“Reivindiquemos a noite! Temos dereito á noite!” foi o chamamento do profesor da USC Salvador Bará na súa recente conferencia sobre contaminación luminosa, organizada por Queremos Galego Marín. E do dito, ao feito; da teoría á práctica. Porque nada mellor que saír a un lugar afastado da civilización para decatarnos de que estamos perdendo ese privilexio, que o brillo das estrelas se está apagando aos nosos ollos debido a que, duns anos a esta parte, estanse iluminando as rúas, as estradas e as prazas “da peor forma”, advertiu.
Con Fran Currás como instructor, Queremos Galego Marín completa a actividade cunha saída fotográfica nocturna dende a área recreativa do Pornedo para “fotografar a noite”, achegándonos ás técnicas que permitan plasmar unha imaxe da Vía Láctea. Se dende o ‘balcón da ría’ gozamos dunhas vistas privilexiadas no plano horizontal, existe a posibilidade de que tamén enriba das nosas cabezas teñamos unha paisaxe astronómica digna de destacar; haberá que comprobar ata que extremo o impacto dos focos do campo de fútbol de San Pedro, da Autoridade Portuaria ou da Escola Naval, ademais das farolas da Avenida de Ourense, interfiren no goce da luz que proxectan as constelacións.
As condicións do tempo son óptimas neste venres 5 de xuño e o mapa do ceo nocturno tamén ofrece unha boas expectativas de visibilidade dos principais grupos de corpos celestes.
Precisamente, Salvador Bará fixo un repaso ao valor antropolóxico e simbólico do que ata os anos 30-40 aínda era “parte da paisaxe”: as estrelas desempeñaban un papel “fundamental” na agricultura e nas longas travesías; moitas culturas as incorporaron ás súas bandeiras, moitos escritores -dende Rosalía a Neruda- se inspiraron nelas para compoñer versos e non poucos pintores, como Van Gogh, as plasmaron nos seus lenzos.
Sen embargo, aspectos tan importantes no devir da nosa sociedade como o medio ambiente, a saúde humana, a investigación científica e o patrimonio cultural padecen as consecuencias da sobreexposición á luz en horario nocturno, sen esquecer o moito que se incrementa o consumo enerxético e o gasto tanto no erario público como a nivel privado.
Dende a Estación Espacial Internacional, a uns 400 quilómetros de altura, chegan imaxes impactantes da disparatada mancha brillante que proxectan as cidades atlánticas, dende Ferrol a Lisboa; sorprende o derroche de iluminación que permite identificar claramente o territorio portugués, como chama tamén a atención a hiper-iluminación en países europeos como Bélxica e Holanda fronte á discreción de Alemaña, cuxas farolas iluminan “a metade” que as do seu ámbito xeográfico máis próximo.
“Cada vez hai menos zonas escuras”, insistiu Salvador Bará, “pero hai esperanza”. Por fortuna, a solución está en darlle a un botón, metaforicamente falando. Do que se trata, en definitiva, é de que tanto a cidadanía como as Administracións se conciencien do problema e adopten medidas ou políticas aforro enerxético. Localidades como Puente La Reina, en Navarra, ou A Veiga -Trevinca é Destino Starlight– en Ourense, son algúns dos exemplos a seguir.
A fin de contas, e “despois de moito investigar, a comunidade científica concluíu que a mellor iluminación é a diurna”, chanceou Salvador Bará, quen defendeu que se protexa a “trama negra” ou a ausencia de luz, do mesmo xeito que -en termos de ecoloxía- hai unha trama verde para referirnos á vexetación, e unha trama azul no caso dos ríos e regatos.
Deixar unha resposta