Publicado por: MontePituco | 30/08/2011

ANDAINA REIVINDICATIVA POLO MONTE DO SEIXO (CERDEDO)

(Imaxe do blog O Embigo do Becho, de Calros Solla)

(Imaxe do blog O Embigo do Becho, de Calros Solla)

Este pasado fin de semana participamos no roteiro reivindicativo polo Monte do Seixo, dez anos despois de que sucumbira tristemente á praga dos muíños eólicos, malia todos os esforzos de colectivos como o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca por evitar a súa desfeita ambiental, patrimonial e paisaxística: un intenso traballo de campo recollendo testemuños dos veciños sobre a valiosa tradición oral que atesoura este monte, publicacións de gran calado ensaístico e documental, montaxes audiovisuais de excelente calidade, conferencias e presentacións… Fixeron o todo o posible (e o imposible), pero finalmente impuxéronse os poderosos intereses especulativos. E pasou xa unha década, pero o Monte do Seixo segue conservando boa parte da maxia que emanan as súas pedras impoñentes e cargadas de valor simbólico. O anfitrión desta andaina, organizada pola Asociación Cultural O Rato Rabisaco co apoio doutras entidades, foi o profesor e escritor Calros Solla, autor, entre outros, de libros como “Monte do Seixo, o santuario perdido dos celtas” e artífice do blog O Embigo do Becho, no que tamén se recolle unha crónica gráfica desta xornada gozando do vento mareiro. A súa espléndida narración das lendas e das historias do Seixo tiveron un lúcido complemento na sabedoría do arqueólogo André Pena, que tamén se sumou a esta instrutiva expedición.

Máis de medio cento de persoas participaron neste chamamento a sentir o latexo telúrico do Seixo. Despois de percorrermos as estacións míticas desta emblemática atalaia, os asistentes sumámonos ao xesto simbólico de derrubamento dun dos case cen aeroxeneradores que coroan esta sufrida Serra do Cando, dende a que se levan millóns de superultramegaquilowatios de potencia eólica e pingües beneficios a todas partes, menos aos directos perxudicados pola instalación destes pinchos con aspas xiratorias. Grazas e beizóns para o Monte do Seixo e para os seus valentes confrades.

(Preme “Ler máis” para continuar visualizando as imaxes e o relato da visita ao Monte do Seixo).

Segundo un/unha se achega ao Monte do Seixo, varios carteis van desvelando unha mensaxe que se torna paradóxica ante a crúa realidade: se a Serra do Cando pertence á Rede Natura, por que se instalou na súa cima un macro-parque eólico? Que clase de ironía permite dirixirse aos visitantes pedíndolles que sexan “especialmente cuidadosos con el medio ambiente” cando previamente se afirma sen rubor que “un parque eólico es una instalación industrial”? Que chapuza de estudos de impacto ambiental e arqueolóxico permitiron chantar case un cento de aeroxeneradores arrasando mámoas, e destripando a terra cun quilométrico tendido eléctrico que alterou por completo a fisonomía do monte? A resposta, como non, está flotando no propio vento, que diría un tal Bob Dylan.

Dende o MONTE PITUCO, nunha das estremas dos Montes do Morrazo, ameazado o primeiro por un parque industrial e o segundo por outro parque eólico, recomendamos a visita ao monte irmán do Seixo, previo paso pola vila de Cerdedo, antano terra de maxistrais canteiros. O texto que segue atópase no tríptico do “Roteiro da Montaña Máxica”, deseñado en 2005 por Carlos Solla e Davide Solla; texto que se pode ler no blogue O Embigo do Becho. Feliz viaxe!

“A pouco máis de 30 quilómetros da vila de Pontevedra, érguese a maxestosa feitura do monte do Seixo. Os concellos de Cerdedo, Forcarei, Cotobade, A Lama e Beariz levaron até o alto as marcas das súas estremas. O Outeiro do Coto, cumio da serra do Cando, cos seus 1.015 m de altitude, convértese en privilexiado miradoiro do país.

É mester que o camiñante abandone a aldea de Carballás e prosiga a ascensión deica a Chan de Mamas, cemiterio da humanidade neolítica. Este xacemento arqueolóxico de antigüidade superior aos 5.000 anos foi profanado impunemente polas obras de construción dun parque eólico. A simonía materializouse coa anuencia dos poderes públicos para vergonza e escarnio dos galegos. Na mámoa Ghrande, segundo a tradición, achou acougo perdurábel o Tecelán de Carballás, personaxe do universo máxico cerdedense. O Tecelán, vello visionario, seica prognosticara a vinda inexorábel da fin do mundo. Un dos sinais anunciadores sería a conversión do monte Seixo nun encrucillado de estradas.

As mámoas de Xestido e o illó do regueiro do Areal están perfectamente aliñados. Abofé que os “arghinas” artífices dos megalitos non eran insensíbeis aos vórtices enerxéticos xerados polo discorrer da auga subterránea. Até non hai moito, as fontes do río do Seixo formaban no cimo do monte tres lagoas, as lagoas de Xestido. Nas ditas pozas o deus cristián asolagou a cidade mítica de Trentinán, vencellada coa malfadada santa Mariña, primeira mártir galega, cristianización dunha primitiva deiade das augas. Trentinán pódese derivar de Trento (lat. Tridentum), cecais por mor dos tres outeiros capitáns: o Outeiro do Coto, a Cruz do Seixo e o Outeiro do Castro, ou por mor das tres lagoas. A mediados do século pasado, todas tres lagas foron aterradas co aquel de transformar o ermo nun pasteiro.

Proseguindo a marcha cara ao sur, o viaxeiro atopa ao pé do camiño, á esquerda, un penedo nomeado Almadraque de Pirocha. Encol da pena, adoita aparecer espida a lamia Pirocha que se vale da súa beleza para atraer cabo dela a humana xente. Arremedando a parada nupcial das barbantesas, o incauto amador entrega a súa vida en troco dunha efémera unión sexual. Durante a cópula, a moura separa o corpo e a alma das súas vítimas, devora con ansiedade a carne e cativa no interior da rocha o espírito co que amolenta o seu cabezal. (O nome Pirocha deriva con certeza da voz latina petram “pedra”. Pirocha é donicela “damiña” en éuscaro).

Dende o Almadraque, cara ao poñente, sobrancea no horizonte o penedo coñecido por Laxa Mosqueira. O gando, que ceibo pace no Seixo dende o comezo dos tempos, ten por costume ir correr a mosca á súa proximidade. Hai quen di, entre eles Sarmento, que vacas e bestas tamén acoden ao cotarelo para empreñar do vento mareiro.

Retomando o camiñar, achegarémonos ao alto que chaman Cruz do Seixo, ara solis. Dende tempos inmemoriais, no alborexar do 24 de xullo, os veciños de Detrás do Monte celebran no cimo da lomba misas solsticiais nas que se fai beizón das terras, relembrando unha máis antiga ritualidade relacionada co culto á divindade solar, propiciadora da vida no planeta.

Cara ao sudoeste, na diagonal da Cruz do Seixo, ármase o outeiro coñecido por Porta do Alén. Segundo testemuños de creto, no oráculo de Portalén, polo mes de santos, os aldeáns facían achega de pan, viño ou candeas acesas, como tributo aos consellos dos mortos que alí ían demandar. Todo aquel que a ultrapase -sempre de norte a sur-, está obrigado a atravesar a súa soleira en sentido inverso se non quere correr o risco de ficar no Outro Mundo para sempre.

Achegado á Porta do Alén, reina o impoñente Marco do Vento, antigo deslinde dos territorios da bisbarra, pedrafita que os ventos observan como referente para dar a volta.

A unha carreira de can do Marco do Vento, sempre cara ao sudoeste, acha o camiñante a chaela da Santa Mariña, camposa onde se erixiu a capela na honra da santa galega e onde hai anos, o 18 de xullo, se celebraba a chamada “feira da nabiña”, o mercado das sementes. Preto da ermida, achouse no ano 2000, nunha entulleira froito dos desmontes provocados pola instalación do enxeño eólico, un fragmento de altar votivo -a Pedra da Serpe- que ben puidera ser testemuño do inveterado culto á serpe, animal totémico da prehistoria galega, ou a Hermes, lar vial, e que tiña o prodixioso lugar como escenario.

Debe o peregrino arestora desandar camiño, pois a seguinte estación mítica do “Roteiro da Montaña Máxica” é o Outeiro do Castro ou Castro Ghrande. Un pasadeiro soterrado pon en comunicación o rueiro asolagado de Trentinán, o Castro Ghrande e o pozo Sangoento, piago do río do Seixo. Ao abeiro da oca peneda, na cova do Castro, gárdanse unha moura de singular fermosura, un rato rebuldeiro e unha galiña choca. A dama encantada custodia migalleira as súas alfaias, mais calquera pode con ela casar e gozar da riqueza se dá a medida na Pedra do Talle. No interior da espenuca tamén se agocha o rato Rabisaco. Nas noites de lúa, o lirio rabilongo chimpa fóra da tobo e relouca polo rotadoiro da pedreira. Ver o rato Rabisaco é sinal de boa sorte. Finalmente, na amañecida de San Xoán, o 24 de xuño, unha galiña cos seus pitos de ouro abandonan o poleiro do Castro e tras peteiraren aquí e acolá tornan aos eidos subterráneos até o ano seguinte. O circo máxico péchao a cimeira do Outeiro do Coto, teito do monte do Seixo que segundo a tradición é corcova ou bandullo dun xigante durmido”.


Respostas

  1. […] Máis información no artigo: ANDAINA REIVINDICATIVA POLO MONTE DO SEIXO […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: