O estudio Alén das Olas (r/ Exército e Marina, 7) en Marín vai impartir o vindeiro sábado 16 de xuño un curso de iniciación ao “Esgrafiado e gravado de petróglifos sobre cerámica” que xa ten aberto o prazo de inscrición. Nunha sesión intensiva a partir das 11 da mañá e ata as 7 da tarde, os participantes tomarán contacto -dun xeito ameno e práctico- con estas técnicas de creación e decoración cerámica guiados polos profesionais que dirixen o taller, Laura Villanueva e Germán Iglesias.
O esgrafiado e o gravado son procesos de impresión arraigados nesta modalidade de artesanía dende as súas orixes. Consisten en traballar sobre a superficie da arxila utilizando ferramentas incisivas; no caso do gravado, trazando un debuxo que queda en baixorrelevo, mentres que o esgrafiado baséase na realización da figura retirando unha capa de barro superficial que enmascara o material orixinal para que este último quede á vista.
Os elementos nos que se vai centrar a decoración das pezas modeladas son os petróglifos, principalmente os documentados en Marín. Con esta temática, Alén das Olas pretende contribuír ao coñecemento e á divulgación do patrimonio arqueolóxico marinense, ademais de sensibilizar sobre a necesidade de protexer este milenario legado histórico e cultural.
Os conxuntos rupestres do Pornedo, A Carrasca, Champás, Pinal de Caeiro, Sete Camiños, Pedrouzos, Sete Espadas, A Subidá, A Godalleira ou a Pedra dos Mouros, entre outros, son algúns dos xacementos catalogados máis representativos cuxos calcos se poderán plasmar en soportes diversos previamente elaborados por Alén das Olas. Trala decoración, cocción e esmaltado das pezas, os/as alumnos/as poderá levar cadansúa creación.
O curso contará coa colaboración dun experto en patrimonio local, Paulo Troitiño, que ofrecerá unha introdución -a modo de contexto informativo- sobre os principais gravados rupestres catalogados en Marín, con imaxes da súa fisonomía, datos sobre a súa localización xeográfica, e valoracións da importancia simbólica de cada petróglifo.
As persoas interesadas poden informarse e inscribirse acudindo ao local de Alén das Olas ou contactando no número de teléfono 606994447 e no correo electrónico alendasolas@gmail.com. O prezo do curso é de 50 euros, con materiais e coccións incluídos.
Deixar unha resposta