Publicado por: MontePituco | 19/04/2011

OS SETE CAMIÑOS E O MONTE DO SEIXO, NAS XORNADAS DE ADEGA

O sábado 30 de abril celébranse, no salón de actos da Deputación de Lugo, as xornadas sobre “Cultura e territorio” que organiza a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) no marco da campaña “Ponte no medio, móvete polo territorio”. Na primeira parte da sesión, ás 10:00 horas, haberá unha mesa redonda na que van participar Rafael Quintía e Joao Bieites, do Grupo de Estudos Serpe Bichoca, que pertence á comisión para a posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, ao que pertence o Monte Pituco, ou Pornedo. Rafael Quintía e Joao Bieites van expoñer a súa experiencia no estudo e na divulgación da historia do Monte do Seixo, sobre o que publicaron varios libros e realizaron un completo documental. Tamén falarán da súa participación no proxecto Sete Camiños, que se atopa en fase de desenvolvemento, cun traballo de campo para o estudo da zona, coa produción e edición dun documental, e o desenvolvemento dunha páxina web que dea a coñecer a riqueza dos gravados rupestres, dos elementos etnográficos, e do medio natural e paisaxístico da zona.

Ese documental, do que xa se fixo unha pre-estrea, denuncia as agresións que padece o espazo, entre as que sobresaen a demarcación dunha franxa de seguridade imposta polo acuartelamento da Brilat, e o proxecto de instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo por parte do Concello de Marín. Nesta última loita DEFENDE O MONTE PITUCO está dando unha ardua batalla co Goberno local marinense: contra o seu alcalde socialista, que leva un ano ignorando as peticións de entrevista presentadas polo colectivo veciñal; contra os seus socios nacionalistas, que ostentan a concellería de Urbanismo (a que defende a capa e espada, sen argumentos técnicos nin económicos razoables esta barbaridade) e de Cultura (que consinte a destrucción dun enclave cun gran potencial turístico se tivera a ben apoiar a creación do Espazo Sete Camiños).

É unha grande oportunidade para que o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños se dea a coñecer nun foro especializado que vai contar con ponentes de primeiro nivel: representantes da asociación educativa Ponte nas ondas, o escritor Antonio Reigosa, o politólogo e profesor Carlos Taibo, o arquitecto Manuel Gallego Jorreto…

A campaña “Ponte no medio, móvete polo territorio” presentouse o fin de semana pasado en Santiago, co apoio de máis de 130 persoeiros públicos relevantes no eido artístico, literario e científico, e colectivos sociais comprometidos na defensa da cultura e do patrimonio natural. A continuación, pódese descargar o manifesto completo que xustifica esta iniciativa.

MANIFESTO “PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO”

Velaquí algúns argumentos que, segundo Adega, motivan a necesidade de mobilizarse a prol da defensa do territorio.

…Poñer freo aos proxectos especuladores co territorio galego e procurar unha alternativa sustentable de ordenación territorial a través dun movemento social de denuncia común.

…Pretendemos, por unha banda, reunir nun movemento social común a todos aqueles colectivos e entidades que están a denunciar illadamente a destrución e ameazas que está a sufrir o territorio galego en todos os seus ámbitos (espazos naturais, medio rural, litoral e rías, paisaxe, bacías fluviais, desenvolvemento urbanístico, infraestruturas viarias e patrimonio histórico-cultural); e, por outro, instar ás administracións públicas a tomar medidas concretas cara a unha ordenación do territorio sustentable.

…ADEGA anima á sociedade galega a reaccionar ante os innumerables casos de deterioro e degradación ambientais que se están a producir actualmente coa conivencia das administracións públicas de todos os ámbitos, nomeadamente pola actual Xunta de Galicia, co único propósito de favorecer intereses privados. As reformas lexislativas e os decretos con incidencia territorial impulsados polo goberno galego na última lexislatura (a modificación da Lei do Solo, a nova Lei Eólica, o Plano do Litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio, a recuperación de Touriñán para o Plano Acuícola, o Plano Move, o chamado “Convenio de Barreiros” ou o Plano de Residuos) están acelerando o proceso de destrución irreversible de espazos imprescindibles para a nosa identidade e benestar.

…A campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio” avoga por un modelo de ordenación e xestión territorial racional, sustentable e con futuro baseado na recuperación do protagonismo colectivo da sociedade galega e a participación pública nos procesos de planificación e toma de decisión sobre a ordenación do territorio; na creación de emprego a través da rehabilitación dos valores e recursos do noso territorio e no impulso de medidas concretas contra a especulación.

…O manifesto co que se lanza a campaña reivindica a protección efectiva dos espazos “protexidos” a través de plans de xestión e conservación, a protección dos 500 metros da liña litoral, a recuperación dos espazos afectados pola minaría, a primacía do solo agropecuario e a súa xestión comunal fronte a intervención privada dos montes, a suspensión indefinida de novos proxectos hidroeléctricos, a potenciación dun transporte público colectivo máis ecolóxico e eficiente, a exclusión dos espazos protexidos dos proxectos acuícolas e de produción enerxética, un desenvolvemento urbanístico racional que prime os procesos de recuperación e rehabilitación e unha xestión descentralizada dos residuos.

Con estas premisas, a causa de DEFENDE O MONTE PITUCO é totalmente lexítima e encaixa nas circunstancias polas que Adega convoca a sociedade galega a mobilizarse contra a destrucción do territorio, por máis que, neste caso, o proxecto dese polígono industrial parte dun Goberno local teoricamente de signo progresista. Agardamos, pois, que Adega e os seus promotores sexan sensibles coa defensa co Monte Pituco e coa proposta de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: