Publicado por: MontePituco | 13/06/2011

…CAFRES RETURN!

“ESPAZO RESTRINXIDO Á CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS MOTORIZADOS”

…Que parte non se entende desta frase tan simple? En que cabeza apodrecida entra a decisión inmadura e egoísta de vir tripar a mantenta, coas rodas dunha moto, un espazo vulnerable que se está rexenerando dunha reiterada agresión anterior provocada polo mesmo motivo?

…Trabucámonos acaso cando culpamos desta situación os IRRESPONSABLES que están á fronte da Comunidade de Montes de San Xulián por non sinalizar convintemente unha zona que eles mesmos se ocuparon de achandar con medios mecánicos, hai menos de dous meses? Nos tempos que corren, parécelles correcto a estes directivos tirar alegremente cos cartos da Comunidade, pagando un traballo que non serve de nada se non completan esa actuación cun panel informativo? Un simple panel! Que llo pagamos dos nosos petos, porDeusBenditoepolaVirxeDosRemedios! Como se pode ser tan terco!

Despois quéixanse por aí de que acaben pagando “xustos por pecadores” cando o Seprona lle lea a cartilla ao primeiro/a que trinque dando voltas e reviravoltas no Alto do Pornedo. E aínda haberá que aturar que nos volvan acribillar novamente con mensaxes ofensivas, ameazantes e ridículas que nos reclamen aos veciños o que é competencia directa e exclusiva da Comunidade de Montes.

Velaquí doce imaxes que valen mais que doce mil palabras, e que ilustran perfectamente unha lacra CONSENTIDA, unha evidente ILEGALIDADE pola que han acabar pagando tanto os infractores que a cometen, circulando cos seus vehículos por un espazo protexido, como os “encargados” de velar pola súa conservación, que non se preocupan o máis mínimo de garantir a eficacia dos pagos que fan co diñeiro dos comuneiros e comuneiras, que permiten unha agresión continua nun espazo que estaba comezando a recuperar a súa fisonomía orixinal, que coa súa fachenda “insultan” aos promotores da Asociación Defende o Monte Pituco por cada día que pasa sen normalizar a situación do Alto do Pornedo.

…No artigo titulado “O EX-CIRCUITO: ANTES E DESPOIS“, apréciase o estado do que estaba o Alto do Pornedo este pasado mes de abril, logo de que as máquinas contratadas pola Comunidade de Montes de San Xulián nivelaran as fonduras e os peraltes provocados pola circulación de quads e motos offoad neste “circuito irregular”. Compárese e xúlguese o “antes”, o “despois” e o “agora”.

 


Responses

  1. Sen palabras… por aquí sen chegar a tanto, si que se escoita a varios quilómetros o paso de motos e quasd polo monte e polas pistas, desfacéndoas cos seus derrapaxes e polo monte.

    • …Máis do mesmo, Paco. Chove sobre mollado. Non hai respecto ningún polo monte, comezando polos que están na obriga de ser os primeiros en dar exemplo: os directivos da Comunidade de Montes, aos que lles debería caer a cara de vergoña. Gastan unha “pasta X” (que tampouco se molestan en dar conta de canto e a quen) en achandar os desniveles tremendos que había, non sinalizan a zona por máis que “todo o mundo sabe” que aí non se pode rodar, e desa maneira consinten -por tanto, son cómplices- dos que recuncan “porque si”, porque lles dá a gana desafiar e rirse dos veciños que velamos pola conservación desa zona. E dirán que cun panel non garanten que volvan os motoristas. Certo. Pero polo menos estaría posto, que tampouco custa tanto, e advertiríalles aos posibles infractores que estarían cometendo unha irregularidade e que terían que acarrear coas consecuencias, vía administrativa, se o Seprona os sanciona. Enonhaitutía!
      PD: Mensaxe a navegantes. Con este comentario non estamos “criminalizando” a todos os condutores de motos e quads, que ese debate xa o tivemos -e ben longo- nesta mesma páxina. Cada quen é “maiorciño/a” e distingue perfectamente entre o que é circular correctamente polo monte e andar facendo pinchacarneiros e “jaimitadas” por onde está prohibido.

  2. […] -Cafres return! (13 de xuño de 2011) […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: