Publicado por: MontePituco | 08/06/2011

POLA RECUPERACIÓN DA RÍA

Este sábado celébrase unha nova edición da marcha que organiza anualmente a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra para pedir o desmantelamento do complexo industrial de Lourizán. Sairá ás 19:30 horas, simultaneamente dende as alamedas de Marín e de Pontevedra.

Na nosa bisbarra, entidades sociais e culturais como Almuinha, o Colectivo Nacionalista de Marín e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo xa se pronunciaron a prol desta mobilización: rexeitan o efecto contaminante de Ence e Elnosa no ecosistema mariño e nas poboación cercanas, avogan pola recuperación dos terreos de dominio público marítimo-terrestre e pola implantación dun modelo económico alternativo para o desenvolvemento da zona, baseado na explotación racional dos recursos marisqueiros e pesqueiros, forestais e turísticos.

Na véspera da mobilización, o venres 10 a partir das 20:30 horas, o salón de actos da Biblioteca Pública de Marín acollerá a proxección dun documental titulado “O futuro da ría” e un coloquio posterior con representantes da APDR.

Dende o Pornedo arelamos tamén un futuro sen fumes, nin cheiros, nin chemineas a carón mesmo da ría. Arelamos divisar, dende os miradoiros naturais deste monte, unha perspectiva limpa do saco da ría, dende a desembocadura do río Lérez ata a silueta que marca no horizonte o arquipélago de Ons. Cómpre, pois, que as empresas modernicen e trasladen a outra ubicación os procesos produtivos que actualmente desempeñan, respectando a lexislación ambiental que as organizacións ecoloxistas lles acusan de estar incumprindo sistematicamente.

Ademais do impacto visual e ambiental evidente, outro vello problema que acarreou a presenza de Ence dende os anos 60 nesta ubicación tan desafortunada aféctalle á economía dos nosos montes, negativamente enfocados á produción masiva de eucalipto, unha especie foránea que -salvando as virtudes que poida ter- empobrece o solo e merma a biodiversidade do territorio, coa diminución de superficie adicada á plantación de especies autóctonas. Nos últimos anos as comunidades de montes máis avanzadas a nivel ideolóxico están apostando por erradicar dos seus dominios o eucalipto, e poñendo en práctica unha estratexia de xestión baseada no monte multifuncional, que prescinde do eucalipto como principal fonte de ingresos.

Pero a sombra do capital é alongada e ante a perspectiva do lucrativo negocio da produción de enerxía a partir da biomasa, as empresas que -como Ence- queren introducirse nese sector, van empezar a favorecer os chamados “cultivos enerxéticos” de especies forestais de crecemento rápido e que requiren talas moi frecuentes. En consecuencia: sobreexplotación dos montes que, lonxe de recuperarse, retrocederían de forma irreversible na súa conservación e na súa calidade.

“Queremos e reclamamos un uso racional dos nosos montes, libres da praga que supón o eucalipto e os muíños de vento, uns montes ben conservados para o lecer de todos e todas e non destrozados e cheos de polígonos industriais para ser o anexo industrial de Vigo”. (Colectivo Nacionalista de Marín).

“…Ó igual que rexeitamos a presenza de muíños e parques industriais no espazo natural dos Montes do Morrazo polos seus negativos efectos socioeconómicos e ambientais, tamén rexeitamos a presenza de ENCE-ELNOSA en Lourizán, polo enorme prexuízo social, económico e medioambiental para a ría, os seus recursos naturais da pesca e o marisqueo, a saúde das persoas, e o benestar social dos núcleos de poboación afectados”. (Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo).


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: