Publicado por: MontePituco | 12/01/2011

OUTRA OLLADA ÁS EXCAVACIÓNS D’A LANZADA

Grazas á reportaxe gráfica que Xoán Arco da Vella nos ofrece do campo de excavacións d’A Lanzada, voltamos falar deste destacado e exitoso proxecto arqueolóxico e científico que está impulsando a Deputación Provincial de Pontevedra cunha importante inxección de cartos europeos. En DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) levamos tempo facendo un amplo seguemento desta encomiable iniciativa de posta en valor do patrimonio histórico e cultural, para demostrarlle todo o contrario aos parroquianos que nos ladran dicindo que “as pedras non dan de comer”.

Na Casa de Montes As Canteiras, en Noalla, daba auténtica envexa ver a sala chea de comuneiros e veciños da zona -nenos, mozos e vellos- cada vez que os arqueólogos organizaban charlas abertas ao público para iren informando do resultado dos seus traballos. E os comuneiros participaban moi activamente, opinaban, preguntaban todo canto se lles ocorría, por pura curiosidade, e agradecíanlle ao equipo de arqueólogos o seu esforzo por recuperar ese antigo castro da Idade do Ferro que estivo atraendo a atención de milleiros de visitantes que acudiron ata A Lanzada para ver como ían evolucionando os achados.

Ogallá en San Xulián houbera esa receptividade por parte da Comunidade de Montes ao proxecto de creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS. Tan boa acollida como a que lle deron nas Comunidade de Montes de Salcedo, de Lourizán e de Vilaboa. Mais en San Xulián van contracorrente: a enganosa expectativa de que o monte se vaia converter nun polígono industrial fai que nas pupilas dos seus ollos se ilumine o símbolo do euro. A costa de reventar -literalmente- o monte, cren no espellismo de engordar os seus petos e as súas contas correntes con cartos, comisións e prevendas que lles permitan seguir hipnotizando a veciñanza con promesas de enriquecemento fácil e rápido.

Estivemos en setembro visitando o campo de excavacións d’A Lanzada e soñamos con que no Pornedo e nos Sete Camiños fora posible algo así: un traballo de acondicionamento dos petroglifos existentes, un estudo pormenorizado das mámoas, un roteiro que guiara aos visitantes polos puntos de interese rupestre e paisaxístico. Mais non percibimos en San Xulián esa sensibilidade; ao contrario, abundan os individuos sospeitosos de poder danar intencionadamente ese patrimonio que está protexido por lei. Pero que lei van respectar se o único norte que persegue a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián (e esa agrupación-satélite que acaban de montar) é o beneficio económico, non en base á explotación racional do monte, senón á súa destrucción definitiva.

Turismo, divulgación, arqueoloxía, cultura, medio ambiente, xestión forestal sostible… son conceptos inasequibles para mentes cativas e sen altura de miras.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: