Publicado por: MontePituco | 25/05/2011

O VALOR ESTRATÉXICO DA ARTE RUPESTRE

O roteiro “Camiños da Arte Rupestre Prehistórica” vai recibir o distintivo “Itinerario Cultural do Consello de Europa”. A entrega vaise celebrar mañá en Campo Lameiro e ao acto van asistir a representante da Comisión de Cultura do Consello de Europa, Mechthilde Furher; a directora xeral de Belas Artes e Bens Culturais do Ministerio de Cultura, Ángeles Albert; a subdirectora xeral de Protección do Patrimonio Histórico, Ángeles Alastrué; o presidente da Asociación Internacional Camiños de Arte Rupestre Prehistórica (CARP), Ángel Sáinz; e os directores xerais de Patrimonio das rexións pertencentes a este roteiro, incluido o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, José Manuel Rey Pichel.

Precisamente, Campo Lameiro acolle o I Foro Internacional da Asociación Internacional CARP. “Camiños da Arte Rupestre Prehistórica”, que agrupa a máis dun cento de lugares de España, Portugal, Francia, Italia, Irlanda, Suecia e Noruega, é o maior itinerario turístico-cultural da prehistoria europea. Altamira, Niaux, Tito Bustillo, Siega Verde, Foz, Côa, Tanum, Valcamónica, Brú na Boine, La Pileta… reúnen un valioso conxunto de covas, abrigos e “pedras” ao aire libre nas que os antigos poboadores plasmaban o seu pensamento simbólico e a súa expresión artística. Tamén os petroglifos de Mogor forman parte do roteiro e adícaselles un apartado no libro titulado “CAMINOS DE ARTE RUPESTRE PREHISTÓRICO. GUÍA PARA CONOCER Y VISITAR EL ARTE RUPESTRE DEL SUDOESTE DE EUROPA”, coordinado por Ramón Montes Barquín e Cristina Lafuente Martínez, e editado en 2008.

Di o Ministerio de Cultura: o patrimonio rupestre é unha “FONTE DE DESENVOLMENTO SOCIAL, ECONÓMICO E CULTURAL”, polo que cómpre a súa “PROTECCIÓN E POSTA EN VALOR”.

Vaia esta mensaxe en dúas direccións primordiais:

– Á Comunidade de Montes de San Xulián: para que sexa a primeira en valorar o patrimonio histórico que abunda nos montes da parroquia e, especialmente, no Monte Pornedo e nos seus arredores; para que faga a pedagoxía que tanto se necesita co obxectivo de erradicar expresións tan reprobables como “as pedras non dan de comer”, cando está demostrado, porque así acontede noutras comunidades de montes galegas, que a arte rupestre é unha fonte de desenvolvemento estratéxico; para que tome as medidas oportunas, en coordinación coas autoridades competentes, para a conservación, protección, sinalización e mantemento destes Bens de Interese Cultural, catalogados e recoñecidos a todos os efectos legais; para que apoie a colectivos como a comisión técnica que está a desenvolver o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, dentro do cal se inscribe o Monte Pornedo.

– Ao Concello de Marín e ao seu novo goberno local resultante das recentes eleccións municipais: para que os seus responsables se interesen pola existencia e pervivencia destes recursos que, ata o de agora, se atopan nun estado deficiente de mantemento e visibilización; para que lle esixan á Comunidade de Montes de San Xulián o exercicio da súa responsabilidade na correcta custodia destes elementos patrimoniais; para que contribúan á posta en valor desta riqueza colectiva dándolle a maior cobertura posible á comisión técnica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños no seu empeño de crear un roteiro que dinamice a zona.

Os petroglifos de Pornedo, de Pinal de Caeiro, dos Sete Camiños, da Carrasca… non teñen o nivel nin o recoñecemento dos gravados rupestres de Campo Lameiro. Tampouco gozan da sona dos petroglifos de Mogor. Pero non por iso van ser menos. E probablemente cun estudo arqueolóxico da zona, que nunca se realizou, se descubriran novas marcas que agora poden estar ocultas debaixo da terra e da vexetación.

O anterior Goberno local bipartito desprezou a arte rupestre que alberga o Monte Pornedo. Non atendeu ningunha das peticións de entrevista tramitadas pola comisión técnica do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. O anterior Goberno local bipartito prefería urbanizar a zona cun polígono industrial, cumprindo cun suposto respecto aos gravados rupestres, que quedarían completamente aillados no medio das naves, do formigón, perxudicando irreversiblemente o contexto natural no que se inscriben estes elementos. Nembargantes, a anterior concelleira de Cultura do grupo municipal nacionalista realizou diversas visitas extraoficiais ao proxecto de espazo natural e arqueolóxico, acompañando a grupos de sendeiristas, acaso para capitalizar unha iniciativa na que endexamais se involucrou politicamente, ou acaso para facer electoralismo hipócrita.

Estando en proceso de pasar páxina desa etapa, DEFENDE O MONTE PITUCO fai un chamamento xeral para que se respecte esta riqueza e se aposte en Marín pola creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

PÁXINA WEB DO ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS

PostData: Hai á venda camisetas como a da imaxe que acompaña este artigo. Interesados/as, contactar coa comisión técnica do Espazo ou neste mesmo blogue.

Máis información no seguinte artigo: MERCHANDISING ESPAZO 7 CAMIÑOS


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: