Publicado por: MontePituco | 28/07/2011

ALCALDESA E CONCELLEIROS, NO MONTE PITUCO (PORNEDO)

En abril de 2010, DEFENDE O MONTE PITUCO dirixiuse por primeira vez ao alcalde socialista Francisco Veiga para pedirlle unha entrevista formal na que poder obter información directa sobre o proxecto de construcción dun polígono industrial nesta zona da parroquia de San Xulián e para expoñerlle os motivos polos que este colectivo veciñal considera que non é unha decisión acertada. Esa solicitude reiterouse, sen éxito -mesmo, grazas a Marinenses Independentes, a través dunha pregunta en sede plenaria- en numerosas ocasións. Un ano e tres meses despois, a petición de DEFENDE O MONTE PITUCO por fin foi satisfeita. Xa non polo arrogante do señor Veiga, que agora ocupa merecidamente o banco da oposición, senón pola súa sucesora na Alcaldía, a popular María Ramallo, que non só accedeu a escoitar, senón tamén a “xogar en campo alleo”, a pé de monte. E así foi como este martes 26 se achegou ata o Monte Pituco acompañada polos concelleiros Ramiro Gestido (medio rural), Pablo Novas (parroquias do rural) e Beatriz Rodríguez (cultura). Máis alá das consideracións que teñan a nivel político como responsables do Goberno local en relación ao futuro deste espazo natural protexido, DEFENDE O MONTE PITUCO agradécelles a atención e o tempo adicado, como DESAGRAVIO polo desprezo sistemático que este colectivo veciñal -que non é nin mellor nin peor que calquera outra asociación marinense- sufriu por parte do anterior rexedor municipal.

Se pola mañá pateara a estrada Cotorredondo-Castiñeiras-Cruz da Maceira cun calzado de tacón, quizais non moi propio para ese terreo (por máis que foran os zapatos cos que se moveu durante a campaña electoral), fíxonos caso e pola tarde subiu ao Pornedo cuns zapatos planos. Boa falta lle fixeron para subir pola pista forestal sen esbarar enriba dos pedrolos desprendidos que evidencian o mal estado deste vial; para poñerse a rente dos verquidos incontrolados que salpican o sendeiro; para pisar a terra batida polas rodas das motos e dos quads que converteron o Alto do Pornedo nun circuito ilegal de motorismo; para emprender o regreso dende o mirador baixando un camiño empinado e pedregoso. Para observar, en definitiva, cos seus propios ollos, o que DEFENDE O MONTE PITUCO vén sostendo dende hai case dous anos: que se trata dunha zona cun importante desnivel que faría INVIABLE a súa urbanización, que precisa actuacións de mellora urxentes a nivel ambiental e a nivel patrimonial para recuperar os espazos degradados e conservar os seus importantes e numerosos elementos arqueolóxicos.

Como anfitrións desta ansiada expedición institucional, cinco veciños do Caeiro, da Pena, dos Bravos e da Laxe, e un representante da comisión do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Antes de iniciar o percorrido, DEFENDE O MONTE PITUCO presentoulle un detallado dossier de 25 páxinas con 10 puntos fundamentais:

1 ) A defensa que no Informe de Sostibilidade Ambiental do propio PXOM se fai a prol da conservación do Monte Pituco por máis que finalmente fora calificado como chan industrial, cun dossier de prensa que contiña, entre outras noticias, o pronunciamento da Autoridade Portuaria rexeitando esta zona como posible porto seco ou a posible intención por parte da Xunta de acometer un polígono industrial conxunto para Moaña e Marín; cun resume do informe topográfico que evidencia o dato incuestionable: que o 92% da superficie afectada ten máis do 15% de pendente e que o 57% dese terreo ten un desnivel superior ao 35%.

2 ) Un informe referente ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños como alternativa para o futuro do Monte Pituco, desenvolvendo o seu potencial forestal, cultural e turístico.

3 ) A lacra dos verquidos ilegais presentes no monte, con materiais contaminantes e inflamables que supoñen un enorme risco.

4 ) A presenza de cabalos maltratados con pexas e trancas nas súas extremidades.

5 ) A relación de mananciais catalogados que surten de auga para consumo doméstico e agrícola aos veciños da contorna; acuíferos que se perderían de forma irreversible en caso de que se revente o monte con sucesivas cargas de dinamita para explanar o terreo.

6 ) O estado deficiente que presentan os viais internos do monte, coas canalizacións de auga atascadas e co firme seriamente deteriorado.

7 ) As accións emprendidas para erradicar definitivamente o circuito irregular de motorismo que durante anos houbo no Alto do Pornedo.

8 ) A situación de vandalismo que deixou un rastro de pintadas en distintos bens do monte e desperfectos cuantiosos na área recreativa do Pornedo, onde a Comunidade de Montes de San Xulián se tería que facer cargo do seu mantemento.

9 ) As posibles medidas para evitar o abandono dos espazos de interese que ofrece o monte, como a área de lecer no arborado a carón da estrada Marín-Figueirido.

10 ) E darlle conta do labor de seguemento que DEFENDE O MONTE PITUCO fai de todo canto lle afecta a este espazo, tanto a través do blog como a través do perfil Monte Pituco e da páxina Salvemos o Monte Pituco en Facebook.

Seguidamente fíxose un percorrido circular pola zona, amosando sobre o terreo todo aquelo que previamente se expuxera: percorremos a pista; inspeccionamos a área recreativa do Pornedo onde lembramos a figura de Xan Montenegro pola súa defensa dun petroglifo que foi fatalmente sepultado polas obras da variante co consentimento da Comunidade de Montes; parámonos nos verquidos incontrolados de terra, cascallos, plásticos, madeiras, cartóns, cristais, chapas metálicas e demais lixo que abundan en distintos puntos do monte; percorremos o sendeiro que atravesa o Alto do Pornedo para apreciar o estado no que quedou por culpa das rodadas de motos e quads, comprobando como se rexenera pouco a pouco dende que os pilotos deixaron de frecuentar tanto este lugar; explicamos que representan os petroglifos do Pornedo e as medidas urxentes que se necesitan para evitar o seu estrago, facendo fincapé na lexislación en materia de Patrimonio; e contemplamos as marabillosas vistas de Marín e da ría dende o mirador natural do Pornedo.

…E que dixo María Ramallo? Cómpre matizar o que publicou a prensa local sobre esta visita da que DEFENDE O MONTE PITUCO, deliberadamente, non fixo ningunha publicidade. Tería sido exercicio de profesionalidade que os redactores desas informacións contactaran con este colectivo veciñal, quizais non tanto para contrastar a valoración da alcaldesa, senón para obter tamén a nosa impresión.

Como todo o mundo sabe, o PXOM está na súa recta final e non hai marcha atrás para reconsiderar novamente a calificación urbanística do Monte Pituco. Non é algo que se plantexe este colectivo, tendo en conta a necesidade de aprobalo. Iso non implica nin que o Monte Pituco se vaia urbanizar de inmediato, nin moito menos que cumpra as condicións para acoller un polígono industrial, posto que terían que ser -en teoría- os organismos competentes da Xunta os que emitan ese dictame. Na medida das súas posibilidades, DEFENDE O MONTE PITUCO ten avanzado todo o posible para evidenciar, ante as diversas Administracións, que este espazo natural protexido non reúne requisitos nin as garantías para esa instalación.

Máis aínda: A catalogación do Monte Pituco como solo empresarial é reversible ou irreversible? Cal é a vontade política actual do Goberno local tendo en conta o posicionamento que marcaron na pasada campaña electoral? Lembremos a ENTREVISTA de María Ramallo que publica a revista dos Populares de Marín este pasado mes de maio en plena campaña electoral:

-Nesta lexislatura houbo moitos debates sobre o parque industrial. O PP que pensa deste tema, cal é a súa proposta?

No parque industrial APOSTAMOS POR PASTORIZA, e non se nos fixo nin caso. No Plan de Urbanismo VAI O PITUCO, pero NINGUÉN NOS TEN DITO SE SE PODE FACER desde o punto de vista técnico, económico, nin medioambiental; non quixeron apoiar un ESTUDO destas dúas zonas e hoxe teriamos avanzado moito.

Máis reflexións: Cantas áreas industriais se irían acometer en Marín ni futuro inmediato? Entre Pontevedra-Marín (Monte Pornedo) e Marín-Moaña (Cruz da Maceira-Pastoriza), o Concello e a Xunta van escoller unha ou pretenden urbanizar as dúas? Máis aínda: Cabe a posibilidade de que a Xunta, coa mediación ou non do Concello, obvie circunstancias irrefutables como o acusado desnivel do terreo e o seu grao de protección ambiental, e se plantexe abordar a industrialización do Pornedo pola vía da Lei de Acompañamento dos Orzamentos que permite destinar solo rústico a uso empresarial? E segue insistindo o Concello de Marín na ubicación da área loxística asociada ao porto malia que a Autoridade Portuaria xa rexeitou este emprazamento no ano 2000?

…Son interrogantes que quedaron flotando sobre o Monte Pornedo, posto que o Goberno local de Marín, coa súa alcaldesa á fronte, non son capaces de respostar neste momento, no que todo está en mans da Xunta. E máis aínda, do actual contexto dunha aguda crise económica.

Así pois, posto que as “palabras maiores” quedaron no aire, DEFENDE O MONTE PITUCO non queda de brazos cruzados e apela igualmente á colaboración do Concello para axudar a “poñerlle as pilas” a este monte: poñendo en valor os seus gravados rupestres, eliminando os escombros… pequenas accións cun custe mínimo que redundarían nun gran beneficio para o contorno e para os seus usuarios.

…E que dixo María Ramallo? (bis). Entende que á Comunidade de Montes de San Xulián lle corresponde asumir unha parte importante das posibles medidas que se puideran tomar. Entende que a Comunidade de Montes de San Xulián ten recursos económicos abondo para levalas a cabo. Comprometeuse a trasladarlle aos directivos todas estas necesidades para procurar que se IMPLIQUEN nas actuacións que se cheguen a facer. Pero, que grao de connivencia hai entre os responsables municipais e os da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián? Terá María Ramallo a altura de miras suficiente para abordar as demandas de DEFENDE O MONTE PITUCO dende un punto de vista obxectivo, valorando os beneficios que as nosas propostas repercuten na cidadanía, e invitando a Comunidade de Montes a ser partícipe dunha fronte común que favoreza a imaxe do Monte Pituco? Ou esa posible mediación sería tan só unha pose de cara á galería en caso de que Concello e Comunidade de Montes xa tiveran pactado de antemán o rexeitamento das propostas?

Dende logo, a realidade é que a alcaldesa e os concelleiros que a acompañaron DESCOÑECÍAN a existencia dos petroglifos do Pornedo. Tampouco sabían que a presenza de lixo na zona fora tan preocupante. E pareceron amosarse gratamente sorprendidos ante a panorámica paisaxística que hai dende o monte, o que Xan Montenegro consideraba “o balcón da ría”. Esta é a valoración de DEFENDE O MONTE PITUCO: abrir os ollos (ogallá que tamén a mente) do equipo de goberno para que sintan o que os veciños e veciñas sentimos por este monte, que non se pode “comprar” con promesas de cartos e postos de traballo.

Post-data: a fotografía publicada no Faro de Vigo non a fixo ningún Gustavo Santos, senón o concelleiro de parroquias, Pablo Novas, que foi cámara en ristre durante toda a visita.

Publicado por: MontePituco | 27/07/2011

O ETERNO PROXECTO DAS BEIRARRÚAS EN SAN XULIÁN

Os veciños e veciñas de San Xulián estamos algo máis preto de podernos felicitar porque o (case) eterno proxecto das beirarrúas vaise vislumbrando por fin. A Xan Montenegro alegraríalle moito ler esta noticia; mágoa que non as chegue a ver construidas, dándolle servizo a tantos habitantes da parroquia que a diario soben e baixan ata o centro de Marín polo borde da estrada. Trátase dunha actuación valorada en máis de 700.000 euros que, máis pronto que tarde (ogallá) farase realidade.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, falaron deste tema onte, na visita que realizaron ás obras de mellora da estrada Cotorredondo-Lagoa de Castiñeiras-Cruz da Maceira. Isto foi, literalmente, o que dixeron sobre a vontade de ámbalas Administracións para botar a andar as obras.

RAFAEL LOUZÁN: …Vontade toda, porque é unha obra que leva dous anos paralizada, dous anos longos. Con financiación, co proceso de adxudicación rematado e só falta dicirlle á empresa gañadora do concurso, que está disposta a comezar a obra canto antes cos precios daquel entón. A alcaldesa está vendo o coste final dunhas reposicións que hai que facer, pero eu estou convencido de que a alcaldesa e o seu equipo de goberno van lograr desbloquear esta actuación tan demandada en Marín porque conecta o centro coa parroquia de San Xulián. Conta con financiación dun 30% do Concello e dun 70% da Deputación de Pontevedra. Xa levo dito en moitas ocasións que me parecía algo inaudito que esa obra non se dera comezado, pero mentres non nos daban os terreos a disposición, que en principio son terreos por onde van transcorrer os servizos municipais, estoume referindo a abastecemento, alcantarillado e alumeado público, e servizos de telefonía sobre todo, non podiamos comezar e así estabamos paralizados. Pero eu espero agora podela reiniciar urxentemente.

MARÍA RAMALLO: …O que nós tiñamos cando chegamos era que se tiña feita unha valoración dos bens afectados, parecía que houbera unha reunión cos veciños na que todos estaban de acordo en que esa valoración era a que eles admitirían. Enviouse á Deputación para ver se está de acordo, e se comunicará aos veciños xa coa data de inicio. A reunión cos veciños será para dicirlles cando comeza. Eu creo que xa non me sinto con forzas de volver convocar a ninguén para volver falar do mesmo. A reunión cos veciños será para dicirlles cando empeza, e a medida que vaia avanzando a obra calquera problema que xurda se irá solventando. Hai un documento no que se valoran as cesións e reposicións que hai que facer, que é o que se enviou á Deputación. Unha vez que eso xa se teña previsto no proxecto, farase a adxudicación definitiva á empresa que, en principio, xa saíra gañadora do concurso, para o inicio das obras.

Publicado por: MontePituco | 26/07/2011

ASAMBLEA XERAL NA COMUNIDADE DE MONTES

A vergoñenta realidade na directiva da Comunidade de Montes de San Xulián:

-A última asemblea xeral foi a finais de 2009. As contas quedaron SEN APROBAR. Cando a maioría dos comuneiros non ergueron as mans en sinal de conformidade, as palabras do actual presidente foron: “Non aprobades as contas? Alá vós!”. O que daquela era tesoureiro e responsable dos fondos da Comunidade non dixo nin ren.

-A situación do Monte Pituco é lamentable: verquidos ilegais a base de materiais contaminantes e inflamables, a pista nunhas condicións calamitosas, maleza por todas partes, unha ordenación forestal caótica, os gravados rupestres (Bens de Interese Cultural) nun estado de abandono que denota a ignorancia de quen debera de garantir o seu mantemento, a área recreativa pasto do vandalismo…

-Nula capacidade de diálogo e cero transparencia por parte da xunta rectora (xestora) cos comuneiros, aos que non convocou en asemblea en todo o 2010. Entregar escritos con peticións de mellora para o monte foi sempre equiparable a unha odisea, ante as negativas reiteradas do vicepresidente para recoller os documentos en ausencia do presidente e as dificultades para acceder directamente a este último.

…Seguimos? (Por non falar do pouco dominio que teñen da linguaxe e da escritura, de tan desafortunados que son habitualmente cos carteis que publican, cheos de faltas de ortografía e de expresións incorrectas, cando non inapropiadas).

 

Publicado por: MontePituco | 25/07/2011

NO DÍA DE GALICIA

“Cistus psilosepalus sweet” ou carpaza: Arbusto con talos ramosos de ata 100 cm. As follas son sésiles, ovado-oblongas, a linear-oblongas, planas ou a penas revolutas, pelosas por cara e envés, percorridas por tres veas. As flores levan cinco sépalos, dous deles algo maiores de cor verde marela, e cinco pétalos brancos, a miúdo cunha mancha basal amarela. Estames iguais. Froito en cápsulas que abre por cinco valvas. Florece en maio-xuño en chans ácidos, senso máis abondoso en baixas latitudes. Constitúe ENDEMISMO da metade oeste da Península Ibérica.

(Fonte: “Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García. Xerais, 2008)

“A NOSA BANDEIRA”

AZUL

Os pinos, foguetes verdes;

das súas ponlas pendurado

chora o ceo estremecido,

do gris inverno amayado.

BRANCO

Os ledos regueiros,

mozos e algareiros,

van á romaría

tocando os pandeiros.

Pandeiros de prata,

de breixas, de neve,

vasos cristaíños

onde o día bebe.

ESCUDO

O cáliz do sol reverte

roxo sangue do serán.

Sete estrelas, como pombas

que tornan ao seu pombal,

crucifican o silenzo

arredor do Sant-Graal.

LUIS AMADO CARBALLO: “Proel”, 1927

 

Publicado por: MontePituco | 22/07/2011

EXPOSICIÓN DO CENSO DE COMUNEIR@S

…Seica hai eleccións á vista na Comunidade de Montes de San Xulián? E a asemblea xeral de comuneiros/as, sen celebrarse desde finais de 2009, coas contas sen aprobar… Total: un auténtico desastre organizativo, unha flagrante falta de transparencia e unha situación inxustificable de alegalidade que só se pode xustificar pola irresponsabilidade dos membros desta xunta rectora e pola indiferencia absoluta do colectivo social que lles debera esixir explicacións puntuais e detalladas do que entra, do que sae, do que fan e do que desfán cos recursos da Comunidade.

De modo que as persoas da parroquia que teñan dereito a figurar nese censo teñen unha horiña ao día, de 21:30 a 22:30 de luns a sábado, e os domingos pola mañá de 10:30 a 14:30 horas, para comprobar que figuran no listado e para supervisar que non haxa irregularidades, duplicidades, ou comuneir@s pantasma.

Publicado por: MontePituco | 21/07/2011

CONTRA O MALTRATO AOS CABALOS

Pontevedra está “empapelada” con este cartaz que convoca a cidadanía a amosar a súa repulsa contra o maltrato que sofren os cabalos con pexas e trancas nas súas extremidades. A concentración será o 26 de xullo ás 20:00 horas na Praza da Peregrina.

Publicado por: MontePituco | 20/07/2011

29 DE XULLO, HOMENAXE A XAN MONTENEGRO

Desolado pola noite, desolado por o día.

Desolado co vento e co aire que con el vinha.

No Outeiro grande soa forte,

nunha manhán moi fría.

O amigo enfrentouse a El sabedor que perdía.

Foise a noite, foise o amigo, veu o día.

O mar… o mar cando fala non avisa.

(Xan Montenegro)

Versos, reflexións, palabras. Músicas, imaxes, recordos… Xosé Vilas e Marinenses Independentes, xunto con outros colectivos sociais e persoas a título individual, están organizando unha fermosa homenaxe a Xan Montenegro, coa colaboración da súa familia. Vai ser un acto precioso, polo esforzo e o agarimo que se está poñendo na súa preparación, con numerosas intervencións. O VENRES 29 DE XULLO, A PARTIR DAS 20:30 HORAS, NA GRANXA DE BRIZ. Algúns visitaremos este espazo aínda por primeira vez. Nós temos o noso monte, un monte que tamén é o de Xan, polo que tanto mirou e se preocupou; tan bonito ou máis, aínda que menos coidado pola desidia de quen debera velar pola súa conservación e polo comportamento incivilizado dalgúns visitantes asilvestrados. Pero por Xan, o que faga falta, en Briz, no Pornedo, ou na mesma lúa.

Publicado por: MontePituco | 20/07/2011

ACTIVIDADES DE ALMUINHA ESTE SÁBADO

A Asociación Almuinha, en colaboración con outros colectivos como o Grupo Cultural Ronsel, vai organizar varias actividades co gallo do Día da Patria Galega. Así, este sábado día 23 a partir das 10:00 horas, farase un percorrido pola ría a bordo dunha embarcación tradicional, con saída dende o porto de Aguete. As viaxes, tanto pola mañá como pola tarde, faranse por quendas en función da afluencia de público.

Ademais da oportunidade de navegar, outra posibilidade é participar nun roteiro pola costa marinense que, partindo tamén dende o porto de Aguete, chegará ata a Illa do Santo, tamén coñecida como San Clemente, rodeando o monte Montecelo para chegar ao núcleo costeiro de Loira, na mesma desembocadura do río e na praia. O itinerario continuará a través do monte da Cova ata a praia do Santo, que ofrece unhas marabillosas vistas dende os seus cantís. Alí mesmo poderanse comprobar os efectos causados polo incendio provocado que o verán pasado lle afectou a ese monte.

Unha terceira proposta consiste nunha saída en parapente para sobrevoar os Montes do Morrazo, un espazo protexido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento. A pesar diso, trátase dunha zona ameazada pola instalación dun parque eólico no lugar de Pedras Negras e pola construcción de dous polígonos industriais, un no Monte Pornedo e outro en Cruz da Maceira/Pastoriza.

O despegue farase a partir das 10:00 horas dende a zona de Chan da Arquiña e a aterraxe será en Santa Cristina de Cobres. O custe desta actividade, na que colabora o Clube de Parapente do Morrazo, é de 40 euros. Os monitores desta asociación explicarán como se pilota o parapente e, aínda que para os voos utilizaranse vehículos bipraza que, se as condicións do vento son óptimas, poderían manexar os propios participantes.

A partir das 14:00 horas haberá un xantar na casa de cultura de Seixo, para o que cómpre aboar 10 euros por persoa. Para participar na saída en parapente cómpre reservar praza chamando ao teléfono 606595310 ou contactando con Almuinha no correo electrónico a.c.almuinha@gmail.com. O roteiro pola costa e o paseo pola ría a bordo dunha embarcación tradicional son actividades abertas ao público e de balde.

Por terra, mar e aire, as propostas de Almuinha, sempre baseadas no respecto á natureza e na recuperación das tradicións, enlazando co coñecemento e coa práctica de novas formas de diversión e de lecer.

Publicado por: MontePituco | 19/07/2011

RESTAURACIÓN DUN RETABLO

En pleno debate sobre o futuro das deputacións, e coincidindo tamén coa recta final das festas do Carme, a Deputación de Pontevedra anuncia que vai contribuir economicamente á restauración do retablo da Nosa Señora do Carme na igrexa parroquial de San Xulián. Aprobadas na última Xunta de Goberno as axudas de Cultura para o ano 2011 por un importe total de 392.000 euros, na bisbarra do Morrazo esta vai ser unha das actuacións máis destacadas, segundo o organismo provincial. Vai haber un total de 74 entidades beneficiarias en toda Pontevedra, cun orzamento de 300.000 euros. O importe das axudas oscila entre os 800 e os 15.000 euros.

Hai outro apartado de subvencións -cun orzamento global de 92.000 euros- destinadas a asociacións e agrupacións musicais para a adquisición de instrumentos e vestiario. Entre as 105 beneficiarias en toda a provincia, con axudas entre os 300 e os 2.000 euros, atópanse as asociacións culturais marinenses Airiños de San Xulián e Trompos os pés, que van recibir senllas subvencións para a adquisición de instrumentos e de vestiario.

Publicado por: MontePituco | 18/07/2011

VISITA MULTITUDINARIA AOS PETROGLIFOS DE TOURÓN

O ano pasado por estas datas estivemos na primeira edición da festa da arte rupestre que organizaba o Concello de Ponte Caldelas no monte comunal de Tourón para participar na visita nocturna que ofrecía o Instituto de Estudos Miñoranos, cun locuaz e amenísimo Xosé Lois Vilar como guía da expedición. Se xa entón a afluencia de público fora masiva, este ano quedámonos curtos se afirmamos con rotundidade que había “unmundodediós” de xente. Máis de 300 persoas, segundo consta na crónica que realizou o propio IEM na súa páxina web. E dámos boa fe: ademais de veciños de Ponte Caldelas, de Pontevedra ou de Marín que nos achegamos ata alí para aprender sobre Prehistoria, arqueoloxía e arte rupestre, achegáronse un grupo ben numeroso de estudantes do Instituto Manuel Antonio de Vigo, cos seus pais e nais.

Queda entón perfectamente claro o interese e o poder de atracción social que xeneran este tipo de actividades, o papel indiscutible destes gravados como activos económicos. Para que outros/as ignorantes digan que “as pedras non dan de comer” e que “prefiren que o monte o leve un polígono industrial antes que a Brilat o vaia levar pola cara”. A palabras necias, oídos xordos. A palabras necias, argumentos e imaxes que demostran todo o contrario. Velaí o exemplo dos comuneiros de Tourón, cando decidiron poñer en valor o patrimonio histórico que había no seu monte, cando negociaron co Concello de Ponte Caldelas para crear un parque arqueolóxico que hoxe é un referente, cando acondicionaron todo o espazo para evitar que os incendios forestais arruinaran de forma irreversible esta riqueza. Grazas aos veciños e veciñas de Tourón por garantizar a pervivencia dese legado e ao Instituto de Estudos Miñoranos polo seu esforzo na difusión destes coñecementos que contribúen a concienciar a sociedade sobre o incalculable valor cultural, histórico e identitario destes gravados.

Xosé Lois Vilar impartiu primeiro unha charla sobre “Escenas de caza na arte rupestre galega” mentres Xilberte Manso proxectaba imaxes que exemplificaban todas as explicacións: mostras de arte xeométrico (círculos concéntricos, espirais, figuras reticulares, coviñas, esvásticas…) e de arte figurativo (figuras humanas ou zoomorfas de cervos, cabalos e mesmo cans) existentes en toda Galicia, inscricións na pedra cunha asombrosa antigüidade de 3.000 a 6.000 anos, mesmo con paralelismos localizados en Portugal e noutros puntos da Penínsulta ou do resto de Europa.

Despois da charla, a visita sobre o terreo á Área Arqueolóxica de Tourón, lanterna en ristre, para ver os círculos concéntricos con coviñas que se atopan no Outeiro da Forcadela; tamén os da Laxe das Cruces, onde destacan ademais os cervos feitos coa técnica do baleirado; para rematar finalmente na espectacular pedra situada no Nabal de Martiño, onde se atopan os petroglifos máis expresivos. Os asistentes non deixaron de sacar fotos, de preguntar curiosidades. Era espectacular contemplar dende o alto, en plena noite, o itinerario serpenteante que marcaban as luces dos visitantes, coma unha “Santa Compaña” máxica que subía monte arriba. E se tan asombroso era o espectáculo sobre o terreo, non menos marabilloso era no ceo, cunha lúa chea redonda e brillante que iluminaba a noite e as constelacións.

Mensaxe a navegantes: a área arqueolóxica de Tourón está aberta todo o ano. Paga a pena achegarse ata alí, cos bos accesos -perfectamente sinalizados- que ten. Preferentemente na hora do solpor, a partir das 7 da tarde, cando o sol xa vai baixiño e se perciben á perfección as marcas gravadas na pedra. Un espectáculo privilexiado e de balde. E para quen queira saber máis, están as xeiras de verán do Instituto de Estudos Miñoranos: o vindeiro mércores 20, a visita será á Serra da Groba, dende Belesar a Chan da Lebre, a cargo dos guías Xilberte Manso e Xosé Ramón García; con saída ás 18 horas da Praza de Sabarís. E a seguinte, aos petroglifos de Cotobade.

Publicado por: MontePituco | 17/07/2011

UN MES DO PASAMENTO DE XAN

Vai un mes dende o pasamento do noso amigo e veciño Xan Montenegro. Dende a nostalxia pola súa perda, pero tamén dende a admiración polo moito que nos aportou e nos segue aportando o seu legado vital, non podemos deixar pasar esta data sen lembrar novamente a súa figura. Hai uns días publicábase no Faro de Vigo unha entrevista coa súa irmá Lucinda, quen mellor o coñece e o representa. Mañá luns, na Casa da Cultura de Seixo, celébrase unha nova xuntanza entre os colectivos e particulares que van participar na súa homenaxe, o próximo 29 deste mes na Finca de Briz.

Lucinda Montenegro Villanueva – Irmá de Xan Montenegro

“Un gran disgusto de Xan foi que o BNG o tratara como testaferro”

Lucinda y toda su familia aseguran haberse visto sorprendidos por la cantidad de personas que expresaron su condolencia

XULLO SANTOS PENA – MARÍN. Xa case que vai alá un mes dende o pasamento de Xan Montenegro Villanueva, aquel nacionalista sempre presente onde houbera que erguer a voz para pedir xustiza. Xan era un dous personaxes cuxa presenza notábase no pobo co seu sombreiro alado e sempre disposto a botar unha parrafada con calquera sempre para falar das cousas que lle preocupaban, que non eran poucas non eido da política, da cultura, da igualdade e de calquera outro tema dos que realmente precupan a todos. Coa vida prestada dende doce anos atrás, en que recibira un transplante, era coñecedor do perigo constante de calquera fallo do sistema e nas derradeiras semanas da súa vida quixo e soubo superar a situación, consolar a todos e deixar ben claro o seu legado. Lucinda Montenegro, a súa irmá, viviu de preto a experiencia vital de Xan, con quen mantivo ao longo de toda a vida unha estreita relación fraternal.

– ¿Bótase de menos a Xan no eido familiar?

– Moito, porque el era unha parte especial da nosa familia. Todos o temos presente porque ao longo da vida deunos continuo exemplo da loita pola xustiza e pola vida mesma, como demostrou nos últimos doce anos.

– ¿Non lles sorprendeu a resposta social trala súa morte?

– Nunca puidemos pensar que tal cousa fora así. Sabiamos que Xan era moi coñecido e querido, pero a manifestación de dor que xurdiu aqueles días, e aínda hoxe, foi moi grande.

– Eso axuda a levar a carga de pesar…

– Por suposto que si. Nós non poderiamos chegar a tanta xente para darlle as grazas polo apoio recibido a través de todos os medios… Xente coñecida e tamén descoñecida para nós pero que amosaron ou seu sentimento pola perda de Xan. Neste senso gustaríame no nome da miña nai e de todos nós, amosar a gratitude da familia e, en especial, aos compañeiros de Mar-In, principalmente a Vilas, que fixeron aqueles días de portavoces ante tanta xente.

– ¿Vai chegando a tranquilidade ou a resignación?

– Non é doado pero tamén quédanos ou recordo da súa serenidade. Cando finalmente descubriu que non lle quedaba moito, todo ou seu esforzo foi para prepararnos a todos e despedirse de todos. Unha das cousas que fixo foi ir ao computador e mandarlle correos a todos os coñecidos dicíndolles “isto acábase” e quen quixo entender, entendeu. Ata para morrer foi un exemplo

– Todos sabemos como era Xan na sua permanente loita pero ¿como era na casa?

– O mesmo; sempre pendente de que todos cumpriramos con todo ata nos mínimos detalles. Era un home quen de facerte rir pero se miraba algo atravesado era o primeiro en facelo ver. Foi ademáis, para a nosa nai, ou seu Deus e viceversa, aínda que sempre estaban discutindo. A miña nai sempre o quixo sen condicións e para el, a familia toda era o máximo na súa vida.

– Sempre tivo problemas de saúde.

– Era motorista e perdeu un ouvido, polo que Mediciña Marítima prohibeulle navegar. El quixo seguir e ata chegou ao TSX pero non conseguiu a licenza. Hai 12 anos presentóuselle o problema do fígado e sufriu un transplante que lle permitiu vivir todos estes anos tan intensamente.

– O problema do BNG causoulle moito sufrimento ¿non?

– Tivo dous momentos de moito desgusto. Un foi cando o puxeron como home de palla na compra da casa da Veiguiña, algo que nunca puido asimilar. O outro cando Bieito Lobeira agrediuno na mesma casa, aínda que despois no xuízo alegase que fora en defensa propia, cando ben sabía as condicións físicas que tiña Xan naquel intre. Tamén quedou moi doído de certa persoa que presenciou o caso e foi declarar como testemuña falsa.

– O problema da Veiguiña foi a súa loita moito tempo.

– Desde logo, porque el sabía moi ben como foi a compra e como se comportaron con el certas persoas que mesmo utilizaron a súa firma cando estaba case a morrer no hospital de Santiago. Ao final conseguiu que o Bloque lle devolvera parte do pagado por el ou outros expulsados naquel lea, e aqueles cartos gastounos no seu derradeiro viaxe a Arxentina e nunha merenda con todos o día que se fixo a homenaxe na tumba de Manuel Broullón.

– Agora vanlle facer unha homenaxe a el.

– Si; a fin deste mes. Para nós, e tamén para el, será unha gran satisfacción porque nunca esperabamos que puidera ter tantos amigos, aínda que sabiamos que tamén tiña inimigos, iso si.

– ¿Que sería bo para lembrar a Xan, Lucinda?

– Lembralo xa é bastante pero eu quixera transmitir unha idea que el tiña, que para eso donou o seu corpo para a Ciencia e gustaríamos facer chegar a todos ese sentimento de solidaridade anónima cos demais para que haxa moitas donacións de órganos a quen os precisa. O meu irmán viviu doce anos grazas á xenerosidade de alguén anónimo e eso só se paga do mesmo xeito.

Publicado por: MontePituco | 16/07/2011

…MARIÑEIROS E MARIÑEIRAS (II)

BARCOS NO PÓR DO SOL

…Os barcos aran ouros na poeira do sol,

e vén a miña nau trazando a súa

derrota inexorável: o tempo é un sospiro”.

Antón Avilés de Taramancos: “Última fuxida a Harar”.

 

Publicado por: MontePituco | 15/07/2011

CARMES E CARMELOS, MARIÑEIRAS E MARIÑEIROS

OLAS SALGADAS

Na mar, olas salgadas, cabeleiras

verdenevadas, ledas como vidro

liso, suave e frío, ou vento duro.

Cobras de lentos lombos, olas, ondas

cada a tódal-as praias. Escaleiras

de lúa en carriola, rebrilando.

Lirios sin sangre xa nin doce aquel.

Lúas novas en bercios, lavas de ouro

dun sol inda doncel, garrido e forte

coma o dos vellos poe,as do Helesponto.

Velahí tedes a mar, a mar primeira,

navegada de noites e de ventos,

sin naufraxios nin ledos argonautas,

terrible de inocencia, forte e bela.

En doces brazos de auga adormecida,

a terra, sin ninguén, leda e vizosa,

nun silencio de espacios infinitos

e un revóo sotil de abelaíñas.

AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO: “Cómaros verdes”

Publicado por: MontePituco | 14/07/2011

CHAN INDUSTRIAL EN MOAÑA E BARRO

Velaquí o “despece” da noticia completa que se mostra a continuación e que se publicou na prensa deste xoves 14 de xullo. Se a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aposta polo desenvolvemento dun polígono Moaña-Marín incluido no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia, que pasa coa outra área Marín-Pontevedra que tamén figura nese Plan? Con cantos polígonos vai contar Marín a uns anos vista? O Monte Pornedo líbrase das excavadoras e do formigón? Ou a Xunta vai consentir que se furen os Montes do Morrazo por partida dobre, tendo en conta que Pornedo é tan espazo natural protexido coma Cruz da Maceira?

A edición do Morrazo do Faro de Vigo xa se adiantaba onte coa seguinte información:

La Xunta saca adelante el Plan Xeral de Moaña tras diez años de tramitación y con matices

El conselleiro de Infraestructuras, Agustín Hernández, visita hoy el municipio y trae el PXOM en su cartera

CRISTINA GONZÁLEZ – MOAÑA Hoy podrá ser una realidad después de diez años de tramitación y de que la Xunta tumbara su aprobación definitiva en 2008. El Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Moaña podría haber pasado ya el filtro de la aprobación definitiva en la Xunta, algo que se esperaba desde hace meses, y podría ser uno de los asuntos que el conselleiro de Infraestructuras y Medio Ambiente, Agustín Hernández, traiga en la cartera en la visita que hoy realiza a mediodía al Concello moañés para reunirse con el alcalde, José Fervenza.

El regidor confía en que el conselleiro confirme la aprobación definitiva del Plan Xeral “que abrirá muchas expectativas en el municipio, sobre todo de cara a la creación de empleo”.

Todo apunta a que Agustín Hernández confirme la aprobación definitiva del PXOM, aunque, según las fuentes consultadas, será una aprobación con matices que tendrán que ver con el polígono industrial de Cruz da Maceira y posiblemente con la urbanización de 500 chalés en Albariños, en la parroquia de Tirán, dos cuestiones que ya fueron tumbadas en 2008, cuando la Xunta informó desfavorablemente la aprobación definitiva. El Concello cumplió entonces con las directrices que marcó aquel informe y redujo, por ejemplo, el crecimiento de viviendas de 13.772 a 3.500, aunque decidió mantener en el documento el polígono industrial y la urbanización de Albariños para acallar el conflicto social que generó si la zona quedaba sin calificar. Albariños aparecía en el anterior Plan como suelo urbanizable no delimitado, que lo relegaba a un suelo residual que se desarrollaría una vez realizados otros. En el nuevo documento pasó a suelo urbanizable delimitado, lo que permite desarrollarlo a través de un plan especial. El alcalde entonces, el nacionalista Xosé Manuel Millán, ya advirtió que se incluía en el PXOM pero que la última palabra la tendría la Xunta. Hoy se verá. Millán nunca creyó en este desarrollo.

En el caso del ansiado polígono industrial de Cruz da Maceira, todo parece indicar que podría haber quedado desligado del PXOM y que la Xunta optó por la solución de mantenerlo en el Plan Sectorial de Suelo Industrial de Galicia como un polígono conjunto con Marín. Sería desarrollado por el organismo dependiente de la consellería, Xestur Pontevedra, en terrenos de ambos municipios. El plan sectorial incluía el desarrollo de este polígono entre 2012-2015. El polígono había sido uno de los planes que tumbó la Xunta en 2008, cuando se sometió a aprobación definitiva el PXOM, por estar en terrenos de protección forestal. Pero la anterior corporación decidió volver a incluirlos por la necesidad de suelo industrial en el municipio, aunque se redujo el ámbito de los algo más de 450.000 metros cuadrados a los 250.000 actuales.

La aprobación definitiva del PXOM es algo que se espera desde diciembre, cuando la Xunta recibió el grueso del documento después de tener el Concello los informes favorables de Costas y de Patrimonio. Pero el documento se volvió a enfrentar a un nuevo retraso por un informe de última hora de Infraestructuras que obligó al equipo redactor Arteplán a elaborar una separata con las modificaciones viarias que imponía la Xunta que tenían que ver con el grafiado del desdoblamiento del Corredor y la retirada de la variante de Moaña. La variante ha quedado en el aire cuando era uno de los ejes del futuro desarrollo urbanístico. Ahora será trazada por la Xunta.

El PXOM distingue dos distritos a desarrollar: Por un lado Domaio y por el otro las restantes parroquias de Moaña, Meira y Tirán. En Moaña completa la malla urbana con el desarrollo de polígonos de suelos urbanos no consolidados como el caso de Sisalde, en donde se proyecta el futuro centro de salud; o el ámbito entre la iglesia del Carmen y As Barxas, la finca del Real, de García Arenal o de Pazó. El Plan contempla el desarrollo de Moaña villa por debajo de la variante hacia la PO-551.

En abril saltaba outra noticia de calado relacionado coa creación de chan industrial, neste caso entre Pontevedra e o Salnés: o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulaba o plan sectorial de Outeda-Curro pertencente ao polígono de Barro-Meis, impulsado pola Deputación Provincial. Tres meses despois, os políticos séguenlle dando voltas ao recurso que presentaron preto dun centenar de veciños da zona afectada. Recapitulamos no seguinte artigo:

POLÍGONO BARRO-MEIS: O QUE MAL EMPEZA…

Publicado por: MontePituco | 13/07/2011

II FESTA DA ARTE RUPESTRE EN PONTE CALDELAS

…Que aínda non fostes visitar o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro? Pois váisevos acumular o choio! Este venres e sábado celébrase en Ponte Caldelas, na contorna dos petroglifos de Tourón, a II Festa da Arte Rupestre. Na seguinte ligazón pódese ler e ver o relato de como foi en xullo do ano pasado (como pasa o tempo!) a primeira edición desta interesante iniciativa cultural e lúdica:

VISITA NOCTURNA AOS PETROGLIFOS DE TOURÓN

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, presentou hoxe o programa de actividades, que contan coa colaboración do doutor en Historia Buenaventura Aparicio. Os obxectivos desta iniciativa, tal e como os describe o concello, son “dar a coñecer aos visitantes o Centro Arqueolóxico de Tourón, potenciar o coñecemento por parte dos máis novos da arte rupestre dende un enfoque lúdico, ofrecerlles aos participantes a visión guiada dos petroglifos dende a perspectiva de expertos na materia, aprender a respectar as normas dun contorno patrimonial ao aire libre e comprender a importancia da arte rupestre”.

O venres a partir das 22:30 horas realizarase a visita nocturna ao Centro Arqueolóxico, a cargo do experto Xosé Lois Vilar Estévez. RECOMENDADÍSIMO!

O sábado haberá actividades a partir das 18:00 horas: hípica infantil, obradoiros para nenos e adultos… Ás 19:00 horas Buenaventura Aparicio guiará a visita ao Centro Arqueolóxico, que rematará ás 22:00 horas cunha actuación da banda de gaitas Os Coribantes de Buchabade e unha queimada.

Publicado por: MontePituco | 12/07/2011

ENÉSIMOS VERQUIDOS INCONTROLADOS

Materiais plásticos e inflamables, cascotes, cartóns, madeiras, botes, caldeiros metálicos, cristais, ata restos de comida… Toda esta quincalla noxenta apareceu este fin de semana na pista que atravesa o Monte Pornedo. Pero non é tan noxenta a imaxe deste lixo como a actitude irresponsable, incívica e imperdoable -nunca cansaremos de repetilo- de quen ousa converter o monte no depósito das súas propias miserias.

Velaquí as imaxes, para vergoña -se é que a ten- do autor ou autores desta trapallada que merece a maior das sancións, tratándose de materiais potencialmente perigosos para a seguridade do monte. Por suposto, o Seprona, o Concello de Marín e a Xunta van ter coñecemento desta nova agresión ao Monte Pornedo. Lamentablemente, a reacción da Comunidade de Montes é sobradamente predecible: como hai nada que instalaron uns paneis informativos instando a non botar lixo darán por sentado que ata aí chega a súa responsabilidade. Os seus principais directivos non patean o monte (como moito, para o estrictamente necesario), non moven unha palla para ir limpando os vertedeoiros (agás que lles  obriguen dende as altas esferas), non toman ningunha medida para eliminar a maleza, acondicionar os camiños ou invertir un céntimo na mellora do contorno. E por riba parécelles fatal que haxa alguén que lles lembre as súas obrigas.

Nas imaxes que seguen pódese apreciar o estado dese mesmo vertedoiro a principios deste mes de xullo, como proba do recente que é este novo depósito de escombros. Por desgraza, o grave non é que antes aparentara ter menos lixo, pois o peor non está á vista, senón no que non se ve. Asomándonos ao borde do terraplén obsérvase como o groso acumúlase máis abaixo. É doado facerse unha idea do modus operandi dos infractores: suben pola pista conducindo un tractor ou furgoneta, chegan a ese lugar, recúan para atrás, abren a porta ou vasculan o remolque, e o material que transportan cae ao baleiro. Dan a volta e marchan, impunemente.

…Que cómpre facer para que cese esta lacra! Por que a Comunidade de Montes non fai algo máis para evitar que crezan e se consoliden estes verquidos ilegais? Cren os seus representantes que por poñer unha pegatina aproveitando unha chapa furada que había no medio dunhas silvas xa non teñen máis que facer? Estamos convencidos que con algo máis de compromiso por parte de todos -o interese real da Comunidade, a axuda do Concello, a vixiancia do Seprona e a concienciación dos veciños- tal vez teriamos un monte máis bonito e máis produtivo.

(Recomendamos pasar o punteiro sobre as imaxes que seguen a continuación para ler o texto explicativo que acompaña cada fotografía).

Publicado por: MontePituco | 11/07/2011

PLENO DE XULLO: O PLENO DOS ROGOS E PREGUNTAS

Tralos plenos de investidura e de organización, este venres pasado celebrouse o primeiro pleno ordinario da nova Corporación Municipal, bastante anódino no que respecta ao desenvolvemento dos puntos da orde do día, pero que se voltou inesperadamente movido no turno de rogos e preguntas. Non estaría de máis, de feito, que convoquen de forma periódica un pleno adicado en exclusiva a ese apartado, para que os concelleiros da oposición -nacionalistas e socialistas, nomeadamente- poidan lucirse publicamente, nunha especie de “paraespectáculo” que nesta ocasión resultou exasperante. De cortar o bacallau xa se ocupan entre uns e outros na Xunta de Goberno e nas Comisións Informativas; para hipnotizar a paisanaxe está a sesión plenaria na que uns cobran mentres os demais adicamos un tempo precioso a aturar, nos máis dos casos, discursos artificiais e baleiros ou, ao peor, tomaduras de pelo.

(Pola ampla extensión do artigo, prémase “LER MÁIS” para a lectura completa do documento. Grazas).

Ler máis

Publicado por: MontePituco | 08/07/2011

PASSIFLORA CAERULEA: FERMOSA PERO INVASIVA

Na pista que se adentra no Monte Pornedo atopamos estes días unha ilustre habitante: a “passiflora caerulea”, pasionaria ou flor da paixón. Trátase dunha especie orixinaria de Sudamérica. Que como chegou ao monte? Evidentemente, ninguén a foi plantar a mantenta. A planta atópase a carón dun dos moitos vertedoiros incontrolados que, por desgraza, se foron formando pola acción incívica e indolente dalgunhas persoas que non se molestan en buscar un lugar axeitado para depositar o seu lixo. E así, probablemente entre uns restos dunha poda ou do desbroce dalgunha finca, chegou esta trepadora de flores chamativas, máis propia de medrar ao longo dun valado que de encaramarse ás pólas das árbores. A súa función é meramente ornamental, está claro que o seu habitat natural non é o Pornedo onde, ademais do monocultivo do eucalipto, tamén se atopan outras pragas, como a herba da Pampa.

Fronte á opinión de quen avoga por manter a passiflora no monte, argumentando que sería unha mágoa prescindir do colorido e do exotismo destas flores, a maioría das valoracións amósanse partidarias de erradicar a súa presenza para evitar que siga extendéndose. Tanto pola documentación recabada, como polo asesoramento de expertos en ecoloxía e forestais, o máis recomendable sería proceder á súa retirada que, necesariamente non implica a morte da planta, senón a súa extracción, conservando a raíz, para trasladala a outro lugar onde poida seguir cumprindo a súa misión decorativa en vez de estorbar o normal desenvolvemento das especies autóctonas do monte.

Publicado por: MontePituco | 07/07/2011

PREMIO SUNSHINE

O noso amigo e compañeiro Rafa Quintía, a través do seu blog Á sombra de Bouza Panda, tivo a amabilidade de obsequiarnos cunha distinción que, máis que un recoñecemento, é unha luminosa cadea de esforzos e vontades. Dámoslle as grazas polo seu xesto xeneroso, e felicitámolo polo traballo de divulgación histórica, cultural e antropolóxica que fai a cotío na súa interesante bitácora. Recibimos este Premio Sunshine non só con gratitude, senón tamén con moita ilusión, e tomámolo como un estímulo para seguir traballando a prol da defensa e da conservación da riqueza natural, histórica e cultural do Monte Pornedo fronte ás ameazas que lle afecten.

En cumprimento das normas do premio, cumprimos coas seguintes pautas: amosar a distinción neste blog, pór un enlace á páxina da persoa da que se recibiu o galardón, facer partícipes desta distinción a outros 12 blogs do meu interese, publicar o seu enderezo, e comunicarlles a concesión do Premio Sunshine. Os escollidos por Defende o Monte Pituco (Pornedo) para continuar esta cadea de soles son:

BreaSeixo: recentemente deixou de actualizarse, pero o seu contido é un exemplo de constancia, de loita e de inxenio, onde tamén atopamos simpatía e alento para a nosa causa.

Rurales & Urbanitas: non é propiamente un blog, senón o foro de “Erasmo” que, aínda vivindo fóra de Marín, sente e preocúpase na distancia polos acontecementos da súa vila como se vivira nela os 365 días do ano; tamén lle agradecemos o seu apoio ao monte Pornedo.

Asociación Cultural Almuinha: un colectivo puxante, creativo e entusiasta, sempre a prol da lingua e da cultura galega, intentando dinamizar a vida social marinense con charlas, cursos, proxeccións audiovisuais, roteiros, xantares… actividades con moita imaxinación e recursos limitados; ánimo.

Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños: aínda que xa recibiron un Premio Sunshine, outro máis vai de reforzo, para que non esmoreza a ilusión deste colectivo na súa teima de crear un entorno que aúna medio ambiente, cultura, historia, desenvolvemento rural, turismo…

Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo: acaba de comezar a súa andaina, pero a súa causa, a prol da protección dos Montes do Morrazo contra os parques eólicos, industriais e as infraestruturas que ameazan a súa riqueza, merece este pulo; máis ánimo.

Instituto de Estudos Miñoranos: pola súa sólida traxectoria, por axudarnos a coñecer a arte rupestre con outra perspectiva, pola súa defensa irreductible do territorio, por enriquecer a bagaxe da cultura galega coas súas investigacións.

Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común: en agradecemento polo apoio a Defende o Monte Pituco, polos consellos recibidos; polo seu traballo na promoción do carácter multifuncional do monte veciñal; por recoller tanta información de interese sobre as comunidades de montes galegas.

Xoán Arco da Vella: por camiñar, por compartir con todos e todas as paisaxes e as historias de tantos lugares que visita, captando con fermosas imaxes a beleza inmensa de Galicia enteira, e atesourando un patrimonio audiovisual que merece o noso máis sinceiro recoñecemento.

Grupo Cultural Ronsel: un tributo máis a Xan Montenegro, polo seu compromiso con Marín, pola súa lealtade e amizade; e para que os seus compañeiros continúen con máis entusiasmo, se cabe, a súa actividade de difusión do patrimonio marítimo e rural.

Patrimonio Galego: por aunar vontades a través da rede, creando un tecido de colaboracións que farán posible inventariar o noso patrimonio material e inmaterial, cunha atención especial aos elementos que se atopan en perigo

Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca: pola súa adicación meticulosa na investigación da historia, da cultura, da tradición oral dos pobos e dos lugares cunha trascendencia mítica, que deu lugar a publicacións e documentais rigurosos e interesantes; bo traballo.

Paco do Martelo: compartindo imaxes e experiencias sobre o seu pobo, sobre o monte veciñal, contribuíndo a dar a coñecer a paisaxe e a paisanaxe da bisbarra do Barbanza; un aliado na rede, un exemplo de sinerxia virtual.

Publicado por: MontePituco | 06/07/2011

NO PARQUE RUPESTRE DE CAMPO LAMEIRO

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro xa é unha realidade. Á inauguración do centro de interpretación asistiron o presidente da Xunta, o conselleiro de Cultura, o secretario xeral do Ministerio de Fomento, o delegado da Xunta en Pontevedra, o presidente da Deputación, o alcalde de Campo Lameiro, e outros rexedores municipais: Pontevedra, A Lama, Lalín, A Estrada, Cerdedo… Non acudiu María Ramallo, a pesar de que os petroglifos de Marín teñen unha boa representación na información que, sobre arte rupestre, se ofrece no interior do edificio. Un edificio de pedra, integrado no entorno e cun deseño moderno que contrasta cos 4.000 anos de Historia que rodean esa paraxe na que destaca, sobre todos os gravados, a famosa figura dun impoñente cervo.

(Preme en “Ler máis” para seguir o relato e ver as fotos da visita).

Ler máis

Publicado por: MontePituco | 05/07/2011

PEDINDO A LÚA

(Fragmento da entrevista a María Ramallo publicada o 27 de febreiro de 2011 no Faro de Vigo)

Alguén nos criticou por pedir unha entrevista coa alcaldesa de Marín ao pé do mesmo Monte Pituco, pisando a mesma terra, os mesmos fentos, os mesmos toxos e as mesmas pedras sobre os que pende a espada (política) de Damocles. Alguén nos criticou por exercer un dereito cidadán tan sagrado como pedir audiencia, como se reclamar a atención dos gobernantes para expoñer un problema cidadán fora un síntoma de amiguismo. Alguén nos criticou por actuar con inxenuidade, como se obrigatoriamente houbera que andar pola vida actuando coma “botados p’adiante” a golpe de garrote.

No limiar que escribiu Jean-Paul Sartre para a reedición en 1960 do libro “Aden Arabie” de Paul Nizan, o escritor e filósofo parisino atribúelle ao seu condiscípulo unha frase ben interesante e acaída para a ocasión:

“Non arrubiedes [non vos avergoñedes] por querer a lúa: fainos falta”.

…Acaso o mesmísimo Rafael Louzán non estivo esta semana aloitando as bestas no curro de Sabucedo? En mangas de camisa! Por que unha alcaldesa, ou un conselleiro, non van patear un monte? Tanto lles “rebaixa” deixar por un momento a moqueta ou a baldosa dos seus despachos?

ARTIGOS ANTERIORES:

O PP DE MARÍN SOBRE O POLÍGONO NO PITUCO (23 de marzo de 2011)

ALGUÉN MENTE (15 de marzo de 2011)

CARTA DO IGVS SOBRE O CHAN INDUSTRIAL (9 de marzo de 2011)

Publicado por: MontePituco | 04/07/2011

AS PRIMEIRAS AMORAS

A CANCIÓN DO RETORNO

Voltaremos aos bosques por amor,

á fondura do ar.

Voltaremos ao brinco do veado,

ás arañas que tecen labirintos de orballo,

aos corpos alagados que nas SILVEIRAS cantan.

Voltaremos ao húmido zarzillo que gavexa polo muro cantando,

ao ímpeto da luz ao se doar,

aos élitros insomnes da nacente alborada.

Reanudaremos o baño nos regatos

e o mordisco prohibido na mazá.

COLLEREMOS AMORAS EN VELLAS CUNCAS DE BARRO e o viño en toscos xarros.

Falaremos decote de libélulas e astros.

Beberemos na berza a auga da fontana.

Asistiremos ás chuvias esponsais, á construcción das colmeas, á loucura da lesma bébeda de humidade.

Voltaremos a sacar a cadeira ao limiar e a danzarmos á sombra do castiñeiro venerábel.

Reaprenderemos o canto do pintasilgo e a lisura mortífera do arco.

Perpetuaremos unha semente de espiga e unha códea de boroa candente en cada man.

E alí onde o vendaval arranca as árbores

e as ondas embaten contra o xordo rencor do acantilado,

alí onde xermina un canto sen consolo nunha luz sen esperanza

e o sol outorga ao horizonte

o derradeiro abrazo,

alí ergueremos a morte con alento de vida.

alí cumpriremos a vida con vocación de canto.

XABIER SEOANE, de “Eu tamén oín as voces do orballo” (1994)

Publicado por: MontePituco | 01/07/2011

‘…CADA ANO POLO VERÁN, MÁIS DO MESMO’

Comunicado da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común a raíz da proliferación de incendios forestais:

A CARENCIA DUNHA NOVA POLÍTICA DE MONTES que rematara co continuismo franquista, favorecida pola incontrolada man incendiaria producto da CARENCIA DE VALORES dos que os provocan, PERSOAS ASILVESTRADAS que teñen o seu refuxio no mundo rural, dán como resultado as oleadas de lumes que cada ciclo (4-5 anos), e dependendo da climatoloxía axeitada, da que si son coñecedores en canto o logro dos efectos desexados, xeneran esta catástrofe.

Non se trata de nada novo por descubrir, levamos dende os anos 60 con períodos similares en canto a crises incendiarias, por elo TERÍA QUE ESTAR MÁIS QUE ESTUDADO todo sobre as causas. Son 50 anos de incendios forestais.

Durante o franquismo todo se ocultaba, non trascendía nada, pero que sucede coa chegada da “democracia” e da Xunta de Galiza? Pois nin máis nin menos que continuar coa política anterior, AUMENTANDO A DISOCIACIÓN DO RURAL CO MONTE, non creando alternativas, contemplando OS INCENDIOS COMO ALGO NORMAL que forma parte da paisaxe, cos que temos que convivir, e en todo caso tratar de evitar si é posible o risco para as persoas e bens inmobles, para elo, temos que contar con recursos para o seguinte:

Partimos de que imos ter sempre moitos lumes, hai que deseñar un plano INFOGA ou PLADIGA, e os obxectivos serán reducir a superficie por lume, con medios propios humanos e mecánicos todo o ano, e outros contratados para a denominada “campaña de incendios”, con ese nome definido, CADA ANO POLO VERÁN, MÁIS DO MESMO.

Pero claro está, que non todos os anos son “o mesmo”, o clima e os ciclos da vexetación son os culpábeis, entón xa non é posible controlar moitos dos lumes nos parámetros de eficiencia e agora chega a desgraza maior, agora A SITUACIÓN SALPICA A CLASE POLÍTICA que goberna, polo que diante da opinión pública hai que LANZAR MENSAXES HACIA DONDE SEXA, cúlpase os traballadores, fálase de trama, organización terrorista, motivos políticos… Pola contra, de nada vale que as forzas de seguridade e o fiscal digan que do anterior non teñen indicios. Cada vez hai mais detidos e non existe relación entre eles.

DO QUE NON SE FALA É DA INCOMPETENCIA, de 71 anos da política iniciada por Franco nos anos 40, de un ir para diante sen obxectivos, da ruina do País, da desfeita do agro, de XENERAR MENTES INCENDIARIAS ENTRE DESARRAIGADOS, entre aqueles os que o monte abandonado atormenta, para os que con ese ataque tapan as súas miserias, os que lles serve tamén para purgar cabreos diante do maior indefenso…. Pero a pesar destes esterotipos, son DELICUENTES cando así actúan e deben de pagar por elo.

UNHA NOVA POLÍTICA DE MONTES ESTAMOS SEGUROS DE QUE ELIMINARÍA ESTA PERVERSIÓN ACTUAL. Con obxectivos claros, con planificación, con implicación social, con motivación para o propietario de montes, con credibilidade nunha aposta de futuro.

Dende a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, ofrecémonos sempre á procura desas solucións, dentro da MULTIFUNCIONALIDADE do monte, coa ADAPTACIÓN ÁS NECESIDADES PRODUCTIVAS, ECOLÓXICAS E SOCIAIS de cada comarca.

Galiza necesita QUE O GOBERNO DIGA CAL É O PLANO DE DESENVOLVEMENTO PARA O AGRO, para o monte, e pare coas ambigüedades, con vender fume, porque éste último e procedente dos incendios forestais, deixa UN PAÍS CUN FUTURO NEGRO.

Se o actual Conselleiro do Medio Rural NON AVALÍA A REALIDADE, e tolera este estado de cousas, cun mesmo equipo que leva máis de 16 anos no deseño de estratexias para o monte galego, e A SITUACIÓN NON MUDA, SENÓN QUE EMPEORA, algo terá que facer.

Publicado por: MontePituco | 30/06/2011

INCENDIO EN CADRO

Asistimos tristes e impotentes á danza macabra dos hidroavións sobre as nosas cabezas, vomitando auga e máis auga sobre as lapas que, durante toda a tarde deste caluroso 30 de xuño, xusto na véspera de comezar a tempada de máximo risco de incendios, arrasaron unha superficie considerable de monte no lugar de Cadro, en dirección ao Lago de Castiñeiras.

Despois de cinco horas activo, a Policía Local cría que o lume xa estaba controlado. Pero na Consellería de Medio Rural non recolleran nin ren deste incendio, co argumento de que só se procesa información daqueles focos que afectan como mínimo a unha superficie de 20 hectáreas. A falta dunha valoración máis precisa, resulta chamativo que, para tratarse dun lume aparentemente discreto, estiveran actuando ata tres avións sobre a zona.

Non hai incendio pequeno. Tanto se arde unha hectárea, como se son as 35 que se queimaron -tamén hoxe- en Cotobade, a perda é lamentable; irreparable nalgúns casos. Afecta gravemente no impacto que deixa a mancha do carbón na paisaxe. Afecta na flora e na fauna que morre pasto das lapas. Afecta na economía dos veciños e veciñas que contribuíron a repoboar a zona -moi probablemente coa achega económica da Administración, é dicir, con cartos públicos- e que non poderán beneficiarse dos rendementos que se podían ter obtido desa madeira e dos demais usos que se lle puideran dar a esa plantación -neste caso, de piñeiro- que queda calcinada, inservible, irrecuperable.

Por iso é incomprensible, inxustificable, deleznable sempre e en todo lugar. A man que provoca un incendio forestal pertence a unha “persoa” sen corazón e sen cabeza, sen sentimentos e sen conciencia, que só fai o mal polo mal.

Todos os anos por estas datas nos enfrontamos a esta lacra de difícil solución. E o máis frustrante é que se afronta coma unha batalla perdida. A xestión contra incendios é unha fonte inesgotable de conflictos laborais, de confrontación política, de debate social… Pasamos o tempo gastando cuspe mentres o tempo e a climatoloxía xogan en favor dos pirómanos e dos intereses financeiros e corporativos aos que serven.

Nun momento no que se está a cuestionar todo, dende o modelo político máis inmediato ata a mesmísima orde internacional, o monte non é alleo a ese berro potente a prol dun cambio radical no seu modelo de xestión. Se dende a Administración se consensuaran cos colectivos de comuneiros as políticas máis axeitadas na ordenación do monte e na regulación dos seus aproveitamentos; se houbera un maior grao de concienciación e responsabilidade por parte dos propietarios no mantemento das súas parcelas; se houbera unha condena unánime contra esta clase de delictos con penas exemplarizantes; se o negocio non estivera na venta da madeira queimada, senón na explotación racional dos recursos forestais… arestora poderiamos estar respirando aire puro en vez do chamusco que nos amarga e nos ennegrece ata na alma. 

OUTROS ARTIGOS RELACIONADOS:

-Incendio, con resultado mortal, en Fornelos de Montes, 13 de agosto de 2010: Lume=morte

-Incendio no Monte Sobareiro, en Loira (Marín), 5 de agosto de 2010: Lume non, pirómanos fóra 

(*Fotografías do incendio en Cadro, por cortesía de Ramón Pazos e Marisol Posses. Grazas).

Publicado por: MontePituco | 29/06/2011

O PANEL INFORMATIVO DA ARBOREDA

Capítulo V: Uso social del monte

Artículo 54 bis. Acceso público.

1. El acceso público a los montes podrá ser objeto de regulación por las Administraciones Públicas competentes.

2. La circulación con vehículos a motor por pistas forestales situadas fuera de la red de carreteras quedará limitada a las servidumbres de paso que hubiera lugar, la gestión agroforestal y las labores de vigilancia y extinción de las Administraciones Públicas competentes. Excepcionalmente, podrá autorizarse por la Administración Forestal el tránsito abierto motorizado cuando se compruebe la adecuación del vial, la correcta señalización del acceso, la aceptación por los titulares, la asunción del mantenimiento y de la responsabilidad civil.

3. El acceso de personas ajenas a la vigilancia, extinción y gestión podrá limitarse en las zonas de alto riesgo previstas en el artículo cuando el riesgo de incendio así lo aconseje, haciéndose público este extremo de forma fehaciente.

Este é o texto ao que aluden os paneis informativos instalados pola Comunidade de Montes de San Xulián en diversos puntos do monte Pornedo. A Lei 10/2006, aprobada e vixente dende abril de 2006, ten rango estatal, e esta sinalización chega cando a Xunta de Galicia ten a exposición pública o borrador do anteproxecto dunha Lei de Montes de ámbito autonómico. En conclusión, a lexislación aludida pronto vai quedar solapada por outra normativa.

Tampouco se trataba tanto de lexitimar a instalación no monte duns carteis cunhas mensaxes concretas en base a tales ou cales artigos; a fin de contas, o común dos mortais non nacemos con ningún microchip implantado no cerebro sobre lexislación medioambiental ou forestal, nin temos o don da sabedoría omnisciente. E agás quen teña unha formación académica especializada nese ámbito xurídico e coñeza o contido desa lei, os máis teremos que buscarnos a vida para verificar que, efectivamente, o artigo 54-bis da Lei de Montes 10/2006 prohibe verquer refugallos no monte, prohibe circular con vehículos motorizados fóra das pistas habilitadas, e prohibe emporcallar os espazos públicos.

Tratábase, en definitiva, de facer pedagoxía social, sen necesidade de facer ningún alarde artificial sobre fundamentos xurídicos. Tratábase, simplemente, de plasmar unhas mensaxes claras e ben escritas. Dito esto: en galego dise “comunidade” de montes, non “comunidad”, que é o que escribiron nos vinilos; “uso” e “aproveitamento” son sinónimos e aparecen repetidos no panel sobre os vehículos motorizados; no cartel referente ao lixo, “escombro” é un castelanismo coma unha catedral, que se debera ter sustuido pola palabra “cascallos”; e “aparcadoiro” significa, literalmente “lugar destinado para aparcar”, polo que o sinal instalado na zona arborada a carón da estrada de Figueirido debería poñer “área de descanso” ou, directamente, “arboreda”.

…Non son máis que unhas modestas observacións técnicas, dende o punto de vista do léxico. O problema é a contradición entre a mensaxe e o contexto no que se ten que cumprir ese regramento. Concretamente, referímonos á citada área de descanso, que xa foi motivo de varias queixas polo estado de abandono e suciedade no que se atopaba, e no que, en parte, aínda segue. Porque está moi ben que a Comunidade de Montes de San Xulián dispoña que alguén vaia alí -desbrozadora en ristre- a cortar as silvas e o fento, de Pascuas en Ramos. Pero resulta que a maleza medra, non queda petrificada, polo que se require certa regularidade e disciplina no mantemento dese espazo.

Ese lugar ten unhas condicións espléndidas para converterse nun mirador e, sen embargo, unha mata de vexetación tapa toda a visibilidade da vila de Marín e da ría. Coas obras da variante, que afectaron a zona instalando recheos, poderíase ampliar ese espazo de lecer, cercando o perímetro cun valado de madeira, prantando árbores autóctonas, botando céspede, instalando algúns bambáns para os rapaces e máis mobiliario de pedra.

Pola contra, pídese que o mal chamado “aparcadoiro” se manteña limpo e non hai en ningures un bidón no que depositar os restos do que a xente vai merendar, nin as latas e botellas do que levan para beber. O lixo amoréase ao pé dunha papeleira escangallada dende tempo inmemorial. A propia Comunidade de Montes é a primeira en non dar exemplo, porque os restos da póla dunha árbore que rachou cun temporal e quedaron alí secos, en vez de ser retirados quedaron apartados no medio da maleza, moi preto, por certo de onde algún desaprensivo fixo unh fogata que, afortunadamente non foi a maiores, podendo provocar unha auténtica desfeita, ao pé mesmo dunha torreta eléctrica. 

Non bastan os xestos de cara á galería, cómpre un compromiso consciente por parte da Comunidade de Montes de San Xulián. Accións planificadas, analizando todos os factores. Previsión, non improvisación.

POST-DATA: Que “casualidade” que estes paneis informativos foran instalados aos pouquiños días de ter presentado no Rexistro do Concello de Marín unha solicitude de entrevista coa alcaldesa María Ramallo para que se reúna con representantes de DEFENDE O MONTE PITUCO no propio Monte Pituco. Unha instancia que foi recollida polo Diario de Pontevedra sen que, dito sexa de paso, e unha vez máis, non houbera ningunha mediación por parte da asociación.

ARTIGOS ANTERIORES CON MÁIS INFORMACIÓN:

Os paneis informativos, por fin! (20 de xuño de 2011)

Cafres return! (13 de xuño de 2011)

Intolerable: máis verquidos ilegais (6 de xuño de 2011)

 

Publicado por: MontePituco | 28/06/2011

HOMENAXE A XAN MONTENEGRO

Vai tomando forma a homenaxe que se está organizando na memoria de Xan Montenegro para finais do mes que vén: a data e o lugar prefixados é o 29 de xullo a partir das 20:30 horas no auditorio ao aire libre da Finca de Briz. Dende a súa perda o pasado 17 de xuño, son innumerables as palabras de pésame e os xestos de agarimo que leva recibido a súa familia. A todos os niveis: organizacións políticas, culturais, sociais, persoas a título particular non só de Marín, senón do resto de Galicia e mesmo procedentes doutros puntos do Estado.

Tralo seu pasamento, o seu corpo vai contribuir a xerar máis coñecemento científico. Pero ao longo de toda a súa traxectoria vital, Xan foi unha peza moi importante na engranaxe da parroquia e da vila que o viron nacer e onde viviu intensamente. Deixou unha pegada imborrable, como demostran os artigos que se veñen publicando nos últimos días sobre a súa figura. O marinense Álvaro Arizaga, profesor na Escola de Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia, en Pontevedra, adicáballe recentemente un sentido recoñecemento pola súa contribución á defensa e á posta en valor do patrimonio arqueolóxico marinense, tan maltratado e descoñecido en lugares que, como o Monte Pornedo, están condenados a desaparecer se dende instancias políticas non se actúa con cordura para retirar o proxecto industrial que ameaza a zona.

Xan Montenegro foi unha das persoas que, cos seus coñecementos do lugar, contribuiu á elaboración do libro “Petroglifos e outras prehistorias: cadernos de arqueoloxía marinense”, do que son autores o propio Álvaro Arizaga e Xulio Abal.

O seu compañeiro en Marinenses Independentes, Xosé Vilas, asinaba outra conmovedora semblanza de Xan, loubando o seu carácter cordial e entusiasta, as súas conversas amenas e enriquecedoras, a súa coherencia e dignidade persoal. E coincidindo en todas e cada unha das súas palabras, só discrepamos nunha cousa: Xan era un gran home que tiña a inmensa fortuna de ter, non unha, senón tres grandes mulleres ao seu carón: a súa nai, a súa irmá, a súa sobriña. Tres mulleres da estirpe “doce e guerreira” dos Villanueva. Beizóns para elas, beizóns para Xan.

PD: os colectivos e as persoas que queiran sumarse á homenaxe cívica a Xan Montenegro poden contactar con Marinenses Independentes no enderezo marinensesindependentes@gmail.com ou acudir á nova xuntanza prevista para o luns 18 de xullo ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Seixo. O acto que se está artellando vai combinar música, palabra e imaxes.

Publicado por: MontePituco | 27/06/2011

1º PLENO DA NOVA ERA

Primeiro pleno de organización da Corporación Municipal de Marín, o pasado xoves 23: dúas horas, a ollo. Primeiro pleno de organización da Corporación Municipal de Pontevedra, o luns 27: 28 minutos. Acordos adoptados en Marín: pola maioría absoluta do PP, con votos en contra e abstencións no bando da oposición. Acordos adoptados en Pontevedra: todos por unanimidade. Haberá quen censure esta comparación, que non pretende outra cousa que evidenciar actitudes diferentes, construtivas nuns casos, un tanto obstaculizadoras noutros.

Os xestos e os posicionamentos dos grupos municipais na sesión na que María Ramallo se estreaba como alcaldesa, fan prever unha lexislatura marcada pola aspereza e a amargura dos maiores perdedores, con máis ben pouca vontade pola súa parte para acadaren consensos. Os principais grupos da oposición comezan coas espadas en alto, cun nulo marxe de confianza ao novo goberno local, e protestando por ridiculeces. Como a insólita intervención de Muradas: se na anterior lexislatura abría a boca para pouco máis que “deleitarnos” con ironías prefabricadas, para esta memorable ocasión molestouse en ensaiar un alegato no que perdeu a mantenta un precioso cuarto de hora do seu modesto soldo de edil -e do noso impagable tempo- para algo tan surrealista como protestar polo contido da acta da sesión constituínte celebrada o 11 de xuño: non conforme co adxectivo “emotivo” para describir o discurso de Benito Touriño encabezando a mesa de idade, reclamou que a súa intervención quedara reflectida como “emocionada”. Hai que dispór de moito tempo de lecer para discurrir semellante maneira de chamar a atención.

Recolleu o guante Pilar Blanco para ser “máis papista que o papa” e obxectar tamén contra as valoracións “subxectivas” recollidas na acta anterior, argumentando que “non se debe marcar ese precedente”. Tanta falta de coordinación e sintonía no anterior bipartito, para acabar actuando ao unísono agora que, por separado están na oposición (vapordeus!). So houbera máis concordia antano, quen sabe, arestora estarían Blanco e Muradas á diestra e á siniestra de Francisco Veiga, ocupando a presidencia da Corporación.

O ex-alcalde, por certo, aínda sendo designado voceiro do grupo municipal socialista, só interviu ao final do Pleno e fixo que Muradas gastara todo o cuspe. Cando pensabamos que estaba afónico, ou que simplemente NON estaba, Veiga tomou a palabra ao final do pleno -como non, “por alusións”- para criticar que María Ramallo delegara a súa sinatura oficial no tenente alcalde, Manuel Santos. Unha medida que a rexedora xustificou “por operatividade, para sacar adiante os expedientes”, sumidos no “caos administrativo”. Veiga sostiña que no Concello de Marín “nunca se fixera delegación de firma” e insinuou que se a alcaldesa non delegaba nos demais concelleiros populares era porque non se fiaba deles. Máis lle valía non ter aberto a boca a Francisco Veiga, porque cada vez que improvisa sube o pan: aínda resoan os ecos das denuncias formuladas polo grupo municipal do PP no mandato anterior pedindo explicacións sobre certas disfuncións na sinatura de documentación municipal.

Se o Pleno de organización tivo algún protagonista, non foi unha persoa, senón un obxecto cun incomensurable valor simbólico. A concelleira independente Isabel Martínez Epifanio tivo o fermoso xesto de homenaxear a figura do seu compañeiro de filas, Xan Montenegro, falecido o pasado 17 de xuño, pousando cabo dela o seu característico sombreiro. Só houbo un medio de comunicación, o Faro de Vigo, que tivera a xentileza de reflectir ese detalle na crónica informativa. E, implicitamente, tamén podía representar a figura doutro home “a un chapeu pegado”, dito sexa parafraseando o soneto de Quevedo; que non é outro que Miguel Suárez Briones, o ex-concelleiro de Mar-In que nesta lexislatura quedou inmerecidamente fóra da Corporación, e do que xa comezamos a estranar as súas intervencións, sempre lustrosas e oportunas na forma e no fondo.

Aínda en solitario, Martínez Epifanio afrontou este primeiro Pleno insistindo nunha petición que xa formulara hai catro anos: que non se pagara pola asistencia ás comisións informativas, tan só pola presenza nas sesións ordinarias e extraordinarias da Corporación.

Como non podía ser menos no Pleno de organización, o BNG e o PSOE porfiaron en cuestionar a combinación das áreas de goberno: Urbanismo e Facenda, Persoal e Cultura… “Unha mezcolanza sen moito sentido”, afirmou Muradas con cara de noxo. Pero para cara de noxo, ou máis aínda, de odio, a de Pilar Blanco a un sector do público que aplaudía as actuacións do grupo de Goberno, especialmente cando se debatía sobre a proposta de aplicación do voto ponderado e a representatividade dos grupos nas comisións informativas.

“Non nos gusta como comeza este mandato”, protestou Pilar Blanco, acusando o PP de “non buscar o consenso entre todos os grupos”. Segundo a voceira do BNG, esa medida aforraríalle ás arcas municipais máis de 27.000 euros anuais ao reducir a 4 o número de edís por comisión. Interviu seguidamente Isabel Martínez para chamar a atención precisamente porque o BNG se opuxera a plantexar o voto ponderado na xunta de voceiros previa. Manuel Santos refrendou a versión de Mar-In revelando que, en realidade, o BNG propuxera aumentar a 12 o número de participantes nas comisións. “É imposible a perfecta proporcionalidade”, argumentou o voceiro do PP quen, para xustificar a proposta do seu grupo (4 representantes do PP, 2 do PSOE, 1 do BNG e 1 de Mar-In) engadiu: “Imos sacar adiante a proposta que traíamos, co voto ou non do resto dos grupos”. Desafortunadas palabras de Manuel Santos intentando zanxar o debate: por máis que o grupo municipal do PP teña maioría absoluta, quedou coma unha falta de humildade e un alarde de superioridade numérica, por máis que as circunstancias recomenden prudencia e diplomacia.

Pero para actitude sobrada e demagóxica, a da voceira nacionalista, atribuíndolle ao PP a comisión de “chanchullos e corrupcións”, e reclamando “que se faga público o que se cobre con cartos públicos”. Da existencia de procesos xudiciais por fraudes, prevaricacións e irregularidades varias hai imputados nos principais partidos sen excepción a niveis máis altos que o municial; pero tomar o todo pola parte, e máxime nun novo goberno local que está aterrando e aínda descoñece a magnitude do buraco económico ao que se enfronta, non só é unha imprudencia, senón unha temeridade. “Chanchullos sabe vostede o que son, nós non”, espetoulle Manuel Santos a Pilar Blanco. Pechou este asunto María Ramallo para pór de manifesto o gran complexo do BNG: “O problema do Bloque é que se compara con Mar-In” que, cunha soa concelleira, ten tanta representación coma os nacionalistas con tres edís.

O último punto de discordia foi a respecto das dedicacións exclusivas: María Ramallo (alcaldía), Manuel Costas (urbanismo e facenda) e Marián Sanmartín (medio ambiente e benestar). Aplicando o seu compromiso electoral, o PP reducía de 4 a 3 as dedicacións exclusivas, o que supón un aforro de 50.000 euros ao ao, segundo o voceiro popular. Toda a artillería verbal do BNG foi entón para atacar o que embolsaría a alcaldesa -uns 8.000 euros mensuais- non só pola súa tarefa á fronte do Concello de Marín (cobrando o mesmo que o alcalde anterior), senón tamén pola súa faceta como deputada provincial e como integrante do Consello de Administración da Autoridade Portuaria. “Esa é a austeridade que proclamaba hai catro días”, reprochoulle Pilar Blanco. “Non sexa demagoga”, contestou María Ramallo, “isto é o que hai, sen trampa nin cartón”.

Denso, técnico e tenso. Así foi este primeiro pleno da nova Corporación Municipal do Concello de Marín, cuxo Goberno local queda composto da seguinte maneira:

-María Ramallo: alcaldesa con dedicación exclusiva (53.581 € de salario bruto anual)

-Manuel Santos: tenente alcalde, urbanismo e facenda con dedicación exclusiva (41.941 € de salario bruto anual, 6.000 € máis que en 2007)

-Marián Sanmartín: medio ambiente e benestar, con dedicación exclusiva (35.941 euros de salario bruto anual)

-Francisco Estévez: tráfico, policía local, e participación cidadá

-Antonio Traba: deportes e xuventude

-Cristina Acuña: turismo e comercio

-Ramiro Gestido: empresa, novas tecnoloxías e medio rural

-Beatriz Rodríguez: persoal e cultura

 

Publicado por: MontePituco | 24/06/2011

SAN XOÁN: AUGA E LUME

MES DE SAN XOÁN

 

Cos novos fatos amarelos,

regalados polo sol,

andan tolas, presumindo,

as leiriñas do Foxón.

Da enchenta de esterco e auga

incha a terra coma un fol;

mais, pouco a pouco, trousando

vai patacas a montós.

Toca a música, dos ventos,

da que o sur é direutor,

no turreiro das lameiras

a herba danza un charlestón.

Danse citas os paxaros

nos centeos -os ladrós-;

pro non contan co espantallo

que escorrenta as reuniós.

Ruben a costa os camiños,

suorosos, cheos de po,

ó chegar ós leiros paran,

a viaxe xa finou.

Hai regueifa no regato

entre un merlo e un reisiñor,

as truitas os que pelexan

por coal de iles é millor.

Nun recanto do hourizonte,

escondéndose do sol,

comenza a sega das meses

a lúa, coa branca fouz.

MANUEL LUÍS ACUÑA (Póboa de Trives, 1899-Ourense, 1975)

do poemario “FÍRGOAS” (1933)

Publicado por: MontePituco | 23/06/2011

CONCLUSIÓNS DAS XORNADAS XURÍDICAS SOBRE MONTE VECIÑAL

Celebrouse recentemente en Pontevedra unha xornada sobre “O réxime xurídico das comunidades de montes” na que non foi posible participar ao coincidir coa convocatoria do roteiro polos Montes do Morrazo. O contido destas ponencias quedou recollido nos medios de comunicación de ámbito local. Nembargantes, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que organizaba as sesións, achegounos un documento coas principais conclusións, que se reproducen integramente a continuación. Cómpre reflexionar sobre estas cuestións se, en verdade, se aposta por manter a figura das Comunidades de Montes como custodios da riqueza, da explotación racional e da posta en valor dos nosos montes.

1ª.- O Monte Veciñal en Man Común debe estar conceptuado xuridicamente como con “CAPACIDADE XURÍDICA” e NON con “PERSONALIDADE xurídica”. Con elo evitaremos que estes territorios entren no tráfico comercial ao poder dividirse ou venderse.

2ª.- A Xunta de Galiza acomete as actuacións en materia de axudas e subvencións cunha orientación que conleva a PERDA DE RENDABILIDADE dos montes veciñais, coa obsesión -que dura moitos anos- de dirixir todos os orzamentos hacia os incendios forestais e NON A VALORIZACIÓN do monte. Eliminan proxectos dinamizadores e de prevención de incendios con medidas de mellora das masas forestais.

3ª.- A Consellería do Medio Rural asume públicamente a súa INCOMPETENCIA para asesorar e adoptar medidas revitalizadoras do mundo rural, preocupada pola maior ou menor INCIDENCIA DOS INCENDIOS FORESTAIS COMO ARMA POLÍTICA.

4ª.- O borrador da futura Lei de Montes de Galiza, deixa entrever cara a unha NOVA LEI DE MONTES VECIÑAIS en Man Común, medidas tendentes a PRIVATIZACIÓN destas terras, contra a que presentaremos alegacións.

5ª.- As Comunidades de Montes supoñen un ESTORBO para as políticas ESPECULATIVAS do goberno galego no apoio a determinadas empresas e ao capital trasnacional: parques eólicos, liñas eléctricas, POLÍGONOS INDUSTRIAIS…

Precisamente, vén de saberse que a rede de colectivos “Galiza non se vende” está a tramitar unha queixa ante o Valedor do Pobo contra o proceso de elaboración do borrador da Lei de Montes de Galicia, que foi aprobado o pasado 9 de xuño polo Consello da Xunta. GNSV denuncia que o borrador da Lei de Montes de Galicia elaborouse sen ter aberto sequera un proceso de participación pública “real e activo” dos sectores implicados e da cidadanía en xeral. GNSV asegura que o borrador comezou a ser distribuido entre os medios de comunicación e as organizacións sen que, con carácter previo, fora publicado oficialmente. Un comunicado de GNSV di o seguinte:

…É o 17 de xuño cando a Consellería de Medio Rural publica o anuncio polo que se acorda someter a información pública o borrador do anteproxecto da Lei de Montes de Galicia, de conformidade co artigo 16,1 da lei 27/2006. A Rede GNSV DENUNCIA que, con este anuncio, a Consellería tentou confundir a poboación no que é o proceso de exposición pública e o de participación pública, xa que no anuncio di literalmente que “se da apertura ao proceso de participación pública en base á lei 27/2006”, cando o que se está abrindo é o proceso de exposición pública. Lembrámoslle á Consellería que o proceso de exposición pública dun documento para presentar ao mesmo alegacións, é posterior ao verdadeiro proceso de participación pública activa e real.

Ademáis, o prazo que dá a Consellería para formular alegacións é de 20 días que, tendo en conta a extensión deste borrador, non parece que se busque facilitar a participación. Esqueceu a Consellería que no artigo 3.2 da mesma Lei fálase do dereito a acceder á información con antelación suficiente, ou que no artigo 16.1.b) di que se farán observacións “cando estean abertas todas as posibilidades ANTES de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral”.

Dificilmente poderanse facer observacións previas cando se vén de recibir XA o borrador da lei.

DENUNCIAMOS que na elaboración do borrador da Lei de Montes de Galicia non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos, aspecto fundamental na política forestal e medioambiental da Unión Europea e, en teoría, da propia Xunta de Galicia. Xa no ano 2008, o Consello Económico e Social de Galicia ditaminou que a participación dos sectores afectados era un aspecto esencial no proceso de tramitación e na busca do consenso tan necesario en normativas con vocación de ampla duración temporal.

DEFENDEMOS que aparticipación pública constitúe un factor clave no sistema democrático, trátase de que a participación dos cidadáns na toma das decisións públicas que poidan afectar ao coxunto da sociedade sexa unha realidade, unha intervención efectiva e real, e non un mero trámite ou técnica funcional do proecedemento. Desta maneira favorécese a responsabilidade e transparencia dos procesos decisorios e contribúese á toma de conciencia por parte dos cidadáns sobre os problemas que afectan a todos.

Por último, non desbotamos tramitar os escritos pertinentes para pór en coñecemento doutras Administracións, como as europeas, cales son o tipo de procesos participativos que promove o Goberno autonómico galego.

Publicado por: MontePituco | 22/06/2011

MÁIS DE 25MIL VISITAS

A herba de Santiago, herba do sapo ou casanio, segundo as denominacións que se lle atribúen na “Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García Martínez, é unha planta bienal e perenne, con talos de ata 150 centímetros, máis ou menos pelosos, e só ramificados na inflorescencia. Florece entre xuño e outubro e para o gando resulta velenosa a súa inxesta. O seu nome científico é “Senecio jacobaea” e recibe a denominación tradicional vencellada ao apóstolo pola súa abundante presenza nos camiños de peregrinación a Compostela.

Con esta imaxe estival, que transmite luminosidade e enerxía, DEFENDE O MONTE PITUCO conmemora unha pequena celebración: máis de 25.000 visitas ao blog no seu ano e medio de actividade. Unha cifra modesta en comparación con páxinas de moita máis sona, pero moi respectable para o colectivo veciñal que o impulsa. Moitísimas grazas a todas as persoas que “navegan” por esta proxección virtual do monte, pola compaña, pola fidelidade, pola participación e polo apoio.

DEFENDE O MONTE PITUCO mantén coa maior intensidade a súa reivindicación fundamental: o rexeitamento ao polígono industrial nesta ubicación. Un obxectivo ao que se foron sumando a adopción de medidas concretas para resolver as deficiencias que presenta o Pornedo/Pituco, a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, e a protección integral dos Montes do Morrazo. Se faltaran as razóns, esta loita non tería sequera comezado. Pero crendo firmemente nos argumentos contrastados, só cabe seguir traballando, e soñando. Benvidos sexan a bordo cantos soñadores queiran compartir esta singladura.

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías