Publicado por: MontePituco | 05/06/2018

CONTAMINACIÓN LUMÍNICA, TAMÉN EN MARÍN

Queremos Galego Marín: contaminación luminosa

No Día Mundial do Medio Ambiente facémonos eco dunha actividade que ten que ver cunha forma de contaminación ‘inmaterial’. Fai tanto dano á vista como o que provoca o lixo nas rúas, os entullos no monte, os sentinazos no mar ou os verquidos nos ríos. Mais esta clase de agresión non se percibe a plena luz do día senón cando escurece: trátase da contaminación luminosa. A Asociación Queremos Galego Marín organiza este venres 8 ás 20:00h no Museo Manuel Torres a conferencia “O outro lado da luz”, impartida polo doutor en Física da Universidade de Santiago de Compostela Salvador Bará, co obxectivo de informar e sensibilizar sobre esta problemática que a moita xente lle pasa desapercibida e que tampouco ningunha Administración se preocupa por minimizar.

De aí a importancia de abordar -desde o punto de vista científico e legal- as alteracións da escuridade natural polas emisións de luz, ademais de concienciar tanto a veciñanza como as institucións dos efectos da contaminación luminosa na natureza, na nosa saúde e na (in)cultura da excesiva e mala iluminación das nosas vilas e cidades.

Salvador Bará é profesor titular na Facultade de Óptica e Optometría. Entre as súas publicacións destaca o libro “E fixemos a luz” (Biblioteca de Divulgación, Serie Científica da USC). Entre os campos de investigación nos que traballa sobresaen as súas achegas en materia de contaminación luminosa, sobre a que ten escrito numerosos artigos. Tamén é coordinador do proxecto de divulgación “Astronomía na beirarrúa”.

O ceo foi, é, e será sempre unha fonte de inspiración creativa para toda a humanidade. Malia o seu papel protagonista na configuración da nosa civilización e da cultura, dende Queremos Galego Marín lamentan que se estean perdendo eses valor como consecuencia dun uso excesivo e irresponsable da enerxía eléctrica no alumeado público de exteriores. Esta iluminación converte as vilas nunha antorcha de fotóns que impide a visión nocturna das estrelas desde dentro da propia vila e mesmo desde fóra delas.

O uso da electricidade para xerar luz constituíu un factor de progreso incuestionable no transcurso da Historia, pero a mala e abusiva xestión desa fonte de enerxía converteuse nunha mostra máis da sociedade de consumo, pola irracional tendencia do comportamento humano. Monumentos, rúas, prazas, parques e mesmo praias mal iluminados impiden que a cidadanía poida gozar do ceo nocturno, ademais de perxudicar a vida doutros seres vivos cuxo benestar depende da súa calidade.

A contaminación luminosa afecta a saúde das persoas, xa que unha variación na iluminación ambiental natural pode producir alteracións nos patróns da liberación de determinadas hormonas (melatonina, cortisol, prolactina e as hormonas do crecemento), o que repercute en desequilibrios orgánicos a distintos niveis.

A contaminación luminosa tamén ten efectos comprobados sobre a fauna: os animais evolucionaron e viven con ciclos predecibles de luz e de escuridade; coa excesiva iluminación das cidades e das que circundan os seus habitats naturais estáselles alterando o seu patrón de vida, alterando así os ciclos migratorios, a reprodución, a alimentación e outros factores esenciais para a súa supervivencia.

“A extensión dos sistemas de alumeado público foi un dos avances fundamentais para o desenvolvemento das sociedades urbanas a partir de mediados do século XIX e dende os seus inicios foi percibida pola cidadanía en clave esencialmente liberadora. O reverso da moeda é que un innecesario mal uso deste recurso desembocou nun problema ambiental de gravidade cada vez maior”

[‘Contaminación lumínica e concienciación cidadá‘, artigo de Salvador Bará e Dositeo Veiga na Revista do Colexio Oficial de Físicos]

A charla de Salvador Bará se completarase o venres 15 de xuño cunha saída fotográfica nocturna no Monte Pornedo, a partir das 23:00 horas, guiada pola Asociación Queremos Galego Marín. 

Con este taller práctico de fotografía poderanse comprobar sobre o terreo os efectos negativos da contaminación luminosa no ceo nocturno sobre a vila de Marín. Dende o miradoiro do Pornedo é perfectamente visible a excesiva iluminación da avenida de Ourense, das instalacións da Escola Naval Militar ou do campo de fútbol de San Pedro.

Vista de Marín dende o Monte Pornedo (foto, Antonio Costa).

Vista de Marín dende o Monte Pornedo (foto, Antonio Costa).

Vista de Marín dende o Monte Pornedo (foto, Antonio Costa).

[Á esquerda, o resplandor do campo de fútbol; á dereita, a avenida de Ourense, o recinto portuario e a Escola Naval. As fotos, de Antonio Costa, foron tomadas no miradoiro do Monte Pituco (Pornedo)]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: