Grazas ás achegas de Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e do colectivo ecoloxista Luita Verde, que tantas veces visita o Monte Pornedo para interesarse pola súa fauna, flora e patrimonio histórico, seguimos ampliando coñecementos sobre a rica biodiversidade deste espazo natural. Agora por fin, despois de máis de oito anos de intenso traballo, o Pornedo ‘respira’ tranquilo unha vez que o TSXG liberouno da pesada espada de Damocles que pesaba sobre esta contorna, na que o Concello de Marín e a Xunta de Galicia proxectaran un polígono industrial que afectaba de forma irreversible a súa importancia natural, cultural e paisaxística.
Dúas sentenzas firmes e irrevocables dannos a seguridade de seguirmos gozando desta contorna privilexiada, no ‘balcón da ría’, sen temer que cada primavera, cada verán, cada outono ou cada inverno, con cadansúas características a nivel botánico e faunístico, puidera ser o último. Esa desacougante sensación foi a que nos impulsou a intentar catalogar -coa axuda da fotografía e da bibliografía- cada planta, insecto, réptil ou ave que achabamos digna de figurar nun modesto caderno de campo 2.0. Esa intención documental virou tamén nunha finalidade divulgativa, didáctica e sensibilizadora. Mais agora, coa negra sombra do polígono industrial afastada por completo do Pornedo, esta crecente relación de flora e fauna ten vocación de seguir alimentando a curiosidade e o coñecemento de quen se achegue a gozar desta paraxe.
Cándido Martínez salientou a presenza da bolboreta Euphydryas aurinia, “especie querente de hábitats forestais e de matogueira, polo xeral ben conservados e a miúdo preto de ambientes húmidos, de aí tamén ou seu nome de señoriña dos brañais en galego-. Malia que se trata dun insecto “abundante nestes momentos polo Morrazo e que non está considerada como ameazada nin protexida pola lexislación estatal”, sen embargo está “incluída nos Anexos II e IV da Directiva Hábitats (Directiva 92/43/CEE) da Unión Europea, polo que é prioritario a conservación da especie e dos seus hábitats”.
Señoriña dos brañais (Euphydryas aurinia)
O responsable da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tamén destacou a abundancia de insectos entre a vexetación en floración “dentro dunha importante biodiversidade, con outras bolboretas, escarabellos e grilos de matogueira”.
Escarabello do sudario (Oxythyrea funesta)
Esmeralda común (Hemithea aestivaria) pousada en fento común (Pteridium aquilinum)
Metrioptera sp. en flor de carqueixa boieira (Halimium alyssoides)
Ninfa de Linneo (Coenonimpha pamphilus) en flor de ouropesa (Simethis planifolia)
Tomiñeira de Batón (Pseudophilotes baton)
Oedemera nobilis en flor de vara de ouro (Solidago virgaurea)
Andrena sp. en flor de Ornithogalum broteroi
Nestas datas de floración primaveral, resaltan principalmente as especies ruderais “que crecen á beira dos camiños, en terreos algo alterados e cun marcado carácter nitrófilo”. Entre elas, a Erica umbellata, a primeira en florecer entre a familia das ericáceas, comunmente coñecidas como carrascos e carrascas. Ademais, medrou algún cogomelo “de tempada” como a Amanita junquillea, que “crece praticamente todo o ano en chans ácidos e areosos e todo tipo de bosques, preferentemente de coníferas”.
Amanita junquillea
Borla azul (Jasione montana) e carrasco (Erica umbellata)
Ervellaca (Vicia sativa)
Fálago (Illecebrum verticilatum)
Herba da rabia (Anagallis arvensis)
Liño bravo (Linum bienne)
Lotus corniculatus
Ornithogalum broteroi
Ouropesa (Simethis planifolia)
Reseda (Reseda media)
Trevo amarelo (Trifolium campestre)
Trevo rubio (Trifolium pratense)
Tuberaria guttata
Vicia parviflora
Chamativa é tamén a localización da especie Hypericum humifusum, “unha variedade de hipérico rastreiro que crece en prados húmidos, breixedais, noiros… de substrato ácido e que malia ser unha especie que se estende por boa parte de Europa é a primeira vez que a atopo no Morrazo”, explica Cándido.
Hypericum humifusum
[Fotografías e asesoramento científico: Cándido Martínez]
Deixar unha resposta