Publicado por: MontePituco | 20/06/2011

…OS PANEIS INFORMATIVOS, POR FIN!

O Monte Pornedo estivo de estrea este fin de semana. Por fin, despois de moito insistir, a Comunidade de Montes de San Xulián instalou algúns paneis informativos na zona: dous prohibindo verter escombros e un terceiro -moi reivindicado- restrinxindo o alto do Pornedo á circulación de vehículos motorizados. Hai aínda un cuarto cartel sinalizador na área de descanso a carón da estrada Marín-Figueirido, do que se dará conta nun próximo capítulo.

No momento de agradecer este xesto da Comunidade de Montes de San Xulián, temos tamén moi presente a pacencia e o esforzo sostido no tempo por parte de DEFENDE O MONTE PITUCO insistindo nas denuncias polo estado de abandono no que se atopa o monte, ao consentir os verquidos incontrolados e o deterioro provocado polos motoristas infractores que transitan no espazo protexido do Pornedo.

Desgrazadamente, hai “xentuza” que non sabe estar á altura das normas máis elementais, que ignora ou despreza a palabra civismo, e contra as que só cabe actuar contundentemente con métodos sancionadores severos. Eis o caso de quen aínda nestes días foi desprenderse de restos de obra que quedaron ciscados non só na pista principal, senón nos camiños. Nun deles, moi transitado, posto que se atopa a carón dos depósitos de auga que abastecen O Caeiro, un/unha desalmado/a vasculou as súas vergoñas e non tivo o menor reparo en deixar ao descuberto un anaco de madeira con dúas puntas enferruxadas. Como para pasar unha persoa camiñando ou correndo e magoarse gravemente, ou un animal dos que pastan ceibes polo monte, ou alguén conducindo un vehículo ao que lle puidera estoupar unha roda e ter un percance maior… Xentuza sen sentidiño, que o mesmo lle dá frío que calor, que nin sente nin padece porque todo lle dá igual e non sente nin ápice de respecto, nin polos demais, nin pola terra que lle dá acubillo. Xentuza amoral, inmadura e irresponsable que está neste mundo para facer bulto e incordiar. Xentuza.

Comprobamos tamén que, antes ou despois da existencia recente dese cartel que prohibe o tránsito de vehículos motorizados -agás para uso agrícola- polo Alto do Pornedo, alguén pasou polo “arco de trunfo” esa restricción e ousou tripar a terra coas súas rodas, por diversión. Unha diversión que a partir de agora vai conlevar maiores riscos para quen traspase ese camiño, e non precisamente para apañar estrume para o gando, senón polo “pracer” (cuestionable) de dar uns rules. Porque salvo que acredite a súa condición de analfabeto/a funcional, ninguén terá excusa xa para xustificarse ou excusarse se os veciños, os comuneiros ou o propio Seprona reprende a algún motorista en pleno adestramento.

Benvidos eses paneis informativos. Tarde, pero benvidos. Uns simples vinilos (para esta viaxe non facían falta tantas alforxas) sobre un soporte metálico, pero paneis informativos á fin e ao cabo. Que duren.


Responses

  1. […] -Os paneis informativos, por fin! (20 de xuño de 2011) […]

  2. […] -Os paneis informativos, por fin, artigo do 20 de xuño de 2011. […]

  3. […] despois de moitas e insistentes reivindicacións, pola antiga directiva da Comunidade de Montes en xuño de 2011. Dende entón non sufriran ningunha agresión significativa, máis aló do desgaste da intemperie […]

  4. […] circular con vehículos de motor -agás os agrícolas- polo Alto do Pornedo. Este panel informativo instalárase en xuño de 2011 tras reiteradas peticións a raís da protestada presenza de pilotos de motos e quads que, de forma […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: