Saída da Alameda de Pontevedra
Manifesto da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, pronunciado pola secretaria da APDR, Antía Marinho
Desde a APDR agradecémosvos a vosa presenza na Marcha e o voso apoio e implicación en todas as actividades que levamos adiante na loita contra o deterioro ambiental da nosa contorna e na procura dun modelo de desenvolvemento respectuoso co medio e máis xusto social e economicamente.
Como sabedes, estamos a celebrar o noso 30 aniversario, trinta anos de loita que, sen dúbida, son moitos para unha organización ecoloxista que só conta coas súas propias forzas, que son as vosas. Sabemos da dificultade de loitar contra as agresións ao noso medio ambiente e á economía das clases populares, contra proxectos que veñen disfrazados de progreso e postos de traballo. E non dubidamos en dar o noso apoio a esas loitas, porque son tamén as nosas loitas. Citaremos hoxe a loita contra a mina de Touro pola súa actualidade e pola exemplar resposta mobilizadora do pasado domingo.
E sabemos tamén que a nosa loita ten unha dificultade engadida; estamos a loitar contra dúas empresas asentadas na nosa Ría hai xa máis de cinco décadas, contra dúas empresas que contan con importantes apoios políticos e mediáticos. Para moita xente, o “normal”, o “lóxico”, sería acomodarse á situación, aprender a vivir xunto ao monstro que nos rouba o lecer, a saúde e a economía, e soltar un suspiro ou facer un aceno de desaprobación cada vez que o vemos ou falamos del.
Ven como máis normal adoptar unha actitude de resignación, e mesmo xustifican esta actitude como unha das características do noso pobo! Mais non é así, e temos que entender e valorizar o importante que é o feito de continuarmos na loita, ano tras ano, sendo conscientes das nosas derrotas mais tamén das nosas vitorias. Esta actitude é un tesouro porque nos impide caer no derrotismo, no fatalismo ou no cinismo. É a proba da nosa fortaleza e de que non nos resignamos a que nos impoñan un futuro que, nin queremos, nin necesitamos!
Porque nós non renunciamos aos nosos obxectivos, non renunciamos a conseguir a recuperación da nosa Ría e as nosas praias, unhas praias que foron ao tempo espazo de lecer e divertimento, e soporte físico de milleiros de postos de traballo; aquelas praias que -en palabras das vellas mariscadoras- “sacaron moitas fames ao pobo” e que hoxe están baixo a fábrica. Recuperalas é hoxe unha das nosas consignas e foi sempre un dos nosos obxectivos irrenunciábeis!
Concorren este ano circunstancias que fan especial esta Marcha; dunha banda, o cambio de goberno en Madrid deixa nas mans do PSOE a decisión de decretar XA a caducidade da concesión de ELNOSA e a busca das vías que permitan anular a indecente prórroga de 60 anos concedida polo PP a ENCE.
Asistentes á Marcha procedentes da Alameda de Marín
Flashmob realizado por Greenpeace
Comunicaban hai ben pouco os propietarios de Elnosa, que tiñan decidido deixar de producir cloro e sosa en Lourizán, pero deixaban a porta aberta a seguir utilizando as súas instalacións para “comercializar derivados” como o hipoclorito sódico. Na APDR alegrámonos desta noticia, porque sabemos que é froito da loita continuada contra o complexo Ence-Elnosa; pero sabemos tamén que non podemos baixar a garda, que debemos manter a presión social e institucional para conseguir que Elnosa feche este mesmo ano.
Por iso esiximos ao novo goberno español que cumpra a lei e decrete a caducidade da concesión de ELNOSA, unha caducidade que é indiscutíbel desde o momento en que a empresa transmitiu a súa propiedade incumprindo as condicións esixidas no título concesional. Máis non é esa a nosa única demanda ao goberno do PSOE. Esixímoslle tamén a derrogación da prórroga a ENCE; non esquezamos que o PSOE declarouse contrario á prórroga e comprometeuse a derrogala!
Agora pode facelo, e desde a APDR imos presionar tanto pola vía xudicial como pola social para que o faga!
Doutra banda, esta Marcha serve de colofón á campaña da Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa do bosque autóctono e a loita contra os incendios, unha campaña contra a eucaliptización do país e a conversión dos nosos montes en reservas forestais para unhas poucas grandes empresas, con Ence à cabeza, e na que a APDR xogou un papel fundamental na comarca. Unha campaña que quer ser xermolo dun novo modelo para o monte e o rural, porque existen alternativas fronte á condena de ser unha colonia produtora de pasta de papel e enerxía derivada dos chamados cultivos enerxéticos.
Agora o goberno autonómico ten que escoitar a voz da rúa e mudar radicalmente de modelo forestal, un modelo forestal ditado polos grandes intereses privados. De non facelo, está nas nosas mans e nos nosos votos mudalo. É moito o que está en xogo!
Xogámonos o futuro do rural, xogámonos ter unha economía auto-centrada e sustentábel ou unha ditada por intereses alleos, xogámonos un medio ambiente que garanta a vida e saúde da nosa e das seguintes xeracións. Temos alternativas viábeis e posíbeis desde xa, só é cuestión de vontade política, de ter visión ambiental e económica a medio e longo prazo e, simplemente, de termos un mínimo de amor pola nosa terra e de autoestima colectiva.
Queremos rematar insistindo en que manteñades esta actitude belixerante, que aínda nos resta moita loita e necesitamos de toda a forza e intelixencia posíbel. É fundamental organizármonos, e a APDR sempre estará aberta para quen quixer contribuír.
Temos que difundir as nosas ideas de persoa a persoa para contrarrestar o silencio que nos queren impoñer ENCE, o PP e os medios de difusión. Temos que garantir que as institucións se posicionen do noso lado e non ao servizo de Ence e Elnosa. Só así acabaremos por alcanzar os nosos obxectivos. E, non o esquezamos nunca, debaixo da fábrica están as praias, aquelas fermosas praias que noutrora nos foron roubadas. Nas nosas mans está recuperalas!
Deixar unha resposta