Publicado por: MontePituco | 11/06/2011

PLENO DE INVESTIDURA DE MARÍA RAMALLO

A toma de posesión de María Ramallo como alcaldesa de Marín xerou unha gran expectación, ata o punto de que o Salón de Plenos quedou moi pequeno, de tantos veciños e veciñas que asistiron, entre parentes dos membros da Corporación (familias enteiras nalgúns casos), representantes de colectivos sociais e persoas a título individual. Semellante afluencia de público non se ve habitualmente nos plenos ordinarios. Espertará un maior interese a política municipal a partir de agora, ante a nova etapa que se abre para estes catro próximos anos?

Antes que ningún outro, a primeira en poñerse á fronte do canón, a concelleira de Mar-In, Isabel Martínez Epifanio. Eis a imaxe da soidade da concelleira independente, á que lle agarda unha lexislatura en solitario, sen o apoio directo do seu segundo de a bordo, Miguel Suárez Briones, o gran ausente nesta recén estreada Corporación.

 

E comezou a escenificarse o cambio de tornas. Co PP encumbrándose na toma de posesión do goberno local, fronte ao PSOE e o BNG ocupando o sitio que lle deparou a vontade veciñal: a oposición.

Anécdotas na asunción dos cargos houbo nos tres principais partidos: o concelleiro popular Pablo Novas non xurou, senón que prometeu, o seu cargo, nun perfecto galego, a diferenza dos seus compañeiros de partido, que se expresaron en castelán; como a regañadentes, o socialista Juan Muradas falou para o colo da camisa e non se lle entendeu nin palabra do seu xuramento ou promesa; a nacionalista Pilar Blanco, outra desganada máis, non pousou a man sobre a Constitución, como os demais edís, e agarrouse con toda ao atril, como se aínda estivera dando mitins. A campaña, onde vai que rematou. O peixe está máis que vendido.

Dende a mesa de idade e como concelleiro máis veterán, Benito Touriño, adicoulle a María Ramallo unhas palabras moi emotivas. Era difícil non chegar a emocionarse un pouco, fora un de esquerdas ou dereitas, de arriba, de abaixo ou do centro. Brea, Pituco, Litoral… conflictos -uns pechados, outros abertos- que ven neste día de cambio unha ocasión para o resarcimento, a revancha ou o desagravio ante o desdén ou a ineficacia coa que os afectados foron tratados polo anterior Goberno local.

No seu discurso como alcaldesa, unha vez que Francisco Veiga lle entregou o bastón de mando, María Ramallo tivo palabras de recordo para quen chegou a ser hoxe o secretario xeral do seu partido a nivel autonómico e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda. E -máis emoción- para o ex alcalde socialista, xa falecido, José Manuel Pierres, amigo do seu pai. Ámbolos dous animárana hai 16 anos a meterse neste embolado da política: “Unha profesión de alto risco” na actualidade, dixo María Ramallo, que, a pesar diso, defendeu “a honestidade dos que entran na política seriamente”.

Primeira pérola (“accidental”?) da súa intervención: tomarlle “prestado” o lema da campaña ao reelixido alcalde de Pontevedra, cando María Ramallo se comprometeu a gobernar “con rumbo certo”. Non foi a única declaración de intencións: orde, rigor, educación, esforzo, sacrificio, lealdade por Marín, ao servizo de Marín, transparencia, ilusión, interés, traballo, dedicación, entrega, sentido común. honestidade, humildade. Repetiu máis dunha vez o da humildade.

…Eso que lle faltou ao seu antecesor, que fixo un uso actoral e ficticio do concepto “humildade”, ao crecerse ante veciños que foron críticos coa súa xestión, que lle reprocharon a súa falta de proximidade ante problemas que lles afectaban.

Unha muller por primeira vez na historia de Marín á fronte do Concello, “a casa de todos”, como o cualificou. María Ramallo exerce xa como a inquilina número oito -o meu favorito- da alcaldía, tendéndolle a man aos edís da oposición para, entre todos, seren “capaces de chegar a acordos”, e pedíndolle á cidadanía marinense que sexa “esixente”. Cando xa os aplausos solapaban a súa voz, pareceume escoitar que a nova rexedora municipal invocaba a inspiración da Virxe do Carme.

…Falta lle vai facer, coas arcas municipais sen un can, como máis tarde confesaría un concelleiro popular ao remate do pleno de investidura, no que non faltaron figuras de alto copete: a diputada no Congreso Ana Pastor, a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana. As mulleres, señoras e señores, teñen a chave do futuro.

POST-DATA: Bendito abanico o da señora que non deixou de abanealo, facendo que a sesión fora fresquiña e levadeira. 😉

Advertisements

Responses

  1. Perfecta a túa crónica. Con todo detalle.

    Gustaríame engadir que nunca me gustou o seudónimo que Erasmo lle puxo ó ex alcalde: “desdichado”.
    Ti e mais eu sabemos de primeirísima man que este home de desdichado non ten nada. Eu definiriao en todo o seu mandato coma “hipócrita desvergonzado e cínico” e agora nestes últimos días venlle perfecto o apodo: “Resentido” que ti lle acabas de poñer.
    Sabémolo de primeira man porque o escoitamos mentir tantas veces, porque miramos os seus xestos, porque sabemos cousas que non podemos contar para non ser tildadas de cotillas. Pero sabémolo.
    Mal perder por parte dos que agora pasan á oposición. E mal perder dos seus familiares, que se comportaron bastante maleducadamente facendo xestos de burla contra a alcaldesa entrante e contra o público que a aplaudía.

    A nota sentimental dóunola Isabel Martínez Epifanio.
    Esa foto da súa soidade no escaño é moi reveladora.
    Á saída do pleno tiven a oportunidade de tomar un refresco con ela nunha terraza e falamos do asunto. Ela díxome: “A independencia ten un precio que moitas veces hai que pagar coa soidade”.
    Así están as cousas.
    Cinco minutos despois pasou por nós o inefable Muradas, camiño do seu bar favorito, e Isabel púxolle fin á malencolía cun toque chistoso que nos sorprendeu ós que alí estabamos:
    -Señor Muradas, séntese un pouco con nós. Tómese algo. Ó fin e ó cabo, agora estamos todos na oposición.
    O outro apurou o paso e non mirou para atrás.

    Eu non podo negar que estou contenta co cambio. Non espero grandes cousas, Bástame con que a nova corporación manteña limpas as rúas e os camiños, manteña o contacto e o respecto cos veciños, e non esqueza nunca que os políticos están para servir ó pobo, e non para “servirse” del.

    Saúdos e sigamos na loita

  2. Isto non é como comeza, se non como remata. Fantástico artigo e non menos o comentario con anécdota incluída.
    Agardemos que como ben di ao final: …e non esqueza nunca que os políticos están para servir ó pobo, e non para “servirse” del.
    Boa sorte Monte Pituco… seguimos en contacto.

  3. …Grazas aos dous pola visita e polos vosos comentarios.
    A ver que sorte lle depara ao Monte Pituco este cambio político. Como diciamos por aí: nova esperanza, ou nova decepción?

  4. […] Malia que se adoita dicir que o tempo pasa rápido, non parece que fose onte, nin moito menos, cando María Ramallo ergueu o bastón de mando, en xuño de 2011. Semella que pasou unha eternidade, tanto dende o punto de vista dos que están […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: