Publicado por: MontePituco | 16/02/2011

LEI DE AUGAS (ENÉSIMO)

O mesmo día que a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Pilar Blanco citaba aos habitantes de San Xulián a unha asemblea para expoñerlle o punto de vista do seu partido, o BNG, sobre a Lei de Augas que entrou en vigor o pasado mes de novembro, a Asociación de Veciños de San Xulián enviáballe un escrito ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para pedirlle información sobre esta normativa. O contido da súa carta figura a continuación e tamén se pode ver no blog de BreaSeixo.

“A nova Lei 9/2010, de Augas de Galicia, establece unha bonificación do 90% no canon da auga para os usos domésticos con captacións propias (pozo, mananciais, etc,), así como para as comunidades de usuarios”.

 “Sobre a aplicación concreta do canon, cómpre diferenciar entre pozos particulares e comunidades de usuarios. Para os primeiros, o importe do canon, unha vez deducida a bonificación do 90%, será dun importe tan baixo que fará antieconómica a súa esixencia … Polo tanto, aínda que non existe unha exención expresa na Lei para os pozos particulares, estarán “exentos” do pagamento do canon, por representar un importe cuxa esixencia resultaría un custo superior do que se percibiría pola súa repercusión”.

“A modo de exemplo, para unha familia de 3 persoas que se abastezan de traídas veciñais e que consuman unha media de 5 m³ por persoa e mes, co novo canon da auga pagarían 43 céntimo ao mes por toda a familia. É dicir, 14 céntimos ao mes por persoa. Unha cantidade minúscula que en ocasións non fará rendible o seu cobro, e que, en todo caso, entendemos que resulta perfectamente asumible”.

Estes son algúns dos parágrafos máis significativos do escrito que rubrica Agustín Hernández. Dende principios de ano vimos asistindo a unha guerra electoralista entre o BNG e o PP a respecto desta lei que a Xunta insiste en que ten que aplicar para que Galicia cumpra coa normativa europea, e asegurando que o canon galego será o segundo máis barato de España. Despois de que os nacionalistas percorreran o rural marinense revolucionando a paisaxe e a paisanaxe, os seus homólogos de Cotobade colleron o testigo e levan dúas semanas facendo tres cuartos do mesmo: o luns, en Tenorio, hoxe en Carballedo, o venres irán a Valongo, e seguirán o fin de semana en Caroi e San Xurxo de Sacos. Que dura é a vida dos candidatos do BNG, vaia senvivir!

E así como María Ramallo en Marín trouxo ao presidente de Augas de Galicia para intentar -con máis ou menos éxito- calmar os ánimos que os nacionalistas deixaran caldeados, tamén o PP de Cotobade sae hoxe á palestra para acusar o BNG de “mentir con descaro, facendo campaña electoral, baseándose en mentiras, medias verdades, falsidades e manipulacións”. Os populares de Cotobade volven recalcar que “a pesar dos importantes esforzos do BNG por manipular a realidade, o certo é que os pozos particulares e as traídas veciñais e comunitarias non terán que pagar polo consumo de auga, ao igual que os usos gandeitos, agrícolas e forestais, que tamén quedan exentos do pago do canon”. E para rematala, pídenlle ao BNG de Cotobade “que se preocupe máis polos cartos que lle supoñen aos veciños as dedicacións parciais” -en Marín o BNG ten dedicacións exclusivas- “dos concelleiros nacionalistas, cartos tirados cos que se poderían destinar para proxectos de traídas de augas en moitas parroquias”.

Non falta moito para que os contribuintes acabemos sabendo quen di a verdade sobre as consecuencias da posta en marcha real da Lei de Augas. Polo pronto, xa sabemos que esas charlas que deron Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa, amparándose no escudo oficial do Concello de Marín, servían en realidade á causa do BNG. Como xa se contou neste mesmo blog, nun artigo titulado “NON COA MIÑA SINATURA”, estes concelleiros non se cortaron un pelo en facer propaganda das iniciativas parlamentarias adoptadas polo seu partido. E aínda que as sinaturas que foron pescando ían disfrazadas cun traxe municipal simulado, o certo é que serviron á causa das súas siglas políticas particulares.

(O portavoz nacional do BNG estivo acompañado pola secretaria de Organización, Montse Prado, a portavoz parlamentar de Medio Ambiente, Isabel Sánchez; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Rubén Cela, candidato á alcaldía de Santiago; Adolfo Muíños, concelleiro do BNG e candidato á alcaldía de Rianxo; Matías da Torre, portavoz municipal de Silleda; Anabel Gulías, candidata á alcaldía de Forcarei; Raquel López Doce, portavoz municipal e tenenta de alcalde da Estrada; Secundino García, alcalde de San Sadurniño; Francisco da Silva, candidato á alcaldía das Pontes; Gonzalo Castro, portavoz municipal e candidato á alcaldía de Ordes; Xosé María Pérez, portavoz municipal de Frades; Fernando Herrero, portavoz en Soutomaior; Xoán Blanco, portavoz en Vila de Cruces, e Martiño Noriega, alcalde de Teo).

Hoxe tamén é noticia que o BNG presentou no Parlamento 14.000 sinaturas pedindo a supresión da Lei de Augas. Xunto co voceiro nacional do BNG ían alcaldes e candidatos nacionalistas ás próximas eleccións locais. Na súa páxina web, infórmase que “a campaña informativa do BNG vai continuar ao longo dos vindeiros meses con máis charlas e recollida de sinaturas, cómpre salientar que, até o momento, celebráronse 200 charlas ás que asistiron preto de 8.000 persoas”. Están incluidas nesas cifras as asembleas convocadas pola Concellería de Medio Ambiente de Marín? Están incluidas nesas cifras os veciños de Marín que acudiron a informarse nos encontros organizados polo Concello, non por un partido? Mentía Pilar Blanco cando a voceira de Mar-In, Isabel Martínez, preguntou no pleno celebrado en xaneiro pola titularidade desas charlas, e recibiu como resposta que esas xuntanzas non tiñan que ver co BNG, senón coa Concellería de Medio Ambiente? Parafraseando o título de certa película (“¿Por qué lo llaman amor cuando quieren decir sexo?”) …por que lle chaman “información” cando queren dicir “oportunismo”?

Temos Lei de Augas ata na sopa. Nunha recente comparencia, o Sindicato Labrego Galego tamén se posicionaba en contra deste regulamento. Un dos seus representantes, Manuel Docampo, explicou: “…As competencias sobre a auga foron transferidas polo Estado Español á Xunta no ano 1986, a través do Real Decreto 2.792. O feito de cederlle estas competencias a unha empresa como Augas de Galicia que, dende o punto de vista xurídico, funciona como unha sociedade anónima (ao ser Augas de Galicia un organismo de dereito privado), fai que a lei impulsada pola Xunta podería estar raiando a inconstitucionalidade”.

E para que quede constancia do que opinan todas as partes, de maneira que cada persoa se poida informar autonomamente e sacar as súas propias conclusión, a continuación segue un documento elaborado polo Sindicato Labrego Galego no que, ademais de compartir “a grosso modo” o exposto polo BNG nas súas charlas, conclúen pedindo: a derrogación da Lei de Augas; que as augas sigan sendo un ben público universal, sen prezo para as necesidades básicas das persoas e da produción de alimentos; que a planificación a xestión e o subministro das augas sexa público, tendo en conta a súa función social; priorizar o consumo humano, dos animais e os usos agrarios a pequena e mediana escala; o subministro e a depuración deberán ser públicos, pagandose só no caso de que se realice o servizo e o prezo non pode exceder do custe deste, descontando as subvencións; que o prezo a pagar polo servizo de subministro e depuración debe estar en función da renda do usuario/a.

SINDICATO LABREGO GALEGO SOBRE A LEI DE AUGAS


Responses

  1. Ben, a xunta minte descaradamente. Non quero poñerme departe do BNG que é oportunista e electoralista, pero aquí vai pagar todo dios.
    Na lei a única exención e para as explotacións agrícolas que depuran os verquidos de auga, ou sexa ningunha, e unha redución do 50%.
    Non lle afecta so ao rural, tamén aos que temos traida municipal que vamos pagar o canon.
    O SLG non está influenciado polo BNG, ten demostrado a súa independencia moitas veces.

    • Nos tamén lemos a lei e o noso posicionamento é o mesmo que o exposto nos primeiros artigos adicados a este tema. Á vista do texto legal publicado no DOG, a información non casa co que expón a Xunta, pero tampouco é a apocalipse que foi pintando o BNG nas súas charlas organizadas, insistimos, baixo o paraugas do Concello. Como se lle chamaba a iso? …Uso clientelar da política, pode ser?
      Cando relacionamos a exposición que fai o SLG no documento que se pode descargar ao final do artigo, coas intervencións que foi facendo o BNG polas parroquias, referímonos a que ambos se basean nos parámetros que figuran na lei. Cómpre recoñecer, iso si, que o documento do SLG está moito máis “currado” que o cutre-panfleto-powerpoint que foi amosando por aí o BNG. Que por non poñer (ou saber), en vez “m³” poñía en todas partes “metro cúbico”. Sería para ocupar máis.
      …Obrigados pola visita e polo comentario.

  2. Comparto na súa maior parte a túa exposición e tamén a intervención de Gandalf, pero comezo a desconfiar cando certas cuestións delatan máis ben as xenreiras persoais, que acaban por facerme dubidar de todo o aquí exposto. Por lle chamar parvos e ignorantes a estes dous representantes do goberno municipal de Marín rematas cunha observación que está totalmente fóra de lugar e que, ademais de demostrar esa tirria cara a esas persoas e a esas siglas, tamén pecan daquilo do que acusan: m3 e metro cúbico son formas válidas, unha é un símbolo e a outra a forma plena, a primeira non exclúe a segunda, nin a segunda a primeira. Dino as gramáticas e os manuais de estilo dos periódicos ou as universidades. Aínda máis, demostra que quen fixo o powerpoint tiña en conta (supoño) que o público destinatario ía ter máis claro o de “metro cúbico” que o de m3, iso chámase dominar a oratoria e as técnicas de marketing básicas. En conclusión, é un acerto. O dito, este tipo de comentarios superfluos están fóra de lugar e acaban por evidenciar algunahs cousas e empañar a obxectividade. Un saúdo.

    • Xenreira, tirria, super…fluidez?? Trabúcaste cando pretendes cuestionar a credibilidade deste artigo, ou de todos os artigos en xeral publicados, “evidenciando” que por parte de quen teclea estas liñas hai animadversión “persoal” contra os destinatarios das críticas. A discrepancia IDEOLÓXICA -que non necesariamente política e/ou partidista- é moi saudable, sobre todo cando se presenta de forma ARGUMENTADA, e máis aínda, cando se adobía cunha nota de hilaridade. O comentario ao que aludes sobre a representación escrita desa unidade volumétrica, fora coas palabras “metro cúbico” ou coa súa abreviatura “m³” (elevado a 3, que non m3, xa que nos poñemos tan “academicistas”) está feito nun ton absolutamente CHOCARREIRO e irónico. E aínda que non fora por iso, reafírmome na simpleza da presentación ppt (…sobre marketing, pedagoxía, oratoria e libros de estilo múltiples e variopintos podemos discutir noutro intre). Salta á vista que captaches á perfección o sentido humorístico desas palabras, pero que che interesa “sacarlles punta” e “manipulalas” para empañar todo o demais, que é o que verdadeiramente conta. Quedácheste coa anécdota en vez de comentar a esencia. Por iso, aínda que respectada, a túa opinión non é compartida. En calquera caso, grazas pola visita ao blogue e polo teu tempo. Re-saúdo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: