Publicado por: MontePituco | 17/02/2011

3º ANIVERSARIO DE ALMUINHA: PARABÉNS

Queremos felicitar á Asociación Cultural Almuinha porque estes días cumpre o seu terceiro aniversario. Queremos darlle as grazas por estar ao carón de Defende o Monte Pituco dende o principio, achegando ideas interesantes, contribuindo de xeito solidario nas campañas de apoio e nas xestións ante a Administración, e participando activamente no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. E queremos desexarlle moitos azos para seguir traballando a prol da cultura e do desenvolvemento social de Marín. Parabéns polo camiño percorrido, e boa andaina ao longo da senda que está por diante.

De Almuinha temos sido partícipes das charlas sobre historia e patrimonio, dos foros sobre chan industrial, das súas actividades de recuperación de tradicións ou de dinamización da mocidade. Nos seus comezos, Almuinha destacaba por organizar actividades fóra do común, de estar ao tanto da “vangarda” cultural galega e poñer en marcha en Marín iniciativas que se levaban a cabo con éxito noutras vilas e cidades. Nos seus inicios lembramos, por exemplo, a ceiba de libros, tamén coñecida como bookcrossing, que facían pedindo colaboración a particulares e empresas, con pouca ou ningunha axuda institucional.

…Vén isto a conto de que o Concello está organizando unha liberación de libros en datas próximas ao 23 de abril, co gallo de conmemorarse precisamente o Día do Libro. Mais, como cadra en plena Semana Santa, a acción vaise adiantar ao día 15 para que poidan participar os centros de ensino. O Concello vai recoller libros usados en colexios e asociacións para ceibalos no contorno do palco da música na Alameda. Con Almuinha, que xa ten traballado na organización desa actividades, non contactaron para ofrecer participación ningunha. Quizais a súa experiencia, aínda que fora modesta, puidera ser útil para o éxito da proposta. Se a dinámica que aplican dende a Concellería de Educación non é axeitada, pódese repetir o que -negativamente- aconteceu en Pontevedra o pasado ano por tal efeméride, cando centos de persoas acudiron á Praza da Ferrería para facerse con libros de balde, empurrándose unhas a outras, coma se fora unha rapiña. Sería unha mágoa que unha acción ideada para servir á promoción da cultura escrita acabara desvirtuada. Ogallá o Concello atine no enfoque da actividade, que sexa participativa, que se desenvolva de xeito elegante, comedido e respectuoso cos libros e cos lectores.

…Seguro que Almuinha non pasará por alto o Día do Libro nin ningunha outra data significativa para seguir animando a dinámica social de Marín, sempre atentos e atentas á actualidade, con actividades que respostan aos intereses e ás inquedanzas da veciñanza.

(Nas imaxes, momentos da presentación do documental do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, no anterior local de Almuinha, en novembro do pasado 2010).


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: