Publicado por: MontePituco | 03/06/2011

REPETÍNDOLLE A RAMALLO O QUE VEIGA IGNOROU HAI 7 MESES

…A Deus rogando, e co mazo dando. Aínda falta unha semana para que María Ramallo tome posesión do seu cargo como alcaldesa electa de Marín, e dende a Asociación de Veciños de San Xulián xa lle poñen deberes. Unha longa ristra de tarefas cuxa execución tamén debera implicar ás Administracións provincial e autonómica. Unhas demandas sociais que levan moito tempo pendentes. Tanto, que xa a anterior directiva da AAVV San Xulián llas expuso -en van- ao rexedor municipal alá polo mes de novembro de 2010, logo de moitos meses agardando pacientemente a seren recibidos os representantes veciñais. Total, para perderen o tempo, á vista de que a Fran Veiga por unha orella lle entrou e por outra lle saiu cando lle foron solicitar. Xa daquela os asistentes á reunión se queixaron do rápido que Veiga os despachou, alegando outras ocupacións. Un alcalde (a unha semana de deixar de selo) que non ten tempo para os seus veciños; que mesmo ignora e ningunea a aqueles que lle saíron protestóns. Barbolina para Francisco Veiga e os seus compañeiros de filas e socios de goberno, por incompetentes. E expectación ante o papel que desempeñe a partir do día 11 María Ramallo, que ten moitas deficiencias que corrixir, pero que se vai atopar con moi poucos recursos económicos para acometelas.

A Asociación de Veciños de San Xulián manifesta a súa preocupación pola deixadez, o retraso e o abandono por parte do Concello de Marín, de vellas e eternas demandas que ano tras ano vén formulando este colectivo, sen que ata o momento as abordaran con seriedade e vontade para podelas facer realidade.

Tamén é perceptible a ausencia de xestións ante a Xunta e a Diputación para facelas partícipes da súa realización, pois os viais autonómicos e provinciais son das súas respectivas competencias. É grave a paralización do convenio para a construcción das beirarrúas por disputas e pelexas propias de rapaces pequenos irresponsables.

Cabe lamentar que a pesar dos millóns de euros do Plan Zapatero, o anterior goberno local actuara sen criterio e dunha maneira chapuceira, que se plasmou en casos como a mellora do alumeado público ou o sumidoiro da Grela. Quedaron de lado demandas de gran trascendencia para poder vivir con dignidade e seguridade en Marín.

A AAVV demanda como prioritario:

1.- Que se retome todo o relacionado co proxecto das beirarrúas para a travesía da estrada Marín-Figueirido. Solicítase que se prolongue o proxecto ata o enlace da circunvalación, implicándose na súa execución a Xunta de Galicia, o Concello de Marín e a Deputación Provincial. Cómpre adaptar a estrada á nova e futura realidade que provoca a interminada circunvalación feita pola Xunta.

María Ramallo, Rafael Louzán e Agustín Hernández non teñen desculpa para caer na deixadez e seguir mantendo o vial Marín-Figueirido en estado de abandono, a estrada da Cruz da Maceira feita un desastre e os petroglifos de Pedralonga mortos de risa. O anterior bipartito tirou cos cartos para disfrutalos en festas e romarías das cales algúns sacaron bos dividendos. É máis que necesaria unha boa auditoría que aclare o que teña que clarexar.

2.- O arranxo dos lavadoiros e fontes da Rebalde, da Presa (Grela), de Ensur e da Roza. Resulta incomprensible que se eliminara o da Rebalde do Plan Proder, desviando os cartos para outros non tan urxentes ou prioritarios.

3.- Unha actuación urxente no contorno do conxunto historico da igrexa de San Xulián, instalando un tubo de pluviais máis grande na subida ao adro das festas; o asfaltado e a canalización das augas da chuvia e que afectan á zona do muro que fixo o Concello, mellorando á súa vez un pequeno tramo do vello camiño situado na parte de abaixo do cruceiro.

4.- Os camiños da Raña, o segundo tramo do Outeiro Viñas Blancas, están en situación de semi-abandono. Pídese o seu arranxo, dotandos de canaletas de pluviais onde se necesiten. Tamén cómpre fresar os camiños antes de asfaltalos de novo, pois non se pode seguir botando capa sobre capa de asfalto ou formigón ao tuntún, complicando e invalidando as saídas de vivendas, garaxes ou fincas.

5.- O arranxo das deficiencias no alcantarillado da Ponte do Balado. O adecentamento dun tramo do camiño e a instalación dun punto de luz. A dotación de auga pública ás casas do Carballal de Arriba, da Bouza e do Igrexario, que aínda non teñen. Os veciños da Grela precisan ese servizo, que tanto Pilar Blanco como Xosé María Vilaboa se negaron a instalarlles. A obra da Grela está chea de irregularidades; con que cara van esixir o cumprimento da lei cando os propios concelleiros eran os primeiros infratores.

6. A mellora do alumeado público nos camiños de Venda, e un tramo na zona Viñas Blancas-Fonte do Outeiro, cun novo punto de luz preto das casas do colexio. É incomprensible que despois da inversión feita na mellora do alumeado no Carballal e Viñas Blancas, deixaran algunhas zonas case a escuras. Esiximos explicacións e desculpas polas luces que faltan da obra do alumeado adxudicado, que recibiu unha subvención da Xunta de máis de 50.000€. Esiximos un acordo plenario do Concello onde haxa o compromiso de retirar os postes e cables do alumeado público que nalgún momento sexan un perxuizo para os propietarios afectados, os cales non percibiron nada a cambio da ocupación; nalgúns casos os bens mesmo foron invadido sen pedirlle permiso ao propietario. Que tamén que simplifiquen os postes mediante un convenio con Fenosa e Telefonica, posto que tanto poste e tanto cable provocan feísmo.

7.- Que se replantexe con seriedade o problema do chan industrial, xa que o Monte Pornedo é unha zona inapropiada e non recomendada polos estudos de viabilidade feitos pola Autoridade Portuaria e polo propio Concello de Marín.

8- A instalación de novos colectores de vidro e a substitución daqueles que estean rotos. O servizo de recollida de lixo estase deteriorando. O da recollida selectiva, polo visto, é mera propaganda, xa que aquel esforzo que fan algúns veciños en seleccionar o lixo é inútil cando se acaba mesturando.

9.- O desbroce e limpeza da zona baldía no muíño do Salgueiro, Pelagarto e nos camiños municipais. Que a Xunta e a Deputación cumpran coas súas obrigas. A escombreira da Grela con restos das obras do Concello segue sen sanearse. Que atendan as demandas presentadas en marzo de 2007, referentes ás chapuzas e aos erros cometidos nas obras da circunvalación (tramo Ardán-Pituco). Evitar que eses mesmos erros se reproduzan no tramo cara a Pontevedra, xa en execución. O coidado e o mantemento dos roteiros de sendeirismo (a Castiñeira) e dos muiños resturados (O Balado) con fondos públicos. Do contrario estaríase tirando cos cartos en nome do medio ambiente e do patrimonio.

10.- Unha solución xurídica e dialogada ante a situación irregular da Casa de Cultura de San Xulián e do solar na que se ubica, depurando as responsabilidades derivadas de tal irregularidade. A parcela pública de Ensur figura no inventario de Bens Municipais, non como inscrita no monte clasificado a favor da Comunidade de Montes por parte da Xunta. A casa conta tamén cun informe desfavorable do Concello fechado o 03-02-99.

María Ramallo, Rafael Louzán e Agustín Hernández deberían pórse as pilas pois, en política, por onde se entra, sáese. A parroquia de San Xulián e o municipio de Marín están cansos de tantas e tan vellas promesas. Urxe que estas demandas se inclúan nos orzamentos municipais para que se lles dote da partida orzamentaria correspondente.


Responses

  1. dexexote sorte nesta nova singladura.
    a tua continuidade e homoxeneidade das reivindicacions a pesares dos cambios radicais dos que nos van mangonear en diante di moito da tua integridade persoal e profesional.
    esperamos que eses cambios sexan diretamente proporcionais os cambios que obteñan urbanitas e rurais. e sinon:

    “María Ramallo, Rafael Louzán e Agustín Hernández deberían pórse as pilas pois, en política, por onde se entra, sáese.”(sen acritude)

    ¡¡ei,carballeira!!

  2. A mesma intensidade que mantivemos co anterior goberno local na reivindicación das nosas demandas váiselle aplicar tamén ao novo equipo que encabece María Ramallo. Pero entre os próximos inquilinos da Casa Consistorial e os saíntes hai unha diferenza sustancial: o alcalde en funcións negouse, dende hai máis un ano, a recibir os representantes de Defende o Monte Pituco; o grupo municipal do PP, estando na oposición, recibiunos non unha, senón dúas veces.
    Agardamos que, agora que van recibir o bastón de mando, manteñan esa actitude receptiva e dialogante.
    Saúdos e grazas pola visita.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: