Publicado por: MontePituco | 20/08/2011

NA ASEMBLEA DE MONTES (III)

Balbordo, barullo, manipulación. incomprensión, descalificación… Mañá volve haber asemblea (extraordinaria) na Comunidade de Montes para proceder á elección da xunta rectora para os próximos catro anos. E só de pensar no circo que se vai montar, xa se lle pon a un dor de cabeza. Así que, aspirina e pacencia son as mellores armas para sobrevivir a esta clase de trances. Entrarán pola porta comuneiros e comuneiras que levan dende tempo inmemorial sen asomar o pelo polas asembleas, ou que non pasan máis aló do bar da casa de montes. Virán depositar o seu voto (ata que punto lexítimo?) para devolver favores, para pagar na furna o que non pagan ao pé da barra. Alá cada quen coa súa conciencia, no hipotético caso de que a teñan.

O informe de xestión que abordou o presidente na asemblea do pasado 31 de xullo, tiña que comezar polo tema-estrela, por suposto, no que levan tempo captando unhas doses de protagonismo esaxerado, anestesiando a veciñanza cunha actuación digna do Oscar á mellor actuación. O presidente explicou que a avogada da Comunidade de Montes ten “todo preparado para presentar e poder defender o pleito con todos os informes”, que este tema vai “avante e non imos deixalo, rompa por onde rompa”. Así levan unha chea de anos, mareando a perdiz, pagando alegremente abogados e peritos, e perdendo en todas as instancias xudiciais polas que pasaron.

“E se non, empeñas a casa (de montes)”, exclamou Severino. “Ti tíralas a dar”, retrucoulle Francisco Casal anoxado e molesto porque lle levaran a contraria. O presidente reprochoulle que nas manifestacións que organizou a Comunidade “estamos os mesmos de sempre”. Están os veciños da zona, que defenden esa causa e que NECESITAN inevitablemente a axuda económica e “institucional” da xunta rectora. “Ousexa, que Romero leva un cacho de monte e temos que deixalo marchar?”, exclamou o presidente arengando as “masas”.

Sumáronse entón máis voces en contra de Severino, como a de Rosa, que lle espetou “xente coma ti vale para pouco”, ao que el lle replicou que todo este longo proceso “non vos sale do bolsillo”, aludindo a que as arcas da Comunidade de Montes estaban alimentando constantemente ese litixio. Severino engadiu que “antes de botar abaixo (o muro) de Romero hai que botar moitos en San Xulián”. E algo de certo ten que haber, cando hai máis persoas que, aínda criticando e rexeitando a presunta usurpación dunha parcela de monte por parte de Romero para ampliar a súa finca, tamén aseguran que outros veciños da parroquia botaron man de terras de monte comunal para a súa propiedade particular.

O debate desviouse cando este comuneiro se queixou de que pedira un camión de hormigón para facer un aparcamento “aí arriba, e a comunidade de montes negoumo, así que agora non o boto”. O presidente preguntoulle “pedíchesmo a min?”, ao que contestou “pedinllo ao que estaba, ao que tes ao teu lado”, sinalando ao vicepresidente, que saltou coma un resorte: “A min non me pediches nada!”. Severino contestoulle: “Ti es un trampón!”.

Non sería de extrañar que, no desencontro entre o vicepresidente e este comuneiro, fora este último o que tivera a razón. Cantas veces DEFENDE O MONTE PITUCO acudiu á casa de montes coa intención de falar co presidente, ou presentar un escrito á súa atención ou dirixido á xunta rectora en xeral, e o vicepresidente, que é quen sempre está alí, porque ao presidente nunca o atopamos, négase a atender o motivo da nosa visita, alegando que el non é o presidente e que non recolle nada. E marchamos de baleiro, sen nin sequera conseguir un acuse de recibo. “Xa volo recollerá cando sea presidente!”, dixo un comuneiro noutra ocasión. As súas palabras igual resultan proféticas. Dependerá do resultado das eleccións de mañá.

…Volvendo á asemblea. O presidente intentou reconducir a sesión dicindo que “as reunións son para falar do que hai que falar e os debates internos de cada un non veñen a conto”. Entón onde se falan? Se un ten un problema coa comunidade de montes, non é a asemblea o lugar para expoñelo? Acaso nas reunións están vetados os temas que non lle interesan á directiva que saian á luz? O comuneiro lanzou outra queixa: había que encañar a auga que cae do tellado da casa de montes para que deixara de ir para as fincas. “Eu encáñoa, pero vendo a casa!”, contestoulle Francisco Casal, que engadiu: “Vou propoñer que as reunións se fagan os domingos ás 9 da mañá”. Sen palabras…

O presidente intentou zanxar ese apartado nun ton máis conciliador: “Se hai que vender eucaliptos para defender o monte, supoño, supoño, porque eu non mando, que haberá que facelo, porque o monte é noso, e ata o fin do mundo”. Aquí igual agardaba que a xente se erguera eufórica dándolle unha ovación de aplausos, pero tampouco foi así. Lucinda Montenegro estragoulle o frustrado momento de gloria cun comentario moi sensato e non exento de picardía: “Pero hai que sopesar se o monte está collido con todas as da lei ou se luchamos contra nada, porque os avogados vannos estar dicindo que temos toda a razón”. O presidente puido ter mostrado probas, documentos, calquera elemento que demostrara ante os comuneiros que o litixio ía ben encamiñado e que tiña posibilidades de convencer ao xuíz para fallar a favor da comunidade. Lonxe diso, limitouse a dicir: “Estamos buscando todos os papeis, porque tamén se apropiou dun camiño”.

Seguinte asunto. Importante. Reproducimos literalmente o discurso do presidente:

“Certos comuneiros, non podo dicir nomes, porque non os sei, actúan a mala fe en contra nosa, da asamblea, non de nós, porque hoxe estamos aquí e mañá ao mellor non estamos. Todo o que vai en contra de gastar cartos sae de todos os comuneiros, que non sae da directiva. Falo do típico que vai cortar a auga, romper as mangueiras, ou botar o escombro alá arriba. Parece mentira que teñamos xente, que tamén os hai noutras parroquias, aínda que eu non os mirei, que non vou ir durmir ao monte, que veñan os propios comuneiros a tirar escombro de obra aos nosos camiños no monte, é repugnante. E despois pasa que ninguén quere quedar mal con ninguén, ninguén mira nada, vaino denunciar? E iso cústanos moitos cartos. Temos dúas multas, unha de 500 euros e outra que pode pasar dos 2000 ou 3000 euros. Estamos intentando a ver como queda ese tema. Vén a Policía Autonómica, levanta atestado, e quen é responsable? A comunidade de montes! É triste. Eu non vou pagar, imos pagar todos. Ninguén denuncia nada. O propio comuneiro vai botar a basura alí. E sabédelo perfectamente. É deleznable. Porque o fan a propósito. Que esteades enteirados tamén dese tema: que hai dús cartas da Xunta, e que estamos a ver como facemos con isto”.

E Lucinda apunta: “E que alguén da directiva sabe quen foi, tamén”. Obviamente, aínda sen dicir nomes, a maneira do presidente de formular a acusación, apuntando directamente a veciños da parroquia, non é casual. A presenza de verquidos é unha lacra que no blogue de DEFENDE O MONTE PITUCO está amplamente documentada, e denunciada tamén ante as instancias oportunas. Non basta con que a Comunidade de Montes, despois de lavarse as mans durante moito tempo sobre esta problemática, lave a súa conciencia chantando uns poucos carteis nos que se prohibe tirar lixo apelando a unha lei que, por riba, está mal atribuida porque non corresponde co feito indicado. Pero tanto ten ese “detalle”. O que cómpre é que se impliquen na eliminación deses verquidos e, sobre todo, que se note a súa presenza no monte, que o pateen de arriba a abaixo. Menos taberna, menos moqueta, e máis traballo a pé de monte.

“Eu non mirei a ninguén”, di o presidente, “nin ando de noite, que supoño que será ás tardiñas ou á primeira hora da mañá”. Pois dáte unha volta polo monte a esas horas, homedediós! Que parece que lle teñas alerxia aos fentos e aos toxos. Ou é para non ver a quen non convén ver cando vai botar escombros? Xa está ben!

Despois queixouse de que cando se cortou madeira no Pinque-Pinque (¿?) se puxera un cartel na casa de montes para que a xente que quixera leña despois da corta, que a fora buscar alá. “Houbo xente que en vez de coller a que estaba cortada, colleu un eucalipto novo, e ras!”. Explicou que había xente que lle ía pedir personalmente se podía coller madeira e que el daba permiso: “O que estea no chan, sen problema ningún”. E que se aparecía o garda forestal, que se lle dixera que o presidente dera permiso. Imos ver: as cousas non se deberían facer así, de palabra, de xeito tan informal. Porque postos a iso, tamén podiamos dar por válidas as explicacións que moitos pilotos de motos e quads que ían ao Alto do Pornedo a enterrar as rodas, asegurando que o presidente lles dera permiso para estar circulando alí. E diso nada. Por suposto, os comuneiros son beneficiarios dos recursos que produce o monte: toxo, fento, madeira… Pero facendo as cousas ben, e para tranquilidade do comuneiro á hora de lexitimarse ante un garda forestal, un axente do Seprona ou da Policía Autonómica que, facendo o seu traballo, lle pida xustificación, un non pode ir a peito descuberto, cun simple permiso de palabra. Á Comunidade de Montes non lle custa nada establecer algún sistema, sexan fichas ou boletos, perfectamente timbrados co anagrama da Comunidade de Montes, coa sinatura do presidente ou do vicepresidente, para que os comuneiros poidan realizar certas actividades no monte, sen recelos e con plenas garantías.

A continuación, o presidente leu unhas peticións formulada por Julio Arosa: deficiencias que necesitan reparación, como baches que lle dificultan a circulación coa súa cadeira de rodas, unha rampa moi empinada no acceso ao cemiterio, onde tamén botaron gravilla na que se lle enterran as rodas. O seu escrito foi moi claro e educado en todo o exposto. O presidente dixo que lle pasará o seu escrito á alcaldesa para que tome coñecemento das súas necesidades e lle axude.

Seguidamente, leuse un escrito de José Crespo González, presidente da asociación de veciños de Pardavila. O colectivo veciñal pretende solicitar unha subvención á Consellería de Medio Rural para o acondicionamento dunha explanada de titularidade comunal que xa veñen utilizando os habitantes da zona, para uso lúdico e social. A asociación precisa unha autorización da Comunidade de Montes para que se poidan facer as obras en caso de que se admita a subvención. E pide tamén que se lle adxudique o mantemento das instalación por un periodo de sete anos. O presidente da comunidade explica que é un “formulismo” e “non é que eles se queiran quedar coa titularidade do terreo, senón o permiso”. O presidente fala da Deputación, cando o escrito alude á Consellería de Medio Rural, e comenta tamén que o importe da subvención solicitada é de 6.000 €. Queda aprobado. De todos modos, do acondicionamento dese espazo tamén se podía facer cargo a propia Comunidade de Montes, como propietaria do terreo.

Logo tratouse outro tema importante. O presidente expuxo que hai un grupo de mozos que “queren regularizar” un circuito de motorismo que hai en Navallos. “Piden cerralo para non andar polo monte e que a Comunidade lle pida unha subvención á Xunta por medio de Agader, creo que se chama así”. Impresionante. O presidente da Comunidade de Montes de San Xulián ou fai o parvo ou é un ignorante que non sabe que o Agader é a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A cambio de facerlles esa xestión, os pilotos comprométense “a limpar, a non saír de aí, a que quen queira ir non ande polo monte… Non son cabras locos polo monte”, expón o presidente, que aclara que os mozos non queren a propiedade do terreo, que seguiría sendo comunal.

Lucinda pregunta se sería un circuito aberto ou cerrado, e advirte que non pase como no Pornedo, que “está desfeito total”. Responden que os pilotos teñen seguros e que están federados, que mesmo aportan unha memoria económica. Sobre a problemática que houbo no Pornedo a conta do circuito ilegal, o presidente di que “é un tema á parte”. Non sabemos que quere dicir con esas palabras, tendo en conta o esforzo dos veciños e deste colectivo por erradicar esa práctica irregular nun espazo protexido.

E outro veciño pregunta a quen lle pediron permiso os pilotos para facer todo o que fixeron, en relación ao circuito que fixeron. “A ninguén”, responde o presidente, ao que o comuneiro engade que “estragaron o monte todo, o toxo, e a pista” (O Pornedo) “e agora veñen a reclamar para facer o aquel” (o outro circuito). Este veciño quéixase de que non pediron permiso para o outro circuito que xa está feito. “Pídeno agora”, engade o presidente, “aproveitan que vai haber unha subvención e van pedir”. O comuneiro amosa a preocupación polo camiño que leva aos matos da zona. Un dos directivos da xunta rectora explica que o camiño vello está cheo de silvas e que se a Xunta lles dá a subvención, “vaise acondicionar todo aquel monte” e que cerrarían “4 metros separados so camiño”. O veciño responde que os pilotos “xa se apropiaron desa zona”. Hai un balbordo de voces, todo o mundo opina á vez. O presidente amósase partidario de regulalos e telos alí, mentres que outro comuneiro parece opoñerse porque, ademais de ser utilizado ese circuito por fillos de comuneiros de San Xulián, tamén van pilotos de Cangas e de Bueu e doutros concellos.

Lucinda achega outro comentario: “Se o monte de San Xulián nolo collen catro Romeros, porque hai máis de un, a carretera (variante), fenosa e os do motocross, vamos ir ao toxo á Alameda de Marín. Este monte de aquí (Pornedo) está destruido por eles, ti sabes que si”, dille ao presidente. Francisco Casal replica que “non se lles cede ningún terreo”, ao que a veciña responde que vaian para outro concello. As palabras de Casal son contradictorias cando insta os comuneiros a decidir se lles dan permiso aos pilotos para realizar esa actividade: “en conforme lles cedemos o terreo e eles fanse cargo de todo aquilo” aínda que a propiedade siga sendo comunal. “E o día que a asemblea diga fóra iso, fóra”. Imos ver, este plantexamento é un despropósito. Para empezar, deberían ser os propios interesados os que tiveran a oportunidade de explicarse diante da asemblea, e que os comuneiros lles permitiran expoñer con calma o seu proxecto. Se son capaces de convencer a veciñanza, adiante, se non, nada. Porque está claro que o presidente non sabe explicarse: unhas veces boga polos pilotos, outras boga polos comuneiros… Nada e garda a roupa. Iso de que cando a asemblea decida botalos, bótanse, non é así de doado. Non sabemos que mundo ficticio pretende pintar o presidente.

“…A ver, que?!”, exclama de súpeto o presidente. Son formas de dirixirse aos comuneiros/as, no que debería ser unha votación formal para tomar unha decisión trascenndente? De calqueira maneira: unhas persoas din si, outras din que non, volve haber outro balbordo de voces… En que queda a cousa?

“Os nosos netos van comer toxo?”, toma outra vez a palabra Severino, referíndose agora ao proxecto de polígono empresarial. “Porque o monte vaino levar o cuartel de Figueirido e ninguén lle vai dicir nada”. Laureano II. Sen comentarios. “E os nosos netos van comer merda”. Incalificable. Segue o seu esbardallamento. “Hai catro veciños e 20 ladróns. O monte do Pituco levouno Romero. Quixeron facer un parque empresarial, para beneficio para a parroquia, os nosos fillos e os nosos netos. Iban coller moito toxo e están protestando”. Replícalle Rosa: “Señor, eu estou en contra de que metan nin un gramo de cemento no monte, en ningún sitio do monte”. Encírranse os dous nunha discusión na que el pretende abouxar a outra co seu ton de voz e facendo alusións personais incertas. Non paga a pena facerlle caso porque carece de argumentos sólidos e razoables. Lucinda repréndeo porque “aquí non podemos andar a falar das persoas, un parque empresarial lévao para A Grela, se é produtivo”. Outro comuneiro tamén se enfronta a el: “E despois vén o trapicheo coas naves”, e saca un recorte na prensa. “Sobran naves, o que non hai é choio”, engade Lucinda.

Despois falouse da convocatoria de eleccións, e logo, a guinda. Francisco Piñeiro, anterior tesoureiro da Comunidade de Montes, pediulle explicacións ao presidente sobre os motivos polos que non informara da súa renuncia ao cargo. “Perdoa, tes toda a razón do mundo”, contestoulle Francisco Casal. Entón, o presidente indicoulle ao secretario, diante de todos os presentes: “Antes da asemblea, hai que poñer: dáse conta á asemblea da demisión do señor tesoureiro POR NON ESTAR DE ACORDO COAS CONTAS DO BAR”. Ao que Francisco Piñeiro engade: “ENTRE OUTRAS COUSAS”. E Casal retrúcalle: “Bueno, pero eso foi o que puxeches aquí na carta, iso que quede reflexado na acta”. E Lucinda, moi oportuna engade: “E logo non temos que sabelo? Eu non sabía que dimitira sequera”. Ambos explican que a demisión produciuse “antes do Nadal”. Oito meses sen informar desta situación, sen dar conta dos motivos, asumindo o presidente as funcións de tesourería.

Antes de dar por pechada a sesión, o presidente anunciou que a Comunidade de Montes iniciaba unha campaña de recollida de sinaturas en contra de que Romero se quede coa parcela de monte que se lle reclama. Lucinda volve intervir para pedir que os escritos “estean escritos en galego porque non é de recibo que se fagan en castelán”. As súas palabras deron pé a outro enésimo balbordo entre españolistas e galeguistas.

C’est la vie nesta ilustre e peculiar comunidade na que a demisión do tesoureiro POR NON ESTAR DE ACORDO COAS CONTAS DO BAR, é dicir, por presuntas irregularidades contables, e non pasa nada. E nin o presidente nin o tesoureiro demitido dan explicacións nin dese nin dos outros motivos. 60 minutos de asemblea xeral surrealista e trapalleira, na que a única voz, salvando a do secretario dando lectura da acta anterior, que se escoita é a do presidente e pouco máis; rodeado dun fato de directivos que non abren a boca para nada e cuxa presenza nesa mesa presidencial é meramente decorativa. Deus nos colla confesados, mañá, e nos vindeiros catro anos.

Advertisements

Responses

  1. Criticar criticas moito pero facer non fas nada, sabes moito de todo pero non aportas a comunidade nada, e unha magoa porque potencial tes.

    Un saudo.

    • Ten vostede moita caradura ao vir a esta páxina a calumniar e a difamar. Por sorte, a vostede non teño nada que demostrarlle, despois de ter publicado case 500 artigos. Está claro que vostede só le o que lle interesa. Ou mellor dito, que só se fixa NO QUE NON LLE INTERESA QUE SE SAIBA. Aí están, para quen si os sabe apreciar, logros tan importantes como a instalación dos carteis que prohiben tanto os verquidos de escombros como a circulación polo Alto do Pornedo das motos e dos quads que tanta afección provocaron nese terreo. Acaso me vai negar que as reiteradas denuncias deste colectivo pola proliferación de lixo, e o esforzo que fixemos enfrontándonos directamente aos pilotos para intentar erradicar a práctica motorística fóra das pistas autorizadas, non tiveron nada que ver na colocación deses paneis por parte da Comunidade de Montes? Máis motivos: aí están as xestións ante a Consellería de Cultura e o servizo provincial de Patrimonio Cultural, que se interesaron polo estado dos gravados rupestres que temos no monte, que instaron ao Concello a acondicionar a zona e a poñer en valor eses elementos que noutros municipios (para a súa información!) son un motor turístico e económico importantísimo. Non, vostede non aprecia este traballo ALTRUISTA porque probablemente pertence á confraría dos que proclaman que “as pedras non dan de comer”. E, para non deixalo máis en evidencia, non sigo enumerando as cousas que, segundo vostede, na súa atrevida ignorancia, “non facemos nin aportamos”.
      Ese “potencial” que vostede me atribúe (poderíallo tomar coma un cumprido, pero voullo rexeitar) está reservado a CAUSAS NOBRES, a defender a verdade, e a boa xestión. Ese “potencial” non comulga con rodas de muíño, non tolera a manipulación, nin a trapallada. Ese “potencial” non está ao servizo de ninguén que minta e que se aproveite da boa fe da veciñanza. E dito isto, invítoo a ler o artigo de hoxe, no que queda claramente plasmada a MANIPULACIÓN que practica a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián. O meu “potencial”, señor, NON SE MANCHA CON MENTIRAS. Non creo que poida rebatir de forma coherente os datos que expoño, de tan aplastante que é a realidade. Outra cousa é que vostede volva asomar o nariz por aquí para seguir calumniando e difamando. Nese caso, non é benvido.

    • Don Jose Morales,ustez fala de criticas e que non se fai nada ¿pode decir que é o que fai vostede,aparte de criticar a xente que realmente demostra que si fai algo? Un cordial saudo.

  2. En primeiro lugar todo este interes polo monte apareceu cando se busca calquer escusa para non poñer o poligono,por ser vostedes os habitantes mais proximos a ubicacion deste, cousa ca min pareceme tan noble como calquera outra postura, e ademais se de paso se defende o monte mellor.
    Pero a miña critica vai orientada pola sua postura critica con a comunidade de montes, por que a considero unha persona con potencial e que esta perdendo o tempo dando paus de cego. dame a impresion de que criticar critica moito,pero solucions aporta poucas e os datos que expon son triviales.Con esto se molesto non se preocupe que non volverei a comentar nada. Con todos os meus respetos deica logo.

    • Calquera postura é nobre mentres se basee en datos obxectivos, en argumentos razoables, e se expoña con respecto. Se toda a súa crítica hacia este colectivo e hacia quen suscribe estas liñas se basea en que o noso interese polo monte se remonta ao “recente” conflicto xerado polo proxecto de instalación dun polígono industrial, desculpe, pero o seu argumento é moi pobre e xa está moi gastado. Nótase á legua que vostede é novo por estes lares, que descoñece absolutamente todo o traballo a nivel técnico, político e social que levamos feito, e que non parece moi interesado en coñecelo porque cae de caixón que o peso dos nosos razonamentos é superior aos seus. Estamos falando de que o terreo non é idóneo para a instalación dun polígono industrial porque a orografía da zona é demasiado escarpada; de que se trata dun espazo con protección ambiental polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento; de que posúe un amplo catálogo de mananciais de auga perfectamente rexistrados que se perderían en caso de proceder ao desmonte do terreo; de que existe un proxecto alternativo para a posta en valor do monte desde o punto de vista natural e cultural, cousa que, aínda que vostede o cuestione, tamén xenera riqueza e emprego…
      E podería enumerarlle máis motivos, pero mire, entón si que estaría PERDENDO O TEMPO, porque o seu argumentario parte dun convencemento meramente persoal. E non, sería como petar contra unha parede. Calquera pedra do Monte Pituco, cos milleiros de anos que leva aí arriba, razoa máis que vostede e que calquera membro da xunta rectora. Cando non hai pola súa parte ningunha intención de cambiar a súa mentalidade nin de recoñecer que -á vista dos datos- podemos ter razón, non hai nada que facer. Vostede é dos que opina, ao igual que o vicepresidente da Comunidade, “que é mellor que o monte o leve o polígono antes de que a Brilat o leve pola cara”. E por aí non lle paso, porque un comentario tan torpe só denota o INTERÉS ECONÓMICO E ESPECULATIVO que hai detrás. E a iso xogan vostedes, a vender fume prometendo montes e moreas, a confundir e a desinformar o vecindario.
      Vólvolle reiterar o de antes, que o meu “potencial” é INQUEBRANTABLE, que se rexe por uns PRINCIPIOS MORAIS e por unha educación firme, que NON SE VENDE aos “intereses” (presuntamente) espúreos dunha Comunidade de Montes cuxos responsables MINTEN, MANIPULAN e TERXIVERSAN, que “utilizan” os estatutos e o censo como “armas” para tumbar candidaturas alternativas, e que incumpren de maneira flagrante o regulamento. Lea o escrito de impugnación que presentamos “in extremis” o domingo pasado; un documento que ao principio o presidente se negaba a recoller, cousa que tamén tería ido en contra dos estatutos. Parécenlle datos triviais? A nós non, señor, todo o contrario. Son datos o suficientemente graves como para “denuncialos” e poñelos en coñecemento, cando menos, dos organismos competentes. Outra cousa é que o presidente poida valerse da súa filiación política para saír “airoso” desta clase de recursos. Porque no fondo é do que se trata, dunha REDE DE PODER, ou de poderes, en plural. Non se nos escapa ese detalle, non.
      Nós criticaremos os dirixentes da Comunidade de Montes en todo o que proceda criticalos. Como tamén lles agradeceremos iniciativas positivas, como a instalación dos paneis contra os verquidos de lixo e contra a circulación de vehículos motorizados monte a través. A solución dos problemas que vostede me “reclama” a min é COMPETENCIA da xunta rectora, que é a que ten a RESPONSABILIDADE e os RECURSOS. E saiba vostede que durante a “lexislatura” anterior entregámoslle ao presidente varios documentos nos que se recollían diversas deficiencias que arrastra o monte (a proliferación de verquidos, os danos provocados polas motos e quads que circulaban de forma irregular por espazos prohibidos, o deterioro da área recreativa do Pornedo, a mal estado de conservación dos gravados rupestres malia que son Bens de Interese Cultural, a abundancia de maleza ante o potencial risco de incendio, o mal estado da canalización das augas pluviais, a presenza de gando ceibe…) con algunhas propostas correctoras. E bo traballo nos custou trasladarlle persoalmente todos estes escritos, porque nas innumerables ocasións nas que nos presentamos na Comunidade de Montes para facer entrega dos mesmos, e en ausencia do presidente, o vicepresidente SEMPRE SE NEGOU a recollelos e a asinar sequera un simple acuse de recibo.
      Así que non nos veña DEFENDENDO O INDEFENDIBLE, señor, porque a cantidade de horas e de esforzo que lle adicamos a esta causa, non ten nin punto de comparación co tempo que os “responsables” de velar polo monte pasan co cóbado apoiado na barra do bar. Un bar que, por certo, non é rentable: que hai 20 meses “prácticamente non custaba nada”, segundo o presidente, e que agora lle custa ás arcas da Comunidade case 8.000 euros en seguros sociais.
      …E non teño moito máis que dicirlle. Para debatir, aportar, opinar, contrastar e INFORMARSE, veña vostede a esta páxina cando queira. Para calumniar, difamar, desprestixiar e insultar “gratuitamente”, insisto, non é benvido.

      (PD: E dito sexa de paso, non contestou vostede a pregunta que, moi educadamente, lle formulaba Esther nun comentario anterior).

  3. Mire señorita, (supoño?), teño asistido a mais manifestacions do que vosteda poida pensar, mais, bastantes mais dos que o domingo gritaban imnumerables parvadas na casa da cultura. E querolle decir que vostede vende fume, e no me convencen a maioria dos seus argumentos, nin a min nin a maioria da parroquia, Isto quedou demostrado nunha convocatoria na casa da cultura hai tempo na que eu puiden asistir e que vostede non recibeu ni o apoio do apuntador na sua defensa galactica do monte. Querolle decir, que tamen e certo que podria facer moito mais, pero que sepa tamen que ainda que non ando con tantos papeles coma vostede teñolle que decir que xa son varios os que tiveron que recoller os escombros que tiraron no monte, por coincidir que vino facer e amenaceinos con denuncialos.De todolos modos e bo que na parroquia existan asociacions coma a sua porque isto quere decir que hai interes, xente con iniciativa, e gustame de ver a xente nova reivindicarse.

    UN SAUDO.

    • Verá vostede, señor ou señora, señorito ou señorita, porque moi probablemente ese nome que vostede se atribúe sexa un alcume. A min que me conta! Que non lle interesan os argumentos que manexo? A min tampouco me interesa a súa vida, nin as súas andanzas de manifestación en manifestación. Se é certo que vostede estivo o domingo pasado na asemblea xeral extraordinaria, o único no que poderiamos estar de acordo, chegados a este punto neste peculiar “debate”, é en que foi unha vergoña, un paripé, e que tivo o xustiño de “democrático”. E sexa un pouco máis orixinal na súa exposición; procure non copiarme as frases. Direille máis: aquí a única que ten a patente e a exclusiva da “venta de fume a granel” é a xunta rectora da Comunidade de Montes que vostede tanto parece defender, que primeiro di unha cousa (o bar non custa nada) e despois di a contraria (o bar non cobre os seguros sociais).
      Se agora lle dá por atacar dicindo que non nos apoia ninguén na parroquia, voulle rebatir cuns cantos argumentos dos que a min tanto me gustan e que a vostede tanto lle fastidian. Máis que nada por se alguén se molestou en ler a sarta de vaguedades que acaba de sacar da manga. A reunión á que vostede se refire foi en xaneiro de 2010. Estamos en agosto de 2011 e en todo este tempo reunimos máis apoios e máis motivos a prol da defensa do monte. Agora temos un ESTUDO TOPOGRÁFICO realizado por unha empresa independente. Ese informe di que máis do 90% do terreo afectado polo hipotético polígono ten máis do 15% de pendente. E que máis da metade do terreo afectado ten máis do dobre do desnivel máximo aconsellable para ese tipo de infraestruturas. ENTENDEU BEN os datos ou fágolle un croquis? Cando se celebrou aquela reunión non tiñamos máis documentación que o Informe de Sostibilidade Ambiental do propio proxecto de PXOM de Marín que, por certo, xa incide na protección do Monte Pituco e xa indica expresamente que non é o lugar axeitado para acoller unha infraestrutura industrial. Pero claro, a vostede só lle cabe na mollera o que lle interesa e, ou non se entera, ou non se quere enterar. Tamén se dixo naquela reunión que consentir, por parte da Comunidade de Montes, que o Monte Pituco se convirta nun polígono, sería equiparable a cimentar as dunas de Corrubedo; algo do que vostede parece ser partidario, polo que xa se está calificando soíño.
      Por outra banda, dicirlle ademais que aquela reunión foi unha encerrona da xunta rectora. Unha encerrona á que nos enfrontamos conscientemente e botándolle moito valor, sabendo de antemán o clima de tensión que habería e as voces en contra que se levantarían. Tamén houbo insultos e outras obscenidades que non paga a pena sacar a relucir, porque por desgraza nesta parroquia hai xente que descoñece o significado de palabras como RESPECTO e EDUCACIÓN, empezando por un destacado membro da propia directiva da Comunidade. E sabiamos que ía ser así, porque o presidente, nunha reunión que houbo en días previos no local do PP de Marín, e á que el asistiu en calidade de concelleiro (cousa que María Ramallo non debeu consentir, posto que Casal era “arte e parte”), xa nos advertiu dicindo algo así como que os comuneiros “íansenos botar enriba”, como así foi, porque diso se encargaron eles mesmos: de emporcallar o ambiente, de manipular a opinión da veciñanza, e de predispoñela a manter unha actitude cerrada e intolerante.
      Se tan convencido está vostede de que “podería facer moito máis” (nin que tivera a fórmula da Coca-cola), dende aquí animámolo encarecidamente a facer o que nós fixemos: tomar conciencia, documentarse e actuar en consecuencia. Así pois, actúe vostede á súa maneira, que nós actuaremos á nosa. Que denuncia verquidos incontrolados? Estupendo! Que lle preocupa que o monte estea cheo de maleza? Marabilloso! Que se opón a que os vehículos motorizados campen ás súas anchas polo monte? Xenial! Se entón resulta que compartimos algunhas preocupacións, non entendo a que vén que nos critique tanto, e sen aclarar os verdadeiros motivos, se é que existen, das súas críticas. Por desgraza, chega vostede tarde para presentarse como candidato a presidente da Comunidade de Montes. Terá que conformarse con chupar catro anos de banquillo.

  4. […] que tampouco recolle todos os que se foron producindo en distintos puntos da parroquia. Nunha asemblea da comunidade de montes celebrada en agosto de 2011 o daquela presidente en funcións, que logo recuncou no cargo, fixo o seguinte discurso: “Certos […]

  5. […] que tampouco recolle todos os que se foron producindo en distintos puntos da parroquia. Nunha asemblea da comunidade de montes celebrada en agosto de 2011 o daquela presidente en funcións, que logo recuncou no cargo, fixo o seguinte discurso: “Certos […]

  6. […] -Na asemblea de montes (III) (20 de agosto de 2011) […]

  7. […] que formaba parte e deixaba o cargo de tesoureira, que pasaba a ocupar Manuel Rosales. Ou cando en agosto de 2011 se anunciou a dimisión do tesoureiro anterior, Francisco Piñeiro, nunhas circunstancias que non […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: