Publicado por: MontePituco | 21/04/2011

A COMUNIDADE DE MONTES EMPEZA A FACER O SEU TRABALLO

A sinatura do primeiro folio que compón este informe de seis páxinas pertence ao presidente da Comunidade de Montes de San Xulián, Francisco Casal. Non é o primeiro documento destas características que lle entregamos, e do que lle pedimos unha rúbrica para certificar a súa recepción. Esta acción, por sinxela que pareza, non está exenta de dificultades: localizar o responsable da comunidade non é doado por cuestións profesionais súas, e na Casa de Montes de San Xulián o vicepresidente négase a recibir estes escritos, declinando toda responsabilidade na persoa do presidente. Incrible, pero certo.

Non sen tempo, a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián está facendo o que lle corresponde, o seu traballo, as tarefas polas que deben responder ante os comuneiros, o que lles compete: coidar o monte. DEFENDE O MONTE PITUCO leva máis dun ano queixándose do abandono no que caeu esta zona, plasmando con imaxes estas denuncias, mobilizando o Seprona, o Concello de Marín e a Xunta para que tomen coñecemento da situación real do monte e para que saiban que non ignoramos estas deficiencias, que non lle damos as costas ao monte e que nos importa o seu estado.

– Criticamos a proliferación de verquidos incontrolados. Xa están empezando a ser eliminados.

– Criticamos a presenza de lixo suciedade, a maleza desproporcionada e os desperfectos no mobiliario da área de descanso situada na estrada cara a Figueirido. Xa se está acondicionando a zona.

– Criticamos a existencia dun circuito de motorismo ilegal no Alto do Pornedo, a erosión galopante do terreo, o perigo no que se atopan os gravados rupestres preto dos vehículos, a inconveniencia desa actividade irregular nun espazo recén reforestado. Xa se procedeu a achandar a zona e a rebaixar os peraltes de terra que se formaran co paso sistemático de motos e quads.

Pero quedan moitas cousas por facer, entre elas, sinalizar convintemente os puntos máis sensibles do monte: é necesario instalar carteis que prohiban botar lixo, que advirtan do risco de incendios, que indiquen a presenza de petroglifos catalogados, que restrinxan a circulación de vehículos motorizados fóra das pistas habilitadas.

No escrito presentado o pasado mes de febreiro ao presidente da Comunidade de San Xulián pedíaselle unha xuntanza para analizar a situación do monte. Pasaron dous meses e non nos recibiu. Tanto ten, ou non. Outro que descoñece o significado de palabras como diálogo, colaboración, responsabilidade, veciñanza. Que se toma as críticas como algo persoal en vez de asumir a lexitimidade dun grupo de veciños para fiscalizar a súa xestión e pedirlle melloras que redundan no beneficio de todos. Un grupo de veciños sensibilizados coas problemáticas que ameazan o monte, entre as que sobresae o proxecto de instalación dun polígono industrial que vai arruinar a riqueza forestal do Pituco, que nos vai deixar sen mananciais de auga, que lles vai afectar aos elementos arqueolóxicos e patrimoniais que nel abundan, que vai causar un impacto ambiental e paisaxístico indescriptible, que repercutirá negativamente nos núcleos de poboación máis próximos da Pena, Caeiro, Casal, Laxe e Bouza polo efecto dos taludes inmensos que se construirían para salvar a forte pendente do terreo…

…E non atende a razóns. A directiva da Comunidade de San Xulián non atende a máis razóns que o poderoso cabaleiro don diñeiro.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: