Publicado por: MontePituco | 18/06/2018

ARTE RUPESTRE EN ARXILA, CON ALÉN DAS OLAS

Curso de Alén das Olas

Antes de que a construcción da Variante de Marín aniquilase a carballeira pola que discurría o regato do Pornedo e fixera desaparecer o gran outeiro de pedra d’A Pena -de aí a orixe deste litotopónimo-, os vellos habitantes desta aldea sabían da existencia dun antigo gravado. Foi Xan Montenegro quen turrou ata a extenuación coa Delegación de Patrimonio da Xunta en Pontevedra para que os arqueólogos se achegaran ata alí a catalogar aquel petróglifo que estaba ameazado polas obras.

Os técnicos ignoraron as reivindicacións de Xan pero cando xa non había marcha atrás no avance das máquinas, acabaron recoñecendo que efectivamente ese vestixio prehistórico se atopaba alí; en parte grazas a unha fotografía tomada por Paulo Troitiño, experto no patrimonio de Marín e do Morrazo.

Cando en 2015 ACUAES extendeu polo Monte Pituco as canalizacións da nova Rede de Abastecemento de Auga, aqueles arqueólogos que pasaran olimpicamente de Xan Montenegro presentáronse no Pituco para facer unhas catas no terreo; mais unha deficiente planificación dos traballos previos pola ausencia de veciños da zona que puideran orientar sobre a localización no terreo daquel outeiro supostamente sepultado nun recheo, deu ao traste coa posibilidade de atopar aquel petróglifo perdido.

Se aqueles arqueólogos tiveran atendido a Xan Montenegro, aquel gravado posiblemente fose documentado como o petróglifo d’A Pena e hoxe en día tería enriquecido o valioso patrimonio arqueolóxico de San Xulián, a parroquia marinense coa maior densidade de xacementos rupestres. Nun xesto de reivindicación da memoria, nun acto espontáneo de desagravio e de homenaxe a Xan Montenegro, quixemos ‘rescatar’ -aínda que fose metaforicamente- aquel petróglifo; pasar do plano virtual dunha fotografía ao plano tridimensional dun obxecto que recorde que ese pedazo do pasado existiu, ou existe aínda, malia que fique baixo a terra.

Foi grazas á iniciativa do obradoiro Alén das Olas, organizador dun curso de gravado e esgrafiado de cerámica con motivos rupestres. A sesión comezou precisamente cunha introdución de Paulo Troitiño sobre a arte rupestre e un repaso aos principais xacementos marinenses a través de fotografías e calcos.

Familiarizarse co tacto da arxila, rescatando das telarañas da nenez os traballos escolares de plástica; modelar pequenos obxectos coas mans; experimentar co torno mentres a masa de barro se transforma entre as mans; aprender o manexo básico de ferramentas como o buril e practicar técnicas de decoración con engobe… Con Xermán Iglesias como mestre e cun amplo abano de gravados como fonte de inspiración, o grupo de alumnas e alumnos fomos producindo recipientes, placas e mesmo colgantes que reproducen a silueta dos petróglifos do Pornedo, da Carrasca, de Champás, da Godalleira…

Cervos, armas, círculos concéntricos e outras formas xeométricas que pertencen ao vasto patrimonio arqueolóxico da vila de Marín quedaron plasmados sobre arxilas vermellas que, trala súa cocción, serán pezas ‘eternas’. Case tan eternas como os referentes orixinais que temos nos montes de San Xulián ou de Mogor agardando que tanto os responsables políticos como a sociedade lle presten máis atención; especialmente aqueles que se atopan nunha situación extremadamente vulnerable, desprezados pola Administración, ignorados e discriminados nas campañas de promoción turística e cultural a nivel municipal, provincial e autonómico.

Moitas grazas a Alén das Olas por contribuír, con esta iniciativa tan orixinal e audaz, a darlles visibilidade, a fomentar a sensibilidade cara a este legado milenario. 

Recomendamos vivamente a experiencia a todo tipo de públicos: pequenos e maiores, docentes e monitores de lecer, afeccionados ao patrimonio ou persoas alleas a este mundo. Non quedarán indiferentes porque, como ben indicou Ángel de Prado, un dos participantes no curso e bo coñecedor do acervo arqueolóxico galego, os gravados rupestres gústanlle a todo o mundo, a fisonomía dos petróglifos provoca gusto estético; pode entenderse máis ou menos o seu significado, pero ninguén dirá que sexan feos.

Curso de Alén das Olas

Curso de Alén das Olas

Curso de Alén das Olas

Curso de Alén das Olas

 


Respostas

  1. […] pasado mes de xuño tivemos a oportunidade de participar nun curso de gravado e esgrafiado en cerámica, organizado polo taller Alén das Olas. Os gravados rupestres foron o eixe temático da actividade e, como homenaxe ao patrimonio […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: