Publicado por: MontePituco | 28/06/2011

HOMENAXE A XAN MONTENEGRO

Vai tomando forma a homenaxe que se está organizando na memoria de Xan Montenegro para finais do mes que vén: a data e o lugar prefixados é o 29 de xullo a partir das 20:30 horas no auditorio ao aire libre da Finca de Briz. Dende a súa perda o pasado 17 de xuño, son innumerables as palabras de pésame e os xestos de agarimo que leva recibido a súa familia. A todos os niveis: organizacións políticas, culturais, sociais, persoas a título particular non só de Marín, senón do resto de Galicia e mesmo procedentes doutros puntos do Estado.

Tralo seu pasamento, o seu corpo vai contribuir a xerar máis coñecemento científico. Pero ao longo de toda a súa traxectoria vital, Xan foi unha peza moi importante na engranaxe da parroquia e da vila que o viron nacer e onde viviu intensamente. Deixou unha pegada imborrable, como demostran os artigos que se veñen publicando nos últimos días sobre a súa figura. O marinense Álvaro Arizaga, profesor na Escola de Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia, en Pontevedra, adicáballe recentemente un sentido recoñecemento pola súa contribución á defensa e á posta en valor do patrimonio arqueolóxico marinense, tan maltratado e descoñecido en lugares que, como o Monte Pornedo, están condenados a desaparecer se dende instancias políticas non se actúa con cordura para retirar o proxecto industrial que ameaza a zona.

Xan Montenegro foi unha das persoas que, cos seus coñecementos do lugar, contribuiu á elaboración do libro “Petroglifos e outras prehistorias: cadernos de arqueoloxía marinense”, do que son autores o propio Álvaro Arizaga e Xulio Abal.

O seu compañeiro en Marinenses Independentes, Xosé Vilas, asinaba outra conmovedora semblanza de Xan, loubando o seu carácter cordial e entusiasta, as súas conversas amenas e enriquecedoras, a súa coherencia e dignidade persoal. E coincidindo en todas e cada unha das súas palabras, só discrepamos nunha cousa: Xan era un gran home que tiña a inmensa fortuna de ter, non unha, senón tres grandes mulleres ao seu carón: a súa nai, a súa irmá, a súa sobriña. Tres mulleres da estirpe “doce e guerreira” dos Villanueva. Beizóns para elas, beizóns para Xan.

PD: os colectivos e as persoas que queiran sumarse á homenaxe cívica a Xan Montenegro poden contactar con Marinenses Independentes no enderezo marinensesindependentes@gmail.com ou acudir á nova xuntanza prevista para o luns 18 de xullo ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Seixo. O acto que se está artellando vai combinar música, palabra e imaxes.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: