
A toma de posesión de María Ramallo como alcaldesa de Marín xerou unha gran expectación, ata o punto de que o Salón de Plenos quedou moi pequeno, de tantos veciños e veciñas que asistiron, entre parentes dos membros da Corporación (familias enteiras nalgúns casos), representantes de colectivos sociais e persoas a título individual. Semellante afluencia de público non se ve habitualmente nos plenos ordinarios. Espertará un maior interese a política municipal a partir de agora, ante a nova etapa que se abre para estes catro próximos anos?
Antes que ningún outro, a primeira en poñerse á fronte do canón, a concelleira de Mar-In, Isabel Martínez Epifanio. Eis a imaxe da soidade da concelleira independente, á que lle agarda unha lexislatura en solitario, sen o apoio directo do seu segundo de a bordo, Miguel Suárez Briones, o gran ausente nesta recén estreada Corporación.



E comezou a escenificarse o cambio de tornas. Co PP encumbrándose na toma de posesión do goberno local, fronte ao PSOE e o BNG ocupando o sitio que lle deparou a vontade veciñal: a oposición.
Anécdotas na asunción dos cargos houbo nos tres principais partidos: o concelleiro popular Pablo Novas non xurou, senón que prometeu, o seu cargo, nun perfecto galego, a diferenza dos seus compañeiros de partido, que se expresaron en castelán; como a regañadentes, o socialista Juan Muradas falou para o colo da camisa e non se lle entendeu nin palabra do seu xuramento ou promesa; a nacionalista Pilar Blanco, outra desganada máis, non pousou a man sobre a Constitución, como os demais edís, e agarrouse con toda ao atril, como se aínda estivera dando mitins. A campaña, onde vai que rematou. O peixe está máis que vendido.




Dende a mesa de idade e como concelleiro máis veterán, Benito Touriño, adicoulle a María Ramallo unhas palabras moi emotivas. Era difícil non chegar a emocionarse un pouco, fora un de esquerdas ou dereitas, de arriba, de abaixo ou do centro. Brea, Pituco, Litoral… conflictos -uns pechados, outros abertos- que ven neste día de cambio unha ocasión para o resarcimento, a revancha ou o desagravio ante o desdén ou a ineficacia coa que os afectados foron tratados polo anterior Goberno local.
No seu discurso como alcaldesa, unha vez que Francisco Veiga lle entregou o bastón de mando, María Ramallo tivo palabras de recordo para quen chegou a ser hoxe o secretario xeral do seu partido a nivel autonómico e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda. E -máis emoción- para o ex alcalde socialista, xa falecido, José Manuel Pierres, amigo do seu pai. Ámbolos dous animárana hai 16 anos a meterse neste embolado da política: “Unha profesión de alto risco” na actualidade, dixo María Ramallo, que, a pesar diso, defendeu “a honestidade dos que entran na política seriamente”.
Primeira pérola (“accidental”?) da súa intervención: tomarlle “prestado” o lema da campaña ao reelixido alcalde de Pontevedra, cando María Ramallo se comprometeu a gobernar “con rumbo certo”. Non foi a única declaración de intencións: orde, rigor, educación, esforzo, sacrificio, lealdade por Marín, ao servizo de Marín, transparencia, ilusión, interés, traballo, dedicación, entrega, sentido común. honestidade, humildade. Repetiu máis dunha vez o da humildade.




…Eso que lle faltou ao seu antecesor, que fixo un uso actoral e ficticio do concepto “humildade”, ao crecerse ante veciños que foron críticos coa súa xestión, que lle reprocharon a súa falta de proximidade ante problemas que lles afectaban.
Unha muller por primeira vez na historia de Marín á fronte do Concello, “a casa de todos”, como o cualificou. María Ramallo exerce xa como a inquilina número oito -o meu favorito- da alcaldía, tendéndolle a man aos edís da oposición para, entre todos, seren “capaces de chegar a acordos”, e pedíndolle á cidadanía marinense que sexa “esixente”. Cando xa os aplausos solapaban a súa voz, pareceume escoitar que a nova rexedora municipal invocaba a inspiración da Virxe do Carme.
…Falta lle vai facer, coas arcas municipais sen un can, como máis tarde confesaría un concelleiro popular ao remate do pleno de investidura, no que non faltaron figuras de alto copete: a diputada no Congreso Ana Pastor, a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. As mulleres, señoras e señores, teñen a chave do futuro.

POST-DATA: Bendito abanico o da señora que non deixou de abanealo, facendo que a sesión fora fresquiña e levadeira. 😉
Comentarios recentes