Benquerido Xan
Por primeira vez dende que cada mes de xuño nos reunimos a carón do monumento na túa memoria, non estou aí para soltar a miña cansina chapa a prol da defensa do Monte Pornedo. Despois de que na homenaxe do ano pasado che dedicara a primeira vitoria xudicial contra a Xunta, facíame moita ilusión poder estar este sábado canda a túa bravísima familia para dedicarche un segundo triunfo, neste caso contra o Concello de Marín. Conseguímolo, Xan, por partida dobre. Vai por ti!
O polígono industrial que ameazaba o patrimonio histórico e cultural, a natureza e a paisaxe dese ‘balcón da ría’ que tanto amamos, xa está no lixo, tumbado por dúas sentenzas firmes e irrevocables. E os pro-polígono, que veñen sendo a mesma caste ruín que durante anos se dedicou a machacarte en vida, teñen o seu merecido en forma de palmo de narices. Non puideron connosco malia todos os atrancos e o xogo sucio que practicaron.
Inspiráchesme a fortaleza, o tesón e a ironía que marcaron en parte esta loita. Tal vez se puidera ter feito mellor nalgúns aspectos; ogallá os nosos camiños se tiveran cruzado antes para que a túa referencia me axudase a actuar con máis determinación en momentos de dúbida.
Abraiaríaste cos drásticos cambios de rumbo que se teñen producido na política local, máis no curral onde tanto te fixeron padecer. E ficarías perplexo ante outras actitudes cando menos cuestionables. Seguramente actuarías analizando as cousas coa túa parsimonia, entornando os ollos con picardía e botando un sorriso mentres pronunciaras algunha desas reflexións inintelixibles, dicindo todo e nada a un tempo. Porque diso se trata: de relativizar as dificultades, quitarlle ferro ao que nos enerva e manter o noso rumbo; ti que tanto sabías do mar e das súas tormentas… Só alguén coma ti para saber o que verdadeiramente importa: a vida, a amizade, os principios, os ideais.
En tratar de seguir os teus pasos está a razón da miña ausencia, alí no Carballal. Camiñando por ti, e canda ti, pola recuperación da ría e das praias de Lourizán sepultadas baixo o cemento, o formigón e o asfalto. Quedan aínda outras moitas razóns para traballar a prol do que é xusto, pero a protección do Pornedo xa foi gañada a pulso, e máis que aspiramos a lograr na mellora e no recoñecemento deste noso humilde paraíso, o noso Macondo, a nosa Ítaca.
Moi ben falado!
Efectivamente, como ti dis, xan tiña unha capacidade extraordinaria para relativizar as miserias da poítica e as pequenas traizóns dos amigos.
A min pareceume que este ano había un ambiente algo enrarecido na homenaxe deste ano que me dou moita pena.
By: breaseixo on 30/06/2018
at 09:12