Publicado por: MontePituco | 29/01/2011

…E AGORA, MUIÑOS EÓLICOS

O Colectivo Nacionalista de Marín, sempre atento a canto lle afecta negativamente a esta vila e ao conxunto da nosa bisbarra, alerta agora da posibilidade de que a paisaxe e os montes do Morrazo volvan ser vítimas dunha nova agresión. As gadoupas das empresas enerxéticas, que xa danaron o Monte do Seixo e que agora ameazan a Serra do Galiñeiro, tamén planean sobre as inmediacións de Chan de Arquiña, onde se localiza un dos puntos de maior interese arqueolóxico da provincia. A continuación, a nota informativa do Colectivo Nacionalista de Marín.

No DOG do martes, 28 de decembro de 2010 , foi publicada a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos na Galiza. Nesta resolución concédeselle á empresa Enel Green Power España, S.L.autorización para a instalación dun parque eólico na zona de PEDRAS NEGRAS, no Morrazo, cunha potencia de 42 MW.

O lugar onde, case con toda a seguridade, queren ubicar o parque eólico é XUSTO DETRÁS DA ÁREA FORESTAL DE CHAN DE ARQUIÑA, a máis de 500 metros de altitude, preto do nacemento do río dos Ladróns (afluente do río da Fraga) e entre as dúas cotas máis altas do Morrazo, entre o Monte Faro e o Coto do Home, e así mesmo integramente dentro do espazo natural Montes do Morrazo catalogado como solo rústico de protección de espazos naturais. Está dentro da distribución de hábitat natural prioritario, queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix a nivel europeo.

A escasa distancia está a área patrimonial da mámoa de Chan de Arquiña e o seu parque forestal. Ao estar na zona máis alta da península tamén posúe excelentes vistas panorámicas das Rías Baixas e das serras e montes do interior. A zona de Pedras Negras encóntrase incluída nos MONTES DO MORRAZO, protexida polas normas provinciais e polo tanto, segundo declaracións de representantes da Xunta, polas Directrices de Ordenación do Territorio.

Non confiabamos daquela nesas declaracións e menos agora en que se confirma a falla de protección dos Montes do Morrazo e de Cotorredondo para poder colocarnos parques eólicos e industriais. Estamos ante unha NOVA AGRESIÓN MEDIOAMBIENTAL E PAISAXÍSTICA que se vén sumar aos parques industriais proxectados en Marín, Moaña e Cangas, e á ampliación da via rápida do Morrazo e a continuación da variante de Marín, cuxas consecuencias desastrosas podemos comprobar nos pasados días de chuva.

A instalación de parques eólicos non vai traer ningún tipo de riqueza e escasos postos de traballo, tan só na súa construción, e vai provocar unha alteración da paisaxe na zona máis alta da península do Morrazo, Pedras Negras. Os muíños de vento ademais de ser antiestéticos provocan danos na fauna, afectando fundamentalmente ás aves. Marín, e o resto do Morrazo, teñen riquezas paisaxísticas, naturais, monumentais e arqueolóxicas abondo para desenvolver proxectos máis interesantes economicamente e que van ser inviábeis de levarse adiante os parques eólicos e industriais previstos.


Responses

  1. Isto dos muíños eólicos xa está a chegar a unha situación bastante ridícula

    Xa sabemos que este muíño, ademais de estragar a paisaxe, non vai dar postos de traballo.
    Gustaríame saber para que se vai aproveitar a enerxía deste muíño.
    Se polo menos servira para darlle enerxía á península do Morrazo e facer que todos nós aforraramos o recibo da luz, nos tempos que corren, aínda tería un pase.

    Eu, coma veciña mal pensada que son, opino que sólo poñen este muíño para facerlle gasto ós fabricantes.

    • Pois nós, como veciños mal pensados e realistas que somos, opinamos que a instalación destes muiños é a complicidade coas empresas que os instalan e cos pingües beneficios económicos que obteñen pola venda desa enerxía onde mellor lla pagan.
      Con falsas promesas de postos de traballo e de ingresos para os comuneiros dos montes afectados, así é como nos meten os “goles” dos que nos acabamos lamentando o resto da vida. En San Xulián, u-los cartos que se embolsou a Comunidade de Montes polo trazado sangrante da variante de Marín? U-las ganancias polo paso da liña de alta tensión? En que se investiron? Cando se informou do destino que se lles deu a eses euros? U-la transparencia e a boa xestión? Os directivos débense estar laiando de que Pedras Negras non estea no ámbito territorial de San Xulián, para chuzar parque industrial, muiños eólicos… e canta “trapallada” haxa que lles reporte “pelas”: que non atopan reubicación para Ence? ao Pituco! que buscan lugar para unha depuradora? ao Pituco! a subestación eléctrica que rexeitades na Brea? ao Pituco! a depuradora que instalaron en Pastoriza? ao Pituco tamén! Todo canto lles supoña encher a andorgha, benvido sexa, dirán eles: eu mo guiso, eu mo como!

  2. […] ambiental que o Goberno autonómico pretende autorizar nos Montes do Morrazo (ler o artigo “…E AGORA, MUIÑOS EÓLICOS“), agora é a organización ecoloxista Luita Verde a que tamén rexeita a posible […]

  3. […] E AGORA, MUIÑOS EÓLICOS […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: