Publicado por: MontePituco | 30/12/2010

QUEIXAS AO VALEDOR DO POBO

Nesta recta final do ano, o artigo de hoxe vai dirixido a todas as persoas que queiran sumarse a unha campaña que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) estivo levando a cabo nos últimos días para transmitirlle ao Valedor do Pobo o rexeitamento da cidadanía pola actitude antidemocrática, arrogante e despectiva do alcalde de Marín, Francisco Veiga, absolutamente impropia dun cargo público. Referímonos, como non, á súa deplorable intervención no pleno ordinario municipal do pasado día 10:

PLENO DE DECEMBRO (I): A TRANSCRICIÓN

PLENO DE DECEMBRO (II): IMOS POR PARTES

PLENO DE DECEMBRO (III): O VIDEO

A vía máis rápida e cómoda para dirixirse ao Valedor do Pobo é a través da páxina web desta institución. Preme na seguinte ligazón:

WEB DO VALEDOR DO POBO: QUEIXAS POR INTERNET

Tan só hai que cubrir os datos personais que require: nome e apelidos, DNI, enderezo postal, e expoñer os motivos da queixa. Quen o desexe, pode copiar e pegar o modelo de texto que segue a continuación.

MOTIVOS:

Que nos meses de abril, xuño, xullo, setembro, novembro e decembro de 2010, a asociación Defende o Monte Pituco presentou a través do Rexistro Xeral do Concello de Marín diversas solicitudes de entrevista co alcalde desta localidade, Francisco Veiga, para explicarlle, por un lado, os motivos que segundo este colectivo fan inviable a construcción dun polígono industrial no Monte Pituco, tamén denominado polo topónimo tradicional de Pornedo; e por outro, para presentarlle o proxecto de creación do denominado Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, no que se inscribe o propio Monte Pornedo.

Ningunha desas peticións formais foi contestada ata que, no pleno do pasado 10 de decembro, os concelleiros Isabel Martínez Epifanio e Miguel Suárez Briones, de Marinenses Independentes, intercederon por Defende o Monte Pituco formulando -no apartado de rogos e preguntas- unha interpelación dirixida ao alcalde, que se transcribe literalmente a continuación:

-Isabel Martínez Epifanio: “…Nesta lexislatura presentamos unha proposta de participación cidadá que non sae adiante nunca. Claro, non se lle pode dar voz á xente que asiste aos plenos e entón temos que serlles intermediarios os que formamos parte da Corporación. Existe unha asociación que se chama Defende o Monte Pituco que ten pedidas entrevistas con vostede en abril, xuño, xullo, setembro, novembro e decembro e aínda non foi recibida. Creo recordar que todos os partidos políticos levabamos nos nosos programas electorais aquelo da atención aos veciños, que os veciños participen, que os veciños veñan, que van ser recibidos en todos lados. Gustaríame saber, señor alcalde, cando vai recibir a esta asociación?”.

-Francisco Veiga: “Con respecto á participación cidadá, relacionado coa asociación Defende o Monte Pituco, a súa portavoz sabe perfectamente cal é A MIÑA OPINIÓN sobre o tema. TIVEMOS UNHA CONVERSA, CREO QUE TELEFÓNICA E OUTRA NAS ESCALEIRAS DESTE EDIFICIO, ONDE SE LLE TRASLADOU O QUE PENSO sobre a súa postura e en concreto o que hai sobre a área empresarial industrial do Pituco. E NON TEÑO MÁIS QUE DICIR SOBRE O ASUNTO, PARA REPETIR O MESMO, NON…”

-Isabel Martínez Epifanio: “…Pero se alguén pide unha entrevista con vostede…”

-Francisco Veiga: “Con respecto ao alumeado navideño…”

-Miguel Suárez Briones: “…As entrevistas co alcalde van ser a partir de agora, polo que vostede di, nas escaleiras do Concello ou van ser vía telefónica, e aínda que vostede teña unha postura ben coñecida con respecto a parques industriais, se alguén lle pide unha entrevista, o lóxico e o cortés é recibilo e contestarlle…”.

Quen suscribe considera que a resposta do alcalde de Marín, Francisco Veiga, é impropia dun cargo público que se debe á cidadanía e que ten a obriga institucional de atender as necesidades e as inquedanzas da veciñanza, polo que a actitude do alcalde lle resulta reprobable. Ademais de manifestar a súa queixa pola actitude do rexedor municipal, quen suscribe tamén se dirixe ao Valedor do Pobo coas seguintes

PETICIÓNS:

-Que se pronuncie sobre a idoneidade dunhas escaleiras como escenario para que un alcalde atenda a unha asociación, ou a pertinencia dunha conversa telefónica como vía para comunicarse oficialmente cuns veciños.

-Que teña a ben dirixirse ao titular da Alcaldía de Marín para que se aveña a escoitar -nunha entrevista formal- os plantexamentos lexítimos da asociación Defende o Monte Pituco.

-Que visite o Monte Pornedo para coñecer “in situ” a orografía do terreo, os elementos da arte rupestre que se atopan na zona, a situación dos mananciais naturais que regan as aldeas próximas e o trazado do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que se deseñou para poñer en valor os montes de Marín, Pontevedra e Vilaboa.

As queixas tamén se poden cursar por correo electrónico, enviando os datos (nome e apelidos, DNI e enderezo postal) e explicando a situación, aos enderezos de correo electrónico: valedor@valedordopobo.com e rexistro@valedordopobo.com

E por fax, enviando un escrito ao número 981 572 335. O modelo de instancia facilitámolo no seguinte documento: ESCRITO AO VALEDOR.

Moitas grazas, unha vez máis, pola visita ao blog, pola participación e pola solidariedade.

Un saúdo afectuoso dende o MONTE PITUCO (PORNEDO).


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: