a súa destrucción, e para reivindicar que se habilite outro espazo con menos perxuízos para a construcción dun posible polígono industrial marinense.

Este colectivo -que non merece máis liñas de texto que as estrictamente necesarias neste artigo- vén insultarnos á porta das nosas propias casas, pegando un folio cutre no que acusa a DEFENDE O MONTE PITUCO de contar “mentiras e falsidades”, de causar o “desprestixio de certas persoas”, e de opoñerse á “riqueza e traballo para o pobo”. E como os veciños e veciñas que constituimos DEFENDE O MONTE PITUCO non toleramos a manipulación, nin a calumnia, saímos ao paso desta campaña de desprestixio cobarde e interesada que unicamente persegue dividir a parroquia, atacar a nosa liberdade de expresión e empañar o traballo impecable e respectuoso que DEFENDE O MONTE PITUCO vén levando a cabo dende decembro de 2009.

Quen está detrás deste simple folio está tamén detrás destoutro cartel que segue a continuación, asinado pola Comunidade de Montes e exposto publicamente en xullo de 2010 (premer na foto para ler o artigo co que corresponde). É o mesmo estilo impropio e demagóxico. Eses folios “pro-polígono” están colocado a carón do gran cartel que anuncia o baile de Reis na Casa de Montes de San Xulián, pegados coa mesma cinta adhesiva, por tanto, postos polas mesmas mans. A xunta rectora da Comunidade de Montes e os seus afíns fanse chamar agora “agrupación de xuventude queremos o polígono industrial e comercial”. O mesmo can, con distinto collar.

Os argumentos de DEFENDE O MONTE PITUCO en contra da instalación dun polígono industrial na zona proxectada polo Goberno local de Marín, coa connivencia da xunta rectora da Comunidade de Montes (que dá botes de ledicia calculando os pingües beneficios económicos que lles reportaría para as súas opacas arcas de tesourería) non son “mentiras nin falsidades”, senón que están perfectamente documentadas, e así foron postas en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da Consellería de Cultura e da Consellería de Medio Rural. As fontes documentais das que se nutre DEFENDE O MONTE PITUCO para avalar as súas actuacións son tan irrefutables como o proxecto de PXOM, as Normas Subsidiarias e Complementarias Provinciais de Planeamento, un informe topográfico elaborado por unha empresa consultora especializada, colexiada e independente, documentos históricos do século XIX que constatan a existencia dos mananciais naturais que surten de auga aos habitantes da zona. Minten estes documentos? Falsean a realidade estes documentos? NON.

As persoas que se laian do presunto desprestixio que supostamente se lles inflixe desde DEFENDE O MONTE PITUCO estanse a autodescalificar a cotío coas súas propias accións e omisións. A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, ao igual que os cargos públicos do Concello de Marín, da Deputación de Pontevedra ou da Xunta de Galicia, deben responder pola súa xestión; están sometidos ao escrutinio da veciñanza, que ten o dereito e a obriga social e moral de fiscalizar as súas actuacións, sempre con respecto e con obxectividade. A xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián non pode presumir de obrar de forma receptiva nin transparente. Non é receptiva porque os seus integrantes non recollen os escritos que DEFENDE O MONTE PITUCO lles envía periodicamente para chamar a atención sobre problemáticas graves que lle afectan ao monte: a proliferación de verquidos incontrolados, a presenza de motos e quads que destrozan coas súas rodas o terreo, a existencia de cabalos e eguas con pexas nas súas extremidades que supoñen un risco para a seguridade dos conductores, o mal estado no que se atopa o monte coa abundancia de maleza, os danos que causan nas propiedades os torrentes de auga que baixan con forza do monte na época do inverno, o aspecto deplorable da área recreativa de Pornedo e da área de descanso a carón da estrada de Figueirido, cheas de lixo e co mobiliario esnaquizado pola acción dos vándalos… Hai tantas cousas por facer, e a actitude da Comunidade de Montes é absolutamente pasiva porque non move un dedo nin gasta un céntimo.

Tampouco é transparente porque en todo o ano 2010 non se celebrou a preceptiva Asemblea Ordinaria para dar conta do balance económico e de xestión, para informar sobre o cumprimento das funcións dos seus cargos que actualmente está en entredito, con rumores da recente dimisión do tesoureiro e da evidente falta de dispoñibilidade do presidente por motivos laborais. O punto 2º do artigo 50 do capítulo IX dos Estatutos da Comunidade de Montes referidos aos Órganos da Comunidade di: “A Asemblea Xeral Ordinaria será convocada unha vez ao ano e sempre dentro dos seis meses seguintes á data de peche do exercicio económico…” U-la asemblea? u-la convocatoria? u-la información? Acaso DEFENDE O MONTE PITUCO ou calquera outro comuneiro ou comuneira non pode criticar o papel da xunta rectora da Comunidade de Montes? Por que se consideran intocables e irreprochables?

…Pero por favor, sigan lendo, que agora vén o mellor: ese folio cutre que circula pola parroquia é o que minte, o que manipula, o que terxiversa e engana aos habitantes de San Xulián. “Tampouco queremos un polígono a calquera prezo, senón que queremos que se faga un bo proxecto SIN TOCAR A ZONAS DO MONTE CAEIRO E MONTE PORNEDO”. Esta afirmación é unha trola descarada deste “colectivo” que pretende DESINFORMAR a veciñanza e ofrecer unha imaxe DISTORSIONADA do proxecto industrial que manexa o Concello de Marín. O terreo afectado polo polígono é de preto de 100 hectáreas de monte: abarca no seu perímetro o depósito de auga que abastece as vivendas de Pena e Caeiro, vai pegado mesmo ao trazado da autovía e roza no límite co termo municipal de Pontevedra. É unha bestialidade terrible, cunhas cotas de nivel unicamente superables a base de taludes desproporcionados que poden supoñer un desembolso económico superior incluso ao coste do propio proxecto de urbanización ,e que conlevaría un elevado encarecemento do prezo por metro cadrado, inasumible para os potenciais inquilinos dese suposto polígono.

Este “colectivo” non debe coñecer o monte do que fala, porque abogar pola construcción dun polígono industrial e comercial na Pena e nos Sete Camiños e, ao mesmo tempo, defender O Caeiro e O Pornedo, é contradictorio e incompatible. A Pena e o Caeiro están un a continuación do outro; e restarlle O Pornedo ao proxecto do polígono para que só se faga no contorno dos Sete Camiños implica reducir considerablemente a superficie do proxecto, que desta maneira xa non sería rentable dende o punto de vista financeiro. Por tanto, que este “colectivo” non malmeta, que se informe antes de que os seus promotores saquen a lingua a pastar gratuita e impunemente. E se de verdade están a prol da conservación do Monte Pornedo, tendémoslle a man para que se unan a DEFENDE O MONTE PITUCO, posto que as súas premisas van na liña das nosas, só que con doce meses de retraso. DEFENDE O MONTE PITUCO non se opón en absoluto ao desenvolvemento económico e empresarial de Marín nin rexeita a instalación dun polígono industrial na vila. DEFENDE O MONTE PITUCO rexeita a construcción dun polígono industrial na ubicación proposta polo Goberno local de Marín. Unha ubicación errónea por motivos amplamente expostos neste foro e que tampouco colma as expectativas dos grupos municipais da oposición no Concello.


Respostas

  1. Criticar, manipular e calumniar anonimamente a quen defende publicamente unha postura, correcta ou non, non me parece a formula máis apropiada para facelo e denota o talante dalgunha xente
    Eu antes de ter Internet tamén adoitaba a publicar “panfletos” coa salvidade de que sempre os asinaba con nome e apelidos. Aínda así “secuestrabamos” e cal non foi a sorpresa ao entregarme coma secretario da comunidade a documentación, que apareceron todos baixo unha carpeta co meu nome (sic).
    Parabéns polas vosas denuncias a “cara descuberta”.

    • Grazas, Paco, polo teu apoio. Alégranos saber que unha persoa coa túa experiencia na xestión dunha Comunidade de Montes entende o noso punto de vista e posiciónase a prol das nosas reivindicacións. Non lles temos medo aos que pertencen a esta xunta rectora. Defendemos unha causa xusta, aínda que perxudica os intereses de quen pretende facer “negocio” co monte común baixo o pretexto demagóxico da creación de emprego. Se cómpre instalar un polígono industrial, que o constrúan, mais nun lugar que reúna as condicións orográficas, polo menos. Virannos ben os teus consellos. Esta “guerra” non fixo máis que comezar.

  2. Que patéticos son!
    É moi triste que os responsables da Comunidade de Montes de San Xulián (con pouca lexitimidade, posto que non foron elexidos democráticamente, senón que son unha Comisión Xestora, todo hai que dicilo!) apoien a construción dun polígono industrial nos terreos da Comunidade de Montes, o que suporía a expropiación do monte comunal, e ademais por un prezo moi reducido, case regalado… Pero como son unha chea de metros cadrados, ó final xuntarían unha boa cifra. E pensando nos cartos, xa perden a cabeza. “La pela es la pela!”.
    O monte comunal é “inembargable, inalienable, indivisible e imprescritible”. Pero iso non lle importa ós responsables da CM de San Xulián. En vez de opoñerse con uñas e dentes á idea de que lles leven o monte, están a frota-las mans pensando nos cartos. Dalles igual que deixen sen o monte comunal ás xeracións futuras. Que pouco costa regalar o patrimonio cando non é dun. Cando é de todos!

    Dinos a ORGAMMCC:
    “… temos que recuperar a verdadeira dimensión do monte, dándolle o seu sentido como valor en si e como valor ambiental de uso para toda a comunidade veciñal e a sociedade en xeral, desligándoo dese valor mercantil para situalo na sociedade actual como ben comunitario, social e de toda a humanidade”.
    Isto non o comprenden! Non entra na súa mentalidade. Eles deben ver no monte uns terreos pouco produtivos…

    “…lembremos que expropiar significa a eliminación física do monte veciñal para sempre…”
    “A aplicación desta nova Lei Estatal do Solo significa que as plusvalías que resultan de pasar dunha terra de monte veciñal a unha terra industrial (e pensemos que nesta recualificación o valor inicial pode multiplicarse por 10) vanlle a ser roubadas aos titulares das terras para favorecer ás administracións e ás empresas privadas que expropian, beneficiando aos grandes capitais e deixando as migallas para os titulares das terras”.
    As migallas!!!
    Pero non lles importa. Cando caen os cartos así do ceo. Xa deben estar a facer plans de como gastalos. Se non pensan en repartilos…

  3. Podería resumirse así:
    Ábrese o telón e aparece a directiva da Comunidade de Montes de San xulián.
    Como se titula a película?
    “Por un puñado de dólares” Que logo sería traducido na TVG como. “Por catro patacos!”

    Ou ben:
    Ábrese o telón e aparece a directiva da Comunidade de Montes de San xulián.
    Como se titula a película?
    “Coge la pasta y corre!”

    • Pois é o que hai, Lukas. Ánimo e a seguir loitando contra o neo-caciquismo do século XXI. Polo medio ambiente, pola cultura e polo verdadeiro progreso desta terra e dos seus habitantes presentes e sobre todo, futuros. Unha aperta e grazas, coma sempre, por visitar, por ler e por comentar.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: