Publicado por: MontePituco | 06/07/2011

NO PARQUE RUPESTRE DE CAMPO LAMEIRO

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro xa é unha realidade. Á inauguración do centro de interpretación asistiron o presidente da Xunta, o conselleiro de Cultura, o secretario xeral do Ministerio de Fomento, o delegado da Xunta en Pontevedra, o presidente da Deputación, o alcalde de Campo Lameiro, e outros rexedores municipais: Pontevedra, A Lama, Lalín, A Estrada, Cerdedo… Non acudiu María Ramallo, a pesar de que os petroglifos de Marín teñen unha boa representación na información que, sobre arte rupestre, se ofrece no interior do edificio. Un edificio de pedra, integrado no entorno e cun deseño moderno que contrasta cos 4.000 anos de Historia que rodean esa paraxe na que destaca, sobre todos os gravados, a famosa figura dun impoñente cervo.

(Preme en “Ler máis” para seguir o relato e ver as fotos da visita).

O Centro de Interpretación abre ao público de martes entre as 10:00 e as 18:00 horas, aínda que en tempada alta vaise ampliar o horario de 10:00 a 20:00, e realizaranse tamén visitas nocturnas, que son espectaculares e moi recomendables. A entrada ás instalacións custa 6 euros, ou 3 euros se a tarifa é reducida; un prezo que a algunhas persoas lles pode parecer algo elevado, pero que por unha vez paga a pena. Non obstante, o percorrido polas diferentes estacións arqueolóxicas do exterior é de balde e ninguén quedará indiferente ante a experiencia: son 22 hectáreas de monte que no seu momento fóronlle cedidas á Xunta polos comuneiros e comuneiras de Paredes e Praderrei, aos que o alcalde de Campo Lameiro lles deu as grazas, non só por esa iniciativa xenerosa, senón por teren conservado dende sempre esa riqueza patrimonial de valor incalculable que contribuirá a facer de Campo Lameiro un lugar coñecido e recoñecido non só en Galicia e no resto da Península, senón tamén en Europa.

O director do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, José Manuel Rey, explicou que este centro está en contacto e colaboración permanente con outros expertos que traballan no Museo das Marabillas en Francia, o Museo de Alta en Noruega, o Museo de Val Camonica en Italia e o Museo de Vitlycke en Suecia. Agardan organizar congresos internacionais, a converter este Parque Arqueolóxico non só nun referente científico e académico, senón tamén turístico. Os comentarios dos veciños e veciñas de Campo Lameiro que acudiron á inauguración eran de satisfacción: “perderon” unha superficie de monte pero gañaron, en favor de toda a cidadanía, un espazo emblemático no que se fixo un forte investimento económico, de 10 millóns de euros.

Chama a atención que nunha das seccións do centro de interpretación haxa unha presenza importante dos petroglifos existentes en Marín: aparecen os gravados rupestres da Carrasca, que están inseridos no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que tanto apoiamos dende DEFENDE O MONTE PITUCO xunto cunha vintena de colectivos máis de toda a bisbarra. Tamén se enxalza a figura de Ramón Sobrino Buhigas (Pontevedra, 1888-Valladolid, 1946), do seu curmán Enrique Campo Sobrino e do seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. A Sobrino Buhigas débenselle moitos estudos sobre os petroglifos de Mogor. Un dos seus descendentes, Ángel Núñez Sobrino, cedeu en depósito unha importante colección de obxectos persoais do arqueológo: prismáticos, cámara de fotos, debuxos, cartas… un legado importante que está agora a disposición de todos e todas.

A laxe e a área de descanso da Forneiriña, a laxe dos Carballos, o outeiro dos Cogoludos I e II, o outeiro das Ventaniñas, a fonte e o outeiro de Pena Furada, a laxe dos Cabalos, a recreación do poboado da Idade do Bronce… son os espazos “máxicos” que se atopan no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.  

Descargar o DOSSIER: “PARQUE ARQUEOLÓXICO DA ARTE RUPESTRE DE CAMPO LAMEIRO“.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: