…Un antes e un despois. Un pasado e un presente. O Alto do Pornedo empeza a recuperarse da agresión continua á que viña sendo sometido pola circulación sistemática de motos e quads que provocaron unha severa erosión no terreo, con peraltes de terra que foron medrando impunemente polo paso continuado das rodas.
O mesmo espazo, tres meses despois, nesta Semana Santa de 2011.
…Antes:
Despois…
…O pasado recente, xusto a carón dos patroglifos catalogados do Pornedo:
E o presente (que ogallá sexa duradeiro)…
A Comunidade de Montes de San Xulián obrou por fin como dende había tempo se lle viña pedindo. En vésperas desta Semana Santa, empregáronse medios mecánicos para achandar o terreo no Alto do Pornedo, erosionado polo tránsito rodado de motos e quads que, dende había tempo e de forma irregular, se instalaran nesta zona do monte comunal para exercitarse os seus pilotos. A directiva da Comunidade de Montes tivo a ben tomar medidas directas e drásticas, como procedía a petición dos propios comuneiros que, en asemblea, manifestaran decididamente a súa disconformidade co estado de degradación progresiva no que fora caendo este espazo.
Os peraltes de terra desproporcionados que alteraran a fisonomía do terreo, e que foran provocados pola acción sistemática das rodas, xa quedaron nivelados. Confiemos agora na acción reparadora da natureza, na capacidade do solo para recuperarse e ir borrando pouco a pouco os sinais visibles das rodadas, no avance da vexetación que permita ir consolidando o terreo agredido e revertir o aspecto poirento e inerte causado polos neumáticos.
Cómpre outra acción urxente, que ten boas perspectivas de cumprirse nun prazo razoable: a sinalización da zona. Así se lle solicitou tamén á Comunidade de Montes, para que complete unha actuación tan necesaria. Declarar cunha mensaxe clara, exposta publicamente nun panel co lema ESPAZO RESTRINXIDO Á CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS MOTORIZADOS, ou semellante.
E desta maneira o Alto do Pornedo converterase nun lugar acolledor e atractivo para os visitantes que procuren unha andaina satisfactoria, que aúne natureza e cultura, coa presenza de petroglifos que, nunha fase seguinte, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio, tamén se poden sinalizar convintemente. Un lugar produtivo, porque os comuneiros poderán aproveitar o fento e o toxo que medra alí para o estrume das cortes. Un monte multifuncional, como o que promove a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común: a suma de uso forestal e agrogandeiro, coa faceta medioambiental e paisaxística, sen pasar por alto a dimensión turística ou cultural. Por iso, GRAZAS á Comunidade de Montes de San Xulián por empezar a “mimar” o Alto do Pornedo e por ir cumprindo a misión que se lle presupón.
[…] artigo titulado “O EX-CIRCUITO: ANTES E DESPOIS“, apréciase o estado do que estaba o Alto do Pornedo este pasado mes de abril, logo de que […]
By: …CAFRES RETURN! « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 13/06/2011
at 21:13
[…] -Excircuito: antes e despois, artigo do 25 de abril de 2011. […]
By: PREMIO Á DILIXENCIA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 26/06/2013
at 00:16
[…] Ex-circuíto: antes e despois (abril […]
By: CONSOLÍDASE A ACTIVIDADE AGROPECUARIA NO MONTE PITUCO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 10/02/2015
at 21:06