Publicado por: MontePituco | 02/06/2011

LIMPEZA (DA MALEZA) VIARIA

A semana comezaba cunha queixa do Colectivo Nacionalista de Marín motivada polo pésimo “estado de revista” que presentan as rúas do centro urbán. Pero que hai dos viais no rural? Para mostra, unha vista da pista que enlaza a estrada de Figueirido coa Laxe e Arealonga, en dirección á explanada do Pituco. As xestas medraron tanto que sobrepasaron os valados e invaden o asfalto, supoñendo un perigo para os viandantes e, por extensión, tamén para os condutores. É imposible camiñar polo arcén sen estampar nariz e morros contra os “ramallos” -valla a expresión, na “honra” da próxima alcaldesa- ou sen bordealos cometendo a imprudencia de ocupar a parte reservada aos vehículos. E seguirán medrando e ancheando e invadindo a pista mentres dende algún recóndito despacho non parta a idea de desbrozar as cunetas. Por iso, mentres no casco urbán se reclama a limpeza de algo tan básico como as beirarrúas, no extrarradio o problema -ademais da falta de limpeza- é a maleza. Que o equipo de goberno local entrante tome nota desta situación e quen asuma as competencias de xestión do rural ou de servizos se anote na lista de tarefas iniciais o adecentamento destes espazos tan transitados. Por favor. Grazas.

O Colectivo Nacionalista de Marín quere denunciar publicamente o abandono e a falla de limpeza das rúas e beirarrúas da nosa vila. Andar estes días por Marín é ver unhas beirarrúas sucias e cun aspecto lamentábel. Se camiñamos pola Ezequiel Massoni, onde vive o alcalde en funcións, podemos comprobar como as lousas, claras o día da súa colocación, hoxe están escuras e cheas de lamparóns o mesmo se paseamos por calquera outra ou por un sitio tan céntrico como a Alameda.

Agora que vén o verán e Marín vai recibir moitos visitantes de fóra, non deberían levarse unha imaxe tan mala da nosa vila e, por suposto, os que residimos durante todo o ano non tempos por que padecer esta situación.

O mesmo acontece cos contenedores do lixo: pasar ao lado dalgúns deles é case imposíbel polo fedor. A empresa concesionaria ten a obriga de limpalos cada 15 días en tempada de verán. Demandamos do Concello que faga cumprir este requisito contractual e non mire para outro lado como vén sendo habitual.

Somos conscientes de que fai tempo que non chove e polo tanto as rúas non se lavan soas, pero queremos preguntarlle á concelleira en funcións, encargada da limpeza: onde están as varredoras que tantos cartos custaron ao concello? Por que fai meses que están paradas e non se ven?

Consideramos que estamos ante unha situación intencionada para xustificar futuras privatizacións, como xa teñen decidido o pasado 24 de febreiro, deixando que se deteriore o servizo de limpeza viaria do Concello para colarnos unha adxudicación -case a dedo- dunha empresa privada para facer este traballo.

Queremos aproveitar para demandar do próximo Goberno municipal que paralice esta proposta de privatización e aposte por un servizo público de calidade, como se viña facendo anteriormente por parte dos traballadores/as do Concello.

Ao Goberno en funcións esiximos que, unha vez rematada a campaña electoral, volvan ao seu traballo e non paralicen o Concello, que para iso seguen cobrando dedicacións exclusivas moi ben remuneradas. Que poñan en marcha o servizo de limpeza e as varredoras que teñen paradas.


Responses

  1. […] “LIMPEZA (DA MALEZA) VIARIA” […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: