Publicado por: MontePituco | 07/01/2011

DAQUELAS POEIRAS, ESTAS LAMEIRAS

“En caso dunha riada, chegaría a enxurrada á rúa Jaime Janer do centro de Marín”.

Vai case un ano dende que Román Chaves, directivo da Comunidade de Montes de Lourizán, pronunciou estas palabras nunha alterada xuntanza de comuneiros celebrada na Casa de Montes de San Xulián, na que DEFENDE O MONTE PITUCO expoñía por primeira vez os que daquela eran os argumentos dispoñibles -co tempo iríanse sumando máis motivos- para opoñerse ao polígono industrial onde o Goberno local o quere instalar, co visto e prace economicamente interesado da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián. Acusaron a Román de intruso, de alarmista e de calificativos impronunciables por dar a súa opinión, non só persoal, senón tamén profesional. E as súas palabras non só teñen un cariz profético, senón que seguen tendo plena vixencia.

A “catarata” artificial instalada na curva que hai entre A Pena e O Caeiro canaliza unha parte da auga que baixa do monte logo de que as obras realizadas para trazar a Variante de Marín alteraran o curso natural dos regueiros. Por estes antiestéticos escalóns de formigón cae auga a mazo cunha forza considerable cando a borrasca se instala sobre as nosas cabezas, o que non deixa de ser o normal estando na terra na que estamos. O terreo que antano era unha suave vaguada pola que escorregaba a auga entre unha ringleira de carballos, agora é un terraplén vertical de terra que -a Deus grazas- se agarra porque enriba lle creceron xestas e codesos. A “catarata” foi unha pseudo-solución chapuceira, con perdón dos técnicos, que consentiu a Comunidade, moi “orgullosa” de que por riba dese inmenso recheo a empresa que facía a Variante lle montaba un merendeiro que a día de hoxe é un claro exemplo de vandalismo, deixadez, suciedade e mal gusto.

O solo que antano absorbía a chuvia, agora é impermeable. Os “técnicos” fixeron por encauzala a granel, furando o monte con fondos regos de cemento, pero a auga é rebelde e baixa descontroladamente seguindo calquera pendente do terreo. Desapareceu a vaguada e agora temos unha fervenza escalonada que chuza o torrente a unha tubaxe por debaixo da estrada. Ogallá esa canalización teña capacidade abondo e soporte o desgaste que lle provoca tanta forza de auga, porque se non, o día menos pintado a estrada de titularidade provincial vai sorprender a propios e estranos cun considerable socavón.

Do outro lado, o torrente sae disparado como pola boca nun canón. A tromba é interminable e arrasa, monte abaixo, co que atopa ao seu paso: veigas e viñas inundadas, camiños de paso imposibles de cruzar sen unhas botas de goma altas, muros derrumbados, marcos desprazados, broza arrumbada ao lados da riada… Os regos de toda a vida cavados cos legóns non dan con tanta cantidade de auga, que reborda por todas partes.

Outro dos puntos cruciais do anegamento está en Vilafíns. Neste lugar sempre houbo unha poza da que manaba auga apreciada polas súas propiedades curativas para os males da vista. Coa enchente, a poza convértese nunha piscina enlamada e o sendeiro que algúns veciños utilizan para atallar campo a través, queda inutilizado. Coas veigas anegadas, o terreo rebrandece e perxudica as colleitas. Aínda a principios de xaneiro, queda moito inverno por diante e probablemente esta non sexa nin a primeira nin a única inundación. Logo de baixar polo monte, a auga desemboca no camiño que leva ao Carballal/Viñas Brancas, saltando por riba do asfalto e anegando máis leiras.

A mala execución das obras da Variante ten parte da culpa das condicións nas que queda o centro de Marín cando caen catro gotas de máis. O concelleiro de turno atendendo as queixas dos veciños de Arealonga, que son dos primeiros en percibir os efectos da tromba que baixa do monte. A auga acumúlase en sotos e garaxes e a Policía Local ten que ir polos edificios aconsellándolles aos veciños que non garden neles os seus vehículos para evitaren males maiores. O cauce do río Lameiriña sobe alarmantemente e enche de preocupación os inquilinos das casas e dos edificios próximos. E entre as consecuencias máis graves, o desaloxo da Residencia de Maiores pola avaría da caldeira.

Agresión tras agresión, o monte devolve con creces o dano que recibe. DEFENDE O MONTE PITUCO apela a que se teñan en conta as palabras sensatas que encabezan este artigo. Construir un polígono industrial enriba mesmo de Marín, nun lugar con tanto desnivel e tan preto do núcleo urbán, sería un erro histórico imposible de reparar. Se o Goberno local segue adiante coa súa empecinada idea, e se a Comunidade de Montes non deixa de construir castelos no aire, daquela si que haberá que lamentar o famoso refrán que di: “…Daquelas poeiras, estas lameiras”.

 


Respostas

  1. […] https://montepituco.wordpress.com/2011/01/07/daquelas-poeiras-estas-lameiras/ […]

  2. […] de que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) contara con imaxes perfectamente contrastables (“DAQUELAS LAMEIRAS, ESTAS POEIRAS“) os efectos da riada que se produciu dende o alto do Pornedo ata o centro urbán de Marín, […]

  3. […] A orixe desta impactante fenda foron as chuvias dos días pasados, de cuxos danos en veigas e camiños, se informou neste mesmo blogue. Ler o artigo “DAQUELAS POEIRAS, ESTAS LAMEIRAS“. […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: