Publicado por: MontePituco | 06/09/2011

A PEDRA DO SAPO

Grazas á boa disposición e á xenerosidade de Manuel, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños conta cun elemento de interese máis: a Pedra do Sapo. Situada nun alto, nunha vella canteira abandoada, trátase dunha rocha zoomorfa da que destacan tres características: a súa propia ubicación, nunha zona elevada e rodeada de restos de canteiría menuda, que fan pensar que esta pedra puido ser “indultada” da piqueta quizais pola súa forma peculiar, ou polas historias que tivera asociadas; a existencia, na súa parte superior, de varias pías nas que se recolle a auga da chuvia; e a existencia, na súa parte inferior, dun refuxio, perfectamente impermeabilizado e cegado con pedras de pequeno tamaño estratexicamente situadas para impedir o paso da auga ou do vento, o que suxire que foi utilizado antano por pastores ou acaso polos propios traballadores da canteira como lugar de descanso polo día ou mesmo para pasar a noite.

(Preme “Ler máis” para continuar visualizando as imaxes e o relato da andaina por esta parcela do monte de San Xulián, en parte do ámbito xeográfico que abarca o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños).

Admiramos os “dentes” que deixaron nas pedras as cuñas de madeira que os canteiros cravaban e encharcaban de auga para esgazar os outeiros máis robustos e facelos manexables coas súas ferramentas. Eis unha mostra da relevancia que tivo este gremio na parroquia de San Xulián, e a abundancia dun recurso natural, o granito, que permitiu levantar vivendas, edificios nobres ou sagrados, producir postes e outros elementos para marcar sinalizacións, ou darlles aplicación agrícola.

Acompañamos a Manuel nesta andaina polo monte de San Xulián, pasando o Monte Pornedo, e soubemos non só desta pedra con esta interesante denominación; mais tamén de contos que falan de mouras encantadas e enxoiadas que habitan ou habitaron no monte; de antigos camiños de gremios tan tradicionais como o das leiteiras, que ían dunha parroquia ou dun concello a outro para acudir aos mercados e ás feiras.

Seguindo os pasos de Manuel, percorremos corredoiras, camiños e sendeiros estreitos e sinuosos polos que pasaban os carros do país, deixando nas pedras as marcas das rodas. Outro exemplo máis da riqueza cultural e histórica do noso monte, do seu importante valor etnográfico que cómpre conservar e divulgar.

Tamén tivemos nas nosas mans as primeiras setas que agroman da terra nesta antesala do outono. Os afeccionados á micoloxía poden ir xa a polas cestas que gardan no alboio ou no faiado, as botas, e as ganas de camiñar na procura destes prezados froitos.

Esta enriquecedora experiencia é a proba da necesidade de facer traballo de campo para recoller usos, costumes, ditos, lendas… Procurar as achegas da veciñanza, en especial, das persoas maiores, para que a súa memoria -un patrimonio inmaterial tanto ou máis importante que calquer outro, polo seu carácter efémero- teña continuidade; neste caso, a través do documental que está producindo a comisión técnica do Espazo Sete Camiños.

Advertisements

Responses

  1. Hola, son Blanca G Al´balát. Non atopei o voso “ler mais” e gostaría de saber se a pedra do sapo fica nalgún linde de parroquias ou concellos e se ten algunha lenda asociada. Agradecida

    • Ola Blanca. Estamos investigando sobre a “pedra do sapo”. A persoa que nos informou da súa denominación, polo testemuño recabado dunha veciña, non soubo acreditar ningunha historia asociada, o cal non quere dicir que non exista. Cómpre seguir pescudando e procurando a información que posúan os habitantes da zona, especialmente os máis anciáns. Polo momento tampouco nos consta que marque un linde e en principio a ubicación deste penedo é na parroquia de San Xulián (ou Xián) de Marín. Velaquí a ligazón completa do artigo:
      https://montepituco.wordpress.com/2011/09/06/a-pedra-do-sapo/

      Saúdos!

  2. […] próxima onde o equipo do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños identificou a chamada Pedra do Sapo. E que tal un centro de interpretación das canteiras para complementar un roteiro que percorra […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: