Publicado por: MontePituco | 26/07/2018

DIVERSIFICACIÓN PRODUTIVA NOS MONTES COMUNAIS

26xul18_Faro_productividad montes

«La productividad de los montes quemados en 2006 hasta ahora es de cero euros»

Francisco González Táboas, enxeñeiro técnico forestal de Silvanus, a Asociación Profesional de Silvicultores

“Lo que tienen claro los comuneros es que hay que diversificar y, partiendo de esa premisa, se busca aquello que mejor se adapte. El lúpulo, para cerveza; la paulonia, que es una especie de crecimiento más rápido que el eucalipto y se destina a biomasa; los cultivos de frutos del bosque y la cría de ganado ecológico en libertad son algunas de las opciones que están sobre la mesa y algunas ya forman parte del paisaje de algunos montes”.

“Esta transfomación del monte no es barata y existen pocas líneas de ayuda para llevarlas a cabo”.

“Hoy los montes cuentan con superficies mayores de cortafuegos con zonas de frondosas caducifolias que antes de los incendios de 2006. Aquellos fuegos dejaron en evidencia que las cosas no se estaban haciendo bien. Pero lo más importante es que la legislación cambió y que la limpieza de montes y parcelas particulares es una obligación”.

Publicado por: MontePituco | 25/07/2018

INCENDIOS REITERADOS EN PARDAVILA

25 de xullo, incendio en Pardavila

25 de xullo pola tarde, incendio en Pardavila. Na parte inferior-esquerda da imaxe, obsérvase o camión da brigada de extinción dirixíndose ao punto onde se levanta a columna de fume.

Hai alguén empeñado/a en que o monte de Pardavila arda; e por extensión, porque para o lume non hai marcos nin fronteiras, que ardan tamén o monte de San Xulián, o monte do resto de Marín e os montes que rodean esta vila, tanto cara ao Morrazo como cara a Pontevedra.

Alguén aproveitou o 25 de xullo, xornada festiva e día grande de Galicia, para prender unha chama ou artellar algún mecanismo criminal co propósito de atentar contra o patrimonio natural e, como consecuencia, poñer en risco as vidas dos operarios das brigadas contra incendios e da veciñanza potencialmente afectada polas lapas. Ese alguén actuou pola tardiña, co día avanzado e con menos horas de luz por diante para dificultar os traballos de extinción.

Tamén cabe a posibilidade de que a columna de fume que se erguía nas proximidades do Castelo de Barbudo fose resultado dos rescoldos dun incendio que se produciu en días anteriores no mesmo lugar. Pero o certo é que, onde non ardeu e en ausencia de tormenta eléctrica, o lume non se produce por xeración espontánea, senón porque algo ou alguén o provoca.

Urxe investigación e vixiancia para evitar que alguén chegue a consumar o seu perverso propósito. Ogallá este ano os montes desta contorna non se acaben sumando ás negras estatísticas da devastación.

26xul18_Faro_IncendioPardavila

Publicado por: MontePituco | 24/07/2018

PETROGLIFO DE PENIZAS

Calco do petróglifo de Penizas (Antonio de la Peña)

Petróglifo de Penizas

O libro “Petroglifos e outras prehistorias” describe o petroglifo de Penizas como un “gravado de pequenas dimensións que presenta un par de combinacións circulares”. Situado no outeiro “máis meriodional” deste monte, en terreos da parroquia de Santa María do Campo, a publicación de Álvaro Arizaga e Xulio Abal xa evidenciaba en 2007 a ausencia de camiños que conduciran a este xacemento.

O Concello de Marín, que tanto presume das súas rutas turísticas, promociona na web municipal e mais na páxina de Terras de Pontevedra que Penizas posúe un roteiro para sendeiristas que tamén conta con seguidores entre os afeccionados á bicicleta de montaña. Sen embargo, en ningures se informa aos visitantes desta paraxe que existe un petróglifo catalogado, e por tanto, inscrito como Ben de Interese Cultural.

Como a inmensa maioría do patrimonio rupestre do municipio atópase en zonas rurais -sendo San Xián a parroquia coa maior densidade de xacementos arqueolóxicos-, este gravado permanece no máis absoluto abandono, rodeado de vexetación (fento, toxo) e de especies pirófitas (piñeiros, eucaliptos) que o expoñen a ser pasto fácil das lapas e da destrucción segura en caso de producirse un incendio. Xa se ten criticado reiteradamente: o Concello de Marín só ten ollos para os petroglifos de Mogor.

Por moito que estea oficialmente inventariado, a ausencia de interese por parte do Goberno local para dalo a coñecer e por coidalo, como sería a súa obriga, condénao a pasar desapercibido e a non existir a ollos da veciñanza e dos turistas, agás para os entusiastas da cultura e do patrimonio histórico que saben da súa existencia.

Para cando a posta en marcha do Plan de Protección do Patrimonio aprobado no Pleno da Corporación?

Por que os promotores políticos do Plan -máis discreto que potencialmente efectivo en termos teóricos- renunciaron a desenvolver unha estratexia ambiciosa e global para os xacementos arqueolóxicos que temos a sorte de posuír no noso termo municipal?

Que inexplicable motivo ‘xustifica’ que non se teñan en conta os coñecementos dos expertos en patrimonio local/comarcal e dos colectivos de defensa do patrimonio para compensar as eivas das comunidades de montes -as únicas convocadas ás xuntanzas- no que respecta polo menos á localización dos xacementos?

A que agarda o Concello de Marín para actualizar no seu Planeamento Urbanístico a localización, identificación e descrición dos elementos catalogados que están erroneamente recollidos, e para incorporar os novos xacementos descubertos e recoñecidos a nivel oficial polas autoridades de Patrimonio?

Vista do Pornedo e da Encavada dende Penizas

Dende diversos puntos de Penizas divísanse excelentes vistas do Pornedo (Pituco) e do Alto da Encavada. No val situado entre ambos montes exténdese a parroquia de San Xián, que aínda conserva unha importante produción agrícola.

Da capacidade de xestión do Goberno local depende aproveitar os recursos do rural marinense -natureza, cultura, paisaxe- para artellar políticas eficaces que xeren dinamismo e riqueza en termos de sostibilidade e de respecto ao medio.

Vista do Pornedo e da Encavada dende Penizas

Vista do Pornedo e do Alto da Encavada dende o miradoiro natural de Penizas situado sobre un abrigo rochoso cuxa antigüidade se remonta ao Calcolítico

Vista da Encavada dende Penizas

O Alto da Encavada no horizonte dende a aba do Monte Penidas preto do lugar da Moreira, onde recentemente se realizaron traballos de desbroce.

Vista do Pornedo dende Penizas

Silueta do Monte Pituco no horizonte, vista dende a aba do Monte Penizas, preto do lugar da Moreira

Publicado por: MontePituco | 23/07/2018

OLIVEIRAS NOS MONTES DA PROVINCIA

Faro, 23 xullo 2018

Cinco comunidades buscan inversores para introducir olivos en el monte y producir aceite de origen gallego

Pretenden desarrollar una almazara en la que empresas privadas gestionen las plantaciones a cambio de un alquiler anual por hectárea – Son de Pontevedra, Poio, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro y Caldas de Reis

Comunidades de montes de la provincia, entre las que se encuentran las de Campañó, San Xoán de Poio, Borela en Cerdedo-Cotobade, Paredes en Campo Lameiro y Godos en Caldas de Reis, buscan capital privado que permita el desarrollo de una industria que produzca aceite de oliva de origen gallego (…) “Cada planta produce entre 10 e 12 quilos de oliva en Andalucía. Aquí calculo que arredor de 8, porque temos moitas menos horas de sol. Sen embargo, esta produción baixa se falamos dun cultivo ecolóxico que, en cambio, adquire un valor no mercado moi superior”. Y Francisco González lo tiene claro. “Temos que darlle ao aceite que saia dos nosos montes un elemento diferenciador, que nos permita vender un plus de calidade”.

Los montes calcinados en el verano de 2006 se mantienen improductivos y Campañó apuesta por la diversificación

Ese uso lúdico garantiza un mantenimiento del monte que no se hacía antes del año 2006. Pero es necesario ir más allá. José María Domínguez, presidente de los comuneros, apuesta por una extrema protección del monte, que es posible a través de la disversificación de las plantaciones, un exhaustivo trabajo de limpieza y mantenimiento y un uso social. Por ello, a no mucho tardar, Campañó tendrá un área de Alto Valor Ecológico, “un gran parque botánico” para disfrute de todos los pontevedreses, en el que habrá castaños y carballos, pero también olivos. Tres hectáreas es lo que Campañó tiene previsto destinar inicialmente a esta nueva planta. Eso sí, lo hará a través de un cultivo totalmente ecológico, sin presencia de ningún producto químico.

Publicado por: MontePituco | 22/07/2018

A FORNEIRIÑA, NA DEFENSA DO PATRIMONIO

La Voz, 22 xullo 2018

«Temos unha riqueza rupestre impresionante, pero abandonada»

Martina Viéitez, colectivo na defensa do patrimonio A Forneiriña

Viéitez mantén que boa parte da culpa do abandono do patrimonio prehistórico é porque «non o valoramos»

 

“Hai que coñecer as prioridades e, tal vez, deixar de escavar en castros xa escavados cando hai máis castros que están abandonados ou, incluso, en perigo de ser destruídos por plantacións de eucalipto. Parece que o que está catalogado, pero sen coñecer, non interesa”.

Publicado por: MontePituco | 21/07/2018

SALCEDO COMBATE AS ESPECIES INVASORAS

La Voz, 21 xullo 2018

«Llevamos ocho años quitando invasoras y el monte no arde»

La parroquia de Salcedo, en Pontevedra, según Fernando Pintos, el presidente de los comuneros, se debe dar un giro en la reforestación para atajar el fuego

«Mientras sigan, sobre todo en la parte sur de Galicia, todas las invasoras como el eucalipto, mimosa, acacia negra… ya puede haber todos los militares que quieras, que fuego va a haber. Lo que hacen es potenciar las empresas del fuego para que haya más incendios y más apagafuegos». De este modo, piensan que el dinero debería ser destinado de otro modo: «Los responsables políticos y los que velan por esta situación lo que hacen es llamar a los militares o poner helicópteros. Eso es gastar dinero y no sirve para nada». En relación a la principal invasora dice que «va a llegar un momento en el que la gente va a tener que pagar dinero para que le saquen los eucaliptos de las propiedades».

Publicado por: MontePituco | 20/07/2018

ESFINXE COLIBRÍ, NO VAL DO MONTE PITUCO

Camiñando por San Xián chamoume a atención unha mata de borraxa ou lingua de boi -en castelán, vivorera- pola cantidade de abellóns que reboaban por ela, chuchando nas flores. De entre os insectos, fixeime nun especialmente grande que semellaba unha pequeno colibrí. «Imposible -pensei. Vale co cambio climático, pero unha especie tropical na Bouza, non pode ser!». Cal foi a miña sorpresa cando Jose Rodrigo Dapena, da Sociedade Galega de Historia Natural, me achega a identificación desta fermosa especie: Esfinxe colibrí (Macroglossum stellatarum).

…Unha marabilla vela por primeira vez, nos camiños do val do Monte Pituco. Sendeiros que percorremos con curiosidade, cos ollos ben abertos, prestando atención aos pequenos detalles que nos brinda a natureza, no seu amplo abano de biodiversidade. Por fenómenos tan ‘simples’ coma este, e por moi ‘normal’ que sexa a presenza da Esfinxe colibrí nesta contorna, ben paga a pena ter salvado o ‘balcón da ría’!

 

Esfinxe colibrí

Publicado por: MontePituco | 16/07/2018

VISITA AO ILLOTE AREOSO

A xornada preséntase co ceo toldado e unha temperatura suave. Semella un tempo óptimo para pasar a mañá nunha ‘illa d’A Illa’, sen arborado nin vexetación que lle ofreza sombra aos visitantes. O itinerario en lancha permite gozar dende a ría da proximidade dos barcos mexiloeiros e das embarcacións a vela que fondean no porto de Xufre.

Unha sorprendente xeografía litoral bordea A Illa: o faro de Punta Cabalo construído en 1852, o Parque Natural de Carreirón na parte sur…

Itinerario pola costa d'A Illa ata o illote Areoso

A impoñente xeografía litoral d’A Illa, con enormes formacións graníticas aflorando directamente dende a ría

O abraiante penedo que se sostén en tres puntos de apoio

O abraiante penedo que se sostén en tres puntos de apoio

Itinerario pola costa d'A Illa ata o illote Areoso

As bateas, sinónimo de riqueza económica e cultural na ría de Arousa

O sector mexilloeiro é unha das bases da economía local, xunto co marisqueo a pé e a flote, e as artes menores de pesca.

O illote Areoso recíbenos con moita serenidade nas súas solitarias praias de area fina. O público que accede a este espazo faino en embarcación privada ou canoa. Polo carácter especialmente sensible deste pequeno hábitat, sería comprensible que houbese un cupo diario de visitas. En todo caso, a presenza desta pequena excursión conta co visto e prace das autoridades de Patrimonio e Medio ambiente, polo control que fan dos accesos organizados dende as empresas turísticas.

Malia que varios carteles advirten da presenza de aves nidificando, incubando os seus ovos e criando os polos, algúns visitantes actúan de xeito irresponsable internándose na área restrinxida a risco de esmagar as postas e as propias aves, cuxo color e pequeno tamaño é moi difícil de distinguir entre a area.

Visitas en zona restrinxida, baixo unha bandada de aves alteradas

Precisamente, a gavita é unha das especies protexidas que aniña preto da mámoa número 4, un dos túmulos que se conservan en Areoso, coñecida como ‘a illa dos mortos’ pola presenza de restos megalíticos que foron excavados en sucesivas campañas e reforzado algún deles con muros de contención para protexelos da forza das mareas, que vai arrebatando aos poucos estes pedazos de prehistoria.

A mámoa nº4, en espazo restrinxido

A mámoa nº4, en espazo restrinxido

mamoa3-min

A mámoa nº4, en espazo restrinxido, fotografada con zoom dende a zona de penedos na baixamar

Á espera de que pase o 15 de agosto para que a parte da illa con maior presenza de restos arqueolóxicos se poida volver visitar, outras pedras -nun sentido máis rústico- admiten unha demorada contemplación, polas curiosas formas que lles foi imprimindo a erosión no transcurso do tempo.

Variada e valiosa representación da biodiversidade, tanto de flora como de fauna mariña…

Unha illa que é un pequeno paraíso que cómpre protexer e conservar…

Illote Areoso

Logo dunha experiencia tan enriquecedora, chega o momento de retornar. O tempo pasou voando, nunca mellor dito, entre gaivotas, cons de caprichosa fisonomía, patrimonio milenario, e moita riqueza animal e vexetal.

Retorno ao porto de Xufre

Coa silueta do Monte da Curota no horizonte

Xa de volta á ‘civilización’, paga a pena visitar o Faro, as praias e outros recursos naturais que ofrece A Illa. Malia que pequena, merece un tempo para coñecela a fondo…

Faro de Punta Cabalo

 

Publicado por: MontePituco | 14/07/2018

O PETRÓGLIFO D’A PENA ‘VOLVE Á CASA’

Representación do petróglifo d'A Pena, en cerámica

O pasado mes de xuño tivemos a oportunidade de participar nun curso de gravado e esgrafiado en cerámica, organizado polo taller Alén das Olas. Os gravados rupestres foron o eixe temático da actividade e, como homenaxe ao patrimonio estragado, esquecido ou desaparecido, quixemos representar o petróglifo de A Pena, que se atopaba nun penedo -de aí o topónimo do lugar- que desapareceu a raíz das obras da Variante; probablemente sepultado polo recheo actual. 

Homenaxe ao patrimonio perdido, mais tamén homenaxe á persoa que fixo todo o que puido -malia que sen éxito- para evitar que se perdese: Xan Montenegro. Porque non foron poucas as veces que Xan acudiu a delegación de Patrimonio, enviou escritos, comunicados de prensa e deu a voz de alarma para que ese elemento fose documentado xa que, malia existir e haber cando menos unha fotografía que así o testemuñaba, non figuraba no catálogo oficial de Bens de Interese Cultural. Os intereses da Administración -e quizais outros ‘intereses’ paralelos- para non demorar a construcción da Variante coa localización dun petróglifo que seguramente podería ter paralizado as obras -ou mesmo alterar o seu trazado nese punto- foron a todas luces un factor determinante para que os esforzos de Xan Montenegro por protexer o petróglifo d’A Pena, foron en van.

Representación do petróglifo d'A Pena, en cerámica

Pero, aínda que de xeito simbólico, esa pequena figura de círculos concéntricos e cazoletas ‘volveu á casa’… Unha placa cerámica feita por mans inexpertas, aínda que perfeccionistas, lembra a existencia deste malogrado gravado rupestre. 

Unha vez seca a arxila, e co acabado final a verniz aplicado por Alén das Olas, puidemos traer esta humilde representación do petróglifo d’A Pena a onde aproximadamente sería a súa ubicación orixinal. Dende logo, imaxinando como sería aquel lugar hai miles de anos, na Idade do Bronce, cando os antigos moradores deste lugar elixiron este outeiro para deixar as súas pegadas nas pedras, hailles que recoñecer o bo gusto: a ollada panorámica sobre o val… o ‘skyline’ das montañas no horizonte… a inspiración.

 

Publicado por: MontePituco | 13/07/2018

CUNETAS IMPRACTICABLES, PERIGO PARA VIANDANTES

Cuneta entre O Caeiro e A Bouza

É un ‘clásico’ por estas datas, a partir da primavera e ben entrado o verán… Se as máquinas da Deputación -titular do vial provincial que atravesa a parroquia- ou os servizos habilitados polo Concello de Marín non actúan, as cunetas énchense de vexetación e convértense en espazos inaccesibles e impracticables para os viandantes. O problema non é que haxa herba, senón que dun tempo a esta parte medraron silvas, estrugas e ata acacias cheas de pinchos que dificultan enormemente o paso de peóns. A liña branca que delimita o carril para os vehículos de motor do xa minúsculo espazo que hai para que as persoas nos despracemos, hai moito que desapareceu practicamente debaixo do fento e das demais plantas que van medrando.

Pasan os días e as semanas e non parece que a ninguén lle incomode ou lle preocupe esta reiterada situación. Tod@s somos usuari@s pero, ou ben a veciñanza pensa que é un perigo mais ninguén move un papel ou fai unha chamada para buscarlle solución, ou verdadeiramente estamos anestesiad@s pola comodidade, a desidia ou a irresponsabilidade. Ata que algún día leven a alguén por diante pola alta velocidade ás que @s fitipaldis conducen por aquí…

Como na Asociación Monte Pituco non somos desa segunda caste de persoas, senón que crémonos na obriga de demandar o que é xusto acudindo ás Administracións que correspondan, unha vez máis presentaranse as peticións e os documentos gráficos oportunos tanto no Concello como na Deputación -que tanto abogan pola seguridade vial e peonil- para que unha ou a outra, ou as dúas coordinadamente, tomen as medidas necesarias para facer transitable esta estrada sen risco de que xogarmos o físico.

Publicado por: MontePituco | 26/06/2018

CANDEAS PARA XABIER DOCAMPO

Candeas (de castiñeiro) para Xabier P. DoCampo (Rábade, Lugo, 1946 – A Coruña, 2018).

…In memoriam…

"O libro das viaxes imaxinarias"

“…As árbores de Aimefue tamén teñen o don da palabra e poden falar entre elas, aínda que non se sabe de ninguén que fose quen de comprender a súa fala fóra delas mesmas. O que si se deu sabido é que non se trata de expresións simples aplicadas ás necesidades que a supervivencia lles dita, senón que son quen de organizar discursos complexos e ben artellados chegando mesmo á expresión dun pensamento abstracto que abeira moi de preto o pensamento filosófico e o razoamento matemático.

O Viaxeiro abandonou Aimefue algo decepcionado por non poder prolongar máis a súa estadía e intentar un camiño de comunicación coas árbores, aínda que fose rudimentario…”

[Fragmento d’O Libro das Viaxes Imaxinarias, escrito por Xabier P. DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas]

Publicado por: MontePituco | 24/06/2018

PLANTAS E AUGA DE ‘SAN XOÁN’ NO MONTE PITUCO

A tradición das plantas e das flores de San Xoán, no Monte Pituco

Un ano máis, fieis á tradición de colleitar as plantas para aromatizar e purificar a auga coa que, na mañanciña de San Xoán, nos lavaremos. Unha parte importante desta abundante e colorida cesta de herbas e flores medran no Pituco: sabugueiro, codeso, estalote, castiñeiro, falsa árnica, tromentelo, fiúncho, macela, mentraste… Outras procederán das hortas situadas ao pé do monte. E o líquido elemento ten a súa orixe tamén nos acuíferos centenarios que percorren as entrañas do ‘balcón da ría’.

Sexa pola calidade incuestionable da materia prima, sexa pola fe que move montes e montañas, o ‘meigallo’ cruel que pendía coma unha espada de Damocles sobre este Espazo Protexido do bravo Morrazo, desapareceu coma o fume das cacharelas. Ningún polígono industrial virá empañar o futuro que o solpor pinta de dourado.

Meigas fóra! Pro-polígonos fóra!

A tradición das plantas e das flores de San Xoán, no Monte Pituco

Invocando a protección das herbas de San Xoán para o conxunto rupestre do Pornedo

A tradición das plantas e das flores de San Xoán, no Monte Pituco

A tradición das plantas e das flores de San Xoán, no Monte Pituco

Do monte, á fonte, para empaparnos de maxia

Publicado por: MontePituco | 23/06/2018

DÉCIMO ‘SAN XOÁN’ DE VAIPOLORÍO

Décimo San Xoán de Vaipolorío, con Amancio Castro

A carón da Ponte da Condesa

Vaipolorío suma outra marca máis no seu meritorio palmarés de logros: unha década organizando charlas divulgativas sobre o amplo repertorio de herbas que conforman o cacho de San Xoán. Unha década de labor pedagóxico que tamén tivo a súa ardua faceta de documentación, visitando cada unha das parroquias regadas polo río Tomeza/Gafos e entrevistando a quen podía achegar información sobre as plantas medicinais e aromáticas empregadas na noite máis máxica do ano para obter unha auga con propiedades beneficiosas coa que lavarse ao amencer, logo de permanecer ao aire libre captando a rosada da madrugada.

Pero non é polo que se poida aprender -que tamén!- sobre as cualidades sandadoras do hipérico, da menta ou da herba luisa, sobre o potente tinte da nogueira, sobre o valor simbólico da folla de viña ou de castiñeiro para o sustento diario en épocas pretéritas, ou sequera sobre o efecto decorativo dos pétalos de rosa, entre outras moitas plantas (as máis repetidas polas informantes suman 23 especies neste abundante cacho proposto por Vaipolorío).

Décimo San Xoán de Vaipolorío, con Amancio Castro

Por riba de todo isto cómpre destacar a relevancia académica e humana de quen imparte esta charla, o profesor de ciencias naturais e educación ambiental Amancio Castro. Ademais dun fondo coñecemento sobre a flora, a fauna e a biodiversidade do Gafos en particular e sobre a natureza de Galicia en xeral, está a súa capacidade para transmitir esa sabedoría de xeito ameno e asequible. Nas súas intervencións mestúranse comentarios sobre a procedencia das plantas, os seus usos tanto no plano doméstico como na farmacopea científica, e a nivel antropolóxico ata as crenzas ou supersticións que se lles foron atribuíndo popularmente.

Todo isto mesturado con entrañables anécdotas dos seus tempos como mestre nas diversas escolas onde a rapazada tivo a sorte de contar cun profesor tan ‘enrollado’.

Nós tamén quereriamos ter un mestre que, dun xeito sutil e efectivo, lograse que o cheiro fedorento da ruda se acabara convertendo en auténtica devoción polo arrecendo da planta, polo simple -que non inocente- xesto de tela presente na aula durante todo o curso. A verdadeira educación, a que perdura para sempre, é a que se cultiva día a día, a lume manso. Como os dez anos que Vaipolorío leva ‘encantando’ adeptas e adeptos da tradición das herbas de San Xoán.

Décimo San Xoán de Vaipolorío, con Amancio Castro

Rosas

Cacho de San Xoán (fonte: Vaipolorío)

Publicado por: MontePituco | 20/06/2018

HOMENAXE A XAN MONTENEGRO NO SEU 7º CABODANO

Diario, 17 xuño 2018

Benquerido Xan

Por primeira vez dende que cada mes de xuño nos reunimos a carón do monumento na túa memoria, non estou aí para soltar a miña cansina chapa a prol da defensa do Monte Pornedo. Despois de que na homenaxe do ano pasado che dedicara a primeira vitoria xudicial contra a Xunta, facíame moita ilusión poder estar este sábado canda a túa bravísima familia para dedicarche un segundo triunfo, neste caso contra o Concello de Marín. Conseguímolo, Xan, por partida dobre. Vai por ti!

O polígono industrial que ameazaba o patrimonio histórico e cultural, a natureza e a paisaxe dese ‘balcón da ría’ que tanto amamos, xa está no lixo, tumbado por dúas sentenzas firmes e irrevocables. E os pro-polígono, que veñen sendo a mesma caste ruín que durante anos se dedicou a machacarte en vida, teñen o seu merecido en forma de palmo de narices. Non puideron connosco malia todos os atrancos e o xogo sucio que practicaron. 

Inspiráchesme a fortaleza, o tesón e a ironía que marcaron en parte esta loita. Tal vez se puidera ter feito mellor nalgúns aspectos; ogallá os nosos camiños se tiveran cruzado antes para que a túa referencia me axudase a actuar con máis determinación en momentos de dúbida. 

Abraiaríaste cos drásticos cambios de rumbo que se teñen producido na política local, máis no curral onde tanto te fixeron padecer. E ficarías perplexo ante outras actitudes cando menos cuestionables.  Seguramente actuarías analizando as cousas coa túa parsimonia, entornando os ollos con picardía e botando un sorriso mentres pronunciaras algunha desas reflexións inintelixibles, dicindo todo e nada a un tempo. Porque diso se trata: de relativizar as dificultades, quitarlle ferro ao que nos enerva e manter o noso rumbo; ti que tanto sabías do mar e das súas tormentas… Só alguén coma ti para saber o que verdadeiramente importa: a vida, a amizade, os principios, os ideais.

En tratar de seguir os teus pasos está a razón da miña ausencia, alí no Carballal. Camiñando por ti, e canda ti, pola recuperación da ría e das praias de Lourizán sepultadas baixo o cemento, o formigón e o asfalto. Quedan aínda outras moitas razóns para traballar a prol do que é xusto, pero a protección do Pornedo xa foi gañada a pulso, e máis que aspiramos a lograr na mellora e no recoñecemento deste noso humilde paraíso, o noso Macondo, a nosa Ítaca.

Publicado por: MontePituco | 19/06/2018

MARCHA CONTRA CELULOSAS: POLA RECUPERACIÓN DAS PRAIAS

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Saída da Alameda de Pontevedra

Manifesto da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, pronunciado pola secretaria da APDR, Antía Marinho

Desde a APDR agradecémosvos a vosa presenza na Marcha e o voso apoio e implicación en todas as actividades que levamos adiante na loita contra o deterioro ambiental da nosa contorna e na procura dun modelo de desenvolvemento respectuoso co medio e máis xusto social e economicamente.

Como sabedes, estamos a celebrar o noso 30 aniversario, trinta anos de loita que, sen dúbida, son moitos para unha organización ecoloxista que só conta coas súas propias forzas, que son as vosas. Sabemos da dificultade de loitar contra as agresións ao noso medio ambiente e á economía das clases populares, contra proxectos que veñen disfrazados de progreso e postos de traballo. E non dubidamos en dar o noso apoio a esas loitas, porque son tamén as nosas loitas. Citaremos hoxe a loita contra a mina de Touro pola súa actualidade e pola exemplar resposta mobilizadora do pasado domingo.

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

E sabemos tamén que a nosa loita ten unha dificultade engadida; estamos a loitar contra dúas empresas asentadas na nosa Ría hai xa máis de cinco décadas, contra dúas empresas que contan con importantes apoios políticos e mediáticos. Para moita xente, o “normal”, o “lóxico”, sería acomodarse á situación, aprender a vivir xunto ao monstro que nos rouba o lecer, a saúde e a economía, e soltar un suspiro ou facer un aceno de desaprobación cada vez que o vemos ou falamos del.

Ven como máis normal adoptar unha actitude de resignación, e mesmo xustifican esta actitude como unha das características do noso pobo! Mais non é así, e temos que entender e valorizar o importante que é o feito de continuarmos na loita, ano tras ano, sendo conscientes das nosas derrotas mais tamén das nosas vitorias. Esta actitude é un tesouro porque nos impide caer no derrotismo, no fatalismo ou no cinismo. É a proba da nosa fortaleza e de que non nos resignamos a que nos impoñan un futuro que, nin queremos, nin necesitamos!

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Porque nós non renunciamos aos nosos obxectivos, non renunciamos a conseguir a recuperación da nosa Ría e as nosas praias, unhas praias que foron ao tempo espazo de lecer e divertimento, e soporte físico de milleiros de postos de traballo; aquelas praias que -en palabras das vellas mariscadoras- “sacaron moitas fames ao pobo” e que hoxe están baixo a fábrica. Recuperalas é hoxe unha das nosas consignas e foi sempre un dos nosos obxectivos irrenunciábeis!

Concorren este ano circunstancias que fan especial esta Marcha; dunha banda, o cambio de goberno en Madrid deixa nas mans do PSOE a decisión de decretar XA a caducidade da concesión de ELNOSA e a busca das vías que permitan anular a indecente prórroga de 60 anos concedida polo PP a ENCE.

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Asistentes á Marcha procedentes da Alameda de Marín

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Flashmob realizado por Greenpeace

Comunicaban hai ben pouco os propietarios de Elnosa, que tiñan decidido deixar de producir cloro e sosa en Lourizán, pero deixaban a porta aberta a seguir utilizando as súas instalacións para “comercializar derivados” como o hipoclorito sódico. Na APDR alegrámonos desta noticia, porque sabemos que é froito da loita continuada contra o complexo Ence-Elnosa; pero sabemos tamén que non podemos baixar a garda, que debemos manter a presión social e institucional para conseguir que Elnosa feche este mesmo ano.

Por iso esiximos ao novo goberno español que cumpra a lei e decrete a caducidade da concesión de ELNOSA, unha caducidade que é indiscutíbel desde o momento en que a empresa transmitiu a súa propiedade incumprindo as condicións esixidas no título concesional. Máis non é esa a nosa única demanda ao goberno do PSOE. Esixímoslle tamén a derrogación da prórroga a ENCE; non esquezamos que o PSOE declarouse contrario á prórroga e comprometeuse a derrogala!

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Agora pode facelo, e desde a APDR imos presionar tanto pola vía xudicial como pola social para que o faga!

Doutra banda, esta Marcha serve de colofón á campaña da Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa do bosque autóctono e a loita contra os incendios, unha campaña contra a eucaliptización do país e a conversión dos nosos montes en reservas forestais para unhas poucas grandes empresas, con Ence à cabeza, e na que a APDR xogou un papel fundamental na comarca. Unha campaña que quer ser xermolo dun novo modelo para o monte e o rural, porque existen alternativas fronte á condena de ser unha colonia produtora de pasta de papel e enerxía derivada dos chamados cultivos enerxéticos.

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Agora o goberno autonómico ten que escoitar a voz da rúa e mudar radicalmente de modelo forestal, un modelo forestal ditado polos grandes intereses privados. De non facelo, está nas nosas mans e nos nosos votos mudalo. É moito o que está en xogo!

Xogámonos o futuro do rural, xogámonos ter unha economía auto-centrada e sustentábel ou unha ditada por intereses alleos, xogámonos un medio ambiente que garanta a vida e saúde da nosa e das seguintes xeracións. Temos alternativas viábeis e posíbeis desde xa, só é cuestión de vontade política, de ter visión ambiental e económica a medio e longo prazo e, simplemente, de termos un mínimo de amor pola nosa terra e de autoestima colectiva.

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Queremos rematar insistindo en que manteñades esta actitude belixerante, que aínda nos resta moita loita e necesitamos de toda a forza e intelixencia posíbel. É fundamental organizármonos, e a APDR sempre estará aberta para quen quixer contribuír.

Temos que difundir as nosas ideas de persoa a persoa para contrarrestar o silencio que nos queren impoñer ENCE, o PP e os medios de difusión. Temos que garantir que as institucións se posicionen do noso lado e non ao servizo de Ence e Elnosa. Só así acabaremos por alcanzar os nosos obxectivos. E, non o esquezamos nunca, debaixo da fábrica están as praias, aquelas fermosas praias que noutrora nos foron roubadas. Nas nosas mans está recuperalas!

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Marcha da APDR contra Ence-Elnosa, 2018

Publicado por: MontePituco | 18/06/2018

ARTE RUPESTRE EN ARXILA, CON ALÉN DAS OLAS

Curso de Alén das Olas

Antes de que a construcción da Variante de Marín aniquilase a carballeira pola que discurría o regato do Pornedo e fixera desaparecer o gran outeiro de pedra d’A Pena -de aí a orixe deste litotopónimo-, os vellos habitantes desta aldea sabían da existencia dun antigo gravado. Foi Xan Montenegro quen turrou ata a extenuación coa Delegación de Patrimonio da Xunta en Pontevedra para que os arqueólogos se achegaran ata alí a catalogar aquel petróglifo que estaba ameazado polas obras.

Os técnicos ignoraron as reivindicacións de Xan pero cando xa non había marcha atrás no avance das máquinas, acabaron recoñecendo que efectivamente ese vestixio prehistórico se atopaba alí; en parte grazas a unha fotografía tomada por Paulo Troitiño, experto no patrimonio de Marín e do Morrazo.

Cando en 2015 ACUAES extendeu polo Monte Pituco as canalizacións da nova Rede de Abastecemento de Auga, aqueles arqueólogos que pasaran olimpicamente de Xan Montenegro presentáronse no Pituco para facer unhas catas no terreo; mais unha deficiente planificación dos traballos previos pola ausencia de veciños da zona que puideran orientar sobre a localización no terreo daquel outeiro supostamente sepultado nun recheo, deu ao traste coa posibilidade de atopar aquel petróglifo perdido.

Se aqueles arqueólogos tiveran atendido a Xan Montenegro, aquel gravado posiblemente fose documentado como o petróglifo d’A Pena e hoxe en día tería enriquecido o valioso patrimonio arqueolóxico de San Xulián, a parroquia marinense coa maior densidade de xacementos rupestres. Nun xesto de reivindicación da memoria, nun acto espontáneo de desagravio e de homenaxe a Xan Montenegro, quixemos ‘rescatar’ -aínda que fose metaforicamente- aquel petróglifo; pasar do plano virtual dunha fotografía ao plano tridimensional dun obxecto que recorde que ese pedazo do pasado existiu, ou existe aínda, malia que fique baixo a terra.

Foi grazas á iniciativa do obradoiro Alén das Olas, organizador dun curso de gravado e esgrafiado de cerámica con motivos rupestres. A sesión comezou precisamente cunha introdución de Paulo Troitiño sobre a arte rupestre e un repaso aos principais xacementos marinenses a través de fotografías e calcos.

Familiarizarse co tacto da arxila, rescatando das telarañas da nenez os traballos escolares de plástica; modelar pequenos obxectos coas mans; experimentar co torno mentres a masa de barro se transforma entre as mans; aprender o manexo básico de ferramentas como o buril e practicar técnicas de decoración con engobe… Con Xermán Iglesias como mestre e cun amplo abano de gravados como fonte de inspiración, o grupo de alumnas e alumnos fomos producindo recipientes, placas e mesmo colgantes que reproducen a silueta dos petróglifos do Pornedo, da Carrasca, de Champás, da Godalleira…

Cervos, armas, círculos concéntricos e outras formas xeométricas que pertencen ao vasto patrimonio arqueolóxico da vila de Marín quedaron plasmados sobre arxilas vermellas que, trala súa cocción, serán pezas ‘eternas’. Case tan eternas como os referentes orixinais que temos nos montes de San Xulián ou de Mogor agardando que tanto os responsables políticos como a sociedade lle presten máis atención; especialmente aqueles que se atopan nunha situación extremadamente vulnerable, desprezados pola Administración, ignorados e discriminados nas campañas de promoción turística e cultural a nivel municipal, provincial e autonómico.

Moitas grazas a Alén das Olas por contribuír, con esta iniciativa tan orixinal e audaz, a darlles visibilidade, a fomentar a sensibilidade cara a este legado milenario. 

Recomendamos vivamente a experiencia a todo tipo de públicos: pequenos e maiores, docentes e monitores de lecer, afeccionados ao patrimonio ou persoas alleas a este mundo. Non quedarán indiferentes porque, como ben indicou Ángel de Prado, un dos participantes no curso e bo coñecedor do acervo arqueolóxico galego, os gravados rupestres gústanlle a todo o mundo, a fisonomía dos petróglifos provoca gusto estético; pode entenderse máis ou menos o seu significado, pero ninguén dirá que sexan feos.

Curso de Alén das Olas

Curso de Alén das Olas

Curso de Alén das Olas

Curso de Alén das Olas

 

Publicado por: MontePituco | 16/06/2018

FOTOGRAFAR A NOITE (II)

Fotografía nocturna no Pituco

A lúa crecente brillaba pequeniña no horizonte e enriba dela, Venus. O demais, ruído contaminante, balbordo lumínico que impide gozar da noite, para disgusto da bichería que habita na nosa contorna, mais tamén para o propio ser humano, aínda que case ninguén se decate do dano que lle fai á nosa saúde o exceso de luz artificial cando debería reinar a escuridade.

Como era de esperar, na sesión práctica organizada no Monte Pornedo (Pituco) por Queremos Galego Marín co lema “Fotografar a noite”, fíxose patente o abuso que as vilas e cidades fan da iluminación en horario nocturno. O caso de Marín, a vista dende o ‘balcón da ría’ permite observar o escandaloso resplandor que emiten a Escola Naval, o porto ou a avenida de Ourense. Na outra beira da ría, outro foco de contaminación luminosa está ao fondo, en Sanxenxo, e tamén na poboación costeira de Poio, ademais de Pontevedra ao fondo. 

Se a isto se suma o chorro de luz que se proxecta dende a ría de Vigo, atopámonos con que é practicamente imposible observar a Vía Láctea a simple vista dende esta parte da península do Morrazo. Posicionándose a carón do conxunto rupestre do Pornedo e orientándose cara ao interior da bisbarra, e facendo un esforzo de concentración, pódese definir coa ollada -ou case intuir- un tenue vapor de claridade no pouco que queda da negrura do ceo.

Cómpre ter a pericia de hábiles fotógrafos como Fran Currás de Queremos Galego Marín, e participantes na actividade como Antonio Costa e Paulo Troitiño, para tomar boas imaxes nocturnas nas que se aprecia claramente a dificultade para captar o brillo das estrelas porque, precisamente, o que máis brilla -e non para ben- é a pegada abafante e asoballadora da civilización sobre un medio natural débil e absolutamente desprotexido.

Ogallá esta actividade e a difusión que se faga da evidencia incontestable dun problema silencioso pero importante como o da contaminación luminosa, sirva para que a cidadanía tome conciencia e lle demande ás Administracións medidas para racionalizar o uso e o consumo da enerxía eléctrica. Redundará nunha mellor calidade de vida para tod@s, e empezaremos notando a mellora nos nosos petos e nas arcas do erario público.

Fotos dende o miradoiro do Pornedo

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Conxunto rupestre do Pornedo

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Fotos de Antonio Costa

Fotografía nocturna no Pornedo (Antonio Costa)

Fotografía nocturna no Pornedo (Antonio Costa)

Fotografía nocturna no Pornedo (Antonio Costa)

Fotos de Paulo Troitiño con teleobxectivo dende o miradoiro do Pornedo

Fotografía nocturna no Pornedo (Paulo Troitiño)

Fotografía nocturna dende o Monte Pituco (Paulo Troitiño)

Foto de Fran Currás, coa Vía Láctea tralo grupo de participantes na actividade

Fotografía nocturna dende o Monte Pituco (Fran Currás)

Publicado por: MontePituco | 15/06/2018

HOMENAXE A XAN MONTENEGRO

Este sábado 16 de xuño 

ás 21:00 horas

no Carballal (San Xulián)

a carón do monumento na súa honra

…Sete anos do seu pasamento…

Publicado por: MontePituco | 14/06/2018

TEMOS DEREITO Á NOITE

Fotografar a noite

“Reivindiquemos a noite! Temos dereito á noite!” foi o chamamento do profesor da USC Salvador Bará na súa recente conferencia sobre contaminación luminosa, organizada por Queremos Galego Marín. E do dito, ao feito; da teoría á práctica. Porque nada mellor que saír a un lugar afastado da civilización para decatarnos de que estamos perdendo ese privilexio, que o brillo das estrelas se está apagando aos nosos ollos debido a que, duns anos a esta parte, estanse iluminando as rúas, as estradas e as prazas “da peor forma”, advertiu.

Con Fran Currás como instructor, Queremos Galego Marín completa a actividade cunha saída fotográfica nocturna dende a área recreativa do Pornedo para “fotografar a noite”, achegándonos ás técnicas que permitan plasmar unha imaxe da Vía Láctea. Se dende o ‘balcón da ría’ gozamos dunhas vistas privilexiadas no plano horizontal, existe a posibilidade de que tamén enriba das nosas cabezas teñamos unha paisaxe astronómica digna de destacar; haberá que comprobar ata que extremo o impacto dos focos do campo de fútbol de San Pedro, da Autoridade Portuaria ou da Escola Naval, ademais das farolas da Avenida de Ourense, interfiren no goce da luz que proxectan as constelacións. 

As condicións do tempo son óptimas neste venres 5 de xuño e o mapa do ceo nocturno tamén ofrece unha boas expectativas de visibilidade dos principais grupos de corpos celestes.

Precisamente, Salvador Bará fixo un repaso ao valor antropolóxico e simbólico do que ata os anos 30-40 aínda era “parte da paisaxe”: as estrelas desempeñaban un papel “fundamental” na agricultura e nas longas travesías; moitas culturas as incorporaron ás súas bandeiras, moitos escritores -dende Rosalía a Neruda- se inspiraron nelas para compoñer versos e non poucos pintores, como Van Gogh, as plasmaron nos seus lenzos.

Salvador Bará, experto en contaminación luminosa

Sen embargo, aspectos tan importantes no devir da nosa sociedade como o medio ambiente, a saúde humana, a investigación científica e o patrimonio cultural padecen as consecuencias da sobreexposición á luz en horario nocturno, sen esquecer o moito que se incrementa o consumo enerxético e o gasto tanto no erario público como a nivel privado.

Dende a Estación Espacial Internacional, a uns 400 quilómetros de altura, chegan imaxes impactantes da disparatada mancha brillante que proxectan as cidades atlánticas, dende Ferrol a Lisboa; sorprende o derroche de iluminación que permite identificar claramente o territorio portugués, como chama tamén a atención a hiper-iluminación en países europeos como Bélxica e Holanda fronte á discreción de Alemaña, cuxas farolas iluminan “a metade” que as do seu ámbito xeográfico máis próximo.

“Cada vez hai menos zonas escuras”, insistiu Salvador Bará, “pero hai esperanza”. Por fortuna, a solución está en darlle a un botón, metaforicamente falando. Do que se trata, en definitiva, é de que tanto a cidadanía como as Administracións se conciencien do problema e adopten medidas ou políticas aforro enerxético. Localidades como Puente La Reina, en Navarra, ou A Veiga -Trevinca é Destino Starlight– en Ourense, son algúns dos exemplos a seguir.

A fin de contas, e “despois de moito investigar, a comunidade científica concluíu que a mellor iluminación é a diurna”, chanceou Salvador Bará, quen defendeu que se protexa a “trama negra” ou a ausencia de luz, do mesmo xeito que -en termos de ecoloxía- hai unha trama verde para referirnos á vexetación, e unha trama azul no caso dos ríos e regatos.

Salvador Bará, experto en contaminación luminosa

Pezas con motivos rupestres elaboradas por Alén das Olas

O estudio Alén das Olas (r/ Exército e Marina, 7) en Marín vai impartir o vindeiro sábado 16 de xuño un curso de iniciación ao “Esgrafiado e gravado de petróglifos sobre cerámica” que xa ten aberto o prazo de inscrición. Nunha sesión intensiva a partir das 11 da mañá e ata as 7 da tarde, os participantes tomarán contacto -dun xeito ameno e práctico- con estas técnicas de creación e decoración cerámica guiados polos profesionais que dirixen o taller, Laura Villanueva e Germán Iglesias.

O esgrafiado e o gravado son procesos de impresión arraigados nesta modalidade de artesanía dende as súas orixes. Consisten en traballar sobre a superficie da arxila utilizando ferramentas incisivas; no caso do gravado, trazando un debuxo que queda en baixorrelevo, mentres que o esgrafiado baséase na realización da figura retirando unha capa de barro superficial que enmascara o material orixinal para que este último quede á vista.

Os elementos nos que se vai centrar a decoración das pezas modeladas son os petróglifos, principalmente os documentados en Marín. Con esta temática, Alén das Olas pretende contribuír ao coñecemento e á divulgación do patrimonio arqueolóxico marinense, ademais de sensibilizar sobre a necesidade de protexer este milenario legado histórico e cultural.

Os conxuntos rupestres do Pornedo, A Carrasca, Champás, Pinal de Caeiro, Sete Camiños, Pedrouzos, Sete Espadas, A Subidá, A Godalleira ou a Pedra dos Mouros, entre outros, son algúns dos xacementos catalogados máis representativos cuxos calcos se poderán plasmar en soportes diversos previamente elaborados por Alén das Olas. Trala decoración, cocción e esmaltado das pezas, os/as alumnos/as poderá levar cadansúa creación.

O curso contará coa colaboración dun experto en patrimonio local, Paulo Troitiño, que ofrecerá unha introdución -a modo de contexto informativo- sobre os principais gravados rupestres catalogados en Marín, con imaxes da súa fisonomía, datos sobre a súa localización xeográfica, e valoracións da importancia simbólica de cada petróglifo.

As persoas interesadas poden informarse e inscribirse acudindo ao local de Alén das Olas ou contactando no número de teléfono 606994447 e no correo electrónico alendasolas@gmail.com. O prezo do curso é de 50 euros, con materiais e coccións incluídos.

 

Publicado por: MontePituco | 05/06/2018

CONTAMINACIÓN LUMÍNICA, TAMÉN EN MARÍN

Queremos Galego Marín: contaminación luminosa

No Día Mundial do Medio Ambiente facémonos eco dunha actividade que ten que ver cunha forma de contaminación ‘inmaterial’. Fai tanto dano á vista como o que provoca o lixo nas rúas, os entullos no monte, os sentinazos no mar ou os verquidos nos ríos. Mais esta clase de agresión non se percibe a plena luz do día senón cando escurece: trátase da contaminación luminosa. A Asociación Queremos Galego Marín organiza este venres 8 ás 20:00h no Museo Manuel Torres a conferencia “O outro lado da luz”, impartida polo doutor en Física da Universidade de Santiago de Compostela Salvador Bará, co obxectivo de informar e sensibilizar sobre esta problemática que a moita xente lle pasa desapercibida e que tampouco ningunha Administración se preocupa por minimizar.

De aí a importancia de abordar -desde o punto de vista científico e legal- as alteracións da escuridade natural polas emisións de luz, ademais de concienciar tanto a veciñanza como as institucións dos efectos da contaminación luminosa na natureza, na nosa saúde e na (in)cultura da excesiva e mala iluminación das nosas vilas e cidades.

Salvador Bará é profesor titular na Facultade de Óptica e Optometría. Entre as súas publicacións destaca o libro “E fixemos a luz” (Biblioteca de Divulgación, Serie Científica da USC). Entre os campos de investigación nos que traballa sobresaen as súas achegas en materia de contaminación luminosa, sobre a que ten escrito numerosos artigos. Tamén é coordinador do proxecto de divulgación “Astronomía na beirarrúa”.

O ceo foi, é, e será sempre unha fonte de inspiración creativa para toda a humanidade. Malia o seu papel protagonista na configuración da nosa civilización e da cultura, dende Queremos Galego Marín lamentan que se estean perdendo eses valor como consecuencia dun uso excesivo e irresponsable da enerxía eléctrica no alumeado público de exteriores. Esta iluminación converte as vilas nunha antorcha de fotóns que impide a visión nocturna das estrelas desde dentro da propia vila e mesmo desde fóra delas.

O uso da electricidade para xerar luz constituíu un factor de progreso incuestionable no transcurso da Historia, pero a mala e abusiva xestión desa fonte de enerxía converteuse nunha mostra máis da sociedade de consumo, pola irracional tendencia do comportamento humano. Monumentos, rúas, prazas, parques e mesmo praias mal iluminados impiden que a cidadanía poida gozar do ceo nocturno, ademais de perxudicar a vida doutros seres vivos cuxo benestar depende da súa calidade.

A contaminación luminosa afecta a saúde das persoas, xa que unha variación na iluminación ambiental natural pode producir alteracións nos patróns da liberación de determinadas hormonas (melatonina, cortisol, prolactina e as hormonas do crecemento), o que repercute en desequilibrios orgánicos a distintos niveis.

A contaminación luminosa tamén ten efectos comprobados sobre a fauna: os animais evolucionaron e viven con ciclos predecibles de luz e de escuridade; coa excesiva iluminación das cidades e das que circundan os seus habitats naturais estáselles alterando o seu patrón de vida, alterando así os ciclos migratorios, a reprodución, a alimentación e outros factores esenciais para a súa supervivencia.

“A extensión dos sistemas de alumeado público foi un dos avances fundamentais para o desenvolvemento das sociedades urbanas a partir de mediados do século XIX e dende os seus inicios foi percibida pola cidadanía en clave esencialmente liberadora. O reverso da moeda é que un innecesario mal uso deste recurso desembocou nun problema ambiental de gravidade cada vez maior”

[‘Contaminación lumínica e concienciación cidadá‘, artigo de Salvador Bará e Dositeo Veiga na Revista do Colexio Oficial de Físicos]

A charla de Salvador Bará se completarase o venres 15 de xuño cunha saída fotográfica nocturna no Monte Pornedo, a partir das 23:00 horas, guiada pola Asociación Queremos Galego Marín. 

Con este taller práctico de fotografía poderanse comprobar sobre o terreo os efectos negativos da contaminación luminosa no ceo nocturno sobre a vila de Marín. Dende o miradoiro do Pornedo é perfectamente visible a excesiva iluminación da avenida de Ourense, das instalacións da Escola Naval Militar ou do campo de fútbol de San Pedro.

Vista de Marín dende o Monte Pornedo (foto, Antonio Costa).

Vista de Marín dende o Monte Pornedo (foto, Antonio Costa).

Vista de Marín dende o Monte Pornedo (foto, Antonio Costa).

[Á esquerda, o resplandor do campo de fútbol; á dereita, a avenida de Ourense, o recinto portuario e a Escola Naval. As fotos, de Antonio Costa, foron tomadas no miradoiro do Monte Pituco (Pornedo)]

Publicado por: MontePituco | 04/06/2018

BIODIVERSIDADE DO MONTE PORNEDO

Cándido Martínez

Grazas ás achegas de Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e do colectivo ecoloxista Luita Verde, que tantas veces visita o Monte Pornedo para interesarse pola súa fauna, flora e patrimonio histórico, seguimos ampliando coñecementos sobre a rica biodiversidade deste espazo natural. Agora por fin, despois de máis de oito anos de intenso traballo, o Pornedo ‘respira’ tranquilo unha vez que o TSXG liberouno da pesada espada de Damocles que pesaba sobre esta contorna, na que o Concello de Marín e a Xunta de Galicia proxectaran un polígono industrial que afectaba de forma irreversible a súa importancia natural, cultural e paisaxística.

Dúas sentenzas firmes e irrevocables dannos a seguridade de seguirmos gozando desta contorna privilexiada, no ‘balcón da ría’, sen temer que cada primavera, cada verán, cada outono ou cada inverno, con cadansúas características a nivel botánico e faunístico, puidera ser o último. Esa desacougante sensación foi a que nos impulsou a intentar catalogar -coa axuda da fotografía e da bibliografía- cada planta, insecto, réptil ou ave que achabamos digna de figurar nun modesto caderno de campo 2.0. Esa intención documental virou tamén nunha finalidade divulgativa, didáctica e sensibilizadora. Mais agora, coa negra sombra do polígono industrial afastada por completo do Pornedo, esta crecente relación de flora e fauna ten vocación de seguir alimentando a curiosidade e o coñecemento de quen se achegue a gozar desta paraxe.

Cándido Martínez salientou a presenza da bolboreta Euphydryas aurinia, “especie querente de hábitats forestais e de matogueira, polo xeral ben conservados e a miúdo preto de ambientes húmidos, de aí tamén ou seu nome de señoriña dos brañais en galego-. Malia que se trata dun insecto “abundante nestes momentos polo Morrazo e que non está considerada como ameazada nin protexida pola lexislación estatal”, sen embargo está “incluída nos Anexos II e IV da Directiva Hábitats (Directiva 92/43/CEE) da Unión Europea, polo que é prioritario a conservación da especie e dos seus hábitats”.

Señoriña dos brañais (Euphydryas aurinia)

Señoriña dos brañais (Euphydryas aurinia)

O responsable da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tamén destacou a abundancia de insectos entre a vexetación en floración “dentro dunha importante biodiversidade, con outras bolboretas, escarabellos e grilos de matogueira”.

Escarabello do sudario (Oxythyrea funesta)

Escarabello do sudario (Oxythyrea funesta)

Esmeralda común (Hemithea aestivaria) pousada en fento común (Pteridium aquilinum)

Esmeralda común (Hemithea aestivaria) pousada en fento común (Pteridium aquilinum)

Metrioptera sp. en flor de carqueixa boieira (Halimium alyssoides)

Metrioptera sp. en flor de carqueixa boieira (Halimium alyssoides)

Ninfa de Linneo (Coenonimpha pamphilus) en flor de ouropesa (Simethis planifolia)

Ninfa de Linneo (Coenonimpha pamphilus) en flor de ouropesa (Simethis planifolia)

Tomiñeira de Batón (Pseudophilotes baton)

Tomiñeira de Batón (Pseudophilotes baton)

Oedemera nobilis en flor de vara de ouro (Solidago virgaurea).

Oedemera nobilis en flor de vara de ouro (Solidago virgaurea)

Andrena sp. en flor de Ornithogalum broteroi

Andrena sp. en flor de Ornithogalum broteroi

Nestas datas de floración primaveral, resaltan principalmente as especies ruderais “que crecen á beira dos camiños, en terreos algo alterados e cun marcado carácter nitrófilo”. Entre elas, a Erica umbellata, a primeira en florecer entre a familia das ericáceas, comunmente coñecidas como carrascos e carrascas. Ademais, medrou algún cogomelo “de tempada” como a Amanita junquillea, que “crece praticamente todo o ano en chans ácidos e areosos e todo tipo de bosques, preferentemente de coníferas”.

Amanita junquillea

Amanita junquillea

Borla azul (Jasione montana) e carrasco (Erica umbellata)

Borla azul (Jasione montana) e carrasco (Erica umbellata)

Ervellaca (Vicia sativa)

Ervellaca (Vicia sativa)

Fálago (Illecebrum verticilatum)

Fálago (Illecebrum verticilatum)

Herba da rabia (Anagallis arvensis)

Herba da rabia (Anagallis arvensis)

liño bravo (Linum bienne)

Liño bravo (Linum bienne)

Lotus corniculatus

Lotus corniculatus

Ornithogalum broteroi

Ornithogalum broteroi

Ouropesa (Simethis planifolia)

Ouropesa (Simethis planifolia)

Reseda (Reseda media)

Reseda (Reseda media)

Trevo amarelo (Trifolium campestre)

Trevo amarelo (Trifolium campestre)

Trevo rubio (Trifolium pratense)

Trevo rubio (Trifolium pratense)

Tuberaria guttata

Tuberaria guttata

Vicia parviflora

Vicia parviflora

Chamativa é tamén a localización da especie Hypericum humifusum, “unha variedade de hipérico rastreiro que crece en prados húmidos, breixedais, noiros… de substrato ácido e que malia ser unha especie que se estende por boa parte de Europa é a primeira vez que a atopo no Morrazo”, explica Cándido.


Hypericum humifusum

Hypericum humifusum

[Fotografías e asesoramento científico: Cándido Martínez]

Publicado por: MontePituco | 17/05/2018

DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO ‘BALCÓN DA RÍA’

Día das Letras Galegas con María Victoria Moreno

Fai como Iván:

busca o amor nos ollos

doces dun can.

Un ‘poema viaxeiro’ chegou ao Miradoiro do Pornedo, o ‘balcón da ría’, neste Día das Letras Galegas dedicado á profesora e escritora María Victoria Moreno.

Nenas e nenos da Escola de Educación Infantil Nosa Señora do Carme, de Marín, ceibaron textos da autora homenaxeada en diversos puntos da vila. Seguindo as instruccións que figuran no reverso do poema, gozamos da súa lectura e logo achegámonos ata o Monte Pituco (Pornedo) para que as palabras se enchouparan das cores do solpor. Agora, estes versos emprenden un novo tránsito para chegar -ogallá- a outras mans que os aprecien e sigan contribuíndo a que a literatura, a educación e a cultura flúan entre a veciñanza.

Grazas ao profesorado, o alumnado e a asociación de nais e pais da EEI Nosa Señora do Carme por poñer en marcha esta fermosa iniciativa. Grazas á pequena  Alexandra polos debuxos que acompañan a historia de Iván.

“Escribo en galego porque amo Galiza, porque Galiza me deu moito, porque penso en galego”

María Victoria Moreno

Día das Letras Galegas con María Victoria Moreno

 

 

Publicado por: MontePituco | 13/05/2018

30 ANOS DA APDR

Dous son os piares nos que se sustenta o traballo desenvolvido pola Asociación Monte Pituco (Pornedo) contra o proxecto de construcción dun polígono industrial neste emplazamento, dende finais de 2009 ata a actualidade, cando dúas sentenzas firmes do TSXG lle deron a razón a este humilde colectivo: un, a oposición da Asociación de Veciños de San Xulián capitaneada con afouteza por Xan Montenegro; outro, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra, que xa daquela reivindicaba a riqueza natural, paisaxística e cultural do espazo que Xan bautizou xustamente como o ‘balcón da ría’.

1-faro-18ene09-apdr1

7-voz-12nov09-apdr-e1526334215251.jpg

Sobre estes alicerces cimentáronse nove anos de esforzo, sacrificio e merecida recompensa para a Asociación Monte Pituco, que non pode menos que aplaudir os 30 anos da APDR e acompañar a organización ecoloxista na celebración que tivo lugar no Teatro Principal ante centos de persoas, soci@s e simpatizantes: un acto sinxelo e emotivo no que as persoas que fixeron posible estas tres décadas de traxectoria foron protagonistas e homenaxeadas, a un tempo; houbo lembranzas para quen xa non está entre nós para compartir os festexos; escoitamos o testemuño  directo de quen tivo un papel relevante na organización; participaron colaboradores no eido da cultura -a literatura, a música, a arte-; proxectouse abundante material gráfico das numerosas actividades organizadas neste tempo, ademais de fotografías e vídeos dos feitos máis noticiables: as marchas contra Celulosas e Elnosa, ou o xuízo na Audiencia Provincial no que a dirección da pasteira asumiu unha condena por delicto ecolóxico.

Dúas horas cheas de  historia nas que non faltou o humor nin o eco perenne dun lema: “Así, así, nin un paso atrás… esta Celulosa, ímola pechar!”.

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

A actriz Mónica Caamaño foi unha das presentadoras do acto

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

Arturo Estévez e Daniel Soutullo, socios fundadores da APDR e integrantes da primeira xestora

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

Homenaxe ao arquitecto Fernando Martínez Sarandeses, primeiro presidente da APDR ,ata 1991. A súa viúva recolleu o recordo da Asociación

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

Outro dos condutores do acto foi o xornalista Xabier Fortes que, entrevistou, en primeiro lugar, ao biólogo Daniel Soutullo

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

Celia Cortizo, Lidia Torres e Aida Dantas, tamén foron distinguidas

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

A APDR recoñeceu o respaldo da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), representada pola súa secretaria, Mar Santiago

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

Piter, Ralph & Tery, amenizaron a velada con música de Adriano Celentano e Fausto

“…Y las fábricas, “perfumando” están todo el aire
Y oscurecen un cielo tan negro oliendo que apesta
El alcalde asegura que la ciudad es moderna
No hacen caso si dices que el cemento tapó tus narices
El infarto es la moda, quien no lo padeció lo tendrá…”
[Fragmento de “Un árbol de 30 pisos”, de A.Celentano]

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

Leonor González ‘Nené’, presidenta da APDR entre 1991 e 1997, foi unha das voces máis aclamadas polo público. “A miña ría convertérona nunha cloaca”, declaroulle ao Diario de Pontevedra tralo seu retorno de Sudamérica. Ademais de padecer ameazas de morte polo seu activismo, nalgunhas das fotografías proxectadas víuselle protagonizando intensas protestas, nalgunha das cales foi desaloxada á forza pola Policía

A literatura, na voz de Susana Trigo, Elvira Riveiro e Calros Solla

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

O avogado Vicente García Legísima calificou de “indecente” a prórroga por 60 anos que o Goberno en funcións lle outorgou a Ence. Na súa intervención lembrou o xuízo de novembro de 2002 no que seis directivos da factoría asumiron unha condena por delicto ecolóxico

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

En 2002 a marea negra do Prestige tamén mobilizou a APDR, coordinando grupos de voluntarios que acudiron ás zonas da costa afectadas polo verquido. Manuel González foi o responsable daquel operativo

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, criticaron -respectivamente- as ‘esmolas’ de Ence aos colectivos de mariscadores para a dotación de medios materiais e aos clubes deportivos en forma de patrocinios, ademais do intento de ‘compra’ e das ‘presións’ exercidas dende a fábrica e a Xunta para que o organismo provincial cedese na situación que afecta ao Pazo de Lourizán

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

Carlos Yus, de Migallas Teatro, caracterizado como Mariano Rajoy

Rosa Fernández Caamaño e Kiko da Silva, en representación dos artistas plásticos. Canda eles, colaboradores no campo da fotografía

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

O actual presidente da APDR, Antón Masa, reivindicou que unha ampla maioría da poboación está a prol de recuperar a ría como evidencia a afluencia ás marchas contra Celulosas. Tamén rexeitou a política forestal da Xunta, ‘dictada por Ence’

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

Celebración do 30º aniversario da APDR en Pontevedra.

A xunta directiva da APDR, no remate do acto de celebración dos 30 anos do colectivo

 

 

Publicado por: MontePituco | 01/05/2018

MAIO ‘XUDICIAL E ‘ANTI-POLÍGONO’ DO MONTE PITUCO

Grazas ás sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dándolle a razón á Asociación Monte Pituco nas súas demandas contra a Xunta e o Concello de Marín ante a pretensión destas dúas Administracións de instalar un parque empresarial  no Monte Pituco, neste 1 de maio non fixo falta romper moito os miolos ideando letras críticas coas que ‘cantarlles as corenta’ aos pro-polígono.

…O mellor maio, o texto das propias resolucións xudiciais…

Sentenza firme e irrevocable do TSXG contra a Xunta

“Estimar el recurso contencioso-administrativo interpuesto por la Asociación Defende o Monte Pituco contra el acuerdo del Consello de la Xunta de Galicia de 30 de abril de 2014 por el que se aprueba definitivamente el Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariales en la Comunidad Autónoma de Galicia. 

Anular tanto dicho acuerdo de 30 de abril de 2014 como el mencionado Plan Sectorial, si bien única y exclusivamente en el extremo relativo al área identificada como “Parque empresarial Marín-Pornedo”, área que por tanto debe ser excluída de dicho Plan Sectorial”.

[Sentenza da Sección 2ª da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG, 18 de maio de 2017. Declarada firme o 1 de setembro de 2017]

Sentenza do TSXG contra o Concello de Marín

“Estimamos la pretensión de anulación de las determinaciones del PGOM de Marín relativas a la clasificación y calificación de los terrenos incluidos en el suelo urbanizable delimitado de uso industrial (SUD PL-1), sin que proceda hacer pronunciamiento sobre la clasificación de dicho suelo, que será la que le correspondiera con anterioridad a la aprobación del plan recurrido”.

[Sentenza da Sección 2ª da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG, do 23 de novembro de 2017. Declarada firme o 23 de xaneiro de 2018]

Agora si, berrando ben alto e forte…

MIL PRIMAVERAS MÁIS

PARA O ‘BALCÓN DA RÍA’!

Meigas fóra! Pro-polígonos fóra, fóra fóra!

Publicado por: MontePituco | 28/04/2018

RUTA POLO MONTE DE COUSO, EN GONDOMAR

Monte de Couso, en Gondomar

Máis que proveitosa foi a visita que realizamos ao Monte de Couso, en Gondomar, grazas á convocatoria do colectivo Rexeneración Autóctona do Val Miñor. Os guías da ruta -que partiu dende o miradoiro de San Antoniño- foron o presidente da Comunidade de Montes de Couso, Xosé Antón Araúxo; Xesús Rodríguez, do Instituto de Estudos Miñoráns; e o educador ambiental Afonso Rodríguez.

Os promotores da actividade celebraban así o fin da súa primeira tempada de traballo, que comezou neste pasado outono de 2017. Trátase dun grupo de xente organizada para “axudar á protección e rexeneración das zonas afectadas polos lumes”, mais tamén para “fomentar un cambio de mentalidade” con respecto á xestión dos montes desa bisbarra “baseada en criterios medioambientais e no ben común, na protección do territorio, na recuperación dos ecosistemas, e non tanto na produtividade”, citan entre os seus obxectivos. Nese sentido, apostan polo aproveitamento “racionalizado e consciente” dos recursos forestais.

Monte de Couso, en Gondomar

Monte de Couso, en Gondomar

Monte de Couso, en Gondomar

Monte de Couso, en Gondomar

A primeira parada foi ante o petróglifo do Sobral, cuxa orixe se remonta, como outros gravados rupestres, a 2.500 anos a.C. Neste xacemento catalogáronse figuras xeométricas, coviñas de varios tamaños, liñas e círculos na parte alta e nos laterais do afloramento granítico, destacando a presenza de varios zoomorfos de trazos esquemáticos que representan cola, lombo, pescozo, patas, orellas e cornos de polo menos dous animais. Estas feituras son características da zona costeira do sur da ría de Vigo e do norte de Portugal, segundo explica o panel informativo instalado polo IEM.

Os petróglifos de Real Seco e das Portaxes de Tebra, no Monte Tetón (Tomiño), xunto cos do Outeiro dos Lameiros (Baiona) e a Pedra das Procesións (Gondomar), son outras representacións salientables nas próximidades.

Monte de Couso, Gondomar

 

Imaxe do gravado con luz natural, e á dereita, con luz artificial en horario nocturno

DSC_0434-min

Cronoloxía das sucesivas épocas prehistóricas, nun mural presentado polo IEM

 

Abrótega en flor (Asphodelus albus) nos montes de Couso

Monte de Couso, Gondomar

Carballo turco (Quercus cerris)

Monte de Couso, Gondomar

Monte de Couso, Gondomar

No alto, o Castro do Facho, ao que tamén se accede pola parte superior, onde se atopan o foxo e a muralla do poboado

Monte de Couso, Gondomar

Monte de Couso, Gondomar

En Couso atópase un dos maiores soutos da contorna. Nesta visita, o presidente da Comunidade de Montes descubriu con preocupación que numerosos exemplares de castiñeiro están afectados pola avespa chinesa (Dryocosmus kuriphilus), que dana as árbores depositando nelas os seus ovos. Ata este momento non había constancia da presenza desta praga no Val Miñor.

Coa chegada da primavera, fórmanse unhas protuberancias encarnadas, ou agallas, que merman considerablemente a produción de castañas, podendo mesmo chegar a provocar que o castiñeiro seque se o ataque se cronifica no tempo. Para combater a incidencia este insecto foráneo que dende hai anos vén causando estragos noutros países europeos, estase actuando a nivel biolóxico coa solta doutra avespa chinesa, a ‘Torymus sinensis‘, depredadora da anterior.

 

Monte de Couso, Gondomar

Distintas tonalidades de verde decoran o bosque autóctono coa chegada da primavera

 

Flores de carpaza (Cistus psilosepalus) e pereira brava

 

Sobreira e piñeiro americano

 

Monte de Couso, Gondomar

A mámoa de Outeiro da Pipa forma parte dun conxunto de enterramentos megalíticos situados no Monte de Couso, preto do linde co Monte Malvas, pertencente ao concello de Tui. Cunha antigüidade superior aos 6500 anos, estes túmulos estaban formados por unha cámara funeraria feita con lousas de pedra -ortostatos-, cuberta de terra e dunha coiraza exterior a base de pezas de seixo ou cuarzo.

En Galicia hai máis de 4000 mámoas catalogadas; practicamente todas foron ‘violadas’ dende os séculos XVII-XVIII por parte dos buscadores de tesouros para apropiarse dos obxectos valiosos que formaban parte do enxoval co que eran enterrados os defuntos.

Monte de Couso, Gondomar

 

Monte de Couso, Gondomar

Monte de Couso, Gondomar

Ademais de petróglifos e mámoas, no Monte de Couso tamén hai catalogado un asentamento castrexo, o castro do Facho, que non chegou a ser excavado. Este tipo de poboados comezaron a formarse entre finais da Idade do Bronce e a Idade do Ferro, e a chegada dos romanos. 

Sitúase nun enclave privilexiado, con amplas vistas que abranguen dende os montes de Portugal na outra beira do río Miño, ata as serras do Galiñeiro e da Groba, pasando polo arquipélago de Cíes. Todo o Val Miñor -co val do Tebra- está aos nosos pés.  

Monte de Couso, Gondomar

Monte de Couso, Gondomar

Montes de Couso, en Gondomar

 

Na última parte da ruta, integrantes de Rexeneración Forestal Autóctona do Val Miñor comprobaron o estado da plantación realizada o pasado mes de outubro na ladeira do Facho: unhas 200 plantas, entre carballos, loureiros, acivros, abeleiras e outras especies. Nesta acción contaron coa colaboración da Comunidade de Montes de Couso, Verdeval e viveiros de Baíña e Chandebrito. De cara a próximas tempadas, contan con ampliar os acordos ás Comunidades de Montes de Camos e de Donas. 

“Pensamos que as actuacións das institucións son lentas e ás veces insuficientes ou ineficaces. Que hai moitos intereses polo medio neste sector que fan que as Administracións se perdan en debates políticos e legais que nos arredan dos obxectivos: queremos o monte, queremos reforestalo e recuperar os nosos bosques autóctonos e o que traen con eles: animais, plantas, auga, biodiversidade, cultura propia…

Estamos abertas as proposicións das Comunidades de Montes, propietarios/as forestais e outras partes implicadas, e ofrecemos a nosa colaboración para diversas accións: axuda en accións de protección e rexeneración do solo; recollida, sementeira e plantación de árbores e arbustos autóctonos; presentación de proxectos alternativos de xestión forestal; organización de eventos informativos, educativos, lúdicos, busca de información técnica con persoas expertas”.

Principios de Rexeneración Forestal Autóctona do Val Miñor, expostos no seu grupo aberto en Facebook

 

Montes de Couso, Gondomar

Dende Defende o Monte Pituco parabenizamos a directiva da Comunidade de Montes de Couso, cuxo labor vimos seguindo dende hai anos a través da prensa, que se fai eco das súas exemplares iniciativas: posta en valor do patrimonio arqueolóxico (todos os xacementos visitados nesta andaina foran previamente desbrozados), sustitución de eucaliptos e acacias por especies autóctonas frondosas, diversificación dos aproveitamentos forestais coa introdución de cultivos (shiitake, froitos do bosque), rutas de sendeirismo, actividades de educación medioambiental para escolares, xornadas de formación (cursos de inxerto de castiñeiros, de cultivo de cogomelos)…

Dez anos de traxectoria moi frutíferos, sendo un referente en Galicia no desenvolvemento dun monte multifuncional e que contribúe á dinamización da economía local.

Publicado por: MontePituco | 23/04/2018

DÍA DO LIBRO, NO MONTE PITUCO

Día do libro, abril 2018

Este 23 de abril, Día do Libro, ten un significado especial: o da liberdade, o da terra liberada das poutas da especulación e do neo-caciquismo. Durante os anos da loita incansable a prol da protección do Monte Pituco, os libros foron precisamente a fonte de coñecemento da que nutrimos a nosa modesta bagaxe sobre flora e fauna, patrimonio e cultura tradicional, colmando con información as nosas eivas en materias e saberes nos que eramos profanos. 

Mentres os pro-polígono conspiraban nas tabernas, nos camiños ou nos despachos, os valerosos defensores do Monte Pituco atopamos nas librarías, nas bibliotecas ou nos arquivos o soporte para cimentar o noso arduo traballo, que frutificou con dúas sentenzas firmes e irrevocables do TSXG; porque o mérito destes logros xudiciais non foi mera sorte nin casualidade: lemos para aprender, para razoar, para comparar, para argumentar, para verquer luz sobre a ignorancia e a incultura.

Aproveiten este Día do Libro para apoiar o comercio local mercando cando menos un libro -hainos a prezos moi asequibles-, coa vantaxe de favorecerse dos tradicionais descontos do 10% que se aplican nesta data. Estarán contribuíndo tamén a que o sector editorial siga producindo cultura, nun momento no que os recortes seguen facendo mella nesta industria. E se ademais consomen libros en galego, teñan a certeza de facer unha boa achega ao país, tan necesitado do compromiso da cidadanía para seguirmos construíndo unha sociedade forte e madura en termos identitarios. 

Porque en Galicia tamén se escribe e se reflexiona sobre ciencia, medio ambiente e diversidade; porque gozamos dunha natureza rica e singular. Porque hai pequenos colectivos e acreditados especialistas que teñen moito que seguir contando en termos de historia e antropoloxía. Porque hai ensaios ben interesantes e de doada asimilación para lectoras e lectores inexpertos, tanto de autores hispanos como estranxeiros, grazas ao labor dos tradutores e correctores; porque tampouco entendemos o avance intelectual sen a sensibilidade que nos proporciona a poesía.

E porque quizais nada do que levamos feito en Defende o Monte Pituco sería posible sen a perspectiva feminina, sen a inspiración das mulleres anónimas que nos precederon, queremos animar a ler a obra das autorAs. 

Fronte a quen desgrazadamente na nosa parroquia de San Xulián e no noso Concello de Marín segue desprezando, ninguneando, subestimando e coaccionando as mulleres e a súa capacidade para opinar, decidir e actuar, nada mellor que unha ‘vacina de letras’ contra ese machismo abafante e desprezable que aínda toca aturar.

"Biodiversidade" (Catroventos Editora)

No regato das Presas, a publicación dunha cooperativa editorial viguesa, de incipiente traxectoria

BIODIVERSIDADE: CARA A UNHA SEXTA EXTINCIÓN MASIVA, de R. Billé, P. Cury, M. Loreau, V. Maris e S. Huet (coord.); trad. Miguel Braña; limiar, Xosé Veiras (Catroventos Editora, 2017)

“…Aínda que este libro aborda a crise da biodiversidade a escala global e non inclúe ningunha referencia a Galicia, tamén fala da nosa terra. Porque, ao sermos parte do mundo desenvolvido, o impacto sobre a biodiversidade da nosa estrutura produtiva e do noso estilo de vida esténdese por todo o planeta. Como di a filósofa Virginie Maris, cómpre decatármonos de en que xeito os nosos modos de vida ameazan outras formas de vida, en lugares a miúdo moi distantes”. 

"Guía das libélulas de Galicia" (Baía Edicións)

Na aba do Monte Pituco, onde poderiamos botarnos a rolos pola pendente do terreo

GUÍA DAS LIBÉLULAS DE GALICIA, de Miguel A. Fernández-Martínez (Baía Edicións, 2011)

“…As libélulas son dos poucos insectos considerados á hora de adoptar medidas de conservación en Europa. A súa conservación, como especies paraugas, implica a preservación das zonas húmidas onde se desenvolven, que teñen sufrido unha importante diminución nas últimas décadas”. 

"O legado dos homes pequenos" (Morgante Edicións)

Dunha editorial do Morrazo, unha obra sobre arte rupestre de Terra de Montes, a carón dos petróglifos marinenses do Pornedo

O LEGADO DOS HOMES PEQUENOS: GRAVADOS RUPESTRES DE CERDEDO, do Colectivo Capitán Gosende (Morgante Edicións, 2017)

“…Ninguén pode negar que o problema non resolto do despoboamento condena esta terra á orfandade, ligándoa a un futuro incerto e sometido a intereses espurios. Sen dúbida, pola súa vulnerabilidade, o acervo arqueolóxico será un dos grandes damnificados desta situación terminal. Capitán Gosende enorgullécese de figurar na nómina de asociacións e individualidades que, na Galiza, se botaron ao monte acirrados pola urxencia de dar a coñecer e protexer co coñecemento o que é patrimonio de todos”. 

"A linguaxe das campás" (Os Chichisos)

Música para os sentidos, tamén a badaladas. Unha digna autoedición, como exemplo de que querer é poder

A LINGUAXE DAS CAMPÁS: ETNOGRAFÍA DOS SINOS, de Rosalía Rodríguez e Rafael Quintía (Asociación Cultural Os Chichisos, 2017)

“…A campá, en conclusión, é un símbolo de relación entre o ceo e a terra; tamén representa a chamada á oración e lembra a obediencia aos mandatos divinos. As campás simbolizan, ademais, a orde e a disciplina, pois son as que marcan o tempo de traballo. Tamén é frecuente en moitas culturas a idea de que a campá ten función expulsadora da desgraza, así como poder de exorcismo e purificación, polo que se usan como amuleto protector contra as potencias do mal ou para afastar as malas influencias”.

"Pequeños paraísos" (Acantilado)

O monte non é un xardín, no sentido moderno da palabra, pero o Pituco é o noso paradisíaco ‘locus amoenus’

PEQUEÑOS PARAÍSOS: EL ESPÍRITU DE LOS JARDINES, de Mario Satz (Acantilado, 2017)

“…Si nos preguntaran cuál es el color más abundante en la tierra muchos diríamos que el azul, pues los viajes al espacio exterior han condicionado nuestra percepción hasta el punto que tendemos a ver nuestro planeta como una esfera envuelta en prodigiosos, glaucos, vibrantes océanos y mares. Aquí, sin embargo, a ras del horizonte y en nuestra casa terrestre, es el verde con sus diversos tonos y semitonos el color privilegiado que abruma nuestros sentidos al tiempo que estimula nuestros conos y bastones. Un ‘verde que te quiero verde’ que, como viera con alegría García Lorca, nos habla de un reposo y de una querencia, de frescura y de sombra”.

"Explicación de los árboles y de otros animales" (Ediciones Sígueme)

Edición bilingüe portugués-castelán. Luz, natureza e silenzo, feitos verso

EXPLICACIÓN DE LOS ÁRBOLES Y DE OTROS ANIMALES, de Daniel Faria; trad. Luis María Marina; ilustr. Christian Hugo Martín (Ediciones Sígueme, 2014)

“Como doem as árvores 

Quando vem a primavera

E os amigos que ainda estão de pé”.

"En un metro de bosque" (Turner)

Un libro -finalista do Premio Pulitzer de non ficción- que xa recomendamos en 2016

EN UN METRO DE BOSQUE: UN AÑO OBSERVANDO LA NATURALEZA, de David George Haskell; trad. Guillem Usandizaga (Turner Publicaciones, 2014)

“…Los productos madereros pueden ser mucho más sostenibles que otras alternativas como el acero, los ordenadores y el plástico, que consumen grandes cantidades de energía y productos naturales no renovables. El problema de la economía forestal moderna radica en la forma desequilibrada con que obtenemos madera de la tierra. Nuestras leyes y reglas económicas sitúan el beneficio a corto plazo de la extracción por encima del resto de valores. No tiene por qué ser así. Podemos volver a encontrar la senda de la gestión cuidadosa centrada en el bienestar a largo plazo tanto de los seres humanos como de  los bosques”.

"Dicionario de mulleres galegas" (Edicións A Nosa Terra)

Mulleres-toxo que ‘pinchan’, mulleres-chorima que ‘iluminan’. Agasallo da Marea Feminista de Marín pola participación no ciclo Loitadoras. Grazas!

DICIONARIO DE MULLERES GALEGAS, de Aurora Marco (Edicións A Nosa Terra, 2007)

“…A presenza de tantas féminas na historia de Galicia, máis ampla e de maior calado do que a simple vista semella, testemuña a loita das galegas que formaron parte activa da súa sociedade e do seu tempo. A historia non as puido borrar. Nesta altura en que a consecución dos nosos dereitos vai avanzando, amodiño, é importante saber de onde vimos, coñecer os nomes e a traxectoria das que nos precederon -xenealoxía feminina-, das que saltaron as barreiras de chumbo durante séculos, valorizar o seu traballo e, en definitivo, deitar luz sobre o noso pasado”. 

Publicado por: MontePituco | 22/04/2018

MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DO MONTE VECIÑAL

Neste 22 de abril, coincidindo co Día da Terra, as rúas de Compostela foron o itinerario dunha nova manifestación “Na defensa do Monte Veciñal” e a prol da “Titularidade da Veciñanza Comuneira”. A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais, co apoio da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, ADEGA, FRUGA, CIG, SLG e ATRIFOGA convocaron esta mobilización “Por un Plano Forestal” e “Para un Medio Rural Vivo”.

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

20180422_125557-minManifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

20180422_130009-min

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Alí estivo tamén presente o Monte Pituco (Pornedo) que, despois de oito anos de loita contra o proxecto de construcción dun polígono industrial auspiciado polo Concello de Marín e pola Xunta, conseguiu demostrar que as causas xustas logran sobrepoñerse aos intereses políticos e especulativos. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia protexeu o Monte Pituco dos depredadores que pretendían arrebatarnos os seus valores naturais, culturais e paisaxísticos.

Por iso, o lema da nosa camiseta tivemos que actualizalo con rotulador: sobre “Defende o Monte Pituco (Pornedo) re-escribimos con moito orgullo SALVAMOS O MONTE PITUCO (PORNEDO).

Manifestación Por un Plano Forestal: Compostela, abril 2018

Manifestación polo monte veciñal

Manifesto a prol do monte veciñal

Publicado por: MontePituco | 16/04/2018

SATURNIA PAVONIA, NOS ALEDAÑOS DO PITUCO

Saturnia pavonia

Logramos defender e salvar o Monte Pituco (Pornedo) malia de carecer de competencias académicas en materia de fauna e flora, a pesar de non sermos expertos en patrimonio arqueolóxico, nin técnicos en análise de terreos nin curvas de nivel, nin moito menos titulados na farragosa lexislación urbanística, como tampouco houbo ‘masters’ dos que tanta controversia xeran actualmente a conta dos políticos que inflan os seus currículum con estudos que non cursaron.

Pero se algo fixemos ben nos últimos oito anos foi rodearnos de bos ecoloxistas e biólogos, arqueólogos, enxeñeiros, abogados e outros expertos en saberes vencellados á natureza e á paisaxe, á historia e á cultura, á ciencia e ás letras. De todas e todos eles aprendemos e seguimos nutríndonos e abraiándonos ante os novos coñecementos que o Monte Pituco nos vai deparando. 

Cos valiosos e xenerosos consellos e informes destes profesionais e especialistas conseguimos convencer os maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia da imperiosa necesidade de protexer e conservar o ‘balcón da ría’. Ningún polígono industrial -nin do Concello nin da Xunta- conseguirá roubarnos a beleza das súas vistas, os tesouros do seu pasado milenario, a biodiversidade dunha contorna irrigada por numerosos mananciais.

Un novo capítulo nesta inesgotable fonte de sorpresas que é o Monte Pituco e os seus aledaños ten nome propio, con reminiscencias case mitolóxicas: “Saturnia pavonia”. Foi José Rodrigo Dapena, membro da Sociedade Galega de Historia Natural, quen nos axudou a identificar -benditas redes sociais cando se empregan para facer ben!- esta fermosa bolboreta nocturna que, milagreiramente, sobreviviu a un involuntario percance doméstico.

Rescatar esta beleza voadora e darlle a oportunidade de completar o seu ciclo vital cunha abondosa posta de ovos foi unha oportunidade excepcional que nos brindou a providencia. Agora, nas boas mans dun apaixonado dos lepidópteros, quizais teñamos a posibilidade de seguir a evolución das futuras larvas que nazan e de seguir a súa conversión en crisálidas para finalmente despregar as súas ás na fase adulta.

…Así pois, moita atención á bitácora “Volvoretas e eirugas“!

Saturnia pavonia

A área xeográfica con presenza da Saturnia pavonia abrangue dende Europa Occidental ata Siberia Oriental. Na Península Ibérica atópase no terzo norte, ademais de Cataluña, Levante, unha boa parte de Aragón e Andalucía, ademais do norte de Portugal.

A Saturnia pavonia ou pavón nocturno é un dos tipos de grandes bolboretas nocturnas, entre as 1.500 especies que hai descritas en todo o mundo, das cales só 5 teñen o seu hábitat no continente europeo.

Os individuos masculinos teñen unha envergadura de 50 a 58 mm, que pode chegar a 75 cm no caso das femias. Mentres que os machos teñen unhas antenas cunha clara forma de peite, un abdome máis menudo e cor amarela-alaranxada na parte posterior das ás, as féminas de Saturnia pavonia son dun aspecto máis grisallo.

Os ovos, cun tamaño non superior aos 2 mm e dunha cor entre branco e gris, tardan uns 10-14 días en eclosionar. Deles sairán unhas larvas ou eirugas de cor negra, con manchas alaranxadas aos lados, e cun tamaño duns 2-3 mm que chegarán a medir uns 60 mm de lonxitude. Logo de alimentarse da parede do propio ovo, irán medrando ata que o seu corpo verdoso se cubra de pelos amarelos, rosados ou alaranxados, ademais de espullas.

A chamada pupación ou ninfose producirase a comezos do outono no interior dun resistente casulo de seda con forma de pera, tecido sobre a planta nutricia, que pode ser carrasco (calluna vulgaris, erica), árbores (salgueiro, endrino, espiño albar) ou arbustos (silveira ou arando).

Os adultos xa estarán voando na primavera seguinte, a partir de marzo, podendo chegar a altitudes de ata 2000 metros. Mentres que o macho é diurno e voa trazando unha liña en zigzag, a femia ten hábitos nocturnos e mantense en repouso durante o día.

Fonte: Asturnatura

Máis información: Saliencia

Publicado por: MontePituco | 15/04/2018

HOXE, ASEMBLEA NA COMUNIDADE DE MONTES DE SAN XULIÁN

15 de abril, de 2018, asemblea na Comunidade de Montes de San Xulián

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías