Publicado por: MontePituco | 04/05/2011

AS COMUNIDADES DE MONTES SOBRE O GANDO MOSTRENCO

 

Nos últimos días saíron á palestra mediática os propietarios de cabalos que pastan ceibes no monte e organizan os típicos curros para agrupar e marcar o gando. Estes eventos poden deixar de celebrarse ante a negativa dos gandeiros a identificar as reses cun chip, alegando razóns de tipo económico. A directiva da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común reuniuse hoxe en Pontevedra con representantes das Mancomunidades de Montes de Pontevedra, Ponte Caldelas, Monte Castrove, O Morrazo, Redondela e Val Miñor para achegar o seu posicionamento nesta polémica, que pasa por esixir o cumprimento escrupuloso da lexislación vixente. A continuación, o comunicado que deron a coñecer: 

1.- Tanto a ORGACCMM como as Mancomunidades da provincia de Pontevedra defenden a presenza de gando equino nos montes veciñais, por considerala beneficiosa para o control do mato e a prevención de incendios forestais. Esta presenza debe cumprir todas as condicións ás que obriga a lexislación actual e aconsella a xestión racional: debe contar co correspondente plan de explotación no que se especifiquen as parcelas dedicadas a este recurso, a carga gandeira de cada unha, o establecemento de pastos de tempada e outras características. Este plan de explotación debe estar visado pola Administración pública, formará parte do Plan de Ordenación dos Montes e ten que ser aprobado polas Asembleas Xerais das comunidades de montes afectadas. 

2.- Tanto a ORGACCMM como as Mancomunidades da provincia de Pontevedra apoian as iniciativas de explotación silvo-pastoril (combinación integrada de usos forestais e gandeiros) ou outros modelos de explotación do gando no monte que signifiquen un avance na súa xestión económica, social e ecolóxica, a posta en valor dos terreos veciñais e unha mellora na calidade de vida dos veciños. Nos últimos anos foron aparecendo por toda Galicia iniciativas promovidas por comunidades de montes, asociación de propietarios de cabalos e particulares, que están desenvolvendo proxectos como a xestión do gando cabalar con fins turísticos, terapéuticos, educativos, recreativos, de producción cárnica, de mellora xenética, de investigación científica, etc. O agrupamento dos gandeiros en asociacións, os acordos coas comunidades de montes e a elaboración dos plans de explotación son pasos indispensables cara a unha xestión racional deste recurso.

Un inciso: como exemplo desas iniciativas conxuntas entre comuneiros e gandeiros, as comunidades do Barbanza foron pioneiras en chegar a ese tipo de acordos reguladores que non foron nada doados o principio. Na actualidade, a comunidade de montes de Santomé, en Marín, está traballando na dotación dun espazo cercado no seu ámbito territorial para acoller este tipo de actividade. Ler o artigo titulado “CABALOS CEIBES, OUTRA ASIGNATURA PENDENTE“. 

3.- A provisión dun chip electrónico a cada animal, ou calquera outro medio que realice esta función, é un paso indispensable para esa xestión racional e sustentable, pois permite ter o gando identificado, controlado e saneado. O uso deste chip vén regulado polo Decreto 268/2008, do 13 de Novembro, polo que se establecen as normas, o rexistro e a identificación dos animais equinos. 

4.- O comunicado difundido polas asociacións de propietarios de cabalos A Groba, Serra do Suído, O Castrove, Monte Acival, A Valga, Monte Galiñeiro e Morgadáns, reunidos o pasado 22 de abril, no que ameazaban con non celebrar os curros se a Xunta de Galicia lles obriga a implantar o chip nos seus cabalos, causou decepción, malestar e mesmo indignación nas comunidades de montes afectadas. Non entenden que as citadas asociacións de propietarios de cabalos, que deberían promover entre os seus asociados a realización de proxectos que modernicen o sector e que deberían encabezar iniciativas de entendemento coas comunidades de montes para a mellora da explotación dos recursos do monte e a obtención de subvencións das administracións públicas, dean cobertura e protección a propietarios de gando cabalar (que non se poden chamar gandeiros) que se distinguen xustamente polo contrario: ausencia case total de xestión do gando, abandono dos animais, maltrato animal, etc; co conseguinte descontrol da cabana que provoca danos moitas veces cuantiosos en montes e cultivos, e accidentes de tráfico. 

Outro inciso: só en Pontevedra calculan que os danos provocados nas plantacións forestais polos cabalos e vacas ceibes que rillan e tripan os cultivos ascende a 600.000 euros, dos cales a metade rexistráronse na comunidade de Santa María de Xeve. 

5.- A información aparecida na prensa sobre a reunión do Conselleiro de Medio Rural con estas asociacións de propietarios de cabalos tamén é decepcionante. Unha vez mais, a Xunta de Galicia volve permitir o movemento ilegal de gando, o incumprimento da lei e a impunidade dos causantes de danos importantes nos montes. Unha vez máis o Conselleiro de Medio Rural trata cos propietarios dos cabalos soltos da súa problemática sen requirir a presenza das comunidades de montes, propietarias dos terreos onde se crían os animais, por máis que sexa sabedor de que non pode haber gando no monte sen autorización dos comuneiros e de que son eles os únicos propietarios dos recursos gandeiros dos montes veciñais. Unha vez máis a Consellería de Medio Rural amosa o seu desprezo e a súa incompetencia cara ao monte veciñal e ás comunidades de montes. 

6.- Proba do anterior é que o Conselleiro de Medio Rural chega a acordos cos propietarios do gando ilegal e non trata o tema cos propietarios do recurso (os pastos), que son as comunidades de montes. Aínda máis negativo e absurdo é que as axudas para a prevención de incendios subvencionan a limpeza de monte raso, favorecendo a este gando, e non o desbroce de masas arboradas. Parece clara a política de desordenar os usos do monte que favoreza o seu abandono, paso previo á súa privatización. 

7.- Non é certo que o problema principal para a protesta destas asociacións sexa o prezo do chip, que en ningún caso custaría 40 €, como din. O anterior goberno bipartito ofreceu subvencións do 90 % (co cal o chip custaría 4 €), que mantivo o goberno actual ata o pasado ano, cunha acollida moi minoritaria dos propietarios dos cabalos. Este ano a subvención é do 75 % e a acollida segue sendo minoritaria. Xa que logo, o prezo do chip non é a causa real da protesta.

8.- A verdadeira causa da negativa a implantar o chip nos cabalos que teñen no monte é o control que se podería establecer sobre esta cabana que está, na súa maior parte, en situación ilegal e sumerxida, que moitas veces está abandonada e que provoca anualmente danos superiores ao do seu valor económico.

9.- Esta cabana está ilegal porque a día de hoxe hai un importante corpus lexislativo que establece a obriga de contar coa autorización dos propietarios do terreo para ter gando no monte. Especificamente a Lei 3/2007, de prevención e defensa dos incendios forestais, establece no seu artigo 41 que “a persoa física ou xurídica titular do monte é a propietaria dos aproveitamentos forestais producidos nel, nos que se inclúen os pastos”. A explotación destes pastos deberá estar expresamente incluída no plan de ordenación do monte. Actualmente, soamente unha mínima parte do gando solto no monte conta co necesario acordo coa comunidade de montes propietaria dos terreos, e aínda máis pequena é a parte do gando solto que conta con plan de explotación. Xa que logo, a gran maioría dos cabalos soltos no monte son gando ilegal.

10.- O argumento esgrimido polos propietarios de cabalos para manter esta situación ilegal de que é un aproveitamento tradicional dos montes de Galicia e que sempre se fixo así. É un argumento falso. A situación actual nunca se deu tradicionalmente en Galicia. Nalgunhas comarcas era tradicional o pasto con gando solto nos montes, pero sempre identificado e controlado, pois o proceso de identificación facíase precisamente nos curros. Hoxe dáse o caso paradoxal de que os cabalos marcados nos curros, cando provocan danos en cultivos, non son recoñecidos polos propietarios, malia teren claras as marcas. Como se chama aquel que di ignorar as marcas dos cabalos que causan danos para encubrirse ou encubrir a outro propietario?

11.- Tampouco tradicionalmente se producían os danos actuais, que son cuantiosos en montes e cultivos de particulares. Soamente nos últimos anos, nas comarcas onde pastan os cabalos ceibes das anteriores asociacións, causaron danos por valor de varios millóns de euros nas plantacións forestais realizadas polas comunidades de montes con fondos propios e subvencións, ademais dos danos nos cultivos de particulares. Deste danos, soamente foi restituída unha pequena parte dos causados aos particulares, quedando os demais impunes. A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da Provincia de Pontevedra consideran que as asociacións de propietarios de cabalos queren manter esta situación coas súas ameazas e protestas, pois a implantación do chip permitirá a identificación dos propietarios dos cabalos causantes dos danos por parte da Garda Civil e dos fiscais na colocación de pexas e trancas.

12.- Estes propietarios pretenden continuar con esta situación ilegal, inxusta e insustentable. Pretenden que os cabalos sigan vivindo do que haxa no monte, sen proxecto nin investimento ningún, mentres comuneiros e particulares teñen que apandar cos importantes danos que periodicamente provoca a súa falta de xestión. Pretenden tamén que as comunidades de montes, que son as que poñen os recursos e case nunca obteñen ningún beneficio, corran cos gastos dos accidentes de tráfico provocados pola mala xestión destes cabalos soltos. Son eles, coas súas posturas irracionais, os que están a provocar a desaparición dos gando solto no monte.

13.- A súa negativa a identificar os seus cabalos levounos a desprezar as xenerosas subvencións que a Xunta de Galicia ofreceu no 2008 para a colocación dos chips electrónicos, a produción cárnica, actividades de lecer, turísticas, terapéuticas, educativas e de investigación científica. Todo para non facerse responsables dos danos que causan os seus cabalos por culpa da súa falta de xestión. Mesmo actualmente non queren aproveitar as axudas que teñen accesibles a través do programa Leader 2007/2013 da Unión Europea.

14.- A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da Provincia de Pontevedra seguirán perseguindo este gando ilegal que lles causa tantos danos e lles impide a xestión integrada e a posta en valor dos montes veciñais, e denunciando os propietarios destes cabalos (non son gandeiros, son outra cousa) ante as forzas de seguridade e os tribunais, por prácticas depredadoras que saquean os recursos do monte dun xeito contrario a calquera xestión sustentable. Ao mesmo tempo, declaran seguir abertos a establecer o diálogo a todas aquelas asociacións cabalares que queiran regularizar e legalizar a situación dos seus animais, e establecer plans de explotación beneficiosos para todas as partes.

15.- A Xunta de Galicia ten as competencias na ordenación dos usos do monte e debe esixir a identificación do gando solto. Vista a postura contraditoria da Consellería de Medio Rural sobre a implantación do chip, solicitarase unha entrevista urxente co Conselleiro para coñecer a posición da Xunta de Galicia sobre o tema e as medidas a tomar para o cumprimento da legalidade vixente. 

16.- A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da provincia de Pontevedra promoverán, na reforma lexislativa dos montes que prepara a Xunta de Galicia, a inclusión da obriga de que todo o gando solto que estea no monte veciñal debe estar identificado e saneado, ademais de autorizado pola comunidade titular das terras. Ademais debe especificarse que o gando que non estea regularizado, previa denuncia dos propietarios das terras, deben ser retirado do monte pola Consellería de Medio Rural. 

Velaquí outro tema conflictivo sobre o presente e o futuro do monte veciñal. A postura da Organización Galega de Comunidades de Montes parece razoable: non ten sentido facer un investimento económico no monte -en ocasións coa contribución da Administración pública, é dicir, con cartos dos cidadáns- para que a finalidade dese gasto -a repoboación forestal- se esfume por un motivo que se podería evitar empregando o sentido común. A presenza do gando mostrenco debería estar restrinxida en determinadas zonas do monte, polo que cómpre un control dese gando, da súa localización e dos posibles danos que poida causar. Non parece honesta a actitude dos propietarios que, ante a sospeita ou a certeza de que os seus cabalos provocaron desperfectos, non dan a cara nin se fan responsables da situación, preferindo que as reses sexan subastadas ou sacrificadas cando os afectados polos danos denuncian os feitos. Polo tanto, cómpre que as partes dialoguen, sería oportuno que os propietarios aparcaran os seus intereses e que, gandeiros e comuneiros senten as bases dun entendemento mutuo, polo ben do monte, polo ben dun sector que -ben xestionado- tería moitas posibilidades de prosperidade e riqueza, e pola conservación dunha tradición que forma parte da nosa historia e da nosa cultura rural. 

COMUNIDADE DA ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN SOBRE O GANDO MOSTRENCO..

 


Responses

  1. Agardando o voso consentimento, aproveitei a nota de prensa para unha entrada na miña bitácora. Coincido plenamente coas vosas matizacións.
    Saúdos.

    • Por favor, Paco! Non cómpre consentimento ningún. Grazas pola visita e por compartir a información. Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: