Publicado por: MontePituco | 07/09/2011

XUNTANZA VECIÑAL: BEIRARRÚAS DE SAN XULIÁN.

COMUNICADO DO CONCELLO DE MARÍN, PUBLICADO NA SÚA PÁXINA EN FACEBOOK, PARA OS AFECTADOS POLO PROXECTO DE CONSTRUCCIÓN DAS BEIRARRÚAS DE SAN XULIÁN:

Esta tarde do mércores 7 de setembro, ás 20.30 horas, terá lugar unha xuntanza veciñal convocada polo Concello de Marín na Casa de Cultura de San Xulián.

A reunión ten como motivo principal expoñer o contido do proxecto a executar, as cesións e as reposicións que se farán con cargo ao orzamento que ten a obra, e a dispoñibilidade dos veciños de cara a facer a obra viable.

Será unha reunión técnica na que se explicara o proxecto aprobado e o plan de traballo que se levará a cabo para sacar adiante unha infraestrutura moi importante para a parroquia de San Xulián.

Publicado por: MontePituco | 06/09/2011

A PEDRA DO SAPO

Grazas á boa disposición e á xenerosidade de Manuel, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños conta cun elemento de interese máis: a Pedra do Sapo. Situada nun alto, nunha vella canteira abandoada, trátase dunha rocha zoomorfa da que destacan tres características: a súa propia ubicación, nunha zona elevada e rodeada de restos de canteiría menuda, que fan pensar que esta pedra puido ser “indultada” da piqueta quizais pola súa forma peculiar, ou polas historias que tivera asociadas; a existencia, na súa parte superior, de varias pías nas que se recolle a auga da chuvia; e a existencia, na súa parte inferior, dun refuxio, perfectamente impermeabilizado e cegado con pedras de pequeno tamaño estratexicamente situadas para impedir o paso da auga ou do vento, o que suxire que foi utilizado antano por pastores ou acaso polos propios traballadores da canteira como lugar de descanso polo día ou mesmo para pasar a noite.

(Preme “Ler máis” para continuar visualizando as imaxes e o relato da andaina por esta parcela do monte de San Xulián, en parte do ámbito xeográfico que abarca o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños).

Ler máis

Publicado por: MontePituco | 05/09/2011

EU ♥ ÁRBORES

“Hai que educar no AMOR ÁS ÁRBORES”

A frase sabia e agarimosa do mestre Xesús Golmar fica rotunda e contundente na contracapa do libro “O carballo con botas”, un libro do narrador Anxo Moure, un dos pioneiros do movemento ecoloxista en Galicia. Ilustrado por Tino Varela, editouse no selo 2Teixos.

Publicado por: MontePituco | 02/09/2011

A ‘SILLA DE CHAMPÁS’, EN SAN XULIÁN

No seu blog Á Sombra de Bouza Panda, o economista e antropólogo Rafael Quintía, un dos integrantes da comisión técnica do proxecto a prol da creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, publica un interesante artigo sobre un dos conxuntos rupestres máis senlleiros de San Xulián que se atopa, como todo o patrimonio arqueolóxico desta parroquia, no máis absoluto estado de abandono; sen que ninguén a nivel municipal, veciñal ou comunitario, se preocupe de poñelo en valor para que poida ser visitado. Malia que investigadores da talla de Antonio Blanco Freijeiro estudiárono a fondo, ese traballo permanece no anonimato -agás para os especialistas- en tanto non se proxecta na conxunto da cidadanía, non hai ningún feedback a nivel social que aproveite ese coñecemento. Sirva pois, este artigo de Rafa Quintía para reivindicar por enésima vez a importancia das pedras que outros desprecian argumentando que “non dan de comer”.

Na faldra do monte de Marín, na parroquia de San Xulían e pola banda de arriba da estrada que baixa dende o lago de Castiñeiras atopamos uns dos conxuntos rupestres de petróglifos máis interesantes da comarca. Refírome ós gravados do Campo das Champás, referenciados na bibliografía arqueolóxica como Cachada Grande e constituídos por tres conxuntos de petróglifos, aínda que hoxe só vou falar dun deles, o coñecido como a “silla de Champás”.

Cando un chega ó lugar, o primeiro que lle chama a atención é a armenia “arquitectónica” do conxunto pétreo, a súa “plástica”, a perfecta disposición do distintos elementos que configuran esta estación rupestre que conseguen ofrecerlle ó espectador o aspecto dun auténtico santuario.

O seu emprazamento xeográfico é privilexiado, o conxunto atópase sobre un outeiriño formado por bolos e laxes graníticas que fica colgado na ladeira occidental do monte dos Picotos, concello de Marín. Dende o lugar domínase toda a ría de Pontevedra, albiscándose perfectamente a súa desembocadura custodiada polo arquipélago da Illa de Ons. Unha perfecta orientación cara a poñente, onde contempla-la morte simbólica do Sol afundíndose no mar con cada solpor.

O elemento que máis destaca no conxunto é a bautizada por Antonio Blanco Freijeiro como “silla das Champás”. Un conxunto de penedos cuxa disposición natural —ou retraballada por man humana— arremedan un trono de pedra, cun respaldo de case dous metros de lonxitude e un asento de metro e medio.

Para Antonio Blanco Freijeiro, que estudou o lugar nos anos cincuenta, o asento parece posto alí intencionadamente e labrado toscamente para facer deses penedos a cadeira que agora semella.

Este trono aparece custodiado por petróglifos ó seu arredor, todos eles datados na Idade do Bronce. Nas laxes que se estenden diante e á dereita da cadeira das Champas atopamos numerosos gravados de círculos concéntricos e cazoletas.

Nos penedos que farían a función de brazos atopamos diferentes coviñas labradas. Destacan, pola súa labra e disposición, os tres círculos concéntricos con cazoletas e liñas de unión que se atopan xusto ós pes da suposta cadeira.

Outra cousa que chama a atención é a feitura e a erosión do penedo que configura o respaldo do trono, pois quen contemple a súa forma —sobre todo na súa parte superior— non poderá evitar lembra-la feitura dunha cuncha, dun berberecho ou dunha cuncha de vieira cos seus sucos e ondulacións.

Unha cousa que pasou desapercibida —ou cando menos non deron conta dela— ós investigadores que estudaron este xacemento é a presenza dunha pía triangular formada nos penedos inmediatamente anexos ós pes da cadeira. Unha pía que non parece labrada na pedra senón conformada pola disposición, natural ou non, das tres rochas situadas na base do trono.

Foron moitos os investigadores que ó longo da historia da arqueoloxía galega relacionaron os petróglifos con posibles santuarios rupestres. Vázquez Varela, por pór un exemplo, identifica os gravados de antropomorfos portando armas e os conxuntos de petróglifos onde destacan os motivos escutiformes, as alabardas e os puñais con posibles santuarios dedicados ós ritos de iniciación das confrarías de guerreiros da Idade do Ferro. Hai autores que —aplicando a teoría fosfénica— ven en determinados motivos xeométricos dos nosos petróglifos as imaxes producidas no transcurso do trance chamánicos, polo que estes lugares serían santuarios de ritos chamánicos. Non faltan os arqueólogos que interpretan os gravados como marcas territoriais de determinadas colectividades. Para outros investigadores, en cambio, os gravados de cazoletas, coviñas, labirintos e círculos concéntricos estarían relacionados con algún tipo de altar onde se depositarían ofrendas ou se realizarían algún tipo de libración ou sacrificio.

A día de hoxe non existen datos arqueolóxicos concluíntes para confirmar este posible uso máxico-relixioso dos gravados rupestres pero, na miña humilde opinión, postos a especular e si tivésemos que citar unha estación rupestre como posible candidata a un uso como santuario esa sería a “silla das Champás”, cos seus espectaculares petróglifos de círculos concéntricos, as súas pías e o seu impoñente trono —ou altar— de pedra.

Publicado por: MontePituco | 01/09/2011

LOUZÁN EN MARÍN, SOBRE AS BEIRARRÚAS DE SAN XULIÁN

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, realizou hoxe a súa primeira visita oficial ao Concello dende a chegada de María Ramallo á alcaldía. Dende o cambio na titularidade do Goberno local, non era a primeira vez que Louzán viña a Marín, posto que o mes pasado xa visitou as obras de mellora que se están a realizar na estrada entre Cruz da Maceira e o Lago de Castiñeiras, con cargo ás arcas provinciais. Á marxe do máis ou menos asidua que fora a súa presenza en Marín durante o anterior mandato; independentemente de que tardara o tempo que fora en facer a visita de rigor no anterior mandato, a presenza de Louzán serviu para facer un agardado anuncio, que ogallá se cumpra:

DESBLOQUEADO O PROXECTO PARA A MELLORA E A CONSTRUCCIÓN DAS BEIRARRÚAS EN SAN XULIÁN

A continuación, un fragmento da nota informativa da Deputación de Pontevedra.

“A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Marín desbloquearon hoxe de forma definitiva as dificultades existentes para executar a obra de mellora e construción de beirarrúas en San Xulián. Segundo informou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, ESTÁ PENDENTE UNHA ÚLTIMA REUNIÓN COS VECIÑOS AFECTADOS, non obstante, tecnicamente, a empresa adxudicataria, Sercoysa, pode comezar a traballar nesta estrada a partir do LUNS 12 DE SETEMBRO. As obras ascenden a 800.000 euros.

Estas declaracións de Rafael Louzán foron realizadas hoxe tras manter unha xuntanza de traballo no Concello de Marín coa alcaldesa, María Ramallo, e outros responsables municipais, así como coa deputada provincial, Begoña Estévez. Ao remate da mesma, Rafael Louzán anunciou que a Deputación iniciará neste mes de setembro tres importantes actuacións en Marín por un orzamento superior a un millón de euros.

Así, ademais das beirarrúas de San Xulián, nas que se invisten 800.000 euros, a Deputación tamén acometerá este mes a obra de mellora e pavimentación do camiño de Cernello en San Tomé, no que se investirán 200.000 euros; e finalmente, e en atención ás demandas da alcaldesa, a Deputación tamén investirá 110.000 euros en diversos proxectos de mellora en camiños do rural desta vila”.

…Ata aí o máis salientable. Á parte, Louzán presentou un Plan 2011-2013 para a mellora de infraestruturas deportivas, que incluirá a dotación de alumeado, vestiarios novos e, previsiblemente, a construcción dunha nova grada no campo de fútbol de San Pedro. O presidente da Deputación seica dixo que “tanto os vestiarios como a grada do San Pedro están nun estado lamentable e precisan dunha urxente actuación”, e que “cando a Deputación dotou a este campo de herba artificial xa advertira de que consideraba un error que non se acometeran estas melloras pero, nestes intres, non contamos coa colaboración do anterior goberno local”. Aí quedan as declaracións para a polémica de turno.

Está prevista ademais a instalación dun campo de terra batida en Seixo. E pola súa parte, María Ramallo agradeceulle a Louzán “a receptividade para executar todas estas obras” e destacou que un municipio de 26.000 habitantes como Marín “precisa de todo”, polo que sen a achega económica do organismo provincial “non poderíamos ter posto en marcha todas estas actuacións”.

…Xan Montenegro alegraríase moito de ler esta noticia. Seguro que dende algún lugar do éter está buscando conexión a Internet para expresar cunhas palabras a súa satisfacción, despois de tanto insistir na realización dunhas obras que xa parecían inalcanzables, inmaterializables e pouco menos que imposibles. Pola volta do 12 de setembro estaremos cámara en ristre para comprobar se se cumpren os prazos.

Publicado por: MontePituco | 31/08/2011

LIMPEZA, POR FIN! (DA MALEZA) VIARIA

O pasado mes de xuño denunciábase neste blog o estado do vial que vai dende a estrada de Figueirido -a carón do acceso á variante de Marín- ata O Casal, A Laxe ou Arealonga. Xestas e arbustos de grandes dimensións sobordaban os muros do vial e dificultaban mesmo o paso dos peóns.

“LIMPEZA (DA MALEZA) VIARIA”

…Nada mellor que a visita, hai só uns días, dun conselleiro, neste caso o de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Fernández, para visitar a evolución das obras da variante de Marín na súa continuación cara a Pontevedra, para que unha máquina (fora de quen fora, municipal ou provincial) rozara toda a maleza. O resultado é un pouco trapalleiro, dito sexa sen acritude, pero menos é nada.

(Antes, xullo de 2011)

Publicado por: MontePituco | 30/08/2011

ANDAINA REIVINDICATIVA POLO MONTE DO SEIXO (CERDEDO)

(Imaxe do blog O Embigo do Becho, de Calros Solla)

(Imaxe do blog O Embigo do Becho, de Calros Solla)

Este pasado fin de semana participamos no roteiro reivindicativo polo Monte do Seixo, dez anos despois de que sucumbira tristemente á praga dos muíños eólicos, malia todos os esforzos de colectivos como o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca por evitar a súa desfeita ambiental, patrimonial e paisaxística: un intenso traballo de campo recollendo testemuños dos veciños sobre a valiosa tradición oral que atesoura este monte, publicacións de gran calado ensaístico e documental, montaxes audiovisuais de excelente calidade, conferencias e presentacións… Fixeron o todo o posible (e o imposible), pero finalmente impuxéronse os poderosos intereses especulativos. E pasou xa unha década, pero o Monte do Seixo segue conservando boa parte da maxia que emanan as súas pedras impoñentes e cargadas de valor simbólico. O anfitrión desta andaina, organizada pola Asociación Cultural O Rato Rabisaco co apoio doutras entidades, foi o profesor e escritor Calros Solla, autor, entre outros, de libros como “Monte do Seixo, o santuario perdido dos celtas” e artífice do blog O Embigo do Becho, no que tamén se recolle unha crónica gráfica desta xornada gozando do vento mareiro. A súa espléndida narración das lendas e das historias do Seixo tiveron un lúcido complemento na sabedoría do arqueólogo André Pena, que tamén se sumou a esta instrutiva expedición.

Máis de medio cento de persoas participaron neste chamamento a sentir o latexo telúrico do Seixo. Despois de percorrermos as estacións míticas desta emblemática atalaia, os asistentes sumámonos ao xesto simbólico de derrubamento dun dos case cen aeroxeneradores que coroan esta sufrida Serra do Cando, dende a que se levan millóns de superultramegaquilowatios de potencia eólica e pingües beneficios a todas partes, menos aos directos perxudicados pola instalación destes pinchos con aspas xiratorias. Grazas e beizóns para o Monte do Seixo e para os seus valentes confrades.

(Preme “Ler máis” para continuar visualizando as imaxes e o relato da visita ao Monte do Seixo).

Ler máis

Publicado por: MontePituco | 29/08/2011

A PROBLEMÁTICA COS CABALOS, NA PRENSA

…Que non é unha “queixa”. A ver se a van “pagar” agora os pobres cabalos! É a constatación dun feito, unha advertencia necesaria, unha modesta chamada de atención aos condutores para que circulen con precaución por esta zona -na que moit@s circulan coma tol@s- ante a posible irrumpción de animais no vial. E unha crítica aos propietarios de gando ceibe, que se desentenden completamente da situación e da súa sorte, salvo para beneficiarse coa venda das reses. Valla o “matiz”.

Publicado por: MontePituco | 26/08/2011

XV FESTIVAL FOLCLÓRICO EN SAN XIÁN

Mañá sábado, a partir das 21:30 horas no Colexio Carballal (Viñas Blancas), celébrase o XV Festival Folclórico Virxe dos Remedios que organiza a Asociación Cultural Airiños de San Xulián. Van actuar o grupo de danzas Ximalveira, de Hío, en Cangas; a agrupación folclórica Vides Novas, de San Salvador de Poio; o grupo de pandereteiras de Fentos e Frouma, de San Xulián; e o grupo de baile e a banda de gaitas Airiños, tamén de San Xulián, que van actuar conxuntamente con Fentos e Frouma.

Publicado por: MontePituco | 25/08/2011

500 ARTIGOS: GRAZAS!

Este é o artigo número 500. Cantos millóns de palabras irán verquidas neste monte virtual, cantos centos de imaxes. Cantísimas horas de traballo, cantas! Moitos desvelos e preocupacións tamén, pero non menos motivos de satisfacción e de pulo.

Dende as bambalinas desta páxina, MOITAS GRAZAS polas case 29.000 visitas que acumula este espazo dende a súa creación en decembro de 2009. Grazas a quen nos inspira, nos anima e comparte connosco a ansia pola defensa do Monte Pituco fronte aos partidarios da súa conversión nun ermo de formigón e de asfalto. Grazas aos seres queridos, presentes e ausentes, aos que lles furtamos o tempo que pasamos do outro lado desta pantalla, tecleando motivos para conservar a natureza e os recursos históricos e culturais deste pedaciño de mundo, rebatindo con argumentos sólidos e contundentes a quen nos ataca “porque si”, difundindo as imaxes que amosan a beleza da paisaxe e a riqueza da biodiversidade.

Agardando contar coa vosa compaña e coa vosa complicidade, imos a por outros 500 artigos máis!

Galiza ceibe! Xa os bilitroques

guindan os seus corazóns polos montes!

Os chuchameles mailas carqueixas

escoarán as verdades abertas!

Todo o que é lilio, todo o que é merlo

hase esfollar polos campos galegos!

Todo o que é fonte, todo o que é fror

halle arrincar arrecendos ao sol!

Pontes de escumas, nubens de rosas

pra acariñar amantiño nas cousas!

Arcos de grilos e carricantas

pra que se abrouxen as cósmicas agras!

Regos de aves, niños de estrelas

pra rebuldar ca enxebreza da Terra!

Pazo de orballos, medas de vieiros

pra apousentar os seus pulos inmensos!

Fragas de ideias, searas de astros,

pra rebrincar polos mundos abaixo!

Arcos-da-vella de bolboretas

pra adobiar as esenzas eternas!

Beilade ceos, troulade mares

astra que tolos da baila caiades!

Medrade soutos e codesidos

que hai que abranguer tódolos infinitos!

Tódalas notas, cósmica lira,

pra descordar no nadal de Galiza!

FERMÍN BOUZA BREI: “Cántiga cívica” (1933)

Publicado por: MontePituco | 24/08/2011

PRECAUCIÓN COS CABALOS CEIBES

Esta semana houbo que requerir a presenza da Policía Local no lugar da Pena para que os axentes trataran de reconducir ata o monte a un grupo de cabalos que, na procura de pasto, chegaron á estrada, poñendo en perigo a circulación viaria e a seguridade dos conductores. Unha persoa que pasaba pola zona atopou os cabalos nunha curva pechada entre A Pena e O Caeiro. No seu intento por alonxalos dese punto, os cabalos volveron subir e a piques estiveron de introducirse na entrada da Variante de Marín, co cal a situación tería sido máis grave, pola velocidade á que se desprazan por aí os vehículos e polas dificultades que terían os equinos para atopar a saída.

Non é a primeira vez que acontece algo así, como se ten recollido nas páxinas da prensa. Entre as diversas problemáticas que presenta esta variante dende a súa construcción e posterior apertura ao tráfico -ademais dos desprendementos de terra e do trazado escarpado- tamén se atopa a irrupción de animais que, ben dende os accesos abertos, ou ben polos desperfectos causados na alambrada que a rodea, logran introducirse na zona asfaltada, ignorando o perigo que corren para a súa propia integridade e a dos usuarios do vial.

Apelamos, pois, aos propietarios de gando mostrenco, para que velen pola situación destes animais; para que se preocupen de telos seguros no monte e nunhas condicións dignas dende o punto de vista físico. Un dos cabalos avistados nesta estrada tiña os restos dun cepo nunha das patas e, aínda que as súas extremidades non estaban presas por ningún artiluxio prohibido, notábaselle ao desprazarse que tiña unha lesión permanente nese pezuño, que o facía coxear. Gran crueldade e gran cobardía do seu dono, ao que cabería preguntarlle que pasaría se un cabalo cunha pexa irrumpira na estrada e non tivera a capacidade de reaccionar con rapidez ante un posible impacto cun vehículo.

Por outra banda, cómpre ter en conta unha decisión da Xunta que hai uns días se daba a coñecer a través dos medios de comunicación: o goberno autonómico vai presentar despois do verán un novo regulamento sobre a presenza de gando ceibe no monte, que vén sendo motivo de queixa por parte dos gandeiros e das comunidades de montes cando os animais ocasionan destrozos nos cultivos das fincas particulares e nas repoboacións arbóreas. Co fin de abaratar custes, os responsables da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria informaron os representantes da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común que se vai reducir de 15 a 3 días o prazo para reter os animais sin identificación que sexan capturados. Despois deste periodo, poderían ser adquiridos polos gandeiros e, de non ser así, acabarían sendo sacrificados nun matadeiro.

É unha situación inxusta que se podería evitar actuando con boa vontade por todas as partes: a presenza do gando é beneficiosa para o monte, porque os animais controlan o crecemento da vexetación e contribúen así a minimizar o risco de incendios; pero por outra banda, os seus propietarios terían que facerse cargo da construcción dos valados arredor dos terreos que as comunidades de montes estarían dispostas a ceder con tal de que os cabalos ou as vacas pastaran nun recinto pechado. Uns por outros, e a casa sen varrer: as reses sen identificar e buscándose a vida polo monte ante a indiferencia dos propietarios, mentres os gandeiros e os comuneiros sofren cuantiosas perdas non seus bens ata o punto de chegar a prohibir tallantemente a presenza de gando mostrenco nos montes. Un pouquiño de por favor

Máis información sobre o novo regulamento do gando mostrenco, na seguinte ligazón: “El plazo para sacrificar caballos capturados en los montes se reducirá de 15 a 3 días“. (Faro de Vigo).

Publicado por: MontePituco | 23/08/2011

ELECCIÓNS NA COMUNIDADE DE MONTES (I)

Publicado por: MontePituco | 22/08/2011

IMPUGNACIÓN DA ASEMBLEA DA COMUNIDADE CELEBRADA EN XULLO

Alea iacta est! A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián de Marín renovou a súa xunta rectora. Poucas sorpresas. Repiten os pésimo presidente e o requetepésimo vicepresidente que estaban, incorporan a un secretario do que ata agora temos un bo concepto persoal e que abofé o fará moito mellor que o secretario saínte (que volve ao seu anterior posto como vocal), e fichan a unha tesoureira á que endexamais vimos presente nunha asemblea da Comunidade. Pero do relato da asemblea extraordinaria de onte -“grandioso” espectáculo: máxima expresión da manipulación e da antidemocracia- ocuparémonos nun próximo artigo.

Porque o que toca é falar dunha das incidencias da sesión: a entrega, ao recuncado presidente, dun escrito de impugnación asinado por varios comuneiros, contra a reunión do pasado mes de xullo e contra a acta da asemblea precedente de decembro de 2009. A moitos asistentes a esta esperpéntica xuntanza seguro que lles pasou desapercibida a entrega deste documento, por dúas razóns fundamentalmente.

Antes do inicio da asemblea, fíxose ademán de entregar o escrito ante a xunta rectora e de solicitar permiso para a súa lectura. O presidente negouse a admitir o recurso alegando que “non é día para recoller escritos”, posto que na orde do día só figuraba a lectura e aprobación da acta anterior, a presentación de candidaturas e a elección da nova directiva. Por tanto, sen opción ao apartado de rogos e preguntas, o presidente rexeitou o documento e deu comezo á asemblea sen máis preámbulos.

Tivo que ser despois de levantarse a sesión cando, despois de insistirlle ao presidente que se non recollía o escrito estaba vulnerando o artigo 70 dos estatutos da Comunidade de Montes (“…os acordos da asemblea xeral contrarios á Lei de Montes Veciñais en Man Común, os que infrinxan as presentes ordenanzas, e os non adecuados aos intereses xerais da propia Comunidade, poderán ser recurridos por calquera comuneiro ANTE A PROPIA ASEMBLEA XERAL…”) e, por tanto, tería que aterse ás consecuencias, fora desde o punto de vista administrativo ou legal. Entón si entrou polo aro: recolleu unha copia do escrito e fíxolle un garabato á outra, que nin selo oficial da Comunidade de Montes lle quixo poñer.

Eis o carácter continuista das “formas” da xunta rectora, do disgusto e da desgana coa que afrontan as críticas -perfectamente xustificadas- do sector crítico coa súa xestión. Que sigan manipulando, que sigan mentindo con tanta torpeza e, para mostra, un botón: na lectura da acta correspondente á asemblea do pasado 31 de xullo figuraba que a afluencia de comuneiros fora do 30% (os estatutos establecen que só será válida cun mínimo do 25%). Non puidemos disimular unha gargallada nada máis escoitar unha trola tan descarada, posto que na reunión de xullo malamente había 50 persoas na sala, das cales igual unha ducia ou, como moito unha vintena, tiñan dereito a voto como comuneiros. Na asemblea de onte habería o triple de persoas, por máis que o censo de comuneiros é de 532. Alguén tivo a feliz idea de exclamar ao comezo da sesión: “Onde está o censo?”, o que obrigou a pasar lista.

O máis pavero, triste, macabro e ridículo, foi que nese censo -que para a celebración dunhas eleccións tiña que estar perfectamente (ou case) actualizado- nombráronse moitas persoas falecidas, o que motivou a queixa de moitos dos presentes.

E o peor, o máis “cantoso”, onde se demostrou -para calquera que teña dous dedos de fronte- que a xunta rectora quedaba co cu ao aire, con perdón, foi o seguinte: dos máis de 500 citados, segundo as contas do presidente, contabilizáronse presentes 76 comuneiros con dereito a voto. É dicir, facendo unha sinxela regra de tres, só o 14% do censo. Como poden ter a desfachatez de intentar “colar” que na asemblea anterior, con moitísima menos xente, había un 30% do censo? De modo que hai unha palabra que define perfectamente o “modus operandi” desta xunta rectora, a de antes, e a dos próximos catro anos, posto que a composición é practicamente a mesma: TONGO!

 

 

 

Publicado por: MontePituco | 20/08/2011

NA ASEMBLEA DE MONTES (III)

Balbordo, barullo, manipulación. incomprensión, descalificación… Mañá volve haber asemblea (extraordinaria) na Comunidade de Montes para proceder á elección da xunta rectora para os próximos catro anos. E só de pensar no circo que se vai montar, xa se lle pon a un dor de cabeza. Así que, aspirina e pacencia son as mellores armas para sobrevivir a esta clase de trances. Entrarán pola porta comuneiros e comuneiras que levan dende tempo inmemorial sen asomar o pelo polas asembleas, ou que non pasan máis aló do bar da casa de montes. Virán depositar o seu voto (ata que punto lexítimo?) para devolver favores, para pagar na furna o que non pagan ao pé da barra. Alá cada quen coa súa conciencia, no hipotético caso de que a teñan.

O informe de xestión que abordou o presidente na asemblea do pasado 31 de xullo, tiña que comezar polo tema-estrela, por suposto, no que levan tempo captando unhas doses de protagonismo esaxerado, anestesiando a veciñanza cunha actuación digna do Oscar á mellor actuación. O presidente explicou que a avogada da Comunidade de Montes ten “todo preparado para presentar e poder defender o pleito con todos os informes”, que este tema vai “avante e non imos deixalo, rompa por onde rompa”. Así levan unha chea de anos, mareando a perdiz, pagando alegremente abogados e peritos, e perdendo en todas as instancias xudiciais polas que pasaron.

“E se non, empeñas a casa (de montes)”, exclamou Severino. “Ti tíralas a dar”, retrucoulle Francisco Casal anoxado e molesto porque lle levaran a contraria. O presidente reprochoulle que nas manifestacións que organizou a Comunidade “estamos os mesmos de sempre”. Están os veciños da zona, que defenden esa causa e que NECESITAN inevitablemente a axuda económica e “institucional” da xunta rectora. “Ousexa, que Romero leva un cacho de monte e temos que deixalo marchar?”, exclamou o presidente arengando as “masas”.

Sumáronse entón máis voces en contra de Severino, como a de Rosa, que lle espetou “xente coma ti vale para pouco”, ao que el lle replicou que todo este longo proceso “non vos sale do bolsillo”, aludindo a que as arcas da Comunidade de Montes estaban alimentando constantemente ese litixio. Severino engadiu que “antes de botar abaixo (o muro) de Romero hai que botar moitos en San Xulián”. E algo de certo ten que haber, cando hai máis persoas que, aínda criticando e rexeitando a presunta usurpación dunha parcela de monte por parte de Romero para ampliar a súa finca, tamén aseguran que outros veciños da parroquia botaron man de terras de monte comunal para a súa propiedade particular.

O debate desviouse cando este comuneiro se queixou de que pedira un camión de hormigón para facer un aparcamento “aí arriba, e a comunidade de montes negoumo, así que agora non o boto”. O presidente preguntoulle “pedíchesmo a min?”, ao que contestou “pedinllo ao que estaba, ao que tes ao teu lado”, sinalando ao vicepresidente, que saltou coma un resorte: “A min non me pediches nada!”. Severino contestoulle: “Ti es un trampón!”.

Non sería de extrañar que, no desencontro entre o vicepresidente e este comuneiro, fora este último o que tivera a razón. Cantas veces DEFENDE O MONTE PITUCO acudiu á casa de montes coa intención de falar co presidente, ou presentar un escrito á súa atención ou dirixido á xunta rectora en xeral, e o vicepresidente, que é quen sempre está alí, porque ao presidente nunca o atopamos, négase a atender o motivo da nosa visita, alegando que el non é o presidente e que non recolle nada. E marchamos de baleiro, sen nin sequera conseguir un acuse de recibo. “Xa volo recollerá cando sea presidente!”, dixo un comuneiro noutra ocasión. As súas palabras igual resultan proféticas. Dependerá do resultado das eleccións de mañá.

…Volvendo á asemblea. O presidente intentou reconducir a sesión dicindo que “as reunións son para falar do que hai que falar e os debates internos de cada un non veñen a conto”. Entón onde se falan? Se un ten un problema coa comunidade de montes, non é a asemblea o lugar para expoñelo? Acaso nas reunións están vetados os temas que non lle interesan á directiva que saian á luz? O comuneiro lanzou outra queixa: había que encañar a auga que cae do tellado da casa de montes para que deixara de ir para as fincas. “Eu encáñoa, pero vendo a casa!”, contestoulle Francisco Casal, que engadiu: “Vou propoñer que as reunións se fagan os domingos ás 9 da mañá”. Sen palabras…

O presidente intentou zanxar ese apartado nun ton máis conciliador: “Se hai que vender eucaliptos para defender o monte, supoño, supoño, porque eu non mando, que haberá que facelo, porque o monte é noso, e ata o fin do mundo”. Aquí igual agardaba que a xente se erguera eufórica dándolle unha ovación de aplausos, pero tampouco foi así. Lucinda Montenegro estragoulle o frustrado momento de gloria cun comentario moi sensato e non exento de picardía: “Pero hai que sopesar se o monte está collido con todas as da lei ou se luchamos contra nada, porque os avogados vannos estar dicindo que temos toda a razón”. O presidente puido ter mostrado probas, documentos, calquera elemento que demostrara ante os comuneiros que o litixio ía ben encamiñado e que tiña posibilidades de convencer ao xuíz para fallar a favor da comunidade. Lonxe diso, limitouse a dicir: “Estamos buscando todos os papeis, porque tamén se apropiou dun camiño”.

Seguinte asunto. Importante. Reproducimos literalmente o discurso do presidente:

“Certos comuneiros, non podo dicir nomes, porque non os sei, actúan a mala fe en contra nosa, da asamblea, non de nós, porque hoxe estamos aquí e mañá ao mellor non estamos. Todo o que vai en contra de gastar cartos sae de todos os comuneiros, que non sae da directiva. Falo do típico que vai cortar a auga, romper as mangueiras, ou botar o escombro alá arriba. Parece mentira que teñamos xente, que tamén os hai noutras parroquias, aínda que eu non os mirei, que non vou ir durmir ao monte, que veñan os propios comuneiros a tirar escombro de obra aos nosos camiños no monte, é repugnante. E despois pasa que ninguén quere quedar mal con ninguén, ninguén mira nada, vaino denunciar? E iso cústanos moitos cartos. Temos dúas multas, unha de 500 euros e outra que pode pasar dos 2000 ou 3000 euros. Estamos intentando a ver como queda ese tema. Vén a Policía Autonómica, levanta atestado, e quen é responsable? A comunidade de montes! É triste. Eu non vou pagar, imos pagar todos. Ninguén denuncia nada. O propio comuneiro vai botar a basura alí. E sabédelo perfectamente. É deleznable. Porque o fan a propósito. Que esteades enteirados tamén dese tema: que hai dús cartas da Xunta, e que estamos a ver como facemos con isto”.

E Lucinda apunta: “E que alguén da directiva sabe quen foi, tamén”. Obviamente, aínda sen dicir nomes, a maneira do presidente de formular a acusación, apuntando directamente a veciños da parroquia, non é casual. A presenza de verquidos é unha lacra que no blogue de DEFENDE O MONTE PITUCO está amplamente documentada, e denunciada tamén ante as instancias oportunas. Non basta con que a Comunidade de Montes, despois de lavarse as mans durante moito tempo sobre esta problemática, lave a súa conciencia chantando uns poucos carteis nos que se prohibe tirar lixo apelando a unha lei que, por riba, está mal atribuida porque non corresponde co feito indicado. Pero tanto ten ese “detalle”. O que cómpre é que se impliquen na eliminación deses verquidos e, sobre todo, que se note a súa presenza no monte, que o pateen de arriba a abaixo. Menos taberna, menos moqueta, e máis traballo a pé de monte.

“Eu non mirei a ninguén”, di o presidente, “nin ando de noite, que supoño que será ás tardiñas ou á primeira hora da mañá”. Pois dáte unha volta polo monte a esas horas, homedediós! Que parece que lle teñas alerxia aos fentos e aos toxos. Ou é para non ver a quen non convén ver cando vai botar escombros? Xa está ben!

Despois queixouse de que cando se cortou madeira no Pinque-Pinque (¿?) se puxera un cartel na casa de montes para que a xente que quixera leña despois da corta, que a fora buscar alá. “Houbo xente que en vez de coller a que estaba cortada, colleu un eucalipto novo, e ras!”. Explicou que había xente que lle ía pedir personalmente se podía coller madeira e que el daba permiso: “O que estea no chan, sen problema ningún”. E que se aparecía o garda forestal, que se lle dixera que o presidente dera permiso. Imos ver: as cousas non se deberían facer así, de palabra, de xeito tan informal. Porque postos a iso, tamén podiamos dar por válidas as explicacións que moitos pilotos de motos e quads que ían ao Alto do Pornedo a enterrar as rodas, asegurando que o presidente lles dera permiso para estar circulando alí. E diso nada. Por suposto, os comuneiros son beneficiarios dos recursos que produce o monte: toxo, fento, madeira… Pero facendo as cousas ben, e para tranquilidade do comuneiro á hora de lexitimarse ante un garda forestal, un axente do Seprona ou da Policía Autonómica que, facendo o seu traballo, lle pida xustificación, un non pode ir a peito descuberto, cun simple permiso de palabra. Á Comunidade de Montes non lle custa nada establecer algún sistema, sexan fichas ou boletos, perfectamente timbrados co anagrama da Comunidade de Montes, coa sinatura do presidente ou do vicepresidente, para que os comuneiros poidan realizar certas actividades no monte, sen recelos e con plenas garantías.

A continuación, o presidente leu unhas peticións formulada por Julio Arosa: deficiencias que necesitan reparación, como baches que lle dificultan a circulación coa súa cadeira de rodas, unha rampa moi empinada no acceso ao cemiterio, onde tamén botaron gravilla na que se lle enterran as rodas. O seu escrito foi moi claro e educado en todo o exposto. O presidente dixo que lle pasará o seu escrito á alcaldesa para que tome coñecemento das súas necesidades e lle axude.

Seguidamente, leuse un escrito de José Crespo González, presidente da asociación de veciños de Pardavila. O colectivo veciñal pretende solicitar unha subvención á Consellería de Medio Rural para o acondicionamento dunha explanada de titularidade comunal que xa veñen utilizando os habitantes da zona, para uso lúdico e social. A asociación precisa unha autorización da Comunidade de Montes para que se poidan facer as obras en caso de que se admita a subvención. E pide tamén que se lle adxudique o mantemento das instalación por un periodo de sete anos. O presidente da comunidade explica que é un “formulismo” e “non é que eles se queiran quedar coa titularidade do terreo, senón o permiso”. O presidente fala da Deputación, cando o escrito alude á Consellería de Medio Rural, e comenta tamén que o importe da subvención solicitada é de 6.000 €. Queda aprobado. De todos modos, do acondicionamento dese espazo tamén se podía facer cargo a propia Comunidade de Montes, como propietaria do terreo.

Logo tratouse outro tema importante. O presidente expuxo que hai un grupo de mozos que “queren regularizar” un circuito de motorismo que hai en Navallos. “Piden cerralo para non andar polo monte e que a Comunidade lle pida unha subvención á Xunta por medio de Agader, creo que se chama así”. Impresionante. O presidente da Comunidade de Montes de San Xulián ou fai o parvo ou é un ignorante que non sabe que o Agader é a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A cambio de facerlles esa xestión, os pilotos comprométense “a limpar, a non saír de aí, a que quen queira ir non ande polo monte… Non son cabras locos polo monte”, expón o presidente, que aclara que os mozos non queren a propiedade do terreo, que seguiría sendo comunal.

Lucinda pregunta se sería un circuito aberto ou cerrado, e advirte que non pase como no Pornedo, que “está desfeito total”. Responden que os pilotos teñen seguros e que están federados, que mesmo aportan unha memoria económica. Sobre a problemática que houbo no Pornedo a conta do circuito ilegal, o presidente di que “é un tema á parte”. Non sabemos que quere dicir con esas palabras, tendo en conta o esforzo dos veciños e deste colectivo por erradicar esa práctica irregular nun espazo protexido.

E outro veciño pregunta a quen lle pediron permiso os pilotos para facer todo o que fixeron, en relación ao circuito que fixeron. “A ninguén”, responde o presidente, ao que o comuneiro engade que “estragaron o monte todo, o toxo, e a pista” (O Pornedo) “e agora veñen a reclamar para facer o aquel” (o outro circuito). Este veciño quéixase de que non pediron permiso para o outro circuito que xa está feito. “Pídeno agora”, engade o presidente, “aproveitan que vai haber unha subvención e van pedir”. O comuneiro amosa a preocupación polo camiño que leva aos matos da zona. Un dos directivos da xunta rectora explica que o camiño vello está cheo de silvas e que se a Xunta lles dá a subvención, “vaise acondicionar todo aquel monte” e que cerrarían “4 metros separados so camiño”. O veciño responde que os pilotos “xa se apropiaron desa zona”. Hai un balbordo de voces, todo o mundo opina á vez. O presidente amósase partidario de regulalos e telos alí, mentres que outro comuneiro parece opoñerse porque, ademais de ser utilizado ese circuito por fillos de comuneiros de San Xulián, tamén van pilotos de Cangas e de Bueu e doutros concellos.

Lucinda achega outro comentario: “Se o monte de San Xulián nolo collen catro Romeros, porque hai máis de un, a carretera (variante), fenosa e os do motocross, vamos ir ao toxo á Alameda de Marín. Este monte de aquí (Pornedo) está destruido por eles, ti sabes que si”, dille ao presidente. Francisco Casal replica que “non se lles cede ningún terreo”, ao que a veciña responde que vaian para outro concello. As palabras de Casal son contradictorias cando insta os comuneiros a decidir se lles dan permiso aos pilotos para realizar esa actividade: “en conforme lles cedemos o terreo e eles fanse cargo de todo aquilo” aínda que a propiedade siga sendo comunal. “E o día que a asemblea diga fóra iso, fóra”. Imos ver, este plantexamento é un despropósito. Para empezar, deberían ser os propios interesados os que tiveran a oportunidade de explicarse diante da asemblea, e que os comuneiros lles permitiran expoñer con calma o seu proxecto. Se son capaces de convencer a veciñanza, adiante, se non, nada. Porque está claro que o presidente non sabe explicarse: unhas veces boga polos pilotos, outras boga polos comuneiros… Nada e garda a roupa. Iso de que cando a asemblea decida botalos, bótanse, non é así de doado. Non sabemos que mundo ficticio pretende pintar o presidente.

“…A ver, que?!”, exclama de súpeto o presidente. Son formas de dirixirse aos comuneiros/as, no que debería ser unha votación formal para tomar unha decisión trascenndente? De calqueira maneira: unhas persoas din si, outras din que non, volve haber outro balbordo de voces… En que queda a cousa?

“Os nosos netos van comer toxo?”, toma outra vez a palabra Severino, referíndose agora ao proxecto de polígono empresarial. “Porque o monte vaino levar o cuartel de Figueirido e ninguén lle vai dicir nada”. Laureano II. Sen comentarios. “E os nosos netos van comer merda”. Incalificable. Segue o seu esbardallamento. “Hai catro veciños e 20 ladróns. O monte do Pituco levouno Romero. Quixeron facer un parque empresarial, para beneficio para a parroquia, os nosos fillos e os nosos netos. Iban coller moito toxo e están protestando”. Replícalle Rosa: “Señor, eu estou en contra de que metan nin un gramo de cemento no monte, en ningún sitio do monte”. Encírranse os dous nunha discusión na que el pretende abouxar a outra co seu ton de voz e facendo alusións personais incertas. Non paga a pena facerlle caso porque carece de argumentos sólidos e razoables. Lucinda repréndeo porque “aquí non podemos andar a falar das persoas, un parque empresarial lévao para A Grela, se é produtivo”. Outro comuneiro tamén se enfronta a el: “E despois vén o trapicheo coas naves”, e saca un recorte na prensa. “Sobran naves, o que non hai é choio”, engade Lucinda.

Despois falouse da convocatoria de eleccións, e logo, a guinda. Francisco Piñeiro, anterior tesoureiro da Comunidade de Montes, pediulle explicacións ao presidente sobre os motivos polos que non informara da súa renuncia ao cargo. “Perdoa, tes toda a razón do mundo”, contestoulle Francisco Casal. Entón, o presidente indicoulle ao secretario, diante de todos os presentes: “Antes da asemblea, hai que poñer: dáse conta á asemblea da demisión do señor tesoureiro POR NON ESTAR DE ACORDO COAS CONTAS DO BAR”. Ao que Francisco Piñeiro engade: “ENTRE OUTRAS COUSAS”. E Casal retrúcalle: “Bueno, pero eso foi o que puxeches aquí na carta, iso que quede reflexado na acta”. E Lucinda, moi oportuna engade: “E logo non temos que sabelo? Eu non sabía que dimitira sequera”. Ambos explican que a demisión produciuse “antes do Nadal”. Oito meses sen informar desta situación, sen dar conta dos motivos, asumindo o presidente as funcións de tesourería.

Antes de dar por pechada a sesión, o presidente anunciou que a Comunidade de Montes iniciaba unha campaña de recollida de sinaturas en contra de que Romero se quede coa parcela de monte que se lle reclama. Lucinda volve intervir para pedir que os escritos “estean escritos en galego porque non é de recibo que se fagan en castelán”. As súas palabras deron pé a outro enésimo balbordo entre españolistas e galeguistas.

C’est la vie nesta ilustre e peculiar comunidade na que a demisión do tesoureiro POR NON ESTAR DE ACORDO COAS CONTAS DO BAR, é dicir, por presuntas irregularidades contables, e non pasa nada. E nin o presidente nin o tesoureiro demitido dan explicacións nin dese nin dos outros motivos. 60 minutos de asemblea xeral surrealista e trapalleira, na que a única voz, salvando a do secretario dando lectura da acta anterior, que se escoita é a do presidente e pouco máis; rodeado dun fato de directivos que non abren a boca para nada e cuxa presenza nesa mesa presidencial é meramente decorativa. Deus nos colla confesados, mañá, e nos vindeiros catro anos.

Publicado por: MontePituco | 19/08/2011

NA ASEMBLEA DE MONTES (II)

(Artigo precedente: “NA ASEMBLEA DE MONTES (I)

Mañá sábado día 20 ás 00:00 horas conclúe o prazo para a presentación de candidaturas ás eleccións para renovar a xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián de Marín. Na asamblea xeral do pasado 31 de xullo o presidente indicou que a data da votación sería ao día seguinte, domingo 21, ás 20:00 horas. Mal feito: o artigo 54 do capítulo IX sobre os órganos da Comunidade, explica que “a presentación de candidaturas deberá facerse como mínimo en 10 días naturais de antelación á data prevista para a elección” . Por tanto, respectando o prazo de presentación de candidaturas para non perxudicar os intereses de calqueira comuneiro/a que desexara optar aos cargos, a data das eleccións non podería ser o domingo 21, senón o martes 30. Velaquí a proba de que o presidente e os seus compañeiros de directiva descoñecen os estatutos da Comunidade de Montes que dirixen e que aplican as normas ao seu antollo e comenencia. O que nos leva a denunciar o incumprimento doutro punto: o artigo 69 do capítulo XI referido ás responsabilidades dos órganos de goberno, que di: “A xunta da comunidade será responsable ante a asemblea xeral do fiel cumprimento das funcións que lle encomende a Lei de Montes Veciñais en Man Común, así como as sinaladas nestes estatutos e todas aquelas que lle encomende a asemblea xeral…”.

É moi grave o que acontece no funcionamento da Comunidade de Montes de San Xulián. E os que teñen o valor de erguer a voz para protestar, ou cansaron de predicar no deserto, ou morreron.

A asemblea xeral do 31 de xullo comezaba coa lectura da acta da asemblea xeral anterior, do 27 de decembro de 2009. Xa quedou explicado nun artigo anterior o flagrante incumprimento dos estatutos no referente á periodicidade das asembleas xerais, que debe convocarse “unha vez ao ano e sempre dento dos seis meses seguintes á data do peche do exercicio económico” (artigo 50 do capítulo IX sobre os órganos da Comunidade).

Na lectura da acta de 2009 quedou constancia de que o presidente anunciaba a renuncia “por motivos personais”, da secretaria Lidia Recamán, que foi sustituida por Daniel de la Torre, que anteriormente ocupaba o posto de vocal, e que estreou as súas novas funcións nesa mesma asemblea. A acta anterior fora aprobada co voto en contra de Xan Montenegro alegando que non estaba de acordo co xeito de gastar parte do diñeiro da comunidade. O presidente instouno a explicar os motivos, ao que Montenegro non contestou, segundo se recolle na acta de 2009.

Sobre o estado das contas, tamén se referiu no artigo anterior que, segundo esa acta, quedaran aprobadas por maioría con 11 votos en contra. Desde DEFENDE O MONTE PITUCO seguimos sostendo que ese extremo non é certo e que as contas expostas en decembro de 2009 quedaron sen aprobar ao ser maioría os comuneiros que ergueron a man votando en contra, ao que o presidente exclamou ante o público: “Non aprobades as contas? Alá vós!”. A única observación que se fai nese punto é referida á intervención do comuneiro Juan Pérez que, segundo esa acta, “felicita a xunta pola xestión”, ao tempo que formula unha protesta polo gasto realizado en saneamento (fontanería) na casa de montes.

A acta de 2009 continúa relatando que, con respecto ao informe de xestión, o presidente informa sobre a limpeza no Monte Pedralonga, “que está aprobada e empezará na primaveira ou verán do próximo ano”. Que tamén se aprobou unha limpeza de mimosas e xestas en Pardavila. A corta de acacias dende o Lago ata o Monte do Fentán (¿?). O estudo do brote de pino e eucalipto (ou algo así, porque non se entende ben o que le o secretario).

Tamén se refire ao informe sobre o litixio que se mantén con Romero pola ocupación dunha parcela no Monte Pituco, sobre o que “se segue pleiteando”. (E o que queda!, podemos engadir). Outro conflicto (todo son conflictos, con ningún lindante se leva ben esta comunidade de montes) coa Comunidade de Montes de Lourizán “polo cobro dalgunhas fincas que pertencen a San Xulián” no expediente de expropiación forzosa para a construcción do segundo tramo da circunvalación de Marín. Di a acta que “a Comunidade de Lourizán fixo unha tala de eucaliptos que son propiedade de San Xulián, o que foi comunicado á Policía e á Administración, sen obter resposta”.

Deste asunto tan serio non se dá ningunha explicación máis ante a asemblea, nin se conta que varios membros da directiva de San Xulián foron, presuntamente, con nocturnidade, a coller aquela madeira; nin se conta que eses mesmos directivos, presuntamente, tiveron que devolver a madeira da que se apropiaran. A directiva garda silenzo ante cuestións sobre as que queda en evidencia a súa actuación cuestionable.

Máis conflictos: infórmase sobre as reunións mantidas coa Comunidade de Montes de San Tomé de Piñeiro sobre o deslinde entre comunidades “sen chegar a ningún acordo”. E sobre o deslinde que pretende facer a Brilat, a Comunidade de Montes de San Xulián, xunto coa Comunidade de Montes de Salcedo, pretende parar ese procedemento “ao non ser proposto polo Ministerio de Defensa”. Tamén se recolle o comentario do comuneiro Juan Pérez instando a “seguir defendendo o monte comunal”. Velaquí un grande paradoxo, tendo en conta que a Comunidade de Montes de San Xulián, por moitas pancartas que exhibe “en defensa dos nosos montes”, é a principal interesada en desfacerse dunha importante superficie de monte comunal -que segundo os estatutos é “un ben indivisible, inalienable, imprescriptible e inembargable” (artigo 4º das disposicións xerais)- para favorecer a instalación dun polígono industrial. Poderoso cabaleiro é don diñeiro, tendo en conta as palabras do propio vicepresidente: “Prefiro que o monte o leve o polígo, antes que a Brilat o leve pola cara”. Frase mítica que pasará aos anais da historia da desfachatez, da avaricia e da desvergoña.

A unha pregunta de Juan Pérez sobre o PXOM de Marín e o proxecto de instalación do polígono, a acta recolle que o presidente contéstalle que “de momento non se sabe nada”. Parca resposta, vindo ademais dunha persoa que por aquelas datas ostentaba o cargo de concelleiro da Corporación municipal. Pide despois a palabra unha persoa que representa a DEFENDE O MONTE PITUCO “previa exhibición dunha autorización do seu pai” (mentira, da súa nai, que é a comuneira titular) “para falar no seu nome na asemblea”, para pedir a opinión da xunta rectora sobre este tema, ao que se lle responde que ese punto “non está na orde do día” da asemblea e que “o que interesa non son opinións personais, senón que cando chegue o momento pediráselle a súa opinión á asemblea e a xunta actuará segundo o mandato da asemblea”. Curiosa maneira de evadirse, sobre todo cando o presidente -do que se supón que debe ter un criterio ben formado, ao igual que no caso dos demais integrantes da directiva- ten dito que, dende o seu punto de vista, o polígono non ten cabida no monte de San Xulián. Está claro que non hai valentía para inculcar sentido común nun colectivo que, previamente aleccionado, sería capaz de aprobar a instalación dun polígono industrial no Monte Pituco, ou nas dunas de Corrubedo, que para o caso é o mesmo. Para o que “interesa”, ben que se segue o “mandato” da asemblea.

Outro aspecto tratado foi a petición dun representante da comunidade de augas de Fontelagoa para instalar un depósito en terreos do monte comunal, ao que lle responden que “debe aportar os permisos dos organismos competentes para outorgarlle a autorización”.

Abordouse tamén a petición para instalar un circuito de motocross. Contéstanlle o mesmo, que fan falta permisos, argumentando que “se invaden camiños comunais e fincas colindantes de particulares, polo que non se pode dar autorización”.

Xa no apartado de rogos e preguntas, coméntase que o sinal de televisión na parroquia é deficiente, ao que a xunta rectora contesta que “vai mellorar porque se asinou un convenio co Concello de Marín para cambiar a antena existente por outra de maior altura”. Juan Pérez pregunta canto lle aporta a Comunidade de Montes ao bar e por que se despediu a unha camareira. A acta recolle que o presidente responde que “o bar practicamente non custa nada” e que o despido produciuse por “incumprimento de contrato”. Tamén queda fixada para o 24 de xaneiro a reunión informativa sobre o proxecto de instalación do polígono industrial no Monte Pituco.

Ata aquí foi a lectura da acta da asemblea celebrada en decembro de 2009. Só un comuneiro tivo a honestidade de manifestar a súa oposición á aprobación dese documento. Ao final da asemblea, no apartado de rogos e preguntas, argumentaría a súa negativa alegando o que xa quedou exposto unhas liñas máis arriba: que naquela asemblea foran maioría os comuneiros/as que votaran en contra das contas expostas pola xunta rectora. O presidente amparouse no contido da acta e insistiu en que foran aprobadas por maioría con 11 votos en contra, e que a súa expresión de “non aprobades as contas? alá vós!” fora dirixida a estes últimos.

Despois dun longo silencio, o presidente, moi serio, continuou o desenvolvemento da orde do día, co punto adicado ao estado de contas. Antes de comezar a asemblea, a directiva repartira entre os asistentes unhas copias da relación de gastos e ingresos (da que xa se deu conta nun artigo anterior). Unha relación de gastos e ingresos incompleta e chea de ambigüedades, por certo: canto custaron os paneis sinalizadores instalados recentemente no Monte Pornedo prohibindo os verquidos de lixo e a circulación de vehículos motorizados? Na relación de gastos indícase a quen se lle pagaron certas cantidades de diñeiro (Talleres Macenlle 660,80 €; Saneamientos Rosales 1.567,68 €; Manuel Rosales e Hijos 1.318,49 €; Agustín Iglesias 550 €; Ignacio Piñeiro Electricidade 1.331 €; Mafrigopima Manuel Ángel G.P. 9.074,20 €) pero non se especifica por escrito en concepto de que.

E a quen se lle pagaron 3.011,46 € por traballos de fontanería? Cales son as empresas ou razóns sociais que cobran 4.192 € en concepto de xestoría e peritaxe? A que lle chaman “gastos xerais” por valor de 3.583,61 €? Quen son os abogados que perciben da Comunidade de Montes de San Xulián a friolera de 4.145,82 €?

Total, que se o saldo a favor a 30-09-09 era de 22.786,50 € (unha cifra, por certo, da que sospeitamos a súa procedencia, ante as dúbidas de que na reunión de decembro de 2009 as contas que se aprobaron foran as dese mesmo ano), os gastos en 2010 e ata o 26 de xullo de 2011 sumaron 88.381,13 euros, co cal o buraco de número negativos é de -65.594,63 €.

E o presidente adicouse a explicar someramente a que se destinaran os cartos da Comunidade. Comezou polo final, polo que lle interesaba, afirmando que o saldo actual a 26 de xullo de 2011 era de 22.473,90, co cal, a directiva “só gastara a maiores 312,6 €”. E total, explicouse mal, que nin unha simple resta sabe facer, posto que se o saldo en 2011 é de 22.473,90 e o saldo en 2009 era de 22.786,50 €, non só non gastaron máis, senón que “aforraron” 300 e pico euros. Un momento para estes “muchachos”, xa!

E comezaron os lamentos. “Dado que temos tantos pleitos e os abogados nos comen a… vamos, que non traballan gratis, tanto polo tema de Romero, como da Brilat e todo iso” (si, si, e todo “iso”). E segue, arremetendo agora contra os bancos, “que tampouco traballan gratis e chupan para eles o que queren” (que opinarán disto os seus amigos banqueiros?). Que a Facenda pagáronlle en catro prazos unha cantidade que ascende a 2.233,73 €. A Fenosa foron parar 5.559,80 € (xa se podía facer a comunidade de montes accionista da compañía eléctrica) polo gasto da casa de montes e do campo de fútbol. En canto aos gastos da casa de cultura, explicou: “Non é que sexan os gastos da casa de cultura, senón actividades culturales que se fixeron, grupos que se trouxeron aquí e subvencións a fentos de froumas” (en alusión aos grupos folclóricos da parroquia).

E chegou o turno dun asunto delicado: os seguros sociais das tres camareiras que atenden o bar, “que dá para pagarlle o soldo á xente que está traballando”, polo que o pago dos seguros sociais “está saíndo da comunidade de montes”, que ascendeu a 7.719,59 €. Pero imos ver, na acta da asemblea de 2009, o presidente da Comunidade de Montes dixo que o bar “PRÁCTICAMENTE NON CUSTABA NADA”. En que quedamos?

“A partir de agora hai que sopesar se é favorable ou sostible seguirlle pagando os seguros á xente que traballa, ou sacar o bar a subasta”, dixo o presidente, que avisou que diso tería que ocuparse a próxima directiva da Comunidade de Montes.

Como dixo seguidamente Lucinda Montenegro, “o bar da perdas”. Ao que o presidente dixo, “non, o bar non dá perdas”. Surrealista, non? Por un lado di que os ingresos só cobren as nóminas das tres traballadoras e que as seguridades sociais teñen que saír das arcas da comunidade, e por riba desminte que o bar non sexa rendible. Definitivamente, a este presidente dánselle fatal as matemáticas. Lucinda Montenegro opina que convén pechar o bar porque “o que menos quere unha casa de cultura é un bar”. E o presidente retruca que na casa de Montes de San Tomé “non hai bar ningún pero que ten uns gastos xerais de 2.300 euros ao mes”. E iso que ten que ver? Lucinda non parece estar de acordo co seu razoamento, ao que o presidente dille, nun ton un tanto arisco e tallante, como se non se lle puidera levar a contraria: “Lucinda, non vou discutir contigo!”.

A Talleres Macenlle dixo que se lle pagaron as reparacións que se realizaron no campo de fútbol, onde apareceron reventadas as portas. O gasto dos peritos atribuiuno ao litixio pola parcela que se lle reclama a Romero. Outro gasto importante de 29.936,80 € a Garural, da que dixo que é “unha empresa, ou unha xestión que fai con nós mentres os cartos da Xunta non viñan, eles prestaban os cartos á comunidade sin ningún interés, para traballos no monte”. Que traballos no monte, se non explica cales foron? A Manuel Rosales pagáronselle uns tubos, area e cemento “para camiños que se fixeron”, segundo o presidente. Onde? Os pagos a Saneamientos Rosales corresponden a unha débeda pola plaqueta da casa de montes. E os gastos de fontanería explicou que foron tres facturas debidas a “chantaxes que viñeron facer na auga, reventando tuberías”.

E por fin, despois de relatar tantos gastos, pasou ao apartado de ingresos: pola venta de madeira a comunidade de montes ingresou 14.601 € que se lle venderon a Vitorio. Aí empezou a explicar a súa retórica: que se a primeira subasta fora duns 6.000 €, pero que chamaran a varios madeireiros e foran subindo e subindo o prezo, ata que un deles ofreceu 12.000 e pico euros, polo que entón pedíronlle 14.000 ao Vitorio pola madeira “que se non, lévancha”. Nese punto ao presidente case lle había que poñer babeiro de tanta fachenda que gastaba: “Isto para que vos enteredes, eh, eu non estou mentindo”, dixo o presidente, agardando acaso que lle foramos colgar unha medalla ao pescozo ou que foramos poñerlle o seu nome a unha pista forestal en sinal de agradecemento polo seu inestimable traballo como negociante. “Gañámoslle 8.000 €”, engadiu, como se non quedara suficientemente claro.

Un ingreso de Mapfre por 2.165,21 € debeuse a que cargaran un recibo dúas veces, polo que tamén lle debemos ao presidente que sexa tan espilido na supervisión das contas. Por agradecer, ata lle temos que agradecer que o banco nos devolvera 39 € polo cobro dunha comisión. La pela es la pela!

E logo empezou a relatar os miles de euros que ingresara a Xunta. Bendita Xunta, porque grazas a ela a comunidade de montes de San Xulián recibiu máis de 51.000 euros. Incrible, pero certo. Unha comunidade de montes que, o que menos fai é vivir da xestión forestal dos seus terreos, e que lle debe o 70% dos seus ingresos á ESPECULACIÓN. Porque a Administración autonómica depositou na conta corrente da Comunidade de Montes 43.349 € en concepto de expropiacións por tres fincas que foron ocupadas polas obras da variante de Marín, ao que se sumou unha subvención de 1.500 euros para a loita contra incendios (que se gastaron nunha pista “alá arriba”, aínda que o monte está cheo de broza), máis outros 6.954 € por garantía agraria para a plantación de castaños “alá, subindo para arriba” (e dálle, onde raios é iso? non pode ir a unha asemblea con información máis concreta?!). Total, para que as ovellas “a comeran en dous días”, dixo o presidente. E así nos vai o país, coa Xunta tirando 7.000 euros nunha reforestación que acaba sendo pasto do gando ceibe porque a comunidade de montes non adopta medidas para evitar que ese investimento sexa en balde.

E o mellor (máis medallas para o señor presidente!): “Faltan 86 millóns de pesetas aínda por cobrar pola comunidade, estea quen estea”. Borracheira de millóns. Que mellor xeito de facer campaña ao seu favor. Mágoa que aquí non actúe a lei electoral, porque inflaríase a impugnacións. Pero como hai que ter en conta os intereses de demora deses 86 millóns das antigas pesetas dende o ano 2002, aínda hai que “sumar máis”, engadiu triunfante o presidente.

Total, que segundo Francisco Casal, entre decembro de 2009 e xullo de 2011, “practicamente estamos a pre e temos un saldo case igual ao que tiñamos en 2009, MÁIS O QUE FALTA POR COBRAR”, dixo con énfase.

“Entendido?”, preguntou. Ninguén dixo nada. Igual agardaba unha ovación, gritos de ghuapo ou fenómeno… Pero ninguén abriu a boca. “Aprobamos as contas?”, volveu preguntar. E, coma sempre, repetiuse a mesma escena surrealista de asembleas anteriores. Non existe un método serio de votación. Non se sabía cantos comuneiros entre os asistentes tiñan dereito a votar porque na sala había varias persoas do mesmo núcleo familiar, dos cales só pode ostentar a representación. Non se seguiu ningún listado, nin se fixo a votación a man alzada. Unha total indefinición. Se as contas se aprobaron, foi por falta de oposición aparente, porque nin mans a favor, nin mans en contra, nin mans en sinal de abstención. Que lexitimidade ten esta votación?

Como dixo un dos asistentes, “hai 400 comuneiros e aquí estamos 10”, ao que o presidente contestou “bueno, os que hai”, poñendo como exemplo que tamén en San Tomé hai 400 comuneiros “e van 20 ás asembleas”. Este comuneiro, a pesar das moitas vaguedades que dixo nas súas intervencións, dixo unha verdade: “hai que entrar con carnet de comuneiro, cada un da súa casa”. Abofé, é unha das reivindicacións que se veñen plantexando dende hai tempo: que se regule a participación nas asembleas. “Non entrar 7 ou 8 para aprobar as contas”, concluiu. O presidente zanxou o debate afirmando que hai 532 comuneiros censados en San Xulián, pero que “se te vas aos estatutos, ao fallar tres asembleas non quedamos nin 80”. Que ben sabe apelar aos estatutos cando convén!

E seguiu a teima deste comuneiro, que tamén turrou en contra do bar, alegando que “se non dá, cérrase e punto! Ou só é para vender o viño dos presidentes?“. Houbo certo asombro na sala ante a acusación que se acababa de formular, aínda que posiblemente ao referirse aos presidentes, este comuneiro se refería en realidade á directiva da xunta de montes en conxunto. “Ningún viño teño eu aquí”, dixo Francisco Casal quitándolle ferro ao comentario.

E o debate volveuse embarullar por uns momentos, ata que o presidente dixo: “Veña, informe de gestión!”. E aí quedou a cousa, pelillos a la mar. Supoñemos que as contas de 2010 foron aprobadas, porque así llo indicou cun aceno o presidente ao secretario para que o recollera na acta. Pero votación formal, a falta de voces en contra, non houbo, para nada.

Como vai haber voces discrepantes, cando boa parte dos comuneiros que estaban na asemblea son “cautivos” da xunta directiva? Un dos puntos que se volveu abordar no informe de xestión tratado no seguinte apartado da orde do día foi o sempiterno litixio contra Romero pola problemática parcela do Monte Pituco. O presidente dixo que a xunta rectora da Comunidade está “a morte” con ese pleito. Por iso os veciños da zona implicados nesta causa “dependen”, literalmente, do apoio económico da comunidade para continuar coa batalla xudicial. Por iso a masa crítica é inexistente, está amordazada, é debedora do camiño que marque a Comunidade de montes.

A diferenza súa, aínda que compartindo con eles o desexo de que os tribunais fallen a favor dos veciños e se decrete que a parcela presuntamente usurpada é de titularidade comunal, a asociación DEFENDE O MONTE PITUCO é independente, non lle debe favores á Comunidade de Montes, non é cómplice da súa falta de transparencia, non cala a boca á hora de criticar o criticable, nin mira para outro lado mentres a xunta rectora actúa de forma reprobable. Somos libres. Somos responsables. Somos conscientes. E loitadores. POLÍGONO, NON!

Publicado por: MontePituco | 18/08/2011

O INFORME (POR FIN) DO SEPRONA

(AGORA: imaxe do Alto do Pornedo en xullo de 2011)

Velar polo monte require un esforzo continuado, a implicación do maior número posible de persoas. Desgrazadamente, o Monte Pornedo leva moito tempo sen contar co aprecio nin coa preocupación da actual directiva da Comunidade de Montes de San Xulián, polo que fomos un grupo de veciños os que decidimos tomar a iniciativa de reivindicar a posta en valor dos seus recursos ante as agresións presentes e futuras que lle afectan.

Así, denunciamos insistentemente a proliferación de verquidos incontrolados. Enfrontámonos con valor a un serio problema que levaba anos enquistado ante a inoperancia da Comunidade de Montes: a afluencia de pilotos que converteran o Alto do Pornedo nun circuito ilegal de motorismo, provocando a degradación do terreo. Interesámonos pola recuperación do patrimonio rupestre, participando no grupo de traballo que deseñou o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Emprendemos unha batalla política, administrativa e social contra a pretensión do Concello de Marín de instalar un polígono industrial neste enclave que non reúne as condicións mínimas debido á orografía escarpada da zona e ao seu rango de protección ambiental.

E velaquí os froitos, modestos pero significativos, desa ardua tarefa. Conseguimos que a Comunidade de Montes instalara carteis prohibindo a presenza de lixo e a circulación de vehículos motorizados fóra das pistas autorizadas. A alcaldesa de Marín e tres dos seus concelleiros visitaron puntos do Monte Pornedo nos que endexamais estiveran para admirar, dunha parte, a riqueza paisaxística e arqueolóxica, e coñecer, doutra, as problemáticas que urxe ir resolvendo. Tamén tivemos noticias directas -en resposta aos nosos escritos- por parte de cargos públicos de primeiro nivel como o Conselleiro de Medio Ambiente, o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e o Valedor do Pobo. Esta pasada semana foi o xefe do servizo de Patrimonio Cultural da delegación territorial da Xunta en Pontevedra quen expresaba o seu interese na conservación dos gravados rupestres a instancias dun informe do Seprona, outra entidade que tamén vén dando mostras de actuación a prol da mellora do Monte Pornedo.

Nun informe ao que tivo acceso DEFENDE O MONTE PITUCO, o Seprona deixaba constancia de que, en aplicación da Lei de Montes, non está autorizada a circulación con vehículos a motor monte a través, o que provoca “danos na cuberta vexetal” do terreo. Así, antes de que a Comunidade de Montes acabara cedendo ás presións e optara por sinalizar a zona, o Seprona constatou que “a reincidencia do tránsito de vehículos a motor” xenerara no Alto do Pornedo “unha especie de circuito moi frecuentado”, a “escasos metros” do cal se atopan os petroglifos do complexo rupestre homónimo.

“Dita actividade é totalmente incompatible coa conservación de dito complexo rupestre, que puidera verse afectado”, engadía o Seprona nese informe que lle foi remitido á delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente e á delegación provincial de Patrimonio Histórico da Consellería de Cultura.

Dende entón, a actividade motorística diminuiu e o terreo comeza a recuperarse pouco a pouco. Onde ata hai ben pouco o terreo parecía ser propiedade unilateral das rodas e da velocidade, dun tempo a esta parte comezan a observarse sinais de actividade agrícola por parte dos comuneiros que acoden ao Alto do Pornedo para realizar tarefas tradicionais como a corta de toxo e fento para a alimentación do gando e o estrume das cortes. Para o aproveitamento silvícola e forestal, para o disfrute da natureza, e para admirar o legado milenario dos nosos antergos, ten que ser o Monte Pornedo. POLÍGONO NON!

(ANTES: imaxe do Alto do Pornedo en xaneiro de 2011)

Publicado por: MontePituco | 17/08/2011

O MONTE DO SEIXO, 10 ANOS DESPOIS

O Monte do Seixo sucumbiu hai xa dez anos á epidemia dos muíños eólicos que agora ameazan o lugar de Pedras Negras no Morrazo, ou a Serra do Galiñeiro no Val Miñor. Daquela, un grupo de persoas comprometidas coa conservación do patrimonio material e inmaterial da zona traballaron arreo para que non se cometera esa agresión ambiental e cultural: recolleron lendas e toponimia, afondaron no estudo dos elementos etnográficos, conseguiron o apoio da veciñanza, publicaron os seus traballos en libros e revistas, impartiron conferencias divulgativas e gravaron un interesante documental para deixar constancia de toda esa riqueza.

O Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca non conseguiu impedir que as torretas e as aspas mecánicas invadiran este monte máxico, pero fixo un traballo moi louvable para dignificar este legado do que se encapricharon as poutas da especulación.

Unha década despois, diversos colectivos únense para organizar unha subida reivindicativa ao Monte do Seixo, o próximo sábado 27 de agosto. O punto de encontro será ás 10:00 horas na igrexa de Cerdedo para achegarse en coche ata o propio monte, onde se realizará unha andaina, o ritual do Lugnadad e xogos populares. A xornada rematará cun xantar que, en caso de mal tempo, se trasladaría ao bar O Meu Lar.

Encabeza esta iniciativa o colectivo Rato Rabisaco, co apoio da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, a Asociación de Mulleres Espadela (Cerdedo), a Asociación Cultural Canón de Pau (Cotobade), a Asociación Cultural Trentinán (A Lama), Amigos da Cultura (Pontevedra), Vaipolorío (Pontevedra), o Centro Social Lume (Vigo) e o Instituto Galego de Estudos Célticos.

(Ver artigo titulado: A MAXIA DO MONTE DO SEIXO, de outubro de 2010).

Publicado por: MontePituco | 16/08/2011

A CARTA DE PATRIMONIO, NA VOZ

Artigo de Marcos Gago en La Voz de Galicia sobre a carta do departamento de Patrimonio Cultural anunciando que instará o Concello de Marín a acondicionar a área arqueolóxica do Pornedo.

Publicado por: MontePituco | 14/08/2011

O PLENO DE AGOSTO, NA PRENSA (actualizado)

Prensa do sábado, 13 de agosto de 2011

Prensa do domingo, 14 de agosto de 2011

 

Publicado por: MontePituco | 13/08/2011

HIPÓTESES DUNHA CARTA OFICIAL

A Asociación DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) recibe unha carta da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Pontevedra. O xefe do servizo de Patrimonio Cultural, Ignacio Diz, expón o que xa se relatou anteriormente no artigo titulado “Visita do Seprona e de Patrimonio”: que trala inspección pertinente dun técnico, esta Administración fará as xestións necesarias para que se acondicione adecuadamente a área arqueolóxica do Monte Pornedo, ao tempo que agradece o interese deste colectivo veciñal pola mellora e posta en valor destes elementos históricos. O xefe territorial de Patrimonio Cultural engade na súa misiva que no departamento que dirixe “RECIBIMOS ESCRITO DO SEPRONA, DO QUE XUNTAMOS COPIA, PARA O SEU COÑECEMENTO E EFECTOS OPORTUNOS”. Do informe do Seprona non hai nin rastro no interior do sobre. Porque o sobre foi manipulado antes da entrega á entidade destinataria. Porque a lapela foi pegada cutremente con dúas tiras de cinta adhesiva. Que sucedeu?

1ª hipótese: O funcionario/a da Xunta esquece adxuntar o informe do Seprona e cando vai pechar o sobre, a lapela non ten pegamento abondo e decide fixar mellor o papel con dúas tiras de cinta adhesiva para que a carta non se abra.

2ª hipótese: O funcionario/a da Xunta esquece adxuntar o informe do Seprona e cando xa pechou o sobre, decátase de que lle quedou atrás esa documentación, polo que volve abrir a carta, introduce o que quedara fóra e, en vez de coller un sobre novo (…estamos en crise), aproveita o mesmo, pechándoo seguidamente con dúas tiras de cinta adhesiva.

3ª hipótese: O funcionario/a da Xunta introduce no sobre a carta do xefe do departamento máis o informe do Seprona, péchao e sae por correo ata a oficina postal de Marín, onde o repartidor/a da zona de San Xulián o deposita no buzón do enderezo indicado. Algunha persoa con curiosidade exacerbada, coas mans longas, e amiga da correspondencia allea, manipula o buzón do destinatario, colle e abre a carta, rouba o informe do Seprona, pega o sobre con cinta adhesiva e volve depositalo no buzón.

4ª hipótese: O funcionario/a da Xunta introduce no sobre a carta do xefe do departamento máis o informe do Seprona, péchao e sae por correo ata a oficina postal de Marín, onde o repartidor/a da zona de San Xulián entrega a carta, por erro, nun enderezo que non corresponde co sinalado. En vez de devolvela na oficina postal ou depositala no buzón que corresponde correctamente, a persoa que ten nas súas mans esa carta, decide abrila, ler o seu contido e quedar para si o informe do Seprona, pechando o sobre con cinta adhesiva e deixándoo no buzón do verdadeiro destinatario.

Cabe algunha outra hipótese razoable? Cal destas será a máis atinada? A onde foi parar o informe do Seprona? Estará xa o informe, a través de cauces espúrios, en poder dos responsables da entidade que ten que facer fronte a cuantiosas sancións económicas motivadas polas malas condicións de conservación do monte? “Quen” gaña “que” obtendo de forma ilexítima un informe que, de todas maneiras, ía facerse público? Porque neste blogue TODO é transparente. Non como noutras entidades onde as contas son opacas, onde se contesta as críticas con ataques, onde se descoñecen os motivos concretos das multas que impón a Administración.

…Conseguiremos ese informe. Mentres tanto, de atoparse onde non corresponda, que o seu receptor/a e/ou posuidor/a vaia buscando no diccionario o significado de palabras como honradez, honestidade, legalidade ou civismo.

Publicado por: MontePituco | 12/08/2011

SOBRE O CANON DA AUGA: O TAPADO DE AGOSTO

Na páxina web da Xunta atópase o documento titulado “Anteproxecto de Decreto polo que se aproba o regulamento do réxime económico e financeiro do CANON DA AUGA e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais”. Ese documento no que ía estar “a nai do año” sobre a polémica nova Lei de Augas que tantos ríos de tinta fixo correr a principios deste ano, con duras críticas que foran sobradamente cacarexadas dende o anterior goberno local polo grupo municipal nacionalista, embarcado nunha xira estelar de charlas polas parroquias.

Pois o anteproxecto do decreto xa é unha realidade. 54 páxinas para ler de vagariño, sen présa, pero sen pausa, porque non se indica expresamente en ningures cal é o prazo para a presentación de alegacións. Algún experto/a na sala que o saiba, a tenor do que establece ao respecto o artigo 38.4 da lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común?

O regulamento atópase, pois, en trámite de audiencia e as suxestións poderanse presentar ante Augas de Galicia ou, de forma telemática, nun formulario que ofrece a propia Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na mesma web. A ligazón na que se pode atopar esta información é http://medioambiente.xunta.es/disposicionsXerais.do

Ao igual que noutras ocasións máis ou menos cruciais, como cando se fixo a exposición pública das Directrices de Ordenación do Territorio, a Xunta escolle a época do ano máis doada para “colar” documentos que pasen desapercibidos. Atopámonos, entón, en pleno agosto, co anteproxecto desta nova Lei de Augas, sobre a que o Colectivo Nacionalista de Marín advirte que o Concello “pagará o dobre polo canon da auga”. Así o explica nunha nota informativa que se reproduce a continuación.

A Xunta de Galiza anunciou recentemente que vai dobrar o prezo do canon da auga, afectando esta suba a Marín e a outros moitos municipios, sobre todo onde o saneamento depende da administración autonómica. O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Sr. Hernández, comunicou que esta suba será efectiva antes de que remate o presente ano.

O Presidente, e en días posteriores o Conselleiro, anunciou a elaboración dun decreto de colaboración técnico-financeira entre a Xunta e os concellos que abrirá as portas ao control do cobro do canon da auga.

Estamos ante o primeiro paso na aplicación dunha lexislación regresiva e lesiva para os intereses xerais, que pon o tratamento, subministro e depuración da auga no punto de mira privatizador do PP. Primeiro entregándolle a xestión a Augas de Galiza, despois convertendo a este ente autónomo nunha sociedade anónima, abrindo así a posibilidade da entrada de capital privado.

Ademais, ao financiar o saneamento cun canon e non con orzamentos autonómicos estamos ante unha nova discriminación dos que menos teñen, que van pagar o mesmo que os que máis teñen. O PP segue adiante co seu modelo neoliberal e fai que paguen menos os de maior capacidade económica.

Cúmprese así o denunciado antes das eleccións municipais polo Colectivo Nacionalista e outras organizacións cando avisabamos das intencións da Xunta de incrementar os recibos polo consumo de auga ao se implantar a Lei de Augas de Galiza. As promesas feitas polo PP de que a Lei non suporía un incremento nos recibos demóstranse como mera estratexia electoral.

Volvemos reiterar que as vivendas do rural tamén se van ver afectadas pola aplicación desta lei, por moito que prometeran e dixeran os dirixentes do PP. Terán que pagar como os habitantes das zonas urbanas o canon de saneamento e verán incrementado o recibo polo consumo.

Esta é a “austeridade” do PP, ir eliminando pouco a pouco o sector público, o que é de todos nós, para entregarllo a prezo de saldo a grandes grupos empresariais afíns.

Publicado por: MontePituco | 11/08/2011

ALERTA POR RISCO MÁXIMO DE INCENDIOS

Vemos para o monte con preocupación e con expectación. Ante o máis mínimo indicio de fume, prégase dar aviso ao 112.

O artigo, na edición dixital de La Voz de Galicia.

En Cotobade, entre o que ardeu en 2006 e o que se queimou ao principio deste verán, xa pouco verde debe quedar que non fora pasto das lapas. Agora, o alcalde pretende evitar os incendios involucrando as comunidades de montes e impulsando iniciativas empresariais vencelladas ao medio rural. Ogallá prosperaran e foran efectivas.

O artigo, na edición dixital de La Voz de Galicia.

Inexplicable. Indescriptible. Irracional. Surrealista. O PP vaino expulsar do partido e será destituido do seu cargo. Pero como se pode facer tanto RIDÍCULO xunto!

Publicado por: MontePituco | 09/08/2011

HERBA DOS AMORES

“Arctium minus”, ou pegotes, peollos, herba dos amores. Florece en maio-xullo en lugares nitroxenados. Empregada como depurativa e para males da pel. Os nomes galegos lembran as propiedades dos capítulos de apegárense doadamente nas roupas e pelos. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008).

Publicado por: MontePituco | 08/08/2011

NOVAS PÁXINAS DE FAUNA E FLORA

O blog DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) segue medrando. Ao apartado sobre os elementos da “arte rupestre” que atesoura este lugar, súmanse tamén dúas novas páxinas -situadas adicadas na parte inferior da imaxe que encabeza os artigos- a amosar a “fauna” e a “flora”. Son páxinas abertas á participación dos lectores, que poden enviar imaxes dos animais e das prantas que atopan nos seus paseos polo monte, ou comentarios técnicos sobre as especies ás que pertencen, os usos ou as cualidades que posúen. Entre todos e todas, imos crear a fotogalería deste espazo privilexiado.

…Moitas andainas. Con sol e calor, con choiva e vento, con néboa ou co ceo azul. Milleiros de pasos. A experiencia sempre é diferente: a intensidade da luz, o sentido do aire, un son, un aroma. Os sentidos, receptivos a todo tipo de sensacións. E velaí está ese paxaro, ou esa flor, ou ese insecto, ou ese arbusto. Bechos e herbas son os habitantes “anónimos” do Monte Pornedo. Seres vivos que se asoman a esta fiestra virtual como mostra da riqueza natural e da biodiversidade deste espazo que merece perdurar.

PÁXINA SOBRE A “FAUNA” DO MONTE PORNEDO

PÁXINA SOBRE A “FLORA” DO MONTE PORNEDO

Publicado por: MontePituco | 05/08/2011

VISITA DO SEPRONA E DE PATRIMONIO

Axentes do Seprona e técnicos de Patrimonio estiveron esta semana no Monte Pornedo, cada un pola súa conta. Uns verificando a situación dos verquidos ilegais que se notificaron recentemente; outros comprobando o estado sustancialmente mellorable dos petroglifos existentes no Monte Pornedo.

…Hai quen di que redactar informes e presentalos perante as institucións é unha perda de tempo. Que non serve para nada porque son papeis que rematan no lixo ou arrumbados nunha carpeta calquera. Arquivados, esquecidos, condenados ao silencio administrativo. Quen difunda esa idea quizais teña certo interese en sementar intencionadamente a filosofía do pasotismo. Tal vez porque pretenda que nada cambie, pensando no seu propio beneficio. Moi ao contrario, practicamente todos os escritos enviados por DEFENDE O MONTE PITUCO, tanto a departamentos da Xunta, como ás autoridades ambientais, tiveron unha constestación -máis ou menos satisfactoria, máis ou menos convincente, pero unha resposta ao fin e ao cabo- ou mesmo deron pé a que os seus destinatarios contactaran co asociación para recabar máis información.

Esta semana os axentes do Seprona inspeccionaron os arredores do depósito de auga do Caeiro, onde puideron comprobar a presenza de material de obra tirado ao pé do camiño. Probablemente percorreran tamén a pista que se adentra no monte para verificar que as imaxes expostas neste blog -e que foron facilitadas ao destacamento do Seprona no Morrazo- reflicten a crúa realidade.

Na asemblea da Comunidade de Montes celebrada o pasado 31 de xullo, e da que se vai seguir informando en artigos posteriores, o presidente revelou que a Xunta impúxolle a San Xulián dúas sancións de 500 e 3.000 euros polas que “vamos pagar todos”. O presidente criticou en público que sexan comuneiros da propia parroquia os que cometen estes feitos e que ninguén os denuncie. Nos últimos días, segundo un dos veciños da zona, a xunta rectora deu parte dun camioneiro que realizou varias viaxes ao monte para depositar os restos dunha obra que se estaba realizando nunha rúa de Cangas. Impresionante, de ser certo.

Por outra banda, un arqueólogo da delegación provincial de Patrimonio desprazouse hoxe mesmo ata o Alto do Pornedo para levantar acta da situación na que están os petroglifos catalogados nesa zona de alto valor prehistórico. Polos escritos e as imaxes que se cursaran ante a Xunta, tiña coñecemento previo de que nese lugar fora abandoado e incendiado un vehículo, e que o espacio viña sendo utilizado para a práctica ilegal do motociclismo. Precisamente, o detonante para que a este técnico se lle encomendara a elaboración deste traballo de campo foi unha denuncia do Seprona.

A súa visita dará pé a un informe que será elevado á sede central da Dirección Xeral de Patrimonio en Santiago, dando conta da presenza de maleza arredor dos gravados rupestres, da suciedade adherida ás pedras e da proximidade dun camiño que, de momento, no afecta directamente sobre os petroglifos. A fonte desta información é o propio arqueólogo que, ademais, foi tan amable de orientarnos sobre as actuacións que serían precisas para poñer en valor estes recursos arqueolóxicos, para o que cómpre unha autorización de Patrimonio que se obtería sen ningún impedimento, previa presentación dun sinxelo proxecto detallando as medidas que se adoptarían.

Bastaría, segundo explicou, con facer unha coidadosa limpeza da vexetación que rodea os gravados e de balizar a zona, cun cercado de madeira; completando a actuación coa instalación dun cartel. Nada do outro mundo. Como teñen feito en Ponte Caldelas, en Cotobade, ou en Campo Lameiro, cos petroglifos que enriquecen o valor dos seus montes. Dando un paso máis aló, que sería o desexable, e contando coa supervisión dun arqueólogo de Patrimonio, mesmo sería posible facer unha pequena excavación para comprobar se algún petroglifo descoñecido se atopa oculto debaixo da maleza, do musgo e da terra acumulada.

Por iso paga a pena loitar, insistir e non decaer. Porque tarde ou cedo, pouco a pouco, van madurando os froitos deste esforzo a prol da conservación do Pornedo. Pediamos carteis sinalizadores, e foron instalados pola Comunidade. Pediamos que os responsables municipais recibiran a DEFENDE O MONTE PITUCO, e non só nos recibiron senón que subiron ao monte. Denunciamos o perigo que supoñen os verquidos e alertamos do abandono do patrimonio arqueolóxico, e as autoridades competentes interésanse por estas problemáticas.

Por iso paga a pena loitar, insistir e non decaer. Esta toalla ten moitas suores que enchoupar. E nunca vai acabar tirada no cuadrilátero de combate.

Publicado por: MontePituco | 04/08/2011

A VAGA DE LUMES DE 2006: MEMORIA DUNHA DESGRAZA

Nunca esquecerei a voz quebrada do alcalde de Cerdedo, José Balseiros, explicando a traxedia acontecida en Pedre durante a terrible vaga de lumes de 2006. O seu rostro conxestionado e as bágoas asomando nas concas dos ollos eran a imaxe da consternación. Non lle desexo tan mal trago a ninguén.

Publicado por: MontePituco | 03/08/2011

DESCUBERTOS PETROGLIFOS EN PONTE CALDELAS

No Faro de Vigo: “Hallazgo de un petroglifo

Publicado por: MontePituco | 02/08/2011

NA ASEMBLEA DE MONTES (I)

A asemblea ordinaria da Comunidade de Montes de San Xulián celebrada este domingo 31 de xullo foi un cúmulo de despropósitos, de irregularidades e unha absoluta perda de tempo para os intereses dos comuneiros e comuneiras, posto que os informes que alí se expuxeron brillaron pola falta de transparencia, de rigor e só destacaron pola improvisación e a trapallada á que nos ten acostumados a xunta rectora dende hai tempo.

A calquera directivo se lle debería caer a cara de vergoña só con escoitar a primeira frase da lectura da acta da última asemblea, que se celebrou o 27 de decembro de 2009. É dicir, case 20 meses sen dar conta ante a masa social do balance de xestión, dos gastos, dos ingresos. Nada en absoluto.

No capítulo IX “Dos órganos da Comunidade”, o punto 2 do artigo 50 di: “A Asemblea Xeral Ordinaria será convocada UNHA VEZ AO ANO, e sempre dentro dos seis meses seguintes á data do peche do exercicio económico”. O punto 4 dese mesmo artigo 50 engade: “A convocatoria da Asemblea Xeral farase cun mínimo de 10 días de antelación , mediante notificación escrita a todos os Comuneros, e coa orde do día dos asuntos que se van tratar, e estará exposta durante o mesmo prazo no tablón de anuncios do Concello”.

En todo o ano 2010 non houbo ningunha asemblea ordinaria para tratar asuntos de índole funcional nin económica. A convocatoria desta asemblea non foi notificada individualmente aos membros da comunidade e as únicas formas de dar a coñecer a súa celebración foron un cartel pegado nalgúns paneis informativos dende o domingo anterior, como moi pronto, e unha megafonía que durante o domingo pola mañá percorreu fugazmente a parroquia. Nin a carta correspondente, nin un anuncio na prensa local, e a preceptiva notificación en dependencias municipais é probable que tampouco se cumprira.

Máis incumprimentos: no mesmo capítulo IX “Dos órganos de goberno”, referido a Asemblea Xeral de Comuneros, o apartado segundo do artigo 55 apunta: “Para a aprobación da xestión e do balance do exercicio económico, aproveitamentos e actos de administración en xeral, será suficiente co voto favorable da maioría dos presentes, QUE REPRESENTE AO MENOS O 50% do Censo de Comuneiros en primeira convocatoria, e o 25% en segunda”. O presidente da Comunidade de Montes de San Xulián afirmou durante a xuntanza que no censo figuran 532 persoas. No salón de actos da Casa de Montes de San Xulián, o 31 de xullo de 2011 debía haber como moito 50 persoas no público, tendo en conta ademais que acudiran veciños e veciñas pertencentes ao mesmo núcleo familiar, dos cales só unha persoa tiña voz e voto, co cal a representatividade era moito máis reducida aínda.

Pola máis que evidente ausencia de lexitimidade da asemblea, en virtude dos estatutos, só habería un camiño para amosar a disconformidade: a IMPUGNACIÓN. O artigo 70 do capítulo XIII precisa: “Os acordos da Asemblea Xeral contrarios á Lei de Montes Veciñais en Man Común, os que infrinjan as presentes ordenanzas e os non adecuados aos intereses xerais da propia Comunidade, poderán ser recurridos por calquera comuneiro ante a propia Asemblea Xeral, cuxa resolución agotará a vía administrativa, podendo recorrerse contra a mesma, ante os tribunais de xustiza. O recurso deberá ser formulado no prazo dun mes dende a fecha do acordo, se o impugnante asistiu á reunión en que se adoptou e, noutro caso, no prazo de dous meses. A interposición de dito recurso deberá axustarse á Lei de Procedemento Administrativo”.

Sobran os motivos. Non son unicamente estes defectos de forma iniciais. Porque de canto expuxo a xunta directiva na asemblea, todo é susceptible de estar baixo sospeita, agás un dato: o da celebración da última asemblea, un 27 de decembro de 2009. Todo o demais, empezando pola propia redacción da acta anterior, está salpicado de inexactitudes, vaguedades e mentiras convertidas “por decreto” en verdade. De que se deu conta na lectura da acta da asemblea daquel aciago 27 de decembro de 2009? Informouse da renuncia “por motivos personais” da secretaria anterior e nomeouse o seu sustituto no cargo (sobriño do vicepresidente). Trala lectura da acta da asemblea precedente (a saber en que data antediluviana se debeu celebrar), quedou constancia de que Xan Montenegro amosara a súa disconformidade “co xeito no que se gastou parte do diñeiro da comunidade”. A acta da asemblea de 2009 reflicte que o presidente da directiva lle preguntou o motivo, e o secretario anotou que Montenegro negouse a contestar. Mágoa que Xan non estea xa connosco para verificar ou contradicir ese dato, porque era un comuneiro que non quedaba indiferente ante as medias verdades. Entre o público, a súa irmá exercía por primeira vez como titular dende o seu pasamento, e desempeñou un papel activo na asemblea, polo que merece parabéns, coa certeza de que Xan estaría orgulloso. Quen suscribe estas liñas lembra perfectamente o trato irrespectuoso e asoballante da directiva da Comunidade hacia a persoa de Xan Montenegro cando el erguía a voz para protestar ou discrepar dalgunha afirmación, tildándoo inmerecidamente de tolo e de boicoteador, cando o boicot provén obviamente da xunta rectora no seu intento por ridiculizar e reprimir as voces contrarias ao que os directivos queren impoñer, aproveitando que a masa social é feble, e cunha tendencia moi baixa a exercer a crítica en público.

Continúa a acta da asemblea de decembro (en castelán de Castela, non sabemos por que motivo non está normalizado o uso do galego a nivel institucional no ámbito da Comunidade de Montes): “Por parte de la junta, se exponen las cuentas a la asamblea, que fueron aprobadas por mayoría, registrándose once votos en contra de su aprobación”. Esta afirmación non pode ser máis inexacta e alonxada da realidade.

O nacemento do blogue DEFENDE O MONTE PITUCO remóntase precisamente a esas datas de finais de 2009. Quen subscribe estas liñas estivo presente nesa asemblea na que, por certo, nin sequera se sometían a votación as contas da anualidade anterior, senón dunha precedente, co cal existe un baleiro económico pendente de xustificar. Outra cousa é o que reflicten as actas, susceptibles de relatar feitos e acordos que non se axustan ao acontecido. Porque cando os comuneiros “votaron” ese balance de contas, o número de mans erguidas en contra era abrumadoramente mayoritario, ao que o presidente exclamou: “Non aprobades as contas? Alá vós!”. Agora, por arte de bilibirloque, resulta que a acta reflicte que se aprobaron por maioría e con 11 votos en contra. Desgrazadamente, na asemblea deste domingo só un comuneiro amosou a súa disconformidade, por ese motivo, á aprobación da acta anterior. E ao lembrarlle ao presidente esas palabras, este replicou que foran dirixidas aos 11 que votaran en contra. Que maneira de remendar e de envolver de veracidade unha falsidade. Acaso o motivo de dilatar tanto a celebración das asembleas sexa precisamente facer mella na memoria da veciñanza, incapaz xa de saber a estas alturas se as contas se aprobaran ou non daquela?

Tamén nos quedou claro que a visión que expón a xunta directiva nas actas responde só ao que lle interesa contar e plasmar por escrito para que trascenda unha versión da historia sesgada polo seu filtro de poder. Na asemblea de 2009 un dos comuneiros reprochoulle duramente á directiva que, con todo o que gastara na reforma dos aseos na Casa de Montes, podíase pagar a renovación de toda a fontanaría nun edificio de nonseicantas vivendas. Non foi o único en protestar e amosar o seu disgusto polos investimentos que fixera a xunta rectora, en obras, en pago de servizos xurídicos e outros conceptos vagamente expostos no resume económico que se lles entrega aos comuneiros. Sen embargo, a acta desa reunión só pon que ese comuneiro “felicita a la junta por la gestión y manifiesta su desacuerdo con la inversión en saneamiento realizada en la Casa de Montes”. E non se complica nada a vida en recoller os argumentos, como restando importancia ás queixas dos veciños e veciñas.

E que pasou coas contas do pasado 2010 e do que levamos de 2011? En que condicións se “aprobou” ese balance económico? Pois dun xeito nada serio, como cabía esperar. De maneira que un non sabe, ao saír de aí, cal foi o resultado da votación, tendo en conta que non se produciu ningunha votación como tal, no sentido estricto da palabra votación. Nesta ocasión non houbo brazos erguidos a favor, nin brazos erguidos en contra… Escoitábanse murmurios entre o público, aparentemente ningunha voz discrepante… O presidente dáballe indicacións ao secretario en función do que interpretaba cruzando a mirada con determinadas persoas do público. Está cantado que, se na acta de 2009 as contas se aprobaron -segundo a directiva- por unha “maioría” que só eles viron, na acta da asemblea desde 31 de xullo vai poñer que foron aprobadas por unanimidade. En que parte desa acta vai figurar o número de comuneiros e comuneiras que asistiron á asemblea? Que cabería entender por “unanimidade” ou por “maioría” se en ningures se especifica cantas persoas poden votar á marxe do número de asistentes? Ou o que conta é facer bulto para que semelle que os acordos teñen unha aparente lexitimidade?

Hai outras maneiras de proceder con máis honestidade, favorecendo a transparencia e actuando conforme ao regramento. Se hai convocada unha asemblea para informar do balance de xestión económica, que menos que facer un informe detallado de TODOS os gastos, posto que a xunta rectora ten a OBRIGA de molestarse UNHA VEZ AO ANO en facilitarlles aos comuneiros e comuneiras esa información. Hai paredes ben amplas no salón de actos. Que menos que imprimir un informe con copias de todas as facturas pagadas, de todos os recibos de cobro, de todos os xustificantes. En cambio, o que atopan os veciños e veciñas ao chegar ao salón de actos antes do comezo da asemblea é un simple folio fotocopiado polas dúas caras con un saldo a favor en 2009 de 22.786 euros, un resume de gastos con 19 puntos que suman 88.381 euros, un resume de ingresos que suma 88.068,53 euros (nos que destaca unha providencial cantidade de 43.349,32 euros procedentes da Xunta en concepto duns terreos expropiados) para que o saldo, a data do 26 de xullo de 2011 sexa de 22.473,90 euros. “Estamos a pre”, dixo o presidente. E quedou tan pancho.

Chegou a haber un furado de números vermellos que ascendeu a 65.594,63 euros entre 2010 e 2011, pero como chegaron mamá Xunta e papá Construcciones San José con 53.969,32 euros entre os dous, xa está, non pasou nada. Pelillos a la mar.

E se queremos saber canto custaron os carteis sinalizadores que instalaron a finais de xullo no monte Pituco? Ou que empresa os fixo? No resume non figura ese gasto por ningures. A cal dos proveedores lle correspondeu ese cobro? Para que preguntar, se a resposta, como en 2009 ía ser algo así: “Se alguén quere verificar algún dato, que se me dea aviso para vir noutro momento e amosar os libros”. Por que teñen os comuneiros que perder tempo outro día, cando o señor presidente por suposto, teña a ben, para amosar algo que debería estar exposto publicamente, como corresponde nunha asemblea de presentación de contas e saldos?

E quen elaborou este balance económico? O tesoureiro? Non, o presidente. Case de chiripa, os comuneiros entéranse -outros xa o sabían- de que o tesoureiro da xunta rectora presentara a demisión antes de decembro do ano 2010. O asunto e as razóns do abandono dese cargo tan trascendente non figuraba na orde do día nin o presidente fixo ademán, de motu propio, en toda a asemblea, de facer esa observación. Tivo que ser o propio ex-tesoureiro quen, no apartado de rogos e preguntas, ergueu a voz dende o sitio que ocupaba entre o público para dicir: “E non ides contar que presentei a demisión e os motivos?”. O presidente pega un chimpo na silla: “Perdoa, tes toda a razón do mundo” e, acto seguido, indícalle ao secretario que recolla na acta que “antes de comezar a asemblea” faga constar a demisión do tesoureiro “POR NON ESTAR DE ACORDO COAS CONTAS DO BAR”. O ex-tesoureiro indica que houbo máis motivos e o presidente retruca que “bueno, pero que eso foi o que el puxo na carta”. E cando unha comuneira pregunta quen exercera como tesoureiro, o presidente contesta que el mesmo se atribuira esa función.

E así están as cousas de turbias. En dúas actas, dúas dimisións: a secretaria “por motivos personais” e a do tesoureiro “por non estar de acordo coas contas do bar”. E sobre este último, que a todas luces é un tema ben serio, ningunha explicación máis.

…CONTINUARÁ.

POST-DATA: o domingo 21 de agosto ás 20:00 horas celebraranse ás eleccións para escoller a nova xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián. Está aberto o proceso de presentación de candidaturas. DEFENDE O MONTE PITUCO anima aos comuneiros e comuneiras da parroquia a tomar a iniciativa e comprometerse coa mellora na xestión desta Comunidade, a exercer unha xestión transparente e aberta á participación e ás suxerencias da veciñanza. HAI QUE BOTALOS!

Publicado por: MontePituco | 01/08/2011

FAUNA DE AQUÍ E DE ACOLÁ

Hai moitos tipos de fauna neste noso San Xulián. Como en cada aldea, parroquia, vila e cidade deste insólito e único país galaico. Sen dúbida, a que habita no Monte Pornedo -teña ás para voar, aniñe na terra ou habite na auga- merece moita máis consideración que algúns dos supostos “homo sapiens” que nos representan e avergoñan -sen o menor reparo pola súa parte- con só abrir a boca. Que agosto nos trate ben. E sen lumes. Amén.

VERAO

Un páxaro amarelo desprende o voo redondo do sol e unha asa madura trai o fogo ruivo do vento ao corazón dos frutos.

Nas praias nasce a alvura dun eco transmigrado desde o espello cor de mar intensa que arde velozmente no ventre azul da água.

Cómo ordenan as horas as láminas espesas da luz na altura límpid da mañá.

Un alento incesante abrasa o pensamento das cousas, un po de broze fino queima os poros das palavras.

No centro da saúde do tempo unha sequia imóvel. Unha cunca de cinza leva ao ar unha sílaba desolada de fume.

Respiran as abóbadas acesas da soidade todo o murmúrio crepitante dos seres.

Reina un fulgor sedento de ebriedade celeste que desmaia unha música de chamas e camiños.

As tardes son un sopro de brasa que detén a distáncia no interior do horizonte.

MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO: De “Entre água e fogo. Cantos da terra posuída”).

Publicado por: MontePituco | 29/07/2011

NA EMOTIVA HOMENAXE A XAN MONTENEGRO

Entrañable acto cívico de homenaxe a Xan Montenegro, o celebrado esta tardiña na Finca de Briz. Xosé Vilas e os seus compañeiros de Mar-In realizaron un traballo organizativo fantástico, coa colaboración do grupo Liorna no apartado técnico, e Dibay achegando os asentos para o público. Participaron moitísimos colectivos: Ronsel, Cimo-Castelao, Asociación de Veciños de San Xulián, Ateneo Santa Cecilia, Os Galos, Central Unitaria dos Traballadores, Almuinha, Comunidade de Montes de Lourizán, o grupo Güelderei, Os de Marín, Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Agrupación Picuiña, Asociación de Magos de Galicia… Seguro que algún me está quedando atrás.

Un retrato de Xan, flanqueado polas bandeiras galega e republicana, ocupaba un lugar destacado no escenario, onde non faltaba o seu inseparable sombreiro. Moitas persoas se achegaron para estar a carón da súa familia e expresar o seu agarimo por Xan. Foron numerosas, variadas e ben combinadas, as intervencións: poemas, actuacións musicais de diferentes estilos, fotos de Xan que se proxectaban constantemente nunha pantalla, amigos e compañeiros que expresaban dende o corazón canto o apreciaban… Houbo moitos momentos emotivos; entre eles, Julio Santos Pena leu unha carta escrita por Xan en setembro de 1998, tras someterse ao transplante. Coa sensibilidade que o caracterizaba, o noso veciño e amigo -navegante noutros tempos- facía unha metáfora cos avatares do seu estado de saúde, convertidos nunha viaxe de ida e volta ao Gran Sol: o seu corpo era o motor dun barco que fallaba; a enfermidade, o seu afundimento; un SOS solidario era a doazón dun órgano que lle permitiu estar connosco durante 13 anos máis, grazas aos médicos, os seus maquinistas, que lle axudaron a navegar con dignidade neste mar duro da vida.

…Tamén participaron amigos seus desprazados dende Euskadi. Leuse unha carta do poeta Félix Contreras, dende La Habana. Canta emoción!

A mensaxe foi unánime: nunca esqueceremos a Xan, convertido agora no depositario, a través da súa familia, das tres medallas que os seus compañeiros de Mar-In obtiveron nos últimos anos pola súa representación municipal. Emocionante a intervención de Isabel Martínez Epifanio, vencida pola emoción, fundida nun abrazo con Lucinda xa ao final do acto, cando se lembrou a ardua loita de Xan e dos seus compañeiros do colectivo Veiguiña, contra o BNG pola titularidade da sede local nacionalista.

O Monte Pituco non podía faltar nesta homenaxe. Quixemos compartir un texto poético que evoca o legado de Xan. E ofrendarlle un pedaciño desta terra pola que tanto suspirou: unha plantiña de carballo foi a presenza simbólica do Pornedo neste encontro en torno á figura dun ser tan querido.

Lembrámolo con gratitude, con nostalxia,

porque nos acompañaba e aconsellaba ao tempo que aprendiamos

que “como o sol ou o mar non hai nada”, que di Bernardino Graña.

Que como a terra e a árbore, que como a auga e o aire, que como o chío do miñato, non hai nada…

E veneramos a súa dignidade, esa rectitude moral da que aprendemos

a non rendernos, a defender todo en canto cremos

“anque doian as tripas”, parafraseando outra vez o bardo do mar,

“contra centos e centos de millóns de potencia”,

porque abofé que “haberá máis diluvios e loitas,

e noite arredando aos que son (somos) febles”.

Inculcounos o valor saudable da pacencia fronte á impetuosidade do impulso imprudente,

a importancia terapéutica dun sorriso ante o desprezo e a traizón.

Practicamos a constancia desa chuvia fina que traspasa os poros da pel,

que enchoupa os ósos, que calla ata o fondo da mesmísima alma das persoas.

E invocamos a Avilés de Taramancos invitando a “perdurar” e a “per-furar”,

a “iso de non ter límites, ser ave,

ser cantiga, ser pranto, ser combate,

ser esa permanencia que nos leva,

como un río no tempo, até a vitoria”…

Ningún adeus houbo que xustifique que non estea agora, mesmo máis presente que antano,

porque se algo cambiou foi a intensidade -aínda maior- que esperta a súa figura.

Malia que se peche unha porta, din os versos de Henrique Rabuñal,

“unha vez fechado o ferrollo

sei doutras que se abren,

na cunca dunha man sincera,

no agromar silente dun sorriso”.

Exercede pois a vitalidade que o caracterizou, o compromiso e a rebeldía,

creando con liberdade e imaxinación un mundo cheo de ideas e soños.

Engadídelle -continúan os versos de Rabuñal- “unha caricia lenta,

un abrazo limpo como un vento de seda

que disipe a tristura”.

Na súa memoria, non sucumbiremos endexamais á resignación nin ao desalento.

Eran outros tempos cando Díaz Castro escribiu a súa Penélope:

“Un paso adiante e outro atrás, Galiza,

e a tea dos teus soños non se move…”.

Pero Xan si soñou… e transformou!

Fixo da xenerosidade, da confianza en si mesmo e nos demais,

unha bandeira que lle reportou o respecto e a admiración dos bos e xenerosos.

Tanto lle tiñan os murmurios estériles e baleiros dos imbéciles e escuros.

Por iso, no astrolabio do Monte Pornedo, o seu balcón da ría,

xa se divisa unha constelación brilante co seu nome:

o nome da estirpe doce e guerreira dos Montenegro-Villanueva

(sangue que tamén corre con orgullo polas miñas veas).

Por iso, voltando unha vez máis ás palabras do poeta,

como a herba pequerrechiña, queridísimo Xan,

“o Universo sería

máis pequeno sen ti”.

(Premer “Ler Máis” para ver a reportaxe fotográfica)

Ler máis

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías