O pasado mes de decembro de 2010, algúns de vostedes foron partícipes das queixas que, dende DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), se lle dirixiron ao Valedor do Pobo para protestar pola actitude do alcalde de Marín, Francisco Veiga, e do seu equipo de Goberno coaligado PSOE-BNG, que dende abril dese mesmo ano non atenderon ningunha das numerosas peticións de entrevista que se lle presentaron formalmente para cuestionarlle a elección do Monte Pituco como futura ubicación dun polígono industrial. Dende este colectivo veciñal queremos agradecer a solidariedade das persoas que contribuíron a formular esta queixa ante a oficina do Valedor do Pobo para deixar constancia da situación de indefensión que padecemos ante o desprezo reiterado por parte das instancias municipais.
Dous meses despois, en febreiro de 2011, o Valedor do Pobo dirixiuse aos veciños e veciñas que tramitaron a instancia para respostar conforme as competencias que ten asignadas. O Valedor do Pobo daba por válida a actuación do Concello de Marín no que respecta ao procedemento de información pública do proxecto de PXOM de Marín; mais consideramos que o seu enfoque está errado posto que o motivo da protesta contra o Concello non atinxe á xestión do PXOM, senón ao feito contrastado de que nin o alcalde, nin ningún cargo no que delegue, recibiu en todo este tempo a unha representación de DEFENDE O MONTE PITUCO para explicar os criterios que motivaron a elección desa zona como chan industrial, nin para escoitar os argumentos (técnicos, medioambientais, patrimoniais) desta asociación que desaconsellan semellante decisión.
O Valedor do Pobo completou a súa carta adxuntando un breve “informe” que lle achegou o Concello de Marín “xustificando” a súa actuación con respecto a DEFENDE O MONTE PITUCO. Un informe manipulado e absolutamente parcial, cheo de inconcrecións e medias verdades, co que o alcalde de Marín e o seu Goberno coaligado pretendían enganar ao Valedor do Pobo e deslexitimar as reivindicacións veciñais.
O motivo desta carta, así pois, é aclarar o que desde o Concello se intentou terxiversar con ese informe. En vésperas dunhas eleccións municipais que van ser decisivas para o futuro de Marín, rexeitamos as maneiras reviradas dos actuais responsables municipais e a súa falta de diálogo cos veciños afectados polas súas medidas. Apelamos á “democracia real” que a cidadanía está pedindo xa nas rúas e nas prazas das principais cidades de Galicia e do resto de España. Os veciños e veciñas de Marín merecemos algo mellor: gobernantes que nos atendan correctamente cando teñamos un problema; gobernantes que non nos pechen as portas do Concello cando precisemos explicacións; gobernantes que nos respecten xa non só como contribuíntes, senón como iguais.
Moitas grazas pola atención.
DESCARGAR: CONTESTACIÓN DE DEFENDE O MONTE PITUCO AO INFORME ENVIADO POLO CONCELLO DE MARÍN AO VALEDOR DO POBO.
[…] https://montepituco.wordpress.com/2011/05/19/carta-a-vecinanza/ […]
By: Fran Veiga? Non grazas « Polígono na Brea non on 19/05/2011
at 21:24