Publicado por: MontePituco | 16/06/2018

FOTOGRAFAR A NOITE (II)

Fotografía nocturna no Pituco

A lúa crecente brillaba pequeniña no horizonte e enriba dela, Venus. O demais, ruído contaminante, balbordo lumínico que impide gozar da noite, para disgusto da bichería que habita na nosa contorna, mais tamén para o propio ser humano, aínda que case ninguén se decate do dano que lle fai á nosa saúde o exceso de luz artificial cando debería reinar a escuridade.

Como era de esperar, na sesión práctica organizada no Monte Pornedo (Pituco) por Queremos Galego Marín co lema “Fotografar a noite”, fíxose patente o abuso que as vilas e cidades fan da iluminación en horario nocturno. O caso de Marín, a vista dende o ‘balcón da ría’ permite observar o escandaloso resplandor que emiten a Escola Naval, o porto ou a avenida de Ourense. Na outra beira da ría, outro foco de contaminación luminosa está ao fondo, en Sanxenxo, e tamén na poboación costeira de Poio, ademais de Pontevedra ao fondo. 

Se a isto se suma o chorro de luz que se proxecta dende a ría de Vigo, atopámonos con que é practicamente imposible observar a Vía Láctea a simple vista dende esta parte da península do Morrazo. Posicionándose a carón do conxunto rupestre do Pornedo e orientándose cara ao interior da bisbarra, e facendo un esforzo de concentración, pódese definir coa ollada -ou case intuir- un tenue vapor de claridade no pouco que queda da negrura do ceo.

Cómpre ter a pericia de hábiles fotógrafos como Fran Currás de Queremos Galego Marín, e participantes na actividade como Antonio Costa e Paulo Troitiño, para tomar boas imaxes nocturnas nas que se aprecia claramente a dificultade para captar o brillo das estrelas porque, precisamente, o que máis brilla -e non para ben- é a pegada abafante e asoballadora da civilización sobre un medio natural débil e absolutamente desprotexido.

Ogallá esta actividade e a difusión que se faga da evidencia incontestable dun problema silencioso pero importante como o da contaminación luminosa, sirva para que a cidadanía tome conciencia e lle demande ás Administracións medidas para racionalizar o uso e o consumo da enerxía eléctrica. Redundará nunha mellor calidade de vida para tod@s, e empezaremos notando a mellora nos nosos petos e nas arcas do erario público.

Fotos dende o miradoiro do Pornedo

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Conxunto rupestre do Pornedo

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Fotografía nocturna no Monte Pituco

Fotos de Antonio Costa

Fotografía nocturna no Pornedo (Antonio Costa)

Fotografía nocturna no Pornedo (Antonio Costa)

Fotografía nocturna no Pornedo (Antonio Costa)

Fotos de Paulo Troitiño con teleobxectivo dende o miradoiro do Pornedo

Fotografía nocturna no Pornedo (Paulo Troitiño)

Fotografía nocturna dende o Monte Pituco (Paulo Troitiño)

Foto de Fran Currás, coa Vía Láctea tralo grupo de participantes na actividade

Fotografía nocturna dende o Monte Pituco (Fran Currás)


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: