Publicado por: MontePituco | 11/07/2011

PLENO DE XULLO: O PLENO DOS ROGOS E PREGUNTAS

Tralos plenos de investidura e de organización, este venres pasado celebrouse o primeiro pleno ordinario da nova Corporación Municipal, bastante anódino no que respecta ao desenvolvemento dos puntos da orde do día, pero que se voltou inesperadamente movido no turno de rogos e preguntas. Non estaría de máis, de feito, que convoquen de forma periódica un pleno adicado en exclusiva a ese apartado, para que os concelleiros da oposición -nacionalistas e socialistas, nomeadamente- poidan lucirse publicamente, nunha especie de “paraespectáculo” que nesta ocasión resultou exasperante. De cortar o bacallau xa se ocupan entre uns e outros na Xunta de Goberno e nas Comisións Informativas; para hipnotizar a paisanaxe está a sesión plenaria na que uns cobran mentres os demais adicamos un tempo precioso a aturar, nos máis dos casos, discursos artificiais e baleiros ou, ao peor, tomaduras de pelo.

(Pola ampla extensión do artigo, prémase “LER MÁIS” para a lectura completa do documento. Grazas).

Aprobouse por unanimidade a modificación puntual das normas subsidiarias para favorecer a construcción do centro de saúde. Nesta ocasión, Francisco Veiga exerceu como voceiro do seu grupo para cuestionar o compromiso do Sergas na execución desta obra -posto que “seguimos esperando el anteproyecto”- e para pedirlle ao goberno local “que acelere los trámites”. Francisco Veiga, ex-alcalde e delegado de normalización lingüística no anterior mandato, dirixíndose en perfecto castelán á alcaldesa, que polo menos leu en galego a redacción de cada asunto.

Xosé María Vilaboa gabouse de que “este traballo quedou feito polo goberno anterior”, como se houbera que lle dar as grazas por un labor que era obriga súa deixar feito en tempo e forma. Tamén aproveitou para chamar a atención sobre algo que, en efecto, sería desexable: que a totalidade do proxecto se executara con fondos públicos en vez de contratalo polo sistema público-privado. Aínda que a voceira de Mar-In tamén abogou polo financiamento 100% público, Isabel Martínez puxo ao edil nacionalista no seu sitio ao lembrarlle que “toda a Corporación” anterior apoiara a creación deste centro, polo que non tiña sentido arrogarse ningún mérito extra. Isabel Martínez puxo a nota de concordia desexando que o centro de saúde sexa unha realidade ao longo desta lexislatura.

Rematou a rolda de intervencións a alcaldesa para agradecer o apoio de todos os grupos e para remarcar o seu desexo de que o centro de saúde non volva ser motivo de debate a causa de novos problemas urbanísticos. María Ramallo xustificou que se recorra á financiación público-privada porque “neste momento é o único sistema posible”, polo que o de Marín licitaríase conxuntamente con outras 18 infraestruturas sanitarias. A necesidade de dotarse dun centro saúde nesta vila é “imperiosa” pola “mala situación” na que se atopa a prestación do servizo, ante as deficiencias das instalacións actuais.

O seguinte tema foi sobre a posta a disposición dos terreos para as futuras obras de instalación da rede de saneamento en Cidrás, que tamén se aprobou por unanimidade. Precisamente, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, estivera pola mañá no Concello presentando a declaración de Área de Rehabilitación Integral, onde anunciou que nas próximas semanas se licitarán as obras de sumidoiros para o núcleo de Cidrás, por preto de 100.000 euros; trala licitación, o pasado mes de abril, da construcción da rede de sumidoiros en Pardavila e Fixón, por preto de 200.000 euros.

Cun ton e cunha inflexión de voz moi, moi, pausada, Pilar Blanco queixouse de que o convenio coa Xunta para o saneamento de Marín -que remata en 2012- acumula “bastante retraso”. Isabel Martínez pediu que dende o Concello se axilice o remate dos proxectos e que se faga un mapa das redes de sumidoiros e de todos os servizos. Continuou Fran Veiga para salientar que a de Cidrás é só a segunda obra do convenio e que quedan aínda proxectos pendentes de aprobación e de execución, polo que había que realizar “canto antes” as obras licitadas. O voceiro socialista tamén rexeitou que o tanque de tormenta se instale na praza do Regueiro, polo que pediu que se lle busque emprazamento dentro do recinto portuario.

María Ramallo replicou que “hai que reprogramar as obras por non ter remitidos todos os proxectos”, á vista de que a Xunta reclamara os proxectos en outubro de 2010 pero que “aínda non están a día de hoxe”. En conclusión, “tiñámonos que dar présa todos”, dixo a alcaldesa, que anunciou a próxima celebración dunha reunión entre o Concello, a Consellería e a Autoridade Portuaria para decidir onde se instalará o tanque de marras.

Fronte á afirmación de María Ramallo revelando pouco menos que os seus predecesores pasaran de todo, Pilar Blanco xurou e perxurou que “o traballo quedara feito do Goberno anterior” e contestoulle a Isabel Martínez que a titularidade dos terreos afectados polo paso dos servizos está ben clara, posto que na maioría son camiños públicos. A anterior concelleira de Medio Ambiente quixo deixar claro que aínda controla do que era o seu anterior cometido, cunha verdade tan reveladora que nin o que asou a manteca tería atinado tanto: que o problema do saneamento en Marín resolveríase “conseguindo que a rede de saneamento fose unha separativa real de augas pluviais e fecais”. A que se adicou entón o bipartito durante os catro anos anteriores?

Os seguintes puntos foron para dar conta do nomeamento dunha vocalía para representar a Marín no Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria, para dar conta da composición das comisión informativas tal e como se aprobaron no pleno anterior, e o mesmo no caso das áreas de goberno e das dedicacións exclusivas. A continuación informouse da desestimación de axudas europeas para o proxecto Mar de Marín, que traería cola no turno de rogos e preguntas.

A voceira de Mar-In presentou unha moción urxente que foi retirada para estudala máis a fondo dende o punto de vista da seguridade xurídica, pero que sería moi oportuno que non se adiara a súa posible aprobación. Trátase dunha iniciativa que xa presentara Isabel Martínez en anteriores ocasións pero que, como outras propostas do seu grupo, apárcanse sine die “en aras do consenso” e aí quedan durmindo o soño dos xustos. Como medida para aforrar papel, introducir as “novas” (xa me dirán que ten de novo o email) tecnoloxías na política e, de paso, botarlle un capote ao medio ambiente, Marinenses Independentes demandou que a documentación dirixida aos concelleiros se envíe por correo electrónico, como xa se vén realizando con éxito coas actas dos plenos. Dende o Concello teñen que garantir que, sobre todo as convocatorias que requiren da asistencia dos edís, haxa constancia con validez xurídica, de que esas comunicacións se reciben en axeitadamente.

E chegou a batallita dos rogos e preguntas. Imaxinen como sería a cousa, que de sete páxinas de apuntes, catro son para anotar todo o que deu de si este apartado.

Resulta cando menos curioso, cando non lamentable, que se terxiverse o verdadeiro uso deste turno de palabra para desenvolver un discurso político que non corresponde coa súa función real, tendo en conta que para debatir amplamente están os puntos anteriores e as mocións: así, os concelleiros socialistas e nacionalistas piden facer intervencións para retroalimentarse mutuamente nos seus ataques ao equipo de goberno, ata o punto de facer que María Ramallo exclame con certa indignación ante  semellante aluvión: “Eu aquí non veño examinarme”. Para facer o que fan, que presenten vía moción urxente o asunto do que lles pete esbardallar, e se cingan ao regulamento ordinario. Que caramba!

Xa llo dixo Isabel Martínez, que tivo que agardar a que todos os anteriores se cebaran agusto coa alcaldesa: “Ten vostede sorte de que eu son unha soa”. E como foi a máis razoable e comedida de todos, por ela comezamos. Mar-In pediulle ao Goberno local que se impulsaran as conversas entre o Sergas e o Instituto Social da Marina para concentrar no segundo piso da Casa do Mar as consultas de pediatría, ao que María Ramallo contestou que había disposición por ámbalas partes. Tamén se fixo eco Isabel Martínez dunha denuncia realizada en días pasados pola Asociación Almuinha en referencia a uns carteis anunciando un torneo de fútbol-7 nos que se incumpre a ordenanza de normalización lingüística porque non se respecta a nomenclatura oficial en galego do Concello de Marín. A alcaldesa comprometeuse a aplicar a ordenanza e calificou de “metedura de pata” dos organizadores do torneo o feito de poñer “ayuntamiento” en vez de “concello” de Marín.

Non faltou novamente, un recordo para Xan Montenegro e o seu empeño a prol de conseguir a construcción dunhas beirarrúas en San Xulián. Aínda estando ingresado, nos seus últimos días de vida, esta preocupación estaba ben presente na súa mente. “Xan espoleábanos para que se seguira plantexando este tema e, aínda que el non estea, imos seguir reivindicándoas”, dixo Isabel Martínez do seu compañeiro de filas. María Ramallo foi moi respectuosa na súa mención á figura do noso veciño e respostou que a Deputación ten interese en adxudicar as obras, polo que anunciou a celebración dunha xuntanza entre os propietarios dos terreos afectados e os responsables do organismo provincial. Tamén preguntou polo orzamento municipal, ao que a alcaldesa ratificou a súa intención de elaborar uns orzamentos para 2012 “que se axusten á realidade”. Por último, a voceira de Mar-In fixo un rogo en referencia a un muro de contención levantado na Porteliña para pedir que se instale unha barandilla e se retiren uns postes que, segundo dixo, o BNG non quixo quitar, ao que alcaldesa accedeu. Esta crítica de Isabel Martínez fixo que Pilar Blanco e, sobre todo, Xosé María Vilaboa, se encenderan e se dirixiran a ela de moi malas formas, mesmo sinalándoa co dedo, ao que a voceira independente reaccionou moi elegantemente sen inmutarse nin o máis mínimo ante a provocación do seu “compañeiro” (ejem!) de bancada.

En canto a Francisco Veiga, na súa liña mete-pata habitual. Primeiro queixouse de que se perderan 3,5 millóns de euros para o proxecto Mar de Marín sen que o Concello dera explicacións nin convocara a xunta de portavoces para comunicalo. “O que se criticaba dun lado había que corrixilo agora”, dixo Veiga para referirse a que no anterior mandato a oposición queixábase de enterarse pola prensa de asuntos de índole municipal. Curiosa maneira a do ex-alcalde de recoñecer unha mala práctica política no goberno local do que el era responsable. O voceiro socialista afirmou que “non houbo interese real nin presión” por parte do actual equipo de goberno para conseguir esa subvención europea, argumentando que na anterior lexislatura mesmo foran facer xestións a Madrid e que agora “o único que lles faltaba era rematar a porta baleira”. Por iso volveu sacar o manido tema de que María Ramallo non estivera as 24 horas adicada a Marín como prometera, senón negociando o seu posto na Deputación.

Tanto rollo lastimoso para preguntar cales foran as xestións do Concello, ao que María Ramallo respostou con outro símil futbolístico: “Lanzamos á portería e deu no poste”. Ao que se refería a alcaldesa foi a que a empresa de consulting consultada -valla a redundancia- polo anterior goberno “dende o principio púxonolo moi negro” sobre as posibilidades de conseguir a axuda europea. O motivo? Que a execución doutro proxecto comunitario, o Plan Arela, ía só polo 4% da súa execución, con moitos cartos “pendentes de executar e de xustificar”. Total, que a culpa non foi do cha-cha-cha, senón da “mala imaxe” do Concello de Marín -léase anterior Goberno local- “como xestores de fondos Feder” (uns fondos de cohesión rexional), o que pesou na decisión de deixar o Mar de Marín en situación de reserva. O do Bloque bota unha risada: “Non se ría, señor Vilaboa!”. María Ramallo instounos a dar máis información: “Con estas cousas non se xoga”, espetoulle, e comprometeuse a detallarlles o contido da resolución.

A seguinte pregunta de Francisco Veiga estivo completamente fóra de lugar, máxime nunha persoa que, durante o seu mandato, tivo que lamentar a morte dunha traballadora nunhas tráxicas circunstancias, debido a un erro garrafal de seguridade nas instalacións nas que se realizaba, nin máis nin menos, que unha actividade dirixida a público infantil, e que puido derivar nunha desgracia aínda maior do que foi. Porque hai que ter moito cuajo para preguntar por algo tan serio como o control da seguridade nas instalacións mecánicas das festas do Carme: “Este ano os visitantes van estar seguros indo ás atraccións?” preguntou Veiga moi friamente, deixando caer de forma velada unha sombra de dúbida sobre a responsabilidade municipal neste tema tan delicado. A resposta de María Ramallo sobre o que fixera o Concello foi: “O mesmiño que o ano pasado, exactamente igual”, dixo tallante, en alusión a encomendarlle á empresa Enmacosa as comprobacións oportunas.

Verdadeiramente, ante un momento así, quen teclea estas liñas sentiría vergoña allea de Francisco Veiga e plantexaríase moi seriamente o de compartir o mesmo banco con el, á vista da súa escasa talla moral.

Non contento coa explicación de María Ramallo sobre o proxecto Mar de Marín, Muradas volveu erre que erre sobre o asunto cun rogo sobre cales foran as xestións concretas, que días e con que persoas se fixeran. Alén diso, preguntou polas obras nas rúas Concepción Arenal, do Sol e Ezequiel Massoni. Tamén se interesou por se vai haber penalización para a empresa que realiza as obras do Plan Arela polo retraso. “Non sei se terei que preguntarlle eu a vostede”, replicoulle a alcaldesa sobre os traballos en Ezequiel Massoni, onde parece ser que se estivo facendo unha obra “que non se axusta ao proxecto”. Sobre o Arela respostou que estase facendo un plan de obra para non levantar as rúas de Marín durante as festas de verán. “Non me contestou!”, exclamou Muradas. “Eu non son técnico e vostede tampouco”, zanxou María Ramallo, anunciando unha xuntanza coa empresa para o 17 deste mes.

(…Buf, se está vostede canso de ler, imaxine eu de escribir!) Turno para Pilar Blanco, que levaba preparada unha batería que nin os canóns de artillería da II Guerra Mundial…

Sostén a do BNG que o 24 de xuño na praia de Portocelo houbo unha festa na que se serviron bebidas alcohólicas, polo que preguntou quen organizou a festa, por que se incumpriu a ordenanza sobre consumo desas bebidas, e blablabla. Contestoulle María Ramallo que fora ela quen dera a autorización porque a asociación Habelas Hailas dixera que xa o tiña falado coa propia Pilar Blanco, que lles dera facilidades (Pilar Blanco semella palidecer, balbucea, parece que se vai botar a chorar) e conclúe que o gasto para o Concello fora “cero” e que a zona quedara limpa trala celebración.

O BNG interesouse tamén pola limpeza das rúas tralos actos do Corpus, con dúas barredoras e sete operarios de Cespa que recolleran os restos das alfombras florais. Preguntou Pilar Blanco se houbera expediente de contratación e máis blablabla. A alcaldesa contestou que na brigada de limpeza non hai persoal abondo e que se pedira orzamento a Cespa e a Urbaser para facer un zafarrancho de limpeza en horario de tarde e noite durante as festas do Carme. Precisamente, fora Cespa a que trouxera recursos humanos e materiais para facer unha demostración coa retirada dos restos das alfombras; demostración que “non custou nada”.

Cando se produciu, por que causa, e que medidas se adoptaron para remediar un verquido de augas fecais en Mogor. A resposta foi que houbera un fallo no bombeo do depósito que quedou arranxado. O motivo? “Non controlo de fontanería”, retrucou María Ramallo con ironía, por non dicir, farta do show bloqueiro.

Animais abandoados: de que concellería depende e cal é o protocolo. De Medio Ambiente e “o mesmo de antes”.

Por se ninguén lembraba que Pilar Ramallo fora a anterior concelleira de Medio Ambiente e Turismo, tamén preguntou por que non hai balizamento, nin duchas, nin accesos limpos, nin socorristas na Praia do Santo e da Coviña. A alcaldesa lembroulle que a 13 de xuño non había nada de nada contratado polo anterior goberno (tanto como se xactaran ao principio do pleno de deixarlle choio adiantado) e que os expedientes estaban aí para quen os quixera consultar.

Despois de preguntar pola pala que achandou a area da praia de Mogor, Pilar Blanco tamén se referiu á brigada que estivo rozando as beiravías da PO541, uns traballos que calificou de “chambonada”, supostamente porque a roza se fixera “a cachos” e porque os restos vexetais quedaran esparexidos nas cunetas. Para rematar, despois de sete longas preguntas, interpelando pola Administración que contratara o tractor que estaba intervindo nos camiños municipais. María Ramallo explicou que se pedira a colaboración da Deputación para acondicionar os camiños do rural que estaban nunhas “condicións deplorables” (e damos fe), coa vantaxe de que non lle ía custar nada ás arcas municipais.

Pero a cousa non quedaba aí, porque Vilaboa aínda tiña máis que dicir. Insistimos en protestar polo feito de que se malverse o turno de rogos e preguntas para xerar un debate estéril con asuntos que non veñen moito a conto habendo tan só un mes dende que o actual equipo de goberno comezou a traballar. Pero como dixo Vilaboa co ton cínico que o caracteriza: “Non se enfade, alcaldesa, estamos facendo o noso labor de control ao goberno”.

O Mar de Marín foi, novamente, motivo de interrogatorio: que por que non se convocara a xunta de portavoces, que se tiña constancia por escrito dos argumentos oficiais que levaron a rexeitar o proxecto, se lle foran pedidos ao Goberno Central as explicacións oportunas e a acta de valoración coas puntuacións… Máis papista que o mesmísimo papa. Seguiu terqueando encol do Arela, da festa en Portocelo, das alfombras do Corpus insinuando que ía aparecer unha factura da empresa por eses servizos… Re-preguntas de preguntas que xa foran contestadas, para desesperación do público que asistía ao pleno, e pacencia infinda de María Ramallo, á que non lle quedaba outra que aguantar o tipo ante semellante abuso. Máis madeira: sobre o envío de documentación do PXOM á Dirección Xeral de Patrimonio, sobre a incidencia do Plan de Ordenación do Litoral no PXOM, e sobre o cobro de taxas aos feirantes instalados nas festas do Carme. Un totum-revolutum-popurri sen outro afán que o de dar a nota, pretendendo actuar como os máis currantes do mundo mundial cando o que conseguiron PSOE e BNG foi todo o contrario: quedar coma os ladrillos-peñazos-tocanarices que son. Naturalmente, María Ramallo, contestoulle (alá máis ou menos á súa maneira) as “preguntas”.

 


Responses

  1. Así foi o pleno exactamente.
    Grazas por ter a pacencia e o estómago para aturar tanto despropósito e tanta parvada. sólo para que os lectores se enteren do que hai na política marinense.
    Unha vergonza.
    Realmente son malos tempos para a esquerda, mais interesada en enchufar ós amigos ca en facer política digna.
    Malos tempos para o nacionalismo, que perdeu o seu Norte e está representado por xentuza que non sirve para nada.
    En canto á única concelleira independente, Isabel M. Epifanio, sólo se pode decir que é a única que fai unha oposición constructiva e coherente.
    Parabéns

    • Grazas pola visita ao blog e polo interese, posto que a crónica é ben longa. Coincido en felicitar a Isabel Martínez polo seu papel na Corporación. Saúdos!

  2. Pois eu estou interesada en saber cando o Concello, todo él, se vai dar conta de que en Marín vive xente que lle gosta camiñar entre a súa propia merda. Non sei se o goberno local camiña polas beirarrúas desta vila mariñeira ou soamente se baixa do coche pra fichar. Temos un río, Lameira que dentro de pouco será Lamierda, e iso grazas a colaboración da cidadanía, e se concretamos grazas a esa xuventude que se reune para encherse e despois tira todo o río, tanto as botellas de litro, coma os tetrabriks, as bolsas do supermercado e porque non tamen algunha nai que non sabía onde por o cocheciño de neno que xa non vai empregar. Preguntome que clase de educación recibíu e recibe esta xente nas súas casas….pero tamén vexo que o Concello non se da conta do que pasa na sua cidade….por non falar das praias, coma a de Mogor, que sempre está chea de latas, restos de fogatas…pero iso sí no verán claro que ten que estar limpa, aínda que o resto do ano de auténtica pena.
    Isto ven sendo unha aportación a tanta leria que se dan os políticos pero que parece que non abren os ollos para ver como está a cidade, que da Pena!!! e o estado dunha cidade dí moito da xente que vive nela, e os galegos coma sempre caladiños, cada un na súa casiña!!!
    Un saúdo!!

    • Pois, como dis, a situación do Lameira é ben preocupante. A concellería de Medio Ambiente debería tomar medidas para ir recuperando o río, obrigando os propietarios das parcelas lindantes co cauce a telas nunhas condicións de limpeza óptimas. Hai un proxecto para crear unha senda fluvial ao longo dun tramo do río; a ver como o retoma o novo Goberno local. Tamén é competencia da Policía Local, que debería frecuentar máis esa zona para impedir que haxa menores consumindo alcohol e non consentir que as persoas que organizan botellóns deixen todo tirado impunemente.
      Agradézoche a visita e a participación no blog. Pero cómpre dar un paso máis na implicación e canalizar todas estas protestas, ben a través das asociacións de veciños, ben de forma individual e directa presentando as queixas correspondentes no propio Concello. E por que non, recorrendo aos medios de comunicación locais, que tamén cumpren un papel de mediación social importante.
      Ánimo e a seguir procurando a mellora da nosa vila. Saúdos.

  3. De acordo con vós en todo o que decides.
    E gustaríame engadir que tamén é unha cuestión de Educación, non sólo nas escolas, senón na vida familiar.
    Se unha nai ou un pai lle ensinan ós seus fillos dende pequeniños que hai que usar as papeleiras, que a basura hai que separala e botala nos contenedores. Que hai que manter limpas as rúas, outro galo nos cantaría.
    Non sei a razón, pero cada vez a xente é mais porca.

    • María fala do emporcalladas que están as rúas e o río Lameira. Eu pódovos contar -e ben se ve no blog- o noxento que está o monte nalgúns puntos onde os ignorantes, os incívicos e os irresponsables veñen botar o seu lixo, os seus restos de obra e os enseres que non lles valen. O noxento non é tanto a imaxe do que deixan tirado como a actitude desa “xente”, por chamalada educadamente. Esta mesma semana imos poñer en coñecemento das autoridades competentes a aparición dun feixe de cristais e materiais inflamables que alguén sen escrúpulos veu chimpar impunemente. Ogallá localizaran o responsable e lle obrigaran a deixalo todo como a patena. Non hai palabras para plasmar tanta indignación.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: