Publicado por: MontePituco | 17/06/2011

CORES TOURÍS, DE VISITA OFICIAL EN MARÍN

O artigo que segue é información oficial da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, sobre a visita institucional que realizou esta mañá o delegado territorial, Xosé Manuel Cores Tourís, ao Concello de Marín. (As frases en negriña ou maiúsculas son destacadas para remarcar a importancia do asunto, especialmente no que respecta ao PXOM, co aspecto dobremente noticiable de que o documento foi enviado á Xunta hai tan só dous días).

CORES TOURÍS VISITOU MARÍN PARA ANALIZAR COA NOVA ALCALDESA A SITUACIÓN DO MUNICIPIO

     O delegado territorial da Xunta en Pontevedra púxose a disposición de María Ramallo con quen analizou a situación do PXOM, do futuro centro de saúde e das infraestruturas, entre outros aspectos

     Destacou os 300.000 euros que acaba de recibir o concello para contratar, a través dos Plans de Cooperación da Xunta, a 26 traballadores

Pontevedra, 17 de xuño de 2011.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Marín dentro da rolda de visitas institucionais iniciada esta semana aos concellos que contan, dende o pasado sábado, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

Durante esta primeira visita, José Manuel Cores Tourís púxose a disposición de María Ramallo co obxectivo de seguir a executar os proxectos xa iniciados coa administración autonómica, así como con todo o que dependa da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra.

Entre os temas que se analizaron na reunión desta mañá destacan o futuro centro de saúde, recordando Cores Tourís que o proxecto se atopa dentro do paquete de 19 novos ambulatorios previstos para a súa próxima execución en Galicia.

Tamén destacou o delegado territorial que no eido do saneamento do concello continúan á espera, dende Augas de Galicia, de que se remitan á Xunta os proxectos deste concello, “un investimento que supera os cinco millóns de euros”.

Un dos temas que destacou a nova alcaldesa foi a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. “O texto foi REMITIDO FAI DOUS DÍAS A PATRIMONIO. Agora teremos que esperar a súa resolución para que sigan adiante os trámites. É importante que Marín conte canto antes con este documento de ordenación urbanística vital para todos os municipios”, explicou Cores Tourís.

* Festas do Carme

O delegado territorial tamén se comprometeu a mediar para conseguir a colaboración da Sociedade Anónima do Plan Xacobeo de cara a organizar algún evento para as Festas do Carme do próximo 16 de xullo.

José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita para lamentar a FALTA DE COLABORACIÓN DO ANTERIOR REXEDOR do municipio. “Nada máis chegar a Pontevedra visitei institucionalmente tódolos concellos. Un dos primeiros o de Marín”.

“Non se pode dicir que dende a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra non se conte co municipio de Marín. Desbloqueamos a construción das beirarrúas de Marín, a polémica da sinalización na PO-313 e traballamos para conseguir soterrar o cableado eléctrico en Mogor”.

Precisamente, en relación a este tema, Cores Tourís informou a María Ramallo que xa se conta coa consignación económica necesaria para o soterrado, aínda que necesitarase da colaboración do concello. “Ten que por a disposición da Xunta os terreos necesarios para a posta en marcha dunha senda peonil duns dous metros de ancho. Por debaixo iría o tendido eléctrico”.

O delegado territorial recordou que os veciños solicitaron en numerosas ocasións unha solución para poder transitar por esta zona. “Este é o motivo polo que solicitamos ao concello que expropie os terreos necesarios para executar esta obra que garantirá a seguridade viaria neste punto”.

* Plan de Cooperación

A maiores, o delegado territorial destacou os 300.000 euros recentemente adxudicados dentro do Plan de Cooperación coas entidades locais ao concello de Marín co obxectivo da contratación de 26 traballadores. “Trátase dun investimento moi importante, porque non só permite reducilo número de parados na localidade senón que, ademais, facilita a realización de obras municipais de gran interese para todos os veciños, obras que, doutro xeito, ante a actual situación de crise económica, terían que esperar”, explicou Cores Tourís. Nestes intres, segundo avanzou a alcaldesa de Marín, estase a proceder a contratación dos candidatos seleccionados.

José Manuel Cores Tourís continuará a próxima semana a rolda de contactos cos novos rexedores e rexedoras, neste caso, o luns en Rodeiro.

 


Responses

  1. Non me digas….

    • Amigo Manuel, isto non é a oficina de Correos, onde lle cobramos por palabra coma se fora poñer un telegrama, oh! Intuimos certa ironía nas súas palabras. Expláiese máis, home…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: