Publicado por: MontePituco | 02/09/2011

A ‘SILLA DE CHAMPÁS’, EN SAN XULIÁN

No seu blog Á Sombra de Bouza Panda, o economista e antropólogo Rafael Quintía, un dos integrantes da comisión técnica do proxecto a prol da creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, publica un interesante artigo sobre un dos conxuntos rupestres máis senlleiros de San Xulián que se atopa, como todo o patrimonio arqueolóxico desta parroquia, no máis absoluto estado de abandono; sen que ninguén a nivel municipal, veciñal ou comunitario, se preocupe de poñelo en valor para que poida ser visitado. Malia que investigadores da talla de Antonio Blanco Freijeiro estudiárono a fondo, ese traballo permanece no anonimato -agás para os especialistas- en tanto non se proxecta na conxunto da cidadanía, non hai ningún feedback a nivel social que aproveite ese coñecemento. Sirva pois, este artigo de Rafa Quintía para reivindicar por enésima vez a importancia das pedras que outros desprecian argumentando que “non dan de comer”.

Na faldra do monte de Marín, na parroquia de San Xulían e pola banda de arriba da estrada que baixa dende o lago de Castiñeiras atopamos uns dos conxuntos rupestres de petróglifos máis interesantes da comarca. Refírome ós gravados do Campo das Champás, referenciados na bibliografía arqueolóxica como Cachada Grande e constituídos por tres conxuntos de petróglifos, aínda que hoxe só vou falar dun deles, o coñecido como a “silla de Champás”.

Cando un chega ó lugar, o primeiro que lle chama a atención é a armenia “arquitectónica” do conxunto pétreo, a súa “plástica”, a perfecta disposición do distintos elementos que configuran esta estación rupestre que conseguen ofrecerlle ó espectador o aspecto dun auténtico santuario.

O seu emprazamento xeográfico é privilexiado, o conxunto atópase sobre un outeiriño formado por bolos e laxes graníticas que fica colgado na ladeira occidental do monte dos Picotos, concello de Marín. Dende o lugar domínase toda a ría de Pontevedra, albiscándose perfectamente a súa desembocadura custodiada polo arquipélago da Illa de Ons. Unha perfecta orientación cara a poñente, onde contempla-la morte simbólica do Sol afundíndose no mar con cada solpor.

O elemento que máis destaca no conxunto é a bautizada por Antonio Blanco Freijeiro como “silla das Champás”. Un conxunto de penedos cuxa disposición natural —ou retraballada por man humana— arremedan un trono de pedra, cun respaldo de case dous metros de lonxitude e un asento de metro e medio.

Para Antonio Blanco Freijeiro, que estudou o lugar nos anos cincuenta, o asento parece posto alí intencionadamente e labrado toscamente para facer deses penedos a cadeira que agora semella.

Este trono aparece custodiado por petróglifos ó seu arredor, todos eles datados na Idade do Bronce. Nas laxes que se estenden diante e á dereita da cadeira das Champas atopamos numerosos gravados de círculos concéntricos e cazoletas.

Nos penedos que farían a función de brazos atopamos diferentes coviñas labradas. Destacan, pola súa labra e disposición, os tres círculos concéntricos con cazoletas e liñas de unión que se atopan xusto ós pes da suposta cadeira.

Outra cousa que chama a atención é a feitura e a erosión do penedo que configura o respaldo do trono, pois quen contemple a súa forma —sobre todo na súa parte superior— non poderá evitar lembra-la feitura dunha cuncha, dun berberecho ou dunha cuncha de vieira cos seus sucos e ondulacións.

Unha cousa que pasou desapercibida —ou cando menos non deron conta dela— ós investigadores que estudaron este xacemento é a presenza dunha pía triangular formada nos penedos inmediatamente anexos ós pes da cadeira. Unha pía que non parece labrada na pedra senón conformada pola disposición, natural ou non, das tres rochas situadas na base do trono.

Foron moitos os investigadores que ó longo da historia da arqueoloxía galega relacionaron os petróglifos con posibles santuarios rupestres. Vázquez Varela, por pór un exemplo, identifica os gravados de antropomorfos portando armas e os conxuntos de petróglifos onde destacan os motivos escutiformes, as alabardas e os puñais con posibles santuarios dedicados ós ritos de iniciación das confrarías de guerreiros da Idade do Ferro. Hai autores que —aplicando a teoría fosfénica— ven en determinados motivos xeométricos dos nosos petróglifos as imaxes producidas no transcurso do trance chamánicos, polo que estes lugares serían santuarios de ritos chamánicos. Non faltan os arqueólogos que interpretan os gravados como marcas territoriais de determinadas colectividades. Para outros investigadores, en cambio, os gravados de cazoletas, coviñas, labirintos e círculos concéntricos estarían relacionados con algún tipo de altar onde se depositarían ofrendas ou se realizarían algún tipo de libración ou sacrificio.

A día de hoxe non existen datos arqueolóxicos concluíntes para confirmar este posible uso máxico-relixioso dos gravados rupestres pero, na miña humilde opinión, postos a especular e si tivésemos que citar unha estación rupestre como posible candidata a un uso como santuario esa sería a “silla das Champás”, cos seus espectaculares petróglifos de círculos concéntricos, as súas pías e o seu impoñente trono —ou altar— de pedra.


Responses

  1. Magnífico artículo. Mi enhorabuena para el autor. Es muy buena la labor que estáis haciendo para preservar el patrimonio que tenemos en Marín. El desprecio que algunos hacen de este patrimonio -por ignorancia- espero que algún día sea superado cuando gracias a la labor que Montepituco y otros están haciendo, cuaje como es debido. Así lo espero. Mientras tanto, mucho ánimo.

    • Moitas grazas, Erasmo. Benvido novamente a este blog, onde temos a sorte de contar coas túas alentadoras palabras. Preséntase un “inicio de curso” ben intenso. E estamos pletóricos de enerxías e de argumentos para seguir mantendo firme a nosa defensa do Monte.

  2. Blanca G Albalát. Gostaría de colabourar con vos. Organizade un roteiro e nos vemos. Pódese faguer uma carta non só arqueolóxiaca senon simbólica e sumarse a equipa que tenta que se protexa o patrimonio inmateria. Saudos e ánimo que temos de defender o noso patrimonio.

    • Moi agradecidos pola túa visita ao blog, polas túas amables palabras e polo ofrecemento de colaboración. A túa achega será benvida. Non podemos estar máis de acordo na necesidade de velar polo patrimonio natural e cultural, sexa tanxible ou inmaterial. Saúdos e até cando queiras.

  3. […] situados na parroquia de San Xulián. Hai tres anos seguiamos a Rafa Quintía na súa bitácora, Á sombra de bouza panda, cando visitaba este conxunto arqueolóxico coñecido -por razóns morfolóxicas obvias- como […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: