Asistimos tristes e impotentes á danza macabra dos hidroavións sobre as nosas cabezas, vomitando auga e máis auga sobre as lapas que, durante toda a tarde deste caluroso 30 de xuño, xusto na véspera de comezar a tempada de máximo risco de incendios, arrasaron unha superficie considerable de monte no lugar de Cadro, en dirección ao Lago de Castiñeiras.
Despois de cinco horas activo, a Policía Local cría que o lume xa estaba controlado. Pero na Consellería de Medio Rural non recolleran nin ren deste incendio, co argumento de que só se procesa información daqueles focos que afectan como mínimo a unha superficie de 20 hectáreas. A falta dunha valoración máis precisa, resulta chamativo que, para tratarse dun lume aparentemente discreto, estiveran actuando ata tres avións sobre a zona.
Non hai incendio pequeno. Tanto se arde unha hectárea, como se son as 35 que se queimaron -tamén hoxe- en Cotobade, a perda é lamentable; irreparable nalgúns casos. Afecta gravemente no impacto que deixa a mancha do carbón na paisaxe. Afecta na flora e na fauna que morre pasto das lapas. Afecta na economía dos veciños e veciñas que contribuíron a repoboar a zona -moi probablemente coa achega económica da Administración, é dicir, con cartos públicos- e que non poderán beneficiarse dos rendementos que se podían ter obtido desa madeira e dos demais usos que se lle puideran dar a esa plantación -neste caso, de piñeiro- que queda calcinada, inservible, irrecuperable.
Por iso é incomprensible, inxustificable, deleznable sempre e en todo lugar. A man que provoca un incendio forestal pertence a unha “persoa” sen corazón e sen cabeza, sen sentimentos e sen conciencia, que só fai o mal polo mal.
Todos os anos por estas datas nos enfrontamos a esta lacra de difícil solución. E o máis frustrante é que se afronta coma unha batalla perdida. A xestión contra incendios é unha fonte inesgotable de conflictos laborais, de confrontación política, de debate social… Pasamos o tempo gastando cuspe mentres o tempo e a climatoloxía xogan en favor dos pirómanos e dos intereses financeiros e corporativos aos que serven.
Nun momento no que se está a cuestionar todo, dende o modelo político máis inmediato ata a mesmísima orde internacional, o monte non é alleo a ese berro potente a prol dun cambio radical no seu modelo de xestión. Se dende a Administración se consensuaran cos colectivos de comuneiros as políticas máis axeitadas na ordenación do monte e na regulación dos seus aproveitamentos; se houbera un maior grao de concienciación e responsabilidade por parte dos propietarios no mantemento das súas parcelas; se houbera unha condena unánime contra esta clase de delictos con penas exemplarizantes; se o negocio non estivera na venta da madeira queimada, senón na explotación racional dos recursos forestais… arestora poderiamos estar respirando aire puro en vez do chamusco que nos amarga e nos ennegrece ata na alma.
OUTROS ARTIGOS RELACIONADOS:
-Incendio, con resultado mortal, en Fornelos de Montes, 13 de agosto de 2010: Lume=morte
-Incendio no Monte Sobareiro, en Loira (Marín), 5 de agosto de 2010: Lume non, pirómanos fóra
(*Fotografías do incendio en Cadro, por cortesía de Ramón Pazos e Marisol Posses. Grazas).
Outra paixase triste e desoladora.
By: Gelis on 30/06/2011
at 21:55
Así é, por desgraza, Gelis. O ano pasado o lume arrasou o monte de Loira, desta volta, as lapas cebáronse en Cadro. Os pirómanos non dan tregua.
By: MontePituco on 30/06/2011
at 22:06
Non dan ningunha tregua, e é ben triste, da unha tristura inmensa ver así todo queimado… unha pena!!
By: Gelis on 30/06/2011
at 22:20
Chapeau polo análise, imposible de seguer na prensa escrita.
Lamentable o incendio, onte pasei por alí daba pena.
Xa ardera a zona mais alta dese monte hai uns 8 anos.
Apertas
By: Mirando o mar on 01/07/2011
at 10:08
…Bendita chuvia. Bendita (e pasaxeira) borrasca.
By: MontePituco on 05/07/2011
at 17:41