Lembran aquel calendario tan pintoresco e enxebre -12 meses, 12 lavadeiros, podería ser o seu lema- que editou a Concellería de Medio Ambiente da tenente alcalde en funcións Pilar Blanco e que se daba mesturado cunha campaña de comercio do seu compañeiro de filas Xosé María Vilaboa? Aquel que nos chuzaban nas mans, mercaramos ou non na Praza de abastos, ás portas do mes de marzo? Aquel no que se podían ter aforrado os meses de xaneiro e febreiro, para abaratar custes, que por algo estamos en crise? Pois élles moi útil! Ten anotadas todas as datas conmemorativas do ano relacionadas coa sostibilidade e co ecoloxismo. Como se non nos iamos enterar de que este domingo 5 é o Día Mundial do Medio Ambiente?! Pois porque o calendario de Pilar Blanco nolo recorda. Ademais, cunha frase célebre, de autoría descoñecida que di: “Somos o espello do planeta; se el está sucio, nós tamén”. Bonito, eh? Mogollón!
Por sorte, ante a inminente despedida de Pilar Blanco&Cía da xestión municipal, hai outros colectivos que non precisamos da súa sabia mediación para enxalzar o Medio Ambiente. Non só o 5 de xuño, senón os 365 días do ano. E sen necesidade de gastar miles de euros en presumir de certificados e títulos “comprados” que son pura fachada e burda demagoxia cando a realidade na súa vontade política era a contraria.
A Asociación Cultural Almuinha carece do xeneroso orzamento pulido por Pilar Blanco na Concellería de Medio Ambiente en pagar EMAS e MACT’s, pero ten moita imaxinación, que é unha cualidade que sae moi ben de prezo e cuxa abundancia é directamente proporcional ao número de neuronas en activo por parte dos usuarios (captan a ironía?). Almuinha vaise adiantar á celebración do Día do Medio Ambiente coa proxección dun documental titulado “Na defensa da terra”, este próximo venres día 3 a partir das 20:30 horas no seu local situado no número 46 da rúa Rosalía de Castro.
“Na defensa da terra” contén imaxes de tres manifestacións históricas celebradas a finais dos anos 70 en Galicia: a resistencia nas Encrobas en contra das expropiacións das terras dos veciños e veciñas para a explotación das minas de lignito; a oposición á central nuclear de Xove; e a recuperación para o pobo do litoral de Baldaio. “Fitos irrenunciábeis da nosa historia recente que foron gravados pola cámara do documentalista, xa falecido, Carlos Varela”, comentan dende Almuinha nun comunicado, que continúa dicindo:
“Na A.C. Almuinha somos conscientes da grande importancia que ten manter o noso medio ambiente nas mellores condicións posíbeis e da influencia que ten a man do home no continuo deterioro da nosa natureza. O sistema capitalista, agora en crise, é o grande responsábel, ademais, da fame e da desigualdade social existente no mundo, das moitas desfeitas na terra para lucro duns poucos a conta da mesma, e das condicións de vida presentes e futuras da poboación mundial.
Galiza non é ningunha excepción, por desgraza, e vén sendo obxecto de múltiplos proxectos que poñen á venda a nosa terra e a noso medio a favor duns poucos, destruíndo os nosos montes, recheando as nosas costas, encorando os nosos ríos, acabando coa nosa biodiversidade co beneplácito do goberno que, no canto de acabar con isto, aínda facilita máis as cousas”.
A proxección de “En defensa da terra” é a primeira dunha serie de actividades que, ao longo deste mes de maio, se van organizar en Almuinha para lembrarnos eso de que “somos o espello do planeta, se el está sucio, nós tamén”.
Deixar unha resposta